luns, 27 de decembro de 2021

DA VANGARDA Á SALVAGARDA NO XL ANIVERSARIO DA ESCOLA DE GAITAS

DA VANGARDA Á SALVAGARDA: 2001-2021

A ESCOLA DE GAITAS NOS PRIMEIROS 20 ANOS DO NOVO MILENIO

En artigos anteriores abordabamos o nacemento e as dúas primeiras décadas da Escola de Gaitas. Foron os precedentes que nos permiten hoxe repasar nunha rápida enunciación corenta fitos que encheron as dúas últimas décadas que nos achegan ao presente. Deixáramos o relato no noso XX aniversario no 2001 tras xustificar como chegamos a ser vangarda da defensa da lingua e da cultura tradicional no Bierzo. Cremos que estoutra etapa podémola denominar a da salvagarda porque é o concepto que mellor sintetiza o noso humilde aporte.  40 feitos que se sosteñen en cuatro puntos de apoio básicos para comprender os motores que nos moven da Gaita ao Galego, da Tradición ao compromiso coa Terra: Música, fala, cultura e natureza son cuatro sinais que nos confiren identidade. Nacemos coa Festa co propósito de descubrir a Identidade, sentíndonos herdeiros dun tempo gris ao que se quere poñer fin, referentes da diversidade e alternativa contracultural que aspira a abrir un futuro de esperanzas propias para un novo milenio. Unha Escola de Gaitas  que se recoñece na música dos vellos gaiteiros e que gusta da Música Celta, pero consciente do seu labor rexeita as bandas de gaitas con percusión escocesa para reivindicar a figura dos gaiteiros tradicionais. Ser baluarte á vez da fala dos avós e de autores da Terra como Morales, De Llano, González-Alegre ou Mestre.  Defender o patrimonio á vez que se radicalizar e alimentar un discurso en positivo ante as agresiois contra Natura ao mundo rural e ao medio que poñen en perigo ao noso Bierzo. Muitas eran as ideas que nos rondaron para celebrar o noso XL aniversario este 28 de decembro, entre outras unha mui desexada, un acto en memoria de Cristina Fernández  Álvarez coa que queriamos desde hai tempo rencontrarnos en grupo con ela, pero a maldita Pandemia fixo imposible a súa concreción para esta data, deixándoa polo de agora no noso amplo catálogo de ideas pendentes. Comecemos logo a anunciada enumeración seguindo un criterio cronolóxico.

  40 fitos que destacamos para un XL aniversario:

No ano 2002 comeza a impartirse o galego nos centros escolares do Bierzo, foi o ano que a Real Academia escolleu para celebrar o Día das Letras na honra dun ilustre veciño noso. Desde o primeiro momento en que o soubemos  capitaneamos a reivindicación da nosa vila de compartir con Pontevedra unha homenaxe ao Padre Sarmiento. Esta demanda precisou da creación dunha plataforma de traballo, a Comisión Cultural Martín Sarmiento que elaborou un programa e un proxecto específico que a propia Escola se encargou de poñer en marcha e  de consolidar. Esta Comisión xestionaría as actividades e todo un programa de actos para aquel mes de maio. Mais como veredes, a cousa non quedou aí. Destacamos tan só un par de iniciativas:  Unha proposta que non chegou a desenvolverse,  a da creación da Aula da Natureza Martín Sarmiento que contaba co apoio do Colexio Público San Lorenzo de Brindis, pero que o goberno municipal de Agustín García non quixo ou non soubo dinamizar e, outra con maior fortuna como foi  a creación da nosa páxina web Bierzo Cultura.org que naceu un 17 de maio de 2002, que se mantería activa como tal ata o 2015, ano no que a transformaríamos, na procura dunha alternativa máis áxil, no blog actualmente activo que leva o mesmo nome. A primeira ventá coa que se asoma a Escola ao mundo nas redes sociais.

Precisamente o 19 de maio do 2002 a Fundación da Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón outorgounos o Pergamiño de Honra polo noso labor pola defensa do galego no Bierzo que recollería e agradecería no nome da Escola ante as autoridades políticas e literarias de Galicia cunhas emotivas palabras Marisa Cela.

 Por outra banda, no ano 2003, con máis vinte anos ás costas na organización da Festa do Maio, soubemos que era preciso rachar coa tomadura de pelo do goberno municipal de Vilafranca  (denunciámolo nos programas de mao daquel ano). Lonxe de apoiar na xestión desta singular manifestación do noso calendario tradicional pretendía seguir aparecendo como colaborador nos carteis sen aportar nada, funcionando realmente como un serio obstáculo para o seu asentamento, algo que se estaba fraguando de xeito evidente e irreversible grazas aos propios vilafranquinos. Esta conciencia axudounos muito a analizar o andado na experiencia da revitalización da Festa do Maio, pero sería outro concello, Ourense, o que nos deu a oportunidade de facelo público e por escrito nun encontro no que intervimos, ademais de levar os nosos maios tamén ata a capital ourensá o 3 de maio do 2004 como logo quedou documentado na edición do libro daquel Foro dos Maios.

