A INOCENTE MIRADA DUN MAIO-NINO
A fortaleza da tradición entre os humanos
contrasta coa inocente e profunda mirada dun nino que por vez primeira vive a
experiencia de se converter na representación poderosa da entrada da primavera
que pide paso e todo o enche. Non é un ano calquera, acabamos de pasar a
factura da pandemia, o noso maio vai respirar por fin sen máscara. Constancia
queda como unha marca para o futuro do tempo pasado. Así o quixo Luis Rodríguez
Pérez, autor do cartel deste
ano ao que agradecemos sinceramente que lle puxera rostro, que buscase a cara
da Festa do Maio do 2022.
Hai que
construír a tradición cada ano, coa inocencia propia dun pequeno que se achega
a esencia, coas peculiaridades que esixe cada ciclo e desde cero, porque a
oralidade e o patrimonio cultural inmaterial seguen sendo débiles, como os
ninos, e precisan seguir botando raíces entre os máis novos sempre, cada
primavera, para se asentar. Luis quixo
retratar en primeiro plano. Para achegarmos ao máis íntimo da persoa, do nino que
levamos dentro, xusto nese proceso ritual de vestir ao maio que é humano, pero xoga a
ser vexetal ou futura árbore. Convértenos nese maio-mozo, home verde que
percorre as rúas, un xesto infantil e sublime á vez, porque nos lembra a todos
algo tan transcendental e irremediable como que a primavera reclama o seu
espazo entre nosoutros, as persoas adultas que damos todo por sabido. Coa
inxenuidade e a sinxeleza espontánea das ninas e ninos que cantan os maios,
lamentablemente contrasta a torpeza do mundo dos razoables adultos que seguimos
de xeito incomprensible a inercia das esixencias do frío inverno do ruín
capitalismo. Vivimos sen esa capacidade de pararse a reflexionar, metidos na
guerra cruel e atados ás esixencias dun mercado, capaz de negociar co vento e
coa paisaxe para beneficio duns poucos, incapaces de frear, polo ben común, as
agresiois á natureza. Ela reclama nada inocente, a cara descuberta e con
urxencia un cambio de rumbo que respecte o planeta, que remate coa especulación
enerxética e procure alternativas acordes co ritmo das estaciois e os intereses
dos máis, da xente humilde que quere seguir celebrando a entrada da primavera
con candor, sen máscaras e indolencias.
Por iso a Escola consecuentemente pronúnciase.
Desde os balcois os maiores botan as castañas con saudades porque saben, eles
si que son conscientes, dos perigos e ameazas, dos ataques ao equilibrio
natural e ao patrimonio, ao mundo rural e agrario coherente cos ciclos e as
estaciois e aos que tanto lle debe a humanidade. Debemos falar da batalla que se cerne coma un
pesadelo sen sentido sobre o Bierzo Oeste, rico en tradiciois e costumes coma
esta do 1º de maio no que volvemos verse vestir aos ninos para celebrar a festa
da primavera, fermosa e ancestral. Ancestral porque se perde e dilúe o seu
nacemento nas brumas dos séculos pasados nos que fomos alleos á ambición
transnacional de muíños de vento obsoletos.
Cos seus 200 soberbios metros de altura culpable preténdense colocar nos
nosos montes para enriquecerse sen importarlles nada a destrución do noso e sen
os necesarios estudos de implantación que certifiquen e garantan as limitaciois
lóxicas ante semellante acoso.
Esa mirada fonda dun nino, sempre naif que pinta Luis, evidencia a pureza do non querer ter certeza, de non saber de ameazas e perigos que nos asexan. Fala de amores e de flores transformadas, sen malicia ningúa, nunha manifestación contraria a toda esa ilóxica globalización que nos abafa. Inocente o maio camiñará e cantará esta primavera esperanzado en poder repetirse, unha e mil veces máis entre montañas ceibes da especulación, porque hai razois xustas polas que soñar cun futuro mellor.
PROGRAMA DE
ACTOS
30 de
abril ARROUPANDO A TRADICIÓN :
21,30 na
Alameda QUEIMA DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR
A PRIMAVERA
22,00 na Prazoleta de D. Pío Actuación de OS MELIDAOS de Melide e de EMBRUXO GAITEIROS de Ordes.
Embruxo gaiteiros |
Os Melidaos |
1 de maio
MAIO TRADICIONAL
9,00 Saída
a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os
maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A
Cábila.
11,00
Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos
peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das
coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.
14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior para
cantarmos :
Levántate
maio, bastante durmiche,
pasou un burro e non
o sentiche.
A continuación comida campestre de todos os participantes
no Campairo. Este ano co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.
Nota: O cartel do maio é obra de Luis Rodríguez Pérez á quen lle
agradecemos a súa fermosa e xenerosa colaboración.
No caso de que a chuvia nos visite os actos do sábado se realizarán na bodega "La Torre" no Campairo e a comida do día 1 no patio do Colexio da Divina Pastora.
CUATRO
CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA
1º/ IR CORTAR AS
CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das
cañaveiras, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo
sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas
participar queda cos teus amigos/as para ir cortar as cañaveiras, as flores e
outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.
2º VESTIR UN MAIO UNHA GRAN RESPONSABILIDADE
- APRENDER A VESTIR UN MAIO: Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. O que non é doado manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.
-SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO
É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán
permanecer o máis ríxidas posible cos brazos e maos atadas ao corpo. Dos xeonllos abaixo irán libres para poder
andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o
espírito ancestral da festa é que quen
se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto
o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver
por onde camiña.
3º/ CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO
CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN: Os maios
chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera
participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na
que vexamos xente, cantar o “Tire
castañas, señora María…” e logo se dá algo ao maio, unha copla de
agradecemento, e se non dá nada, botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde
vive unha roñosa”.
4º/ PARTICIPAR
DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS: Non só cantando, tamén é importante botar as
castañas ou darlle algún diñeiro aos maios. Unha fórmula de agradecemento por
traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens. Lembrade
que: “Se non comes castañas o
primeiro de maio, darache o desmaio”