sábado, 19 de decembro de 2015

O APALPADOR E A CASTAÑA NO CALENDARIO TRADICIONAL DO BIERZO

No calendario tradicional do Bierzo atopamos ao Apalpador, unha figura que resulta moi semellante a
Recreación do aspecto do Apalpador 
tantas outras doutras culturas que comparte nestes días que se aproximan unha popularidade especial entre os ninos pois son os cativos e as cativas o seu centro de interese. As características comúns son as seguintes: un vello bonachón que trae agasallos aos máis pequenos da casa no solsticio de inverno. É un vello solitario que vive afastado, non se deixa ver con facilidade, de aí o misterio e a maxia que o rodea especialmente para os de máis curta idade.

Pero como cada cultura, na nosa tradición, hai trazos que marcan a nosa forma de vida creada dende vello. De aí que aparezan tres datos importantes que definen ao Apalpador. O primeiro é o seu nome, derivado da acción de apalpar as barriguiñas, esencial pois un dos obxectivos funcionais do costume é que se subliñe o a transcendencia do alimento, da comida para a casa. O Apalpador comproba que a barriga estea chea. É a formulación simple dun desexo evidente, o desexo de que lle vaia ben á persoa, á familia nese tempo de carencias tan crítico como é o inverno e o rito pode relacionarse co carácter solícito habitualmente asociado a el, neste caso o de permitir un novo ciclo anual no que non falte a comida ( de aí o dito:"se estás farto. así esteas todo o ano").

Unha segunda característica peculiar é a de seren un carboeiro, un home ligado a un oficio propio da montaña dos que transformou dende vello a economía da zona. Non se trata de carbón de antracita, senón do vexetal que se facía cunha queima controlada. A terceira é sen lugar a dúbidas a máis representativa porque o relaciona cun produto esencial na economía das comarcas como o Bierzo ou o Caurel. Falamos da castaña.  Con este costume do Apalpador traendo a cada ninín que apalpa unha presada de castañas volve a emerxer este fruito destacado da nosa gastronomía, a castaña que tanta fame quitou e que no inverno, despois da estación do outono na  que maior presenza tein, volve a aparecer para funcionar como fío condutor mui presente no noso calendario tradicional e que como ben sabedes chega logo ata a primavera, no mes de maio, momento en que comeza un novo ciclo coa saída do gromos e das follas do castañeiro.

 Vaite logo meu ninín/ miña neniña,
marcha agora pra acamiña
que vai vir o Apalpador 
a apalparche a barriguiña.

Mañá é día de cachela
que haberá gran nevarada
e vai vir o Apalpador
cunha mega de castañas.


 O solsticio de inverno, como cada data singular vén cargado de elementos que de xeito ritual van repetíndose e creando a identidade dos pobos. O etnógrafo galego Taboada Chivite xa citaba nos anos sesenta nos seus traballos a noite do apalpadoiro, en lugar do Apalpador, máis coma un ritual da Noitevella, é dicir, do día 31 de decembro, aínda que hai lugares onde se fala dunha figura humana ou varias (apalpadores) que baixa das montañas na noite de Noiteboa.

No Bierzo este costume existía e teñen memoria da tradición os máis vellos. As referencias que nós escuitamos hai anos refírense a lugares como Sobrado e falan do apalpadoiro. Hoxe tras ese pulo que investigaciois máis recentes teñen realizado no Caurel, atopamos máis información. Reparade neste vídeo sobre o Apalpador da presenza de  testemuñas de veciños bercianos de Busmaior, Oencia...


Ningún comentario:

Publicar un comentario