9 de marzo 2024, ás 19,30. Teatro Enrique Gil
en Vilafranca do Bierzo
PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO
Tras recordar que un 9 de marzo de hai 329 anos nacía na nosa vila O Pai das Letras Galegas e unhas breves palabras de benvida a Sara Rodríguez Fernández e a súa publicación, o alcalde de Vilafranca, celebrou esta novidade facendo uso na parte final da súa alocución da lingua galega.
Acompañaban a autora Marisa Cela da Asociación Escola de Gaitas e Raúl Ochoa do Fiandón berciano, ademais de Héctor Silveiro como coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento que organizaba este acto coa colaboración das xa citadas asociaciois. Entre o numeroso público asistente concelleiros do Concello de Corullón e Vilafranca. Ao longo do acto proxectáronse varios audiovisuais con textos de Juan Carlos Mestre realizados por Robés.
As distintas intervenciois fixeron fincapé na importancia da recolleita das palabras que este dicionario reúne como referente substancial da identidade berciana, palabras que viviron na oralidade ata que Sarmiento dalgún xeito iniciara ao seu paso polo Bierzo no ano 1745 a súa recolleita consciente. Palabras que serviron para que Morales escribira os seus Ensayos en dialecto berciano en 1861 cuxos Premios escolares se entregan na propias Xornadas e que autores máis recentes como González -Alegre, Aquilino Poncelas e J.C. Mestre seguen usando. Falouse da tradición oral, das dificultades que se van vencendo para que a xente nova faga uso desta parte da nosa cultura que este dicionario contribúe a afortalar como garante do futuro para o galego do Bierzo.
Sara Rodríguez, a autora explicou a xénese do seu traballo, a importancia da súa familia na súa toma de conciencia e relación coa lingua, do seu paso polas aulas do Programa de Promoción do Galego en Cacabelos, da asistencia ás Xornadas Sarmiento como alumna e, finalmente, como se concretou o proxecto para o seu traballo de fin de grao en Vigo (TFG) coa colaboración de Alberto Lugrís e de X.H. Costas do Departamento de Galego da Universidade de Vigo que editou o Dicionario cun total de 15.000. Sara rematou anunciando unha iniciativa para seguir ampliando o Dicionario. Trátase do Mego das palabras do galego do Bierzo, unha metáfora da recolleita que se pretende realizar coa colaboración tanto do alumnado e docentes do Programa de Galego como das entidades e persoas que queiran achegar as palabras a través de distintos soportes: un correo electrónico e unha páxina web. Ademais Sara abriu unha conta de instagram para dinamizar este proceso.
12 de marzo 2024 ás 9,30 Cine Faba
en Cacabelos
PRESENTACIÓN DAS PROPOSTAS DIDÁCTICAS
PARA O DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento e Sara Rodríguez presentaron a proposta-reto da recolleita de 1000 palabras máis para o Galego do Bierzo no Mego das Palabras, unha ampliación do Dicionario que, como comentou a autora, se pretende realizar ao longo deste ano 2024 coa idea de que na celebración das próximas Xornadas se supere ese número de mil novas entradas para fornecer unha segunda edición do mesmo. Tras da presentación do Dicionario e da iniciativa estableceuse un diálogo cos docentes e alumnos/as de Secundaria presentes para estabecer unhas primeiras estratexias de como abordar esta empresa.
IV PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÖN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO 2024
Ante o alumnado de Primaria procedente de 11 centros de distintos puntos do Bierzo, todos eles alumnos/as que cursan o Programa de Galego do Bierzo, as autoridades presentes puxeron en valor a presenza da lingua galega na comunidade educativa berciana e deron os parabéns aos gañadores antes de facer entrega dos IV Premios Morales.
Interviñeron os tres concellos colaboradores: Cacabelos, Corullón e Vilafranca, as entidades culturais do Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto Leonés de Cultura, ademais de Francisco Javier López Inspector de Educación Provincial de Léon do Programa de Promoción do Galego, Olegario Ramón, Presidente do Consello Comarcal e Valentín Garcia, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
ACTUACIÓN DE PACO NOGUEIRAS: C@NTO CONTIGO
MESA DE TRABALLO
No MARCA de Cacabelos realizouse unha reunión de traballo a iniciativa da Comisión Cultural Martín Sarmiento coa idea de abordar unha serie de propostas tanto en materia cultural como educativa.
Repercusión en prensa:
O portal da lingua Xunta de Galicia