xoves, 11 de outubro de 2018

OS XIGANTES CENTENARIOS DE VILAFRANCA

O Cid e Doña Inés (ca.1861), Don Quijote e Doña Dulcinea (ca.1910), Sancho Panza (1920) e O Mouro (ca.1910).
Os nosos xigantes teñen unha fermosa historia e, aínda que existen documentos que certifican a súa idade, faltan datos que permitan catalogar con total precisión o tempo que levan bailando con nós nas festas patronais de Vilafranca do Bierzo.

Sabemos que son centenarios, en case que todos os casos, mesmo que hai dúas cabezas, as máis antigas que levan saíndo ás rúas algo máis de 150 anos, uns 157 segundo os meus cálculos. Tampouco fomos capaces de precisar, polo de agora, a data na que chegaron Don Quijote e a nosa peculiar Doña Dulcinea a Vilafranca, cuxas cabezas supoñemos foron mercadas arredor do 1910. Posiblemente daquela xa saía polas rúas como cabezudo O Mouro. Este último non foi convertido en xigante ata o ano 1972, grazas ao bon facer de Beberide. Norberto Beberide foi tamén o responsable de que todas estas cabezas de cartón, tanto as feitas na vila (probablemente as do Cid e as de Ximena ou Doña Inés, as máis antigas, e logo a de Sancho Panza, feita por un padre paúl arredor do ano 1920), como as restantes que foron compradas na primeira década do século XX, non fosen cambiadas por outras novas, senón que fosen restauradas para pasar a ser unhas das poucas que resistiron os bailes e trafegos destes xigantois pola vila, unha fortuna ben distinta á da maioría dos lugares onde existían estes cabezudos que hoxe están desaparecidas.

Xigantes e cabezudos de Vigo . Foto de Aurélio da Paz Dos Reis realizada en 1901 onde recoñecemos, entre os cabezudos, varias das cabezas dos nosos xigantes actuais.

Así pasou, por exemplo, con esas cabezas en Vigo, que como puidemos comprobar hoxe xa non existen, pero temos constancia da súa existencia pola foto de Aurélio da Paz dos Reis, fotógrafo portugués que retratou aos xigantes da cidade olívica en 1901 no transcurso dunha excursión a dita cidade da que realizou unha curiosa reportaxe. Esta reportaxe foi á súa vez rescatada polo historiador José Luis Mateo no Centro de Fotografía de Porto e atopase nestes días formando parte dunha fermosa exposición no Centro Camoens de Vigo.

O cabezudo D. Quijote realizado pola Casa Ribalta de Madrid (ca.1900)
Foto conservada no Arquivo municipal de Guadalajara.
É posible que a cabeza de D. Quijote de Vilafranca do Bierzo sexa  un exemplar único na península porque o molde antigo, que debe ser aproximadamente do 1900, realizado na Casa Ribalta de Madrid non cremos que se conserve.

A Confraría do Sto. Cristo ou talvez o propio goberno municipal de Vulafranca (falta localizar, se existe, este documento, como xa dixemos máis arriba) compraron probablemente as tres cabezas citadas (D. Quijote, Dulcinea e o Mouro) a estes fabricantes. Esta referencia puidémola deducir grazas á foto que nos fixo chegar Robés sobre o cabezudo D.Quijote. Trátase dunha foto do 1901 remitida ao alcalde de Guadalajara pola Casa Ribalta como ben explica nun artigo ao respecto David Recio Gil nun artigo dixitalizado do Arquivo Municipal de Guadalajara.
 Polo que logramos indagar tampouco se conserva a antiga cabeza de D. Quijote da comparsa de xigantes de Guadalajara actual que foi restaurada hai pouco tempo.

luns, 8 de outubro de 2018

A Escola colabora coa WEB en galego do CONSELLO COMARCAL

Como recentemente anunciou o propio Consello Comarcal a Asociación Cultural Escola de Gaitas ofreceu a súa colaboración para contribuír a enriquecer os contidos da nova páxina web da institución da comarca cunha breve reseña sobre a Festa do Maio de Vilafranca, declarada no ano 2009 de Interese Turístico Provincial, dado que ata o de agora esta tradición emblemática da nosa identidade non contaba cunha referencia específica. Está incluída na sección do Galego no Bierzo, ao ser este costume unha das manifestaciois máis peculiares que se expresan nesta lingua.