 Este mesmo ano a Academia Galega vai escoller como membro correspondente a un dos fundadores da Escola, Héctor Silveiro. Ademais dun recoñecemento consolida a nosa asociación como referente do labor a prol da lingua galega no Bierzo para ao que acudimos a Coruña coas gaitas ao lombo.

 Unha empresa máis completa e máis transcendente procuramos no 2005 cuando incluímos a Vilafranca e a nosa Festa do Maio na Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galaico-Portugués á Unesco do Bierzo e as Portelas, familiarizándonos co traballo da cultura inmaterial e a etnografía participando do proxecto RONSEL. Daquela volveu a viaxar  a nosa Festa do Maio a un encontro en Melgaço (Portugal).  Como xa fixeramos outros anos xacobeos, tocamos o día 31 de decembro con motivo da apertura da Porta do Perdón na Igrexa de Santiago de Vilafranca.


O ano 2006 foi o ano do XXV aniversario serviu de punto de inflexión para renovar logos e compromisos coa nosa traxectoria.  Celebrámolo cun Festival na Praza Maior que pechou  as Festas do Cristo no que ademais da actuación da Escola de Gaitas estivo unha vez máis con nós Treixadura, desta volta co seu Orfeón ao completo. Tamén estreamos unhas camisolas ben chulas deseñadas por Caramuxo. 

 Algo que caracteriza e nos gusta na Escola é compartir. No 2007 lembremos, por exemplo, unha colaboración cos amigos da Morteira para armar unha andaina e un magosto memorables  en Vilafranca.   Esta Asociación para a defensa da Natureza que nacera no 2005, xa se implicara na Exposición de apoio á Candidatura á Unesco e ao longo destes anos serán constantes as experiencias coas que vimos colaborando estreitamente con eles, un compromiso ecocultural que estará xa sempre presente nas nosas actividades e propostas. Por outro lado, sobre a Lingua galega no Bierzo cooperamos nese mesmo outono coa IIª Escola Fermín Penzol da Universidade de Vigo que de xeito rotatorio iría celebrándose polos territorios galego-falantes en comunidades situadas fóra da Galicia administrativa.  Xenerosa e sorprendente actuación musical de Marisa Cela no Teatro de Vilafranca, un dese momentiños na vida que nos reconfortan e reconcilian co noso pasado ao ser transmisores fieis do herdado.

Magosto 2007

 No ano 2008 demos á luz a edición dun DVD sobre os maios de Vilafranca un labor que acompaña e reforza a nosa acción de salvagarda, argumentando, asentando e documentando  a nosa práctica eficaz arredor do calendario festivo tradicional. Recóllense nel distintas gravaciois do ano 1991 (unha delas, o documental de Benxamín Vázquez que xa editaramos en vídeo no ano 93) ademais do programa da CRTVG Alalá nº52 que fora gravado nas rúas da vila no ano 2007 no que podemos apreciar a evolución e a consolidación dun traballo de décadas. 

 E chegaron logo tres novos recoñecementos consecutivos. O primeiro o Premio  Xarmenta ao noso labor no terreo da lingua e da cultura tradicional que a Asociación nos outorgou nun contexto no que o proceso gradual e lento de dignificación da nosa fala gañaba terreo paseniño. Confirmaba particularmente para a Escola que a nosa andaina nos distinguía como algo máis que gaiteiros, cousa xa de por si non pouco importante.  O segundo oficializado no ano 2009 sería para a Festa do Maio, a primeira festa do Bierzo en recibir a catalogación de Ben de Interese Turístico Provincial. Por certo, a nosa relación cos munícipes e a sensibilidade destes mudara ao cambiar a alcaldía a maos de Vicente Cela, equipo no que estaba Conchi López. Esta declaración institucional converteuse nunha aposta compartida, lograda e celebrada conxuntamente co goberno municipal. Xa no ano 2010 cuando recalou a 5ª Escola Fermín Penzol no Bierzo, viría o terceiro recoñecemento a Marisa Cela, Premio á Dignificación da Lingua. 


En materia de investigación e coa vista posta nun aniversario, a finais do ano 2010 chegaría as librarías o primeiro libro do noso selo editorial Bierzo Tradicional titulado: Palillos de Madeira. Os Xigantes de Vilafranca do Bierzo. Un traballo de investigación e documentación de Héctor Silveiro sobre outra das múltiples caras do noso Patrimonio Cultural Inmaterial que a Escola de Gaitas se comprometeu en revitalizar de xeito particular. De feito ese era o primeiro paso  para botar a andar un evento aínda de maior envergadura para o ano 2011: O 150 aniversario dos nosos xigantes centenarios, os xigantes máis antigos que se conservan no Bierzo. 

Foi este ano un deses que veñen cargados de celebraciois sinaladas que tivemos ben presentes, pois non deixamos de participar e divulgar outro 150 aniversario, o da publicación dos Ensayos poéticos en dialecto berciano de Antonio Fernández  Morales para o que, entre outras cousas, realizamos un espectáculo parateatral e un número especial do nosa revista interna O Correo da Escola.   Con tantos eventos nin nos decatamos de que o noso XXX aniversario quedara solapado e sen celebrar. 

