xoves, 13 de setembro de 2018

Reflexiois para despois do pregón do Cristo 2018


Foto de El Bierzo digital
Quixeramos comezar agradecendo sinceramente o feito de pensar en nós para dar o pregón das festas patronais da nosa vila. Graciñas polo recoñecemento que isto significa e mesmo pola valentía de invitar a subir ao balcón do concello a uns simples gaiteiros. Non se sabe, talvez nunca, uns gaiteiros foran invitados a facer o pregón das festas patronais do seu pobo natal. Sen afán de bater un record, sen interese por estar no balcón, temos que agradecer semellante ousadía, graciñas... aínda que si sabemos e sabedes, desde hai tempo, que a Escola somos algo máis que uns gaiteiros, somos os gaiteiros de Vilafranca do Bierzo.

 Enténdase ben iso de que somos algo máis que uns gaiteiros, porque ser gaiteiros/as non é pouco.  Estamos, como non, ben orgullosos de seren o que somos. Mais cuando dicimos que somos algo máis que gaiteiros, queremos sinalar que facemos muitas cousas que non fan outros muitos gaiteiros, tanto os que senten de corazón as nosas tradiciois e costumes, como aqueles que perden o cu por ser gaiteiros doutro planeta e tocan gaitas que semellan máis ás de Escocia ou utilizan percusión idéntica á doutras culturas namentres uniformados desfilan para facer as alboradas, en lugar de parar a tomar unhas galletas e un viño na bodega dun vecín. Mais como dixemos sentímonos gaiteiros dun lugar, e esta vila e o Bierzo son a nosa marca.

Pero iso que significa para nosoutros?  Sempre quixemos e queremos marcar pautas e dar pasos na conservacion ou na recuperación dos nosos costumes con rigor, marcando obxectivos que abranguen todo conxunto do feito de seren gaiteiros, referímonos a cousas como o patrimonio  natural, o patrimonio cultural e a lingua, mirando ao futuro como unha fórmula de labrar o progreso. Non se trata de conservar por conservar, trátase de entender e saber amar a nosa cultura de xeito integral, sen ambigüidades, sen medo a parecer vellos ou estar fóra da moda.  Isto non é un invento, aprendémolo de Pepe ou de Isidro, os nosos vellos gaiteiros.  Tampouco é ser vellos realizar 10 publicaciois en diversos formatos e sobre diversos aspectos do noso patrimonio inmaterial, varias xornadas sobre a cultura e a lingua galegas no Bierzo, un traballo continuado sobre a Festa do Maio ata lograr que fose declarada de Interese Turístico Provincial,grandes festivais de música ou humildes magostos e, como non, ensinar a tocar a ninos e maiores os nosos instrumentos tradicionais.

Foto del Diario de León

 Si, somos algo máis que uns gaiteiros, gaiteiros de oficio, pero somos vilafranquinos de corazón. Por iso agradecimos a invitación que se nos fixo, como un recoñecemento aos valores que defendemos e que sentimos co corazón, porque tocar tras dos xigantes, subir a Fombasallá, vestirse ou cantar os maios, luitar pola conservación do noso rico e diverso patrimonio cultural e natural, protestar contra o trasvase do río Burbia ou a despoboación dos nosos pobos, reivindicar a recuperación da nosa fala ou se fai de corazón, ou non se fai.   Estamos tremendamente agradecidos por este recoñecemento que non esperabamos, porque estamos afeitos a ver o pregón ao pé do balcón.

Robés evocaba no cartel das festas a liberdade por boca de Don Quijote, que baila e baila a pesar de ser unha foto fixa, rachando ou indo á contra da rixidez intrínseca a toda fotografía. Quen se move non sae, pois si, quen se move sae... e que poderosa mensaxe ofrece! Recollamos logo ese espírito festeiro e provocador, dun xigante que lidera ás tropas da verdadeira festa ou se, se prefire, da festa verdadeira e participativa. Son eles, os xigantes, os que levan a cada barrio coa súa danza centenaria a festa dos corazois.  Como diría D. Quijote: Amigo, Sancho, sen música non podemos bailar.  Ese compromiso coa festa convértenos en gaiteiros, mais o corazón de vilafranquinos fíxonos, á vez, portadores da tradición. Con ilusión traemos e levamos con nosoutros unha parte esencial da festa, pero sabendo que sen a vosa calor, sen o voso arroupe, sen os voso latexar, os nosos sons non teñen sentido. A felicidade, igual que a liberdade, está nos corazois e esa sensación comeza co redobre do tamboril, co chío das gaitas e co rouco e o grave son do bombo que non serve de nada se non se comparte e se transmite. Levamos anos, décadas luitando para que non deixen de soar as gaitas na vila e no Bierzo, os sons dos nosos maiores que nos acompañan dende a infancia, para que cada ano haxa xente nova aprendendo o noso himno, o trumpurrumpuntrum, palillos e madeira e para que siga a festa, a nosa festa,  polo menos outros cen, douscentos ou trescentos anos máis... Hoxe estamos felices, como gaiteiros, de facer posible a festa, pero tamén e sobre todo como vilafranquinos e amantes das tradiciois, porque sentimos compartido ese querer por todos vós!

Foto de BierzoTV
Para ver  vídeo en BierzoTV
Noutos medios: El Bierzo digital
  Nueva Crónica, Diario de León
O PREGÓN DAS FESTAS DO CRISTO 2018
Na TV Bierzo8

Ningún comentario:

Publicar un comentario