domingo, 10 de abril de 2016

PROGRAMA DA FESTA DO MAIO 2016


PROGRAMA DE ACTOS 
FESTA DO MAIO 2016 
FESTA DECLARADA DE INTERESE TURÍSTICO PROVINCIAL


Sábado 30 abril:                ARROUPANDO A TRADICIÓN

Ás 17.00:   Iniciamos o adorno das rúas por onde se fará o percorrido nocturno.

Ás 11 da noite: Dará comezo a ronda teatral e musical: 
LEVÁNTATE MAIO! 

Unha montaxe de teatro de rúa sobre as raíces máis ancestrais desta celebración agraria tradicional do Noroeste ibérico, que,  no medio do devir dos tempos, interacciona cos sucesos dos homes e das mulleres de hoxe. 

Un espectáculo que invita á participación activa facilitando a comprensión do simbolismo da celebración da nosa Festa do Maio e que rematará coa queima do burro do inverno.




Acompañarán e amenizarán o percorrido polas rúas históricas a Fanfarria Taquikardia, ademais de contar coa participación dos actores  espontáneos  da vila e/ou dos visitantes. O guión e a coordinación escénica: correrá a cargo de X.L.D. Lucio e H. Silveiro.     

Domingo 1º maio:                     O MAIO TRADICIONAL

Ás 9 da mañá saída a cortar as cañabeiras polos arredores da vila.

Acto seguido comezan a vestir os maios nos lugares habituais:  Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e a Cábila.

Ás 11 da mañá comezan os distintos percorridos polos barrios da vila.

Ás 14 horas xúntanse todos os grupos na Praza Maior.
                               
A continuación comida campestre de todos os participantes.               







*Este ano como complemento quixemos publicar un longo poema inédito no que se describe, con detalle e ironía, a esencia da nosa ancestral tradición e que ben imita ao coñecido autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” Antonio Fernández Morales. 




OS MAIOS DE VILLAFRANCA

Aló o primeiro de maio

mes no que os hortos do Bierzo
as viñas, as veigas e praos
están de flores cubertos,
xa canta o cuco nos montes,
botan folla os castañeiros
e pinta algúa cireixa   
coa calor que  tras do inverno,
a primavera apelica
aos mozos amores tenros.

Na primeira mañá de maio
érguese o labrego ben cedo
pra que non lle dea o desmaio
bota no leite que está fervendo,
pois na casa sempre o fixo,
castañas pilongas presto,
que pasado o mes de marzo,
cheo de xiadas e de ventos,
tras das mil chuvias de abril,
veinche un día ventureiro.

Neste mes en Villafranca
fan os rapaces festexo,
e os maiores nos balcois
agardan ao maio contentos.
Da doito, pois aquel día
os ninos desta villa cedo
van saír os campeliños      

polos maios co pretexto               
de armalos entre amigos
e conseguir uns diñeiros.

En canto chegan ao campo
sacan navallas a eito;
cortan nas beiras correndo
aquela planta que chaman
alguis apio cabaleiro,
pra poucos son mazandois,
e cañabeiras pra un cento.
Pra que se vistan os maios,
e cortalas con máis xeito
hai quen che leva unha fouce
e os viste co sabugueiro.

De entre todos os rapaces
escollen a un bon galleiro
boa planta ie co bon corpo,
é símbolo do festexo
pra semellar unha árbore
que sobe de alto ata o ceo.
Coas cañabeiras cortadas,
faranlle un traxe ben feito
colocando aquelas ramas
a un mozo visten correndo
e pro que ninguén o saiba
quen do maio vai dentro
cóbrenlle ben a cara
sobre a boca, palmo e medio,
dende a coroa atan con cordas
brazos e maos ao seu peito,
moverse case non pode
e ao andar vai ben dereito.

Algúas nenas fermosas
cantan o maio cos nenos,
das hortas con lilas e rosas 
enchen gozosas os megos
que de castañas e cartos
ao mediodía están cheos.
En cada casa ao maio
aquel día oen de certo
aos meniños que o acompañan
cantar, unha vez non, cento:

Marzo airoso, abril chuviñoso
sacan o maio florido e hermoso.

Póñense á porta cos megos
uns cos maios vestidos
outros cantando arreo:


“Este maio,  señora  é,
este maio andaba de pé”

Os rapaciños tras do maio
nas rúas de flor cuberto
pónse nas portas cantando
erguen aos balcois os megos,
piden castañas maiolas
coas maos arriba tendendo:

 Tire castañas,  señora María,
tire castañas cas tein na cociña.

 E pra o vecín ou veciña
que lles dá, cantan lixeiro:

-Estas portas son de ferro
onde vive un caballero!
-Esta casa é de pedra
onde vive unha doncella!

E pra casa que dar non quixo,
todos cantan maldiciendo:

-Esta casa é de palla
onde vive a cagalla.
-Esta casa é de lousa
onde vive unha roñosa.

Por veces deitan ao maio,
tumbado no chao poderás velo
so xentes de máis posibles,
dos señoritos o mesmo,
so  balcois onde agardan
i esperan que caia diñeiro

nas casas e anchas prazas
tras coller cartos a eito,
imitándoche que espertan
ao maio tras do inverno:



Levántate maio, bastante durmiche,
pasou un burro e non o sentiche.

Do burro das coplas
hai quen di que é o demo
aínda se ben o pensamos,
xa que falamos do tempo,
o mellor sería citar  
en vez do burro ao inverno.

Ao pé da porta da madre
do seu sogro e do xenro
da muller e os seus fillos
dos padres e dos solteiros,
da casa dos homes todos
e das mulleres por certo
pedindo en toda a villa,
dean castañas e diñeiro,
cantando ninos e nenas
pra botar fóra ao mal tempo,
sacan o maio florido
poñendo  fin ao  inverno.