Autoría: Luis F. Sanz |
AO COMEZAR A PRIMAVERA, A FESTA DO MAIO 2016 DE VILAFRANCA PRESENTA O SEU CARTEL
Facendo coincidir o comezo da estación da primavera a Asociación Cultural
Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo presenta o cartel da Festa do Maio 2016 facendo pública
tamén a súa intención de organizar outro ano máis esta festa de carácter
tradicional, “declarada de interés
turístico provincial” no ano 2009. O cartel foi un encargo que a asociación fixo ao ilustrador vilafranquino afincado en Madrid
Luis Fernández Sanz. Trátase dunha fórmula máis de colaboración e de difusión
da propia festa que xa de por si ten unha grande carga patrimonial que
pretendemos reforzar procurando a participación de personalidades bercianas de
gran prestixio artístico como é o presente caso.
Luis Fdez. Sanz naceu en Vilafranca
do Bierzo en 1976, e estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca. Dedicado
á ilustración colabora habitualmente dende o 2003 en diversos medios de
comunicación, tanto nacionais (El País, Rolling Stone, Calle 20,…) como
internacionais (Seattle Weekly, Courrier International,…), así como na
ilustración de libros (Anaya Editorial, Onyx Path Publishing,…). F. Sanz tamén
ten realizado publicidade para instituciois como Adidas, Obra Social Caja
Madrid,… Das súas numerosas exposiciois destacamos por cercanía a itinerante
organizada polo Instituto de Estudios Bercianos e a Universidade de León que
estivo entre outros espazos na casa da Cultura de Vilafranca no mes de setembro
do 2011, exposición que tamén pasou por León capital. Actualmente ten unha
exposición en Ávila e vén de crear o seu
propio proxecto editorial. Invitámosvos a visitar o seu espazo web no que se atopa unha mostra mui diversa da súa obra
que abarca varias disciplinas artísticas: Ilustración, cómic, fotografía,
videocreación... O seu traballo
caracterízase por un recoñecible estilo figurativo, no que texturas, ton escuro
e unha paleta característica son o soporte formal de imaxes cheas de simbolismo
ao que se suma un peculiar sentido do humor. Estes trazos podémolos observar
ben no cartel deseñado para a nosa Festa do Maio no que evoca a simbólica e
infantil transformación do home en árbore e, á vez, o sostén da tradición
representado no rostro dese neno que asume inocentemente o rol da transmisión
dun costume ancestral.
Temos que agradecer que dun xeito tan xeneroso Luis se sume
a todo un elenco de artistas que vén colaborando dende hai anos na promoción e
difusión desta singular manifestación do patrimonio da cultura inmaterial
berciana. En ediciois anteriores da Festa
do Maio tanto fotógrafos locais de gran renome: Ramón Cela, Robés ou Luisma,
como pintores recoñecidos: Beberide ou Alfonso Fdez. Manso, teñen contribuído
desinteresadamente a arroupar esta tradición xenuína coa súa arte. Do mesmo xeito outros anos foron alternándose
estas colaboraciois con creaciois de persoas menos coñecidas como os membros da
Escola Cristina Álvarez ou Suso Nieto e
outras persoas afíns á nosa asociación como Carolina Nieto, Lissi Breaux ou
Javi Nespral.... Mesmo teñen participado pequenos artistas, ninos bercianos
premiados nos concursos realizados nos centros educativos para a ocasión, como
foi o caso do ano pasado que resultaron premiados Paula Yinió Vidal e Luis Antonio López.
Respectando os tempos e o ritmo das datas do calendario que preceden a este ritual primaveral,
despois da Semana Santa faremos público o programa de actos previstos, para os
que contamos coa colaboración do Ayto. de Vilafranca do Bierzo, ademais dos xa
tradicionais e ineludibles que forman parte esencial da nosa Festa do Maio.
no bierzodiario
en bierzotv