domingo, 12 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (II): A porta e a ponte da tradición de Cristina Fernández e Suso Nieto (1987-1990)


A PORTA E A PONTE DA TRADICIÓN DE CRISTINA FERNÁNDEZ E SUSO NIETO (1987-1990)
  Comentaremos nesta entrada dous carteis mui especiais, un do ano 1987 e outro do ano 1990. Foron ambos obra colectiva de Cristina e de Suso. Ambos sentíronse responsables desta faceta da difusión da festa tradicional e, por elo, hai varios proxectos que compartiron e resolveron xuntos. Da propia semente da Escola medrou, de xeito espontáneo e colaborativo, un interese por abrir a porta á imaxinación e permitir o tránsito coma unha ponte e atreverse a pasar á outra beira. Efectivamente Cris Fdez. Álvarez e Suso Nieto Santín representan a través dos seus carteis mui ben ese antes e ese despois no que estaba instalándose a celebración da Festa do Maio na vila do Burbia á altura do ano 1987.

 Do cartel do 87 temos que constatar primeiramente que provoca a quen o mira unha certa vertixe e, á vez, unha sensación de apertura cuando menos curiosa. O espectador que se detén ante o cartel acepta o xogo que Cris e Suso nos propoñen. Chega dende un indefinido interior que se presupón escuro ou en penumbra, como se entrase nun soño no que se acaba de abrir un gran portalón dunha casa de anchos muros de pedra. Ao recén chegado, de inmediato se lle invita a participar dunha escena tradicional que pasa diante da casa. A vestimenta dos personaxes e o ambiente transpórtannos ao pasado e insiste nunha  mirada á esencia do maio humano, unha figura que ocupa unha posición central, pero non absoluta porque permite entender o dinamismo do evento que se presenta á vez en diversos planos: O da señora da casa que espera no limiar da porta,  o do maio-mozo que se achega, o das rapazas que veñen co maio e un mego na mao, o do vecín ou veciña que nun avesedo entre balcois bota algo á humilde comitiva... e soan os cantos dos que acompañan ao maio: 

- Tire castañas señora Manuela, tire castañas que as tein na mantela.

Eilí vemos os donativos, mesmo os cuartos ou as castañas, no chao que alguén da comitiva se dispón axiña a apañar.  É de destacar nesta prazoleta empedrada unha fileira de casas de feitura rústica e unha panorámica mui particular que, para acadar perspectiva case aérea, se abre a un espazo amplo empinado e dende a altura  do portalón á que se asoma, permítenos ver ata o horizonte máis afastado onde se insinúan alguis dos montes que rodean a vila, poñamos por caso aqueles que están na outra beira do Burbia.

 É unha visión onírica da vila e do maio, unha ensoñación entre muros pétreos e madeira de castañeiro, que semella unha invitación a preservar costumes vivos do pasado aínda por descubrir.  Ábrese, pois, unha porta á tradición.



 UN MAIO NA DEFENSA DO RÍO
Na mesma liña que o anterior traballo en común, Cristina e Suso fusionan unha confluencia soñada e un desexo: a liberdade do río Burbia e o festexo da Festa do Maio.  Ocorre nun contexto, o do ano 1990, de reivindicación e luita en contra do trasbase e na defensa do noso río, batalla que lembremos o pobo unido e sen fisuras gañou a Endesa, mais á altura do mes de maio daquel ano a pelota aínda estaba no tellado, de aí a reivindicación. No xermolo ou na esencia de toda reivindicación tamén hai un soño.  

Sobre un debuxo apaisado que parece querer levarnos a atravesar a ponte do Burbia, inesperadamente aparece esa ponte fracturada e irrompe nela a Festa do Maio con guirnaldas de flores que funcionan no soño coma un dos piares, dos cubos que sustentan  un dos laterais da mesma ponte. A ruptura brusca da ponte non é outra cousa que a representación plástica do brutal perigo que supuña o trasbase para a vila e a súa contorna. Como, de súpeto, a ponte vese necesitada dun novo apoio, nace un soporte dende a Portaxe, mesmo dende o Socubo trepan adornos vexetais, follas e flores e sobre as augas imaxinadas do río ecoan os versos ceibes de dous poetas da vila: Gilberto Núñez Ursinos e José Nieto. As súas palabras animan ás correntes a seguir o seu curso natural de séculos e cantos.  Desta forma esa ponte serve á vez para transitar cara á tradición tamén secular que amosa a súa fortaleza coa floración anual e que, como o correr do río, varía coas estaciois. Unha ponte para chegar á tradición, para atreverse a cruzar o río, tamén para observar a ambos, ao río e á tradición no seu fluir libre e escuitar pracidamente os seus sonoros sons.


UNHA PEQUENA E ACAÍDA SORPRESA

Non quixeramos rematar esta entrada sen unha pequena sorpresa que se incluía nos programas daquel ano 1990 e que seguro para muitos pasou desapercibida. Lembramos eiquí como da mao de Cristina, fíxose posible unha xenerosa colaboración de Norbeto Beberide, amante das tradiciois e amigo da Escola de Gaitas.

Norberto tamén entendeu e  valorou a nosa iniciativa, ademais de saber de sobra o tremendo potencial de inspiración que para a plástica ten esta festividade popular.  Varios debuxos alegóricos feitos por Beberide para a ocasión foron incorporados como ilustraciois do programa. Ilustran a copla inicial da canción dos maios onde descubrimos a un Beberide caricaturista e cartelista xa octoxenario expresando a saudade por aquel paraíso perdido da súa infancia no que cantara por vez primeira:

Marzo airoso,
abril chuvisnoso
sacan ao maio
florido i hermoso.






Ningún comentario:

Publicar un comentario