   No ano 2012 aportamos á gravación colectiva Farrapos, furacos y foles  Gaiteiros de las comarcas leonesas  dous temas produto do noso traballo de recolleita de música tradicional no Bierzo. E xa no mes de febreiro de 2013, antes de que saíse editado o CD citado, gravamos un vídeo cunha alborada para participar na homenaxe a Rosalía de Castro que a Asociación de Gaiteiros Galegos promovía a través das redes sociais. 



 As circunstancias da vida fixeron do 2013 un ano lutuoso e triste, moi triste, para a Escola de Gaitas. Perdemos a nosa compañeira gaiteira Cristina Fernández Álvarez, un dos nosos puntais máis destacados que, aínda que non gustaba facerse notar, provocou coa súa temperá morte un pesar e un baleiro enorme do que nunca nos daremos recuperado, a pesar de que ela nos deixou  clara antes de partir esta encomenda: seguide rindo e festexando.  Debémoslle muito no traballo de revitalización das tradiciois como da súa divulgación,  a través do papel cos seus maxistrais carteis de maio (por iso reditamos un cartel de maio da súa autoría na súa memoria) ou ben en formatos dixitais coas novas tecnoloxías. Grazas a ela a Escola de Gaitas está tamén en facebook.


O ano 2014 levamos a Canción do Maio de Vilafranca ao programa Luar da TVG á vez que  elaboramos materiais didácticos en colaboración coa Morteira aos que se sumou singularmente a Asociación Burval (xestora Museo dos Paúis), ademais de entidades como a Real Academia Galega, o Consello Comarcal, a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León para consolidar na súa VI edición as Xornadas Martín Sarmiento. Clausuramos ese ano co Itinerario da mao de Sarmiento os denominados ata entón Intercambios Escolares para abrir unha nova etapa en ediciois posteriores celebrando a partir do 2015 todos os 9 de marzo o Día do Galego nos centros escolares do Bierzo, coincidindo coa data de nacemento do pai das Letras Galegas en Vilafranca.

 No 2016 o 30 de abril queimamos por vez primeira o Burro do Inverno para recuperar no mes de decembro aquelas ceas do 28 de decembro con música coincidindo nesta ocasión co XXXV aniversario da Escola.

No ano seguinte acudimos ao cemiterio de Cacabelos a estrear nun acto solemne ante a tumba de Fernández Morales unha das tres pezas compostas para a ocasión, a Clausura do Bicentenario do nacemento (1817-2017) deste cantor do galego do Bierzo a partir dos seus versos.  

O ano 2018 sorprendeunos con outro recoñecemento mui especial ao escollernos o goberno municipal de Vilafranca como pregoeiros das Festas Patronais do Cristo que nos permitiu agradecer aos vilafranquinos seguir facendo posible unha recuperación patrimonial coa que soñamos.

 Iniciamos unha viaxe ligada a lingua galega e á súa literatura contemporánea,  puxemos voz a varios dos textos do primeiro libro en galego de Juan Carlos Mestre 200 gramos de patacas tristes na esperadísma presentación no teatro de Vilafranca un 12 de outubro de 2019 para proseguir no mes de marzo do 2020 coa conmemoración do centenario de Ramón González-Alegre con motivo das Xornadas Martín Sarmiento na nosa vila e nese mesmo mes na Casa de Rosalía en Padrón desta volta coas gaitas na Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín.     

Lembremos ademais que, agás estes dous últimos anos de pandemia nos que estivo limitada a nosa posibilidade de tocar nos eventos habituais, neste período de 20 anos tivemos unha intensa actividade musical da Escola como gaiteiros que foi regular e continuada en festividades locais como Sto. Tirso ou as Festas do Cristo. Actuamos igualmente tanto en innumerables saídas contratadas na contorna como eventos do estilo dos magostos municipais entre os que nos resulta grato lembrar unha recente e mui significativa: a actuación da Escola no Bicentenario da Provincia de Vilafranca (1821-2021).  

 Quixeramos, ao achegarnos ao final desta longa listaxe, subliñar a nosa vinculación especial coa Festa do Maio xa que sobre os maios de Vilafranca no mes de xuño presentamos un proxecto BIC (Ben de Interés Cultural) ante a Junta de Castilla y León a través do Concello e coa axuda da Asociación Cultura 54.

 Tampouco esquecemos as distintas mobilizaciois sociais coas que nos comprometemos recentemente as lideradas por Bierzo Aire Limpo contra a incineración nas antigas cementeiras e, como non, as que se están realizando nestes momentos contra os macroproxectos eólicos que se quereninstalar no Bierzo e no resto do Noroeste peninsular.

