sábado, 27 de agosto de 2016

BREVE CRÓNICA VISUAL DA FESTA DO MAIO 2016




Son muitas as fotos e reportaxes que a festa do maio xenera neste mundo tan dado a retratarse a través da rede. Imos facer unha pequena selección de fotos e videos que dan unha idea aproximada do vigor que conserva e atractivo que provoca esta festa tradicional. Desexamos que a mesma siga gozando de boa saúde, que non se sature, que manteña unhas dimensiois semellantes ás que hoxe presenta para que preserve ese sabor a popular que deben ter este tipo de manifestaciois culturais do patrimonio inmaterial. Graciñas a todos os vilafranquinos/as que a fain florecer cada primavera e tamén a os visitantes e veciños doutros lugares do Bierzo que nos acompañan.













Reportaxe sobre os maios do 2016 en bierzotv

Sobre o dia 30 á noite na que fixemos "A queima do Burro" tamén hai varios vídeos. Esta parte do programa como todo o mundo debe saber non é tradicional, pero si moi divertida e animada. Realizamos unha ronda musical acompañados da fanfarria Taquikardia na que se botan coplas dende os balcois ben de amor, ben alusivas á primavera, muitas veces cargadas de ironía e cun carácter espontáneo. Este ano tamén fomos quen de realizar varias escenas para teatrais en ton de farsa como a que podedes ver  neste enlace da corte do Rei Bieito continuación e rematamos coa queima do burro que simboliza ao Inverno. Reiteramos a todos os participantes e colaboradores, que son muitos como podedes apreciar, a alegría coa que se suman coa ilusión por manter viva a festa e o seu compromiso coa tradición. Graciñas


                                             Levantate maio bastante dormiche,
                                              pasou un burro (inverno) e non o sentiche. 












martes, 10 de maio de 2016

MIL CASTIÑEIROS MÁIS EN CORULLÓN


O concello de Corullón anuncia outra nova campaña de Mil castiñeiros máis, unha iniciativa que reafirma a vontade de recuperación ecocultural e de crear unha alternativa sólida onde a economía rural tradicional sexa un dos eixes para a fortaleza deste municipio valente e decidido. Saudamos logo esta recuperación dos castiñeiros nun núcleo como Corullón onde a cultura da castaña vén sendo un dos seus maiores baluartes ao longo da historia. Esperemos que a esta medida que se vai aplicar con tan bo criterio, se sumen  proximamente outros concellos do Bierzo, ou que se deseñen políticas acordes que contribúan a que estas decisióis locais teñan tamén o respaldo imprescindible doutras administraciois.


domingo, 10 de abril de 2016

PROGRAMA DA FESTA DO MAIO 2016


PROGRAMA DE ACTOS 
FESTA DO MAIO 2016 
FESTA DECLARADA DE INTERESE TURÍSTICO PROVINCIAL


Sábado 30 abril:                ARROUPANDO A TRADICIÓN

Ás 17.00:   Iniciamos o adorno das rúas por onde se fará o percorrido nocturno.

Ás 11 da noite: Dará comezo a ronda teatral e musical: 
LEVÁNTATE MAIO! 

Unha montaxe de teatro de rúa sobre as raíces máis ancestrais desta celebración agraria tradicional do Noroeste ibérico, que,  no medio do devir dos tempos, interacciona cos sucesos dos homes e das mulleres de hoxe. 

Un espectáculo que invita á participación activa facilitando a comprensión do simbolismo da celebración da nosa Festa do Maio e que rematará coa queima do burro do inverno.




Acompañarán e amenizarán o percorrido polas rúas históricas a Fanfarria Taquikardia, ademais de contar coa participación dos actores  espontáneos  da vila e/ou dos visitantes. O guión e a coordinación escénica: correrá a cargo de X.L.D. Lucio e H. Silveiro.     

Domingo 1º maio:                     O MAIO TRADICIONAL

Ás 9 da mañá saída a cortar as cañabeiras polos arredores da vila.

Acto seguido comezan a vestir os maios nos lugares habituais:  Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e a Cábila.

Ás 11 da mañá comezan os distintos percorridos polos barrios da vila.

Ás 14 horas xúntanse todos os grupos na Praza Maior.
                               
A continuación comida campestre de todos os participantes.               







*Este ano como complemento quixemos publicar un longo poema inédito no que se describe, con detalle e ironía, a esencia da nosa ancestral tradición e que ben imita ao coñecido autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” Antonio Fernández Morales. 




