NON DAR
PUNTADA SEN FÍO
Toca recuperar a
normalidade, volver unha vez máis a coser a vida co fío da tradición, esa é a
invitación que Manuel Uría Pérez nos fai coa súa simbólica visión da Festa do
Maio. Recuperamos grazas a el o ritmo que perdemos debido á pandemia o ano
pasado. Debemos agradecerlle que a súa creación se sume a unha xa importante
nómina de autores artistas que nos axudan a actualizar a nosa mirada, a ver con
outros ollos, cos seus ollos, unha tradición tan antiga e tan fermosa como son
os maios de Vilafranca do Bierzo.
Manuel é un creador que
traballa coa sutileza. Gústanlle os fondos claros e limpos para colocar en
primeiro plano un obxecto (ou varios) que de inmediato converte en símbolo pola
cantidade de connotaciois que provoca en quen o contempla. Con el o tópico das
mil palabras que excita cada imaxe confirmase.
Neste cartel vemos como nun
espazo aberto e indefinido emerxe un obxecto humilde e sinxelo que nos lembra
un simple carrete de fío. O fío da
tradición, o fío dos costumes que como como tal é un trenzado complexo do que
non podemos, non alcanzamos a ver a orixe porque simplemente se perde na néboa
dos tempos. Escuitamos un eco nese fondo longo e claro, ocre, gris ou branco
que resulta ser coma o caer dun pano ineludible e necesario en toda
representación teatral. No centro da escena un carrete, o fuso de madeira de
castañeiro que envolve toda a febra e nos transporta, sen muito esforzo da
imaxinación xa excitada, ás paisaxes sabias dos montes do Bierzo, para logo
volver á vila onde a bobina de fío verde abre a porta á participación
individual, a responsabilidade, o compromiso que cada quen queira adquirir cunha
expresiva e punzante agulla que, provocadora, invita a comezar a tarefa.
-
Quen quere coser?
A agulla prendida, atravesado
silandeira os fíos do carrete fálanos tanto do apego á tradición como da
fraxilidade da mesma. Non debemos dar puntada sen fío. Todo pende dese fío que
teis tu nas túas maos. No medio da
profundidade do baleiro que acompaña a imaxe da punta afiada desa agulla, outra
xenialidade do autor que de novo nos fai percibir, coma se dunha picada se
tratase, a debilidade ameazante á que
está exposto o noso maio, ao igual que calquera outra expresión do patrimonio
inmaterial e da oralidade. Precisa que pase de boca a boca, de xeración a xeración
como unha humilde e cuidadosa puntada pola tea antes de chegar a ser un
vestido.
Un vestido anónimo e
verdegaio. É unha suxestión que vemos e sentimos de seguido na forma da bobina
onde non apreciamos, a primeira vista, nada humano. Como nun maio-mozo ben feito andando polas
rúas da vila é imposible distinguir á persoa que vai dentro.
-
Que sería dun triste nobelo de fío
sen a presenza do ser humano?
O fino fluír da auga tamén
se evoca no fiado da devandoira dando voltas e voltas na roca ata ser algún día,
co agarimo de maos habilidosas, un tecido feito no tear da vida. Manuel converte ao Maio nunha especie de
traxe herdado do pasado que gardamos e cosemos cada ano ao celebralo. É , á vez, un canto duplo, á resistencia e á
existencia, a vida vivida e ao futuro esperanzado que arrinca en cada
renovación da Festa con cada nino ou nina que aprende a canción e coñece, por
vez primeira, este rito anual e colectivo, que contribuirá a conformar a súa personalidade, esa que se
vai ganduxando mui a modo e ao compás do ritmo das estaciois.
As cordas coas que atamos as
“cañaveiras” tamén son os fíos nacidos da terra que nos unen a tradición en
Vilafranca, á esencia que se agocha no interior de cada maio. Algo tan simple como festexar a entrada da
primavera do mesmo xeito que o facían os nosos avós e os avós dos nosos avós.
Graciñas, Manuel, por este chamamento a non
perder o fío!
PROGRAMA DE ACTOS
HORARIO DAS COMITIVAS TRADICIONAIS DO MAIO 2021
Saída
ás 12 h. e rematarán aproximadamente ás 14 h.
INDICACIOIS SOBRE O MAIO 21 E A COVID 19
Este ano por motivo da pandemia non podemos facer un maio aberto á
espontaneidade e participativo como vén sendo habitual, un maio normal. Pero este ano o maio que celebraremos
si quererá recuperar certa normalidade. Abordaremos toda unha volta ao pasado (como
nas fotografías que axuntamos dos anos 60 do século pasado), este 2021 faremos comitivas pequenas e pechadas
de 4 ou 5 persoas, especialmente ninos ou ninas, un só maio por cada barrio.
Foto de D. Alejo Sandes |
Foto de Ramón Cela |
Este maio será por tanto un maio moi local e ausente de visitantes, que de habelos tampouco poderán formar parte das comitivas, e gardarán en todo momento, como os veciños tamén faremos a distancia social e o uso de máscaras seguindo as indicaciois das autoridades.
Ás 19 horas TEATRO VILAFRANQUINO “ENRIQUE GIL”
Presentación do libro da Morteira:
“SABIOS PAISAJES”
Naturaleza y cultura campesina del Bierzo a través de las estaciones.
Intervirán: Isidro Canóniga, Alfonso Manso, Toño Nespral, Carlos Martínez, Marisa Cela, Lola Fdez. Álvarez e Héctor Silveiro.
Quixeramos dedicar este acto á memoria de Cundo Blanco, un home profundamente comprometido coa Natureza e, por iso mesmo, non deixar de manifestar a nosa posición contraria á agresión dos eólicos ás nosas paisaxes.
NOTA: O aforo do Teatro seguirá o protocolo establecido para este tipo de actos en locais pechados, gardando as distancias debidas e co uso obrigatorio da máscara.