sábado, 13 de abril de 2024

PROGRAMA DE ACTOS DA FESTA DO MAIO 2024

 


 A MULLER, O PODER E A NECESIDADE DA TRADICIÓN.

                                               Porque non todo van ser Las Edades del Hombre

                Cremos que non é casualidade que no ano de Las Edades del Hombre sexa unha muller labrega a que represente, coa fouciña nunha mao e unha cañaveira na outra, a tradición de cortar e levantar o maio de Vilafranca. É unha opción oportuna e de progreso, tremendamente simbólica e maxistral que Raúl Ochoa escolle para o cartel da Festa do Maio 2024 coa que non só nos invita puntualmente a celebrar a Primavera, senón tamén a cavilar sobre o que realmente importa. Unha proclama do festexo que se converte á vez nunha chamada de atención a Vilafranca e, por extensión, ao Bierzo, cargada de contidos. Insistimos, non é unha casualidade, pois cremos que calquera parecido coa realidade non é pura coincidencia e toda obra creativa tein o seu contexto. É cartel fermoso por si mesmo, pero que se o situamos no contexto actual e contrastamos coa realidade énchese das flores en plenitude de lecturas posibles e necesarias.   

No ano no que se espera como auga e maio a omnipresente exposición de Las Edades del Hombre, non parece casualidade que emerxa do maxín intelixente de Raúl Ochoa, unha muller rural e humilde, cargada de forza que como contrapunto nos anuncie nas súas maos manchadas de terra o poder e a necesidade da tradición. Non é casual, é unha reivindicación que como aquela polémica Santa de Francisco Asorey*  que escandalizara ao monarca Afonso XIII en 1926, vestida unicamente cun pano da cabeza e tiraba dun xugo, e estoutra muller, a que sitúa no centro da imaxe Raúl, armada cunha fouciña, son mulleres fortes e de fondas conviciois que sintetizan, de modo óptimo e lexítimo, unha serie de simbolismos e provocan non poucas interpretaciois, tan rotundas como certas e primixenias, á vista, claro está, de quen as queira ver. Porque nestas cousas da arte e das súas lecturas hai quen sabe e hai quen quere mirar máis aló.

A frase MAIO VAI en maiúsculas e as colores verdes da tradición e da ecoloxía, degradadas sobre un fondo terroso e claro, lévannos á estética cartelística do 1900. Si, unha mirada atrás, unha provocación para facer memoria. Logo será a figura feminina que se sitúa debaixo do lema a que absorba a nosa atención e a que centre a mensaxe procurando unha chea de ecos patentes da historia e da arte que van abrindo paso. Se se quere, dende as deusas nai da fertilidade ata as grecolatinas Afrodita e Venus, deusas do amor, esas que logo o renacemento converte en alegorías como o nacer da Primavera e das que se apropia o cristianismo na figura da Virxe María. Mais a lectura máis próxima e real non nos quere confundir ao vestir a muller de labrega, humilde, nacida da terra, si, pero non tan deusa como si naturalmente humana, esa muller que dende a Prehistoria estivo ligada á terra e ao traballo das súas maos, que coa fouciña simboliza. Esa muller é parente da alegoría, sen facer muitos esforzos mentais, daquela Liberdade que guiaba ao pobo e daquelas outras promotoras románticas das revoltas que desde As Sabinas da Roma arcaica ata a famosa portadora da bandeira da revolución francesa de Delacroix, alentan co seu recordo a esta muller que vemos no cartel do Maio. Pero efectivamente a estética escollida achéganos máis aos debuxos e ilustraciois, alegóricas tamén, de revoluciois máis próximas, como a rusa, por exemplo, ou, como non, da ansiada república española. 

Esta invitación implícita en todo cartel, lembra o autor, non esquece un ritual: Cortar a cañaveira e levantar a planta do maio.  A composición de xeito mui certeiro e áxil resume todo o proceso tradicional (non sempre se evidencia ese elemento de cortar os apios dos cabalos, ou mazandois, como parte transcendental da festa) no que o factor humano é imprescindible e central. O humano é o motor do costume que, sendo muller, reúne como xa indicamos, por activa e por pasiva, unha poderosísima serie de connotaciois, complexas e vivas, que van desde a evocación ás estaciois ata a ruralidade,  desde o feminismo a todo un conxunto de reivindicaciois aludidas sutilmente: antropolóxicas, sociais, culturais e ata ecolóxicas que están detrás da filosofía do Fiandón Berciano do que o autor é un dos seus responsables. 

Agradecemos enormemente a Raúl Ochoa que con ilusión e con pericia dea lugar ao debate, que deste xeito tan positivo e interesante nos enriqueza. A vida, queirámolo ou non, está chea de contradiciois. Este cartel efectivamente cobra maior peso se o lemos no contexto no que estamos. Chegou para colocarse neste 2024 no Bierzo e na vila do Burbia,  cargada de contrastes. Está a Vilafranca humilde e campesiña, a das tradiciois de futuro, retratada na Festa do Maio e está a Villafranca ostentosa e pomposa, cargada de promesas e que reza: Hospitalitas.  

A reflexión que demanda esta ilustración é sinxela e contundente, unha aposta pola tradición e o seu futuro. As experiencias que promoven tanto a Asociación Cultural da Escola de Gaitas, como O Fiandón Berciano parecen querernos indicar que outra Vilafranca cos pés na terra é posible e necesaria, que máis aló dos museos fríos e pétreos, de igrexas e monumentos, hai outra necesaria e posible de proxectos vivos, de fondas raíces ligadas á identidade e ao patrimonio cultural inmaterial, que teñen dereito e reivindican as súas inversiois e os seus espazos de exposición