Digamos finalmente que neste ano do XL aniversario participamos con gran interese nas 1ª Xornadas sobre Patrimonio Cultural Inmaterial do Bierzo organizadas polo IEB que tiveron lugar en Vilafranca do Bierzo nas que ademais de explicar o valor da revitalización e a transmisión da Festa do Maio como referente do noso calendario festivo tradicional quixemos rematar a nosa exposición colocando enriba da mesa unha nova iniciativa:  Invitamos a todas entidades presentes a poñer en marcha conxuntamente unha proposta coherente coa nosa traxectoria ligada á salvagarda patrimonial que teña como meta a elaboración dun Inventario do PCI de Vilafranca e un Centro Vivo das Tradiciois esencial tanto para a documentación como  para a dinamización dos bens patrimoniais lonxe de convertelos en produtos museísticos inertes, tal e como quedou recollido nas conclusiois destas Xornadas e que esperamos poder ir concretando sen demora ao longo do próximo 2022.

 




sábado, 4 de setembro de 2021

A ESCOLA NOS ANOS 90 NA VANGARDA DA CULTURA TRADICIONAL E DA DEFENSA DA LINGUA

 NOVE FITOS DA DÉCADA DO 90

 Actuación da Escola de Gaitas (Vilafranca 1993)

Ao achegarse o XL aniversario da nosa agrupación non está demais volver a vista atrás por ver que se ten andado e o que resta por facer. A Escola de Gaitas na década dos 90 podemos dicir que coa súa maioría de idade puido impulsar unha serie de iniciativas que a colocaron na vangarda da cultura e a lingua galegas no Bierzo, un valor referencial gañado a pulso que non foi nin doado, nin gratuíto. Tivo os seus custes, conlevou superar os seus obstáculos e os seus debilidades, á par de alcanzar satisfactoriamente varios logros. 

Esta claro que a Asociación Escola de Gaitas entrou nesta década dos 90 xogando ese papel contracultural relacionable co denominado "boom" da " Música Celta", que evidentemente nos beneficiara xa nos anos 80 (Norberto Magín Prieto nun estudo recente indica que fomos un dos grupos bercianos que participou en máis Festivais desta década)  aínda que non respondiamos ao cen por cen ao modelo dos músicos do folk actual que define mui ben Javier Campos no seu traballo sobre a gaita titulado Fiesta, identidad y contracultura. Era debido a que procuramos non afastarnos nin da festa nin da identidade, é dicir, de consevar no posible a funcionalidade da esencia do transmitido polos nosos vellos gaiteiros, sabendo abrir un camiño para sermos algo máis que uns gaiteiros, sen perder a personalidade e isto produciuse fundamentalmente nos anos 90. 

Efectivamente á altura do ano 1990 converteramonos xa nuns gaiteiros novos con certa presenza, herdeiros dunha chea de costumes arraigadas que reclamaban futuro, dispostos a comezar unha viaxe longa e rica en experiencias como tal, pero deramos tamén un cambio de rumbo de importancia ao colocar nunha das nosas metas algo mais que a recuperación e revitalización da música tradicional da gaita para o Bierzo, sumámonos decididamente á defensa da conservación dunha das tradiciois máis vellas da comarca como é a fala, a lingua galega.

De 1989 ata 2001 vai máis dunha década, pero cómpre que falemos desta etapa baixo nove epígrafes que abarcarán cada un deles este período tomando como referencia un aspecto concreto da nosa actividade.


 1- A DEFENSA DO GALEGO COMO LINGUA PROPIA DO BIERZO (1990)    

A nosa actividade a prol do galego foi máis explícita a partir de eventos aos que se nos invitou a participar como os Encontros do Galego Exterior (Facultade de Filoloxía Santiago de Compostela en novembro de 1989) e, especialmente, do I Congreso da Lingua e Cultura Galegas en Asturias, León e Zamora (Celanova, 22 de decembro do 1989). O compromiso adquirido levounos a propoñer unha nova xuntanza de características semellantes no Bierzo. Celebraríase así o II Congreso en Vilafranca do Bierzo no ano 1990, participando xa na organización e na elaboración das conclusións como membros da recén creada Mesa pola Defensa do Galego no Bierzo.  E tamén colaboramos no Simposio nos Lindeiros da Galeguidade que organizou o Consello da Cultura Galega aquel mesmo ano. Era o paso previo a colocarnos á vangarda das reivindicaciois tanto da cultura como da lingua galegas no Bierzo.

Detalle do artigo de prensa na Crónica de León 1996 



2- O NOSO X ANIVERSARIO: ENCONTRO DE GAITEIROS TRADICIONAIS (1991)



Conmemoramos ao ano seguinte (28 de decembro de 1991) o noso X aniversario cun Encontro de Gaiteiros Tradicionais que preparamos con detalle para poder gravar o evento e editar con posterioridade unha cassette para difundir esta primeira parte do noso traballo de recuperación da música da gaita no Bierzo. O obxectivo era visualizar non só o noso labor, senón, e sobre todo, a transcendencia da música da gaita para o folclore berciano entendéndoa como un continuum onde as fronteiras administrativas non tiñan a consistencia cultural da que se viña insistindo dende as instituciois aínda dependentes do discurso do Franquismo. A filosofía da nosa asociación e do noso grupo de gaitas quedou así mesmo plasmada na clausura en Ponferrada do Congreso de Etnografía y Folklore (1991) organizado polo Instituto de Estudios Bercianos e rexistrada en papel na edición que esta mesma entidade publicou en galego e castelán na súa revista ( nº 16 do ano 1992). O artigo de Gonzalo Bóveda e Héctor Silveiro titulado: "Un século de gaiteiros nos lindeiros culturais galegos" co que nos situabamos, despois de crear a primeira Escola de Gaitas do Bierzo, na vangarda dos estudos sobre o instrumento na comarca.  O ano 92 foi logo un ano de presentaciois tras editar Tecnosaga a gravación do noso décimo aniversario. 

