xoves, 15 de abril de 2021

FESTA DO MAIO 2021

 


NON DAR PUNTADA SEN FÍO

Toca recuperar a normalidade, volver unha vez máis a coser a vida co fío da tradición, esa é a invitación que Manuel Uría Pérez nos fai coa súa simbólica visión da Festa do Maio. Recuperamos grazas a el o ritmo que perdemos debido á pandemia o ano pasado. Debemos agradecerlle que a súa creación se sume a unha xa importante nómina de autores artistas que nos axudan a actualizar a nosa mirada, a ver con outros ollos, cos seus ollos, unha tradición tan antiga e tan fermosa como son os maios de Vilafranca do Bierzo.

Manuel é un creador que traballa coa sutileza. Gústanlle os fondos claros e limpos para colocar en primeiro plano un obxecto (ou varios) que de inmediato converte en símbolo pola cantidade de connotaciois que provoca en quen o contempla. Con el o tópico das mil palabras que excita cada imaxe confirmase.

Neste cartel vemos como nun espazo aberto e indefinido emerxe un obxecto humilde e sinxelo que nos lembra un simple carrete de fío.  O fío da tradición, o fío dos costumes que como como tal é un trenzado complexo do que non podemos, non alcanzamos a ver a orixe porque simplemente se perde na néboa dos tempos. Escuitamos un eco nese fondo longo e claro, ocre, gris ou branco que resulta ser coma o caer dun pano ineludible e necesario en toda representación teatral. No centro da escena un carrete, o fuso de madeira de castañeiro que envolve toda a febra e nos transporta, sen muito esforzo da imaxinación xa excitada, ás paisaxes sabias dos montes do Bierzo, para logo volver á vila onde a bobina de fío verde abre a porta á participación individual, a responsabilidade, o compromiso que cada quen queira adquirir cunha expresiva e punzante agulla que, provocadora, invita a comezar a tarefa.

-           Quen quere coser?

A agulla prendida, atravesado silandeira os fíos do carrete fálanos tanto do apego á tradición como da fraxilidade da mesma. Non debemos dar puntada sen fío. Todo pende dese fío que teis tu nas túas maos.  No medio da profundidade do baleiro que acompaña a imaxe da punta afiada desa agulla, outra xenialidade do autor que de novo nos fai percibir, coma se dunha picada se tratase,  a debilidade ameazante á que está exposto o noso maio, ao igual que calquera outra expresión do patrimonio inmaterial e da oralidade. Precisa que pase de boca a boca, de xeración a xeración como unha humilde e cuidadosa puntada pola tea antes de chegar a ser un vestido.

Un vestido anónimo e verdegaio. É unha suxestión que vemos e sentimos de seguido na forma da bobina onde non apreciamos, a primeira vista, nada humano.  Como nun maio-mozo ben feito andando polas rúas da vila é imposible distinguir á persoa que vai dentro.

-          Que sería dun triste nobelo de fío sen a presenza do ser humano?

O fino fluír da auga tamén se evoca no fiado da devandoira dando voltas e voltas na roca ata ser algún día, co agarimo de maos habilidosas, un tecido feito no tear da vida.  Manuel converte ao Maio nunha especie de traxe herdado do pasado que gardamos e cosemos cada ano ao celebralo.  É , á vez, un canto duplo, á resistencia e á existencia, a vida vivida e ao futuro esperanzado que arrinca en cada renovación da Festa con cada nino ou nina que aprende a canción e coñece, por vez primeira, este rito anual e colectivo, que contribuirá  a conformar a súa personalidade, esa que se vai ganduxando mui a modo e ao compás do ritmo das estaciois. 

                As cordas coas que atamos as “cañaveiras” tamén son os fíos nacidos da terra que nos unen a tradición en Vilafranca, á esencia que se agocha no interior de cada maio.  Algo tan simple como festexar a entrada da primavera do mesmo xeito que o facían os nosos avós e os avós dos nosos avós.

              Graciñas, Manuel, por este chamamento a non perder o fío!

 

PROGRAMA DE ACTOS

HORARIO DAS COMITIVAS TRADICIONAIS DO MAIO 2021

Saída ás 12 h. e rematarán aproximadamente ás 14 h.

 

  INDICACIOIS SOBRE O MAIO 21 E A COVID 19

Este ano por motivo da pandemia non podemos facer un maio aberto á espontaneidade e participativo como vén sendo habitual, un maio normal.  Pero este ano o maio que celebraremos si quererá recuperar certa normalidade. Abordaremos toda unha volta ao pasado (como nas fotografías que axuntamos dos anos 60 do século pasado), este 2021 faremos comitivas pequenas e pechadas de 4 ou 5 persoas, especialmente ninos ou ninas,  un só maio por cada barrio.


Foto de D. Alejo Sandes
Os veciños e veciñas da vila participaremos fundamentalmente cantando desde os balcois que invitamos a decorar con flores e motivos vexetais. Cantaremos o maio cuando pase diante da nosa casa, pero non podemos participar das comitivas de maios para evitar aglomeraciois e, por ese motivo, tampouco remataremos todos xuntos na Praza Maior. Faremos os percorridos de costume e concluirán en sitios distintos.


Foto de Ramón Cela


Se algún grupo de veciños ou veciñas quere facer o seu maio, gustaríamos que o comunicase á organización para evitar confluencias e concentraciois non desexadas.

Este maio será por tanto un maio moi local e ausente de visitantes, que de habelos tampouco poderán formar parte das comitivas, e gardarán en todo momento, como os veciños tamén faremos a distancia social e o uso de máscaras seguindo as indicaciois das autoridades.



Ás 19 horas TEATRO VILAFRANQUINO “ENRIQUE GIL”


Presentación do libro da Morteira:


“SABIOS PAISAJES” Naturaleza y cultura campesina del Bierzo a través de las estaciones.

Intervirán: Isidro Canóniga, Alfonso Manso, Toño Nespral, Carlos Martínez, Marisa Cela, Lola Fdez. Álvarez e Héctor Silveiro.

Quixeramos dedicar este acto á memoria de Cundo Blanco, un home profundamente comprometido coa Natureza e, por iso mesmo, non deixar de manifestar a nosa posición contraria á agresión dos eólicos ás nosas paisaxes.

NOTA: O aforo do Teatro seguirá o protocolo establecido para este tipo de actos en locais pechados, gardando as distancias debidas e co uso obrigatorio da máscara.


AGRADECEMENTOS: A Escola de Gaitas quere agradecer ao autor do cartel deste ano, Manuel Uría, o seu suxestivo traballo, á Asociación A Morteira por pensar en nosoutros para presentar o seu libro nesta data e aos colaboradores e veciños/as da vila por dar un paso máis con toda a precaución posible cara á volta á normalidade

Na prensa: 
 8 Bierzo Magazine  (do minuto 29,45 ao  37,50)