OS MAIOS DE VILLAFRANCA

Aló o primeiro de maio

mes no que os hortos do Bierzo
as viñas, as veigas e praos
están de flores cubertos,
xa canta o cuco nos montes,
botan folla os castañeiros
e pinta algúa cireixa   
coa calor que  tras do inverno,
a primavera apelica
aos mozos amores tenros.

Na primeira mañá de maio
érguese o labrego ben cedo
pra que non lle dea o desmaio
bota no leite que está fervendo,
pois na casa sempre o fixo,
castañas pilongas presto,
que pasado o mes de marzo,
cheo de xiadas e de ventos,
tras das mil chuvias de abril,
veinche un día ventureiro.

Neste mes en Villafranca
fan os rapaces festexo,
e os maiores nos balcois
agardan ao maio contentos.
Da doito, pois aquel día
os ninos desta villa cedo
van saír os campeliños      

polos maios co pretexto               
de armalos entre amigos
e conseguir uns diñeiros.

En canto chegan ao campo
sacan navallas a eito;
cortan nas beiras correndo
aquela planta que chaman
alguis apio cabaleiro,
pra poucos son mazandois,
e cañabeiras pra un cento.
Pra que se vistan os maios,
e cortalas con máis xeito
hai quen che leva unha fouce
e os viste co sabugueiro.

De entre todos os rapaces
escollen a un bon galleiro
boa planta ie co bon corpo,
é símbolo do festexo
pra semellar unha árbore
que sobe de alto ata o ceo.
Coas cañabeiras cortadas,
faranlle un traxe ben feito
colocando aquelas ramas
a un mozo visten correndo
e pro que ninguén o saiba
quen do maio vai dentro
cóbrenlle ben a cara
sobre a boca, palmo e medio,
dende a coroa atan con cordas
brazos e maos ao seu peito,
moverse case non pode
e ao andar vai ben dereito.

Algúas nenas fermosas
cantan o maio cos nenos,
das hortas con lilas e rosas 
enchen gozosas os megos
que de castañas e cartos
ao mediodía están cheos.
En cada casa ao maio
aquel día oen de certo
aos meniños que o acompañan
cantar, unha vez non, cento:

Marzo airoso, abril chuviñoso
sacan o maio florido e hermoso.

Póñense á porta cos megos
uns cos maios vestidos
outros cantando arreo:


“Este maio,  señora  é,
este maio andaba de pé”

Os rapaciños tras do maio
nas rúas de flor cuberto
pónse nas portas cantando
erguen aos balcois os megos,
piden castañas maiolas
coas maos arriba tendendo:

 Tire castañas,  señora María,
tire castañas cas tein na cociña.

 E pra o vecín ou veciña
que lles dá, cantan lixeiro:

-Estas portas son de ferro
onde vive un caballero!
-Esta casa é de pedra
onde vive unha doncella!

E pra casa que dar non quixo,
todos cantan maldiciendo:

-Esta casa é de palla
onde vive a cagalla.
-Esta casa é de lousa
onde vive unha roñosa.

Por veces deitan ao maio,
tumbado no chao poderás velo
so xentes de máis posibles,
dos señoritos o mesmo,
so  balcois onde agardan
i esperan que caia diñeiro

nas casas e anchas prazas
tras coller cartos a eito,
imitándoche que espertan
ao maio tras do inverno:



Levántate maio, bastante durmiche,
pasou un burro e non o sentiche.

Do burro das coplas
hai quen di que é o demo
aínda se ben o pensamos,
xa que falamos do tempo,
o mellor sería citar  
en vez do burro ao inverno.

Ao pé da porta da madre
do seu sogro e do xenro
da muller e os seus fillos
dos padres e dos solteiros,
da casa dos homes todos
e das mulleres por certo
pedindo en toda a villa,
dean castañas e diñeiro,
cantando ninos e nenas
pra botar fóra ao mal tempo,
sacan o maio florido
poñendo  fin ao  inverno.






martes, 22 de marzo de 2016

CARTEL DA FESTA DO MAIO 2016

Autoría: Luis F. Sanz

AO COMEZAR A PRIMAVERA, A FESTA DO MAIO 2016 DE VILAFRANCA PRESENTA O SEU CARTEL

Facendo coincidir o comezo da estación da primavera a Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo presenta o  cartel da Festa do Maio 2016 facendo pública tamén a súa intención de organizar outro ano máis esta festa de carácter tradicional, “declarada de interés turístico provincial” no ano 2009. O cartel foi un encargo que  a asociación fixo ao  ilustrador vilafranquino afincado en Madrid Luis Fernández Sanz. Trátase dunha fórmula máis de colaboración e de difusión da propia festa que xa de por si ten unha grande carga patrimonial que pretendemos reforzar procurando a participación de personalidades bercianas de gran prestixio artístico como é o presente caso.