Na clausura do Congreso de Etnografía y Folklore (Ponferrada 1991)


3- Á VANGARDA DO TRABALLO A PROL DA CULTURA TRADICIONAL(1993)

Caratula do vídeo documental de Benxamín Vázquez gravado no 91 e editado no 93

En 1993 editamos a nosa Unidade Didáctica sobre a Festa do Maio de Vilafranca que chegaría aos centros escolares da vila e arredores. Foi fruito do primeiro traballo etnográfico de entidade realizado sobre esta vella tradición. Está editada en galego ao igual que os relatos gañadores escritos polos ninos e ninas destes centros de ensinanza como resultado dos concursos de Contos de Maio (convocados os naos 93 e 94).

Ademais editamos un vídeo documental iniciativa de Benxamín Vázquez sobre Os Maios Mozos de Vilafranca que fora gravado no ano 91. Outro instrumento divulgador de primeira orde para a posta en valor do noso patrimonio inmaterial. Estabamos contribuíndo á recuperación da Festa do Maio asentándoa no calendario festivo da nosa vila, á vez de consolidar un referente ecocultural de gran relevancia non só para a comarca, un fito único no Noroeste peninsular.  


4- Á VANGARDA DA DEFENSA DO GALEGO NO BIERZO (1993-94-95-96)

Sesión matinal das I Xornadas da Cultura e da Lingua Galegas no Bierzo (Vilafranca 1993)

Adquirida certa responsabilidade no tocante á defensa de Lingua Galega no Bierzo atrevémonos a convocar as I Xornadas da Cultura e da Ligua Galegas no Bierzo sendo ademais de organizadores ponentes e vertebradores dunha dinámica reivindicativa que ademais contaba coa publicación dunha memoria editada anualmente e de ampla difusión na comarca. O noso labor procurou evidenciar a intima relación da cultura e da fala, achegando propostas lingüísticas e culturais de distinta índole en cada convocatoria.  A Escola de Gaitas organizou consecutivamente as denominadas Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo do ano 93, 94, 95 e 96 e, como pode verse polos contidos das Memorias das mesmas e coa divulgación dos materiais para fomentar o galego nos colexios da contorna, contribuímos nese momento ao posicionamento doutras entidades bercianas sobre o idioma galego, abrindo camiños futuros para a nosa fala.. Non tardaron en verse resultados:

 1º  Nos institutos de Ponferrada, pouco despois, comezaba unha recollida de sinaturas solicitando a introdución do galego nos centros de ensino. 

2º No Congreso en Madrid dáse o visto bon á introdución do galego nos centros escolares da comarca. 

Logo a partir do 96 o noso papel foi distinto, se ben o compromiso e traballo de noso non cesaron. Podemos concluír que foi un éxito ao cal a Escola contribuíu humildemente.

Finalmente as circunstancias fixeron mudar ás autoridades autonómicas que se viron forzadas á inclusión no Estatuto de Autonomía de Castilla y León (1999) dunha tímida referencia á promoción do galego en territorios como o Bierzo e que permitiría asinar o acordo posterior de Promoción do Galego entre a Xunta de Galicia e a Junta no ano 2001.

Sesión matinal das II Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo (Vilafranca 1994)

Acto de clausura das IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo (Vilafranca 1996)

5- A CONSOLIDACIÓN DA  ACTIVIDADE EDITORIAL DA ESCOLA.

Acto de entrega de premios II Concurso de Contos de Maio (1994)

 Queremos destacar esta faceta porque supuxo un reto e hoxe é unha liña de traballo sólida, aínda que non amplamente desenvolta como desexaríamos. As raíces deste labor están tamén relacionadas cos primeiros carteis e trípticos sobre a Festa do Maio, pero nesta década ademais de continuar coa súa publicidade, demos á luz unha gravación musical, como xa dixemos, unha unidade didáctica e dous recopilatorios de contos realizados polos escolares, ademais da edición dun documental en formato vídeo tamén sobre o Maio e centos de páxinas das Memorias das Xornadas de Cultura e Lingua Galegas no Bierzo, ás que se sumaría de xeito menos riguroso o Correo da Escola que comeza a editarse en 1996 (un folleto de poucas páxinas que se fotocopia para cada socio ou amigo da Escola e ve á luz a razón de tres ou catro números por ano).

 Esta faceta converteuse pois nunha liña de traballo máis para a Escola de Gaitas que non só confirmou daquela a nosa capacidade para estar na vangarda, senon tamén reforzou en todo caso o papel de referencia para o futuro ao cumprir co noso obxectivo de divulgar e promover algo tan importante  como o arraigo da tradición e a defensa da lingua.

Contraportada da Unidade Didáctica sobre os Maios (1993)


6- A DIFUSIÓN DO NOSO FÓRA DO BIERZO E ACHEGAMENTO AO FEITO MUSICAL EN GALICIA

Recollendo as gaitas no Obradoiro de Xosé Seivane (Ribeira de Piquín 1990)

 A nosa relación coa Música Tradicional Galega medra nos anos 90. Nos festivais organizados nos 80 tivemos oportunidade de establecer un vínculo especial co Colectivo Paseniño, ademais de invitar a participar a grupos tan prestixiosos como Pallamallada, Leixaprén, Na Lúa, Muxicas. Pero nos 90 da mao da Asociación de Gaiteiros Galegos comeza unha etapa de difusión do noso labor por Galicia.  Precisamente no Boletín  nº 0 da Asociación de Gaiteiros Galegos aparece un traballo sobre a gaita no Bierzo da Escola de Gaitas de Vilafranca. Despois de pasar a Pedrafita no ano 90, viaxamos durante esta década co noso proxecto a Vilagarcía de Arousa e a Lugo no ano 92,  a Ourense no 93, a Vigo e a Taramundi no 94 e a Narón no 95, tamén fomos tocar Á Rúa no 96 e acompañando aos Xigantes da vila no 97 no programa da TVG "Luar". 

Actuación en Narón 1995

Á vez, a Escola foi procurando funcionar de catalizador para que se coñecesen certas propostas do que se estaba a facer en Música Tradicional Galega no Bierzo e mesmo grupos do Folk bercianos como Abraxas ou Aira da Pedra..... No 93 trouxemos a Pallamallada e logo tamén no 93 Treixadura fixo a presentación do grupo na comarca no Teatro de Vilafranca acompañado da Escola. O ano 94 volveu o Grupo de Baile Tradicional Revenidas e Leixaprén e o 95 outro prestixioso grupo de baile,  Brincadeira de Santiago.  Os Faíscas do Xiabre estiveron no 96. Por outra banda, manifestamos a nosa opinión en repetidas ocasiois sobre o despropósito que supuña a iniciativa de X.L Foxo para o mundo do folclore en Galicia e como comezaba a afectar, e muito, no Bierzo.

Presentación de Treixadura en Vilafranca (1993)


7-A DOCENCIA DA GAITA NA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA E NO BIERZO (1998)

 Marisa Cela incorpórase como profesora de gaita á Escuela Municipal de Música Pedro Halffter, un labor fundamental para asentar a presenza da gaita e unha visión acorde coa tradición deste instrumento no Bierzo fronte a propostas ben distintas de grandes Bandas de Gaitas seguidoras de modelos alleos á tradición que van tomando corpo desgraciadamente, tanto no Bierzo como en Galicia e mesmo en Asturias.    Do mesmo xeito xa antes Gonzalo Bóveda comezara un labor esencial en Toral dos Vados e logo Pepo Nieto na Rúa en Valdeorras. Trátase dun labor esencial pensando no futuro da gaita no Bierzo, pensando na proxección do noso traballo no século XXI.


8-  A NECESIDADE DE DEBATE E PROPOSTAS DE NOVAS INICIATIVAS.

Portada do nº 13 do Correo da Escola (abril 1999)


 A partir do ano 1996 e durante esta década para facilitar o debate interno e a comunicación, axudar á concreción de proxectos e difusión das distintas actividades e ideas a poñer sobre a mesa, naceu unha especie de boletín interno da Asociación (tres ou cuatro números ao ano) denominado O Correo da Escola. Digamos que os anos de vangarda requerían un proceso de asentamento do noso proxecto que se seguía cocendo e que precisaba concederse un tempo para corrixir erros, para seguir camiñando e soññando, ao que debe sumarse facer fronte a unha forte corrente contraria, inercias e incompensiois por parte do goberno municipal, entre outras limitaciois existentes que imposibilitaron que propostas de gran interese e apoio popular, como foi a Asociación Pro-Museo (ano 2000) non fosen lamentablemente desenvoltas.  

9-  O NOSO XX  ANIVERSARIO, A PORTA ABERTA CARA A UN NOVO SÉCULO (2001). 

Portada da edición especial do Correo da Escola para o noso XX Aniversario

O XX aniversario coincidiu co cambio de século e serviu de momento de reflexión co propósito de abordar novas dinámicas continuadoras das que levabamos a cabo daquela, pero que precisaban tanto un tempo máis para madurar, como tamén unhas circunstancias máis propicias para afrontalas con éxito. A falta de sintonía co goberno municipal, xa non digamos con outras administraciois ralentizaron a resolución propia, impedían en gran medida que se fraguaran as ideas e o potencial que o noso proxecto ten. Unha multitudinaria cea de aniversario e a edición dun Correo da Escola especial cunha tirada de 100 exemplares, poría unha meta a cinco anos vista para o XXV aniversario da Escola.

