luns, 16 de marzo de 2020

UNHA EVOCACIÓN DE RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE POR FERRÍN NA IV XORNADA DE CULTURA E LINGUA GALEGAS NO BIERZO





Reproducimos o contido dun texto histórico que realizou X. L. Méndez Ferrín no Teatro da nosa vila e que puxo no seu día, un 28 de decembro de 1996, punto final ás IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo que organizadas pola nosa asociación, a Escola de Gaitas de Vilafranca cuxo lema era:  Textos e contextos do galego no Bierzo.  Neste ano 2020, o que celebramos o Centenario de Ramón González-Alegre(1920-1968) queremos renderlle unha nova homenaxe coa publicación dixital deste documento relevante para a Literatura galega no Bierzo.

Aquela Sesión de Clausura foi precedida dunhas palabras de Eduardo Otero Pereira no nome do seu tío Antonio Pereira que aquel dia non puido estar presente e quixo así ter unhas palabras de lembranza ao seu amigo Ramón. Ademais deste texto, claro está, incorporamos a este blog as páxinas correspondentes á intervención de X.L. Méndez Ferrín que apareceron publicadas en papel na Memoria escrita daquelas Xornadas editadas no ano 1997 e que hoxe xa son de difícil acceso. Para quen prefira pode descargar o documento íntegro en PDF










Organizadores e participantes das IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo



sábado, 14 de marzo de 2020

A ESCOLA DE GAITAS EN PADRÓN NA HOMENAXE A FERRÍN

A Escola de Gaitas con Ferrín e Anxo Angueira na Casa de Rosalía de Castro en Padrón.


O pasado 7 de marzo celebrouse en Padrón, na Casa de Rosalía e organizado pola Fundación que preside Anxo Angueira unha homenaxe a Xosé Luis Méndez Ferrín. Os organizadores do acto quixeron que, por sorpresa e con alebosía, unha representación da Escola de Gaitas de Vilafranca estivese no acto e puxese algo máis que unha nota musical ao evento.

Efectivamente que unha asociación como a nosa participase de xeito destacado na homenaxe tiña todo o sentido do mundo xa que o espírito arraiano, a preocupación porque se teña presente todo o territorio galegofalante máis aló das fronteiras administrativas é unha constante reivindicación de Ferrín e foi e segue sendo un dos motivos desa estreita relación que mantemos nosoutros con el.  A nosa amizade parte logo dun fondo sentimento fraternal da irmandade que une a galegos e bercianos no querer e na defensa da cultura e lingua galegas que vén de vello,  daquela antiga Gallaecia.


 Facendo memoria, sen afán de ser exhaustivos, Ferrín fixo un frío 28 de decembro en Vilafranca do Bierzo, unha histórica evocación de González-Alegre a invitación nosa, nas IV Xornadas da cultura e lingua galegas no Bierzo e, logo, ante o Plenario da academia, nun mes de maio, falou de Sarmiento na súa vila natal como pai das Letras e fundador da literatura galega contemporánea. Nun caluroso mes de agosto en Cacabelos pronunciou unha loanza de Antonio Fernández Morales diante da casa que pertenceu ao autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano. Recentemente en Vilafranca quixo estar presente (fíxoo a través dun vídeo) na presentación da obra de J.C. Mestre 200 gramos de patacas tristes. que el calificou dunha obra senlleira para a historia da literatura galega dos nosos días. Logo a Escola de Gaitas representando ao Bierzo galegofalante debía estar eilí en Padrón para levarlle o noso agradecemento por tantas crónicas no Faro de Vigo que falan de nós. Despois de tocar e cuando subiu ao estrado, á hora de agradecer a nosa presenza, sorprendeunos de novo explicándolle ao público que abarrotaba o salón de actos que a peza que interpretaramos, a Danza de xigantes e cabezudos era considerado un himno entre os vilafranquinos e que todos os rapaces da vila o sabían asubiar.  

A Escola de Gaitas interpretando a Danza de xigantes e cabezudos de Vilafranca. 
Un fermoso documental de Manuel Forcadela cheo de testemuñas gravadas a xeito de entrevistas sobre os mundos de Ferrín deu comezo ao acto, no que a Fundación Rosalía por boca de Angueira enumerou tamén o estreito vínculo que de sempre mantén Ferrín coa Casa e coa figura de Rosalía. A  xuntanza foi fraterna e nela estiveron persoeiros da cultura e da política galega, académicos e movementos alternativos, membros da Fundación Curros Enríquez de Celanova e a viúva e os fillos de Uxío Novoneira, o poeta do Courel.


Anxo Angueira como colofón da homenaxe impúxolle a Ferrín a Rosa de Galicia antes de dar paso aos himnos. Nós non fomos os únicos músicos presentes, tamén estiveron os compañeiros arraianos das Portelas de Zamora, os gaiteiros de Lubián que para finalizar o acto interpretaron a Marcha do Antergo Reino de Galicia preámbulo ao Himno galego que tocamos acompañados coas voces de todos os presentes postos a pé e que rematou cunha forte ovación.  

A Escola de Gaitas interpretando o Himno Galego

Os gaiteiros do Bierzo e de Lubián con Ferrín e Angueira na Casa de Rosalía