Luis Fdez. Sanz  naceu en Vilafranca do Bierzo en 1976, e estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca. Dedicado á ilustración colabora habitualmente dende o 2003 en diversos medios de comunicación, tanto nacionais (El País, Rolling Stone, Calle 20,…) como internacionais (Seattle Weekly, Courrier International,…), así como na ilustración de libros (Anaya Editorial, Onyx Path Publishing,…). F. Sanz tamén ten realizado publicidade para instituciois como Adidas, Obra Social Caja Madrid,… Das súas numerosas exposiciois destacamos por cercanía a itinerante organizada polo Instituto de Estudios Bercianos e a Universidade de León que estivo entre outros espazos na casa da Cultura de Vilafranca no mes de setembro do 2011, exposición que tamén pasou por León capital. Actualmente ten unha exposición  en Ávila e vén de crear o seu propio proxecto editorial. Invitámosvos a visitar o seu espazo web no que se atopa unha mostra mui diversa da súa obra que abarca varias disciplinas artísticas: Ilustración, cómic, fotografía, videocreación...  O seu traballo caracterízase por un recoñecible estilo figurativo, no que texturas, ton escuro e unha paleta característica son o soporte formal de imaxes cheas de simbolismo ao que se suma un peculiar sentido do humor. Estes trazos podémolos observar ben no cartel deseñado para a nosa Festa do Maio no que evoca a simbólica e infantil transformación do home en árbore e, á vez, o sostén da tradición representado no rostro dese neno que asume inocentemente o rol da transmisión dun costume ancestral. 

Temos que agradecer que dun xeito tan xeneroso Luis se sume a todo un elenco de artistas que vén colaborando dende hai anos na promoción e difusión desta singular manifestación do patrimonio da cultura inmaterial berciana.  En ediciois anteriores da Festa do Maio tanto fotógrafos locais de gran renome: Ramón Cela, Robés ou Luisma, como pintores recoñecidos: Beberide ou Alfonso Fdez. Manso, teñen contribuído desinteresadamente a arroupar esta tradición xenuína coa súa arte.  Do mesmo xeito outros anos foron alternándose estas colaboraciois con creaciois de persoas menos coñecidas como os membros da Escola  Cristina Álvarez ou Suso Nieto e outras persoas afíns á nosa asociación como Carolina Nieto, Lissi Breaux ou Javi Nespral.... Mesmo teñen participado pequenos artistas, ninos bercianos premiados nos concursos realizados nos centros educativos para a ocasión, como foi o caso do ano pasado que resultaron premiados  Paula Yinió Vidal e Luis Antonio López.


Respectando os tempos e o ritmo das datas do calendario que preceden a este ritual primaveral, despois da Semana Santa faremos público o programa de actos previstos, para os que contamos coa colaboración do Ayto. de Vilafranca do Bierzo, ademais dos xa tradicionais e ineludibles que forman parte esencial da nosa Festa do Maio.

no bierzodiario
en bierzotv

venres, 1 de xaneiro de 2016

Mil cireixais pra Corullón

O ano vello despedíase cunha nova impactante e esperanzadora, unha iniciativa do Alcalde de Corullón para que ao longo do ano que entra, o 2016, se leve a cabo unha plantación de mil árbores novas no seu concello. As árbores escollidas non son calquera, son un dos produtos de tempada máis destacados como son as cireixas. A proposta que se presenta baixo unha apariencia de campaña publicitaria que acompaña á medida é realmente sorprendente e busca poñer en valor un produto polo que Corullón xa destaca, pero que agora se redimensiona.

O lema da campaña é outra das cousas que nos sorprenden gratamente pois a utilización do galego da zona prestixia e ofrece outras lecturas simbólicas e literarias moi axeitadas como é o evocador número cuxo valor vai máis aló da propia cifra e adquire connotaciois literarias como as que recordan as palabras de Cunqueiro "mil primaveras máis" coas que se lle engaden á campaña compoñentes de carácter cultural e lingüístico coherentes cos obxectivos que se marcan. Como ben indica Luis Alberto Arias, ademais de aumentar a produción de cireixas de Corullón, "tamén se quixo facer uso da nosa lingua materna, o galego" como podedes comprobar na nota de prensa que recollen os distintos medios de comunicación: Bierzo diario, infobierzo, cadea ser Diario de León.


Parécenos unha idea loable e necesaria para mellorar a economía de Corullón e entender dun xeito integral o progreso para un dos referentes tradicionais da agricultura berciana que goza dun futuro prometedor.