CONTINUARÁ


martes, 20 de xullo de 2021

XORNADAS MARTÍN SARMIENTO A PESAR DO CONFINAMENTO



XIII- XORNADAS MARTÍN SARMIENTO: A PESAR DO CONFINAMENTO

 A PERSONALIDADE DO BIERZO, TERRITORIO E  LINGUAS 

Este curso 2020-21 a Comisión Cultural Martín Sarmiento viuse obrigada a deseñar un formato distinto para a celebración das XIII Xornadas. En lugar de desprazar aos alumnos7as do galego do Bierzo dende os seus centros a un lugar concreto onde confluír, como era imposible reunirse,  realizou un esforzo editorial para chegar a todos e cada un dos centros que habitualmente participan das actividades das Xornadas. O resultado foi a publicación dunha Unidade Didáctica titulada: A Personalidade do Bierzo, territorio e linguas.   Editaronse coa especial colaboración de Editorial Positivas, dous tipos de libretos, un  destinado para os rapaces e rapazas de Primaria e outro para os de Secundaria que lles foron enviadas a cada un dos centros para que repartisen entre o seu alumnado de galego. 

Ademais da edición en papel  para os centros, que tamén se fixo chegar a cada unha das entidades colaboradoras, colgouse unha edición dixital na páxina do Consello Comarcal 


mércores, 5 de maio de 2021

Crónica visual da Festa do Maio 2021



Abordamos unha Festa do Maio distinta á forza pola situación na que vivimos, pero coa idea de manter o compromiso coa tradición e coas metas que esta celebración e a Natureza esixen de nosoutros. 

Satisfeitos e agradecidos pola resposta exemplar e excepcional dos veciños e veciñas da vila que a pesar da situación vivimos a festa un ano máis con ilusión e alegría, pero coa esperanza posta nunha nova edición máis acorde ao espírito participativo e realmente festeiro que a caracteriza, ese agradecer  con cantos e flores a entrada fértil, florida e fermosa da Primavera. 

A continuación reunimos diversas reportaxes que permiten facernos unha idea do que este ano foi a Festa do Maio en Vilafranca.

Comezamos co titorial  XEITO DE COMO VESTIR UN MAIO que realizou Javi López Álvarez e un grupo de colaboradores (Fátima, Carmen, Marisa, Álvaro, Eduardo e Vellina) :


O MAIO TRADICIONAL
Varias son as referencias e as reportaxes na prensa (especialmente na dixital) que recollen as distintas comitivas que saíron ás rúas.
 




PRESENTACIÓN DO LIBRO:
            SABIOS PAISAJES, Naturaleza y Cultura campesina del Bierzo a través de las estaciones
Para rematar cos audiovisuais que resumen dita presentación. Un limiar que foi realizado por  Javi Nespral, quen ademais lle puxo a música a este preludio de imaxes de Isidro Canóniga, todo un luxo que se estreou no Teatro de Vilafranca na tarde do 1º de maio.
 

A seguir unha gravación íntegra do acto coas distintas intervenciois: 

- Héctor Silveiro, Toño Nespral, Lola Fdez. Álvarez (texto lido por Cristina Dapia) e Alfonso Fdez Manso  e incluída toda unha sorpresa final a xenerosa e extraordinaria actuación de Edilberto e o grupo de Danza de Pombriego que el dirixe.


Rematamos coa entrevista a Marisa, Carmen e Fátima que fixeron que na Cadena SER tivo lugar dous días despois da celebración a iniciativa do Fiandón Berciano. Para escuitar clicar eiquí

 

xoves, 15 de abril de 2021

FESTA DO MAIO 2021

 


NON DAR PUNTADA SEN FÍO

Toca recuperar a normalidade, volver unha vez máis a coser a vida co fío da tradición, esa é a invitación que Manuel Uría Pérez nos fai coa súa simbólica visión da Festa do Maio. Recuperamos grazas a el o ritmo que perdemos debido á pandemia o ano pasado. Debemos agradecerlle que a súa creación se sume a unha xa importante nómina de autores artistas que nos axudan a actualizar a nosa mirada, a ver con outros ollos, cos seus ollos, unha tradición tan antiga e tan fermosa como son os maios de Vilafranca do Bierzo.

Manuel é un creador que traballa coa sutileza. Gústanlle os fondos claros e limpos para colocar en primeiro plano un obxecto (ou varios) que de inmediato converte en símbolo pola cantidade de connotaciois que provoca en quen o contempla. Con el o tópico das mil palabras que excita cada imaxe confirmase.

Neste cartel vemos como nun espazo aberto e indefinido emerxe un obxecto humilde e sinxelo que nos lembra un simple carrete de fío.  O fío da tradición, o fío dos costumes que como como tal é un trenzado complexo do que non podemos, non alcanzamos a ver a orixe porque simplemente se perde na néboa dos tempos. Escuitamos un eco nese fondo longo e claro, ocre, gris ou branco que resulta ser coma o caer dun pano ineludible e necesario en toda representación teatral. No centro da escena un carrete, o fuso de madeira de castañeiro que envolve toda a febra e nos transporta, sen muito esforzo da imaxinación xa excitada, ás paisaxes sabias dos montes do Bierzo, para logo volver á vila onde a bobina de fío verde abre a porta á participación individual, a responsabilidade, o compromiso que cada quen queira adquirir cunha expresiva e punzante agulla que, provocadora, invita a comezar a tarefa.

