venres, 6 de novembro de 2015

FESTA DO MAIO 2015


FESTA DO MAIO 2015,   DECLARADA DE INTERESE TURÍSTICO PROVINCIAL
Seguindo o costume do ano pasado
eiquí vimos todos a cantar o maio…

Este ano o 1º maio vén como todos os anos marcando o paso da forza da tradición que nos empuxa a celebrar a entrada da primavera co entusiasmo que esperta en nós a estación dos amores, na que as barburetas dan bicos ás flores e nas que nacen as violetas. Os vilafranquinos e bercianos fomos quen de custodiar, ano tras ano, para as novas xeraciois, para o século XXI,  este rito ancestral e sinxelo, unha tradición que soubo incorporar unha melodía tradicional relacionada co Camiño a Compostela e que durante os últimos 100 pasou de ser unha de tantas a única presenza dun maio humano no noroeste peninsular que con carácter permanente saía ás rúas. Esta festa do Maio, é unha festa singular, declarada no ano 2009 de Interese Turístico Provincial.
É un símbolo da nosa riqueza patrimonial e da nosa identidade que recibimos e que mantemos tal como era, un precioso documento etnográfico capaz de transmitir unha experiencia esencial daquel mundo rural primixenio que vive acorde coa natureza. Pero sabemos que é un legado fráxil que non é de pedra, que precisa do cariño para a súa transmisión. De aí que con ese cariño llo entreguemos aos máis pequenos, os ninos e nenas que foron a alma da súa permanencia no tempo, para que sigan sendo eles os seus protagonistas, para que de maiores sexan eles que llo ofreza aos seus fillos e fillas. Esa repetición milenaria é o que converte en tradición un costume, á vez de permitir a orixinalidade fruito das circunstancias específicas coa que se acompaña cada ano.
                Por iso este ano cargado de evocaciois literarias e poéticas vén a nosa memoria a inevitable, melancólica e humilde violeta que buscaba  Enrique Gil y Carrasco “a orillas de la fuente”,  pero tamén a esperanza, a inocencia e a alegría que el vía nas barburetas que outro poeta, Fernández Morales,  cantou bicando nas flores.  Este ano romántico vai imprimir un selo especial aos actos que arroupan a tradición e que contribúen a darlle unha dimensión diferente a esta festa distinta.
Recuperamos para a noite do día 2 a ronda e desde os balcois, nas rúas e prazas de Vilafranca ecoarán os coloquios de amores, barburetas e flores, entre gaitas e cantos de veciños e visitantes que dará comezo cunha ofrenda romántica ao noso poeta Enrique Gil ao pé da súa tumba, como el deixou escrito nunha emotiva premonición:



Ven mi tumba a adornar, triste viola,
y embalsama  su oscura soledad;
sé de su pobre césped la aureola
con tu vaga y poética beldad.

Quizá al pasar la virgen de los valles,
enamorada y rica en juventud,
por las umbrosas y desiertas calles
do yacerá escondido mi ataúd,

irá a cortar la humilde violeta
y la pondrá en su seno con dolor,
y llorando dirá: ¡Pobre poeta!,
ya está callada el arpa del amor”.








PROGRAMA DE ACTOS

1º maio. O MAIO TRADICIONAL
Ás 9 da mañá saída a cortar as cañabeiras polos arredores da vila.
Acto seguido comezan a vestirse os maios:
                                           Lugares:  Campo da Galiña, As Veigas altas, Socubo e a Cábila.
Ás 11 da mañá comezan os distintos percorridos polos barrios da vila.
Ás 14 horas xúntanse todos os grupos na Praza Maior.
Comida campestre de todos os participantes.
18.00  O BRINCA VAI en VILAFRANCA
Entrega dos Premios dos Concursos dos Intercambios escolares Martín Sarmiento que contará coa actuación de Paco Nogueiras co espectáculo musical BRINCA VAI! *

                                         
2 de maio:  COLOQUIO TEATRAL DE AMORES, BARBURETAS E VIOLETAS *
-          Ás 17.00  Arroupando a tradición: preparando a ronda. Iniciamos o adorno das rúas por onde se fará o percorrido nocturno.
-          Ás 11 da noite dará comezo o Coloquio teatral de amores, barburetas e violetas na realizaremos unha ofrenda simbólica de violetas e poemas ante ao escritor Enrique Gil y Carrasco con motivo da celebración do Bicentenario do seu nacemento e do denominado Ano Romántico.
Guiarán o percorrido os regueifeiros Luis Correa “Caruncho” e Bieito Lobariñas




ademais de contar coa participación dos actores  “Los  Epidauros”  así como dos músicos da vila e/ou dos visitantes.                  

                           
   * A causa da chuvia as actividades do día 2 tiveron lugar no Teatro.



NOTA: O cartel deste ano é tamén consecuencia desa intención por difundir e promocionar entre as xeraciois dos novos bercianos o espírito da mesma. Escollemos como imaxe da festa deste ano un dos traballos presentados por escolares de todo o Bierzo que  participaron dun concursos,  experiencia plástica que propuxemos a través dos Intercambios Escolares que organiza a Comisión Cultural Martín Sarmiento. A continuación colgamos algunha foto da entrega de Premios que tipo lugar antes da actuación de Brinca Vai no Teatro.




Maios na Praza Maior (1-V-2015)