-           Quen quere coser?

A agulla prendida, atravesado silandeira os fíos do carrete fálanos tanto do apego á tradición como da fraxilidade da mesma. Non debemos dar puntada sen fío. Todo pende dese fío que teis tu nas túas maos.  No medio da profundidade do baleiro que acompaña a imaxe da punta afiada desa agulla, outra xenialidade do autor que de novo nos fai percibir, coma se dunha picada se tratase,  a debilidade ameazante á que está exposto o noso maio, ao igual que calquera outra expresión do patrimonio inmaterial e da oralidade. Precisa que pase de boca a boca, de xeración a xeración como unha humilde e cuidadosa puntada pola tea antes de chegar a ser un vestido.

Un vestido anónimo e verdegaio. É unha suxestión que vemos e sentimos de seguido na forma da bobina onde non apreciamos, a primeira vista, nada humano.  Como nun maio-mozo ben feito andando polas rúas da vila é imposible distinguir á persoa que vai dentro.

-          Que sería dun triste nobelo de fío sen a presenza do ser humano?

O fino fluír da auga tamén se evoca no fiado da devandoira dando voltas e voltas na roca ata ser algún día, co agarimo de maos habilidosas, un tecido feito no tear da vida.  Manuel converte ao Maio nunha especie de traxe herdado do pasado que gardamos e cosemos cada ano ao celebralo.  É , á vez, un canto duplo, á resistencia e á existencia, a vida vivida e ao futuro esperanzado que arrinca en cada renovación da Festa con cada nino ou nina que aprende a canción e coñece, por vez primeira, este rito anual e colectivo, que contribuirá  a conformar a súa personalidade, esa que se vai ganduxando mui a modo e ao compás do ritmo das estaciois. 

                As cordas coas que atamos as “cañaveiras” tamén son os fíos nacidos da terra que nos unen a tradición en Vilafranca, á esencia que se agocha no interior de cada maio.  Algo tan simple como festexar a entrada da primavera do mesmo xeito que o facían os nosos avós e os avós dos nosos avós.

              Graciñas, Manuel, por este chamamento a non perder o fío!

 

PROGRAMA DE ACTOS

HORARIO DAS COMITIVAS TRADICIONAIS DO MAIO 2021

Saída ás 12 h. e rematarán aproximadamente ás 14 h.

 

  INDICACIOIS SOBRE O MAIO 21 E A COVID 19

Este ano por motivo da pandemia non podemos facer un maio aberto á espontaneidade e participativo como vén sendo habitual, un maio normal.  Pero este ano o maio que celebraremos si quererá recuperar certa normalidade. Abordaremos toda unha volta ao pasado (como nas fotografías que axuntamos dos anos 60 do século pasado), este 2021 faremos comitivas pequenas e pechadas de 4 ou 5 persoas, especialmente ninos ou ninas,  un só maio por cada barrio.


Foto de D. Alejo Sandes
Os veciños e veciñas da vila participaremos fundamentalmente cantando desde os balcois que invitamos a decorar con flores e motivos vexetais. Cantaremos o maio cuando pase diante da nosa casa, pero non podemos participar das comitivas de maios para evitar aglomeraciois e, por ese motivo, tampouco remataremos todos xuntos na Praza Maior. Faremos os percorridos de costume e concluirán en sitios distintos.


Foto de Ramón Cela


Se algún grupo de veciños ou veciñas quere facer o seu maio, gustaríamos que o comunicase á organización para evitar confluencias e concentraciois non desexadas.

Este maio será por tanto un maio moi local e ausente de visitantes, que de habelos tampouco poderán formar parte das comitivas, e gardarán en todo momento, como os veciños tamén faremos a distancia social e o uso de máscaras seguindo as indicaciois das autoridades.



Ás 19 horas TEATRO VILAFRANQUINO “ENRIQUE GIL”


Presentación do libro da Morteira:


“SABIOS PAISAJES” Naturaleza y cultura campesina del Bierzo a través de las estaciones.

Intervirán: Isidro Canóniga, Alfonso Manso, Toño Nespral, Carlos Martínez, Marisa Cela, Lola Fdez. Álvarez e Héctor Silveiro.

Quixeramos dedicar este acto á memoria de Cundo Blanco, un home profundamente comprometido coa Natureza e, por iso mesmo, non deixar de manifestar a nosa posición contraria á agresión dos eólicos ás nosas paisaxes.

NOTA: O aforo do Teatro seguirá o protocolo establecido para este tipo de actos en locais pechados, gardando as distancias debidas e co uso obrigatorio da máscara.


AGRADECEMENTOS: A Escola de Gaitas quere agradecer ao autor do cartel deste ano, Manuel Uría, o seu suxestivo traballo, á Asociación A Morteira por pensar en nosoutros para presentar o seu libro nesta data e aos colaboradores e veciños/as da vila por dar un paso máis con toda a precaución posible cara á volta á normalidade

Na prensa: 
 8 Bierzo Magazine  (do minuto 29,45 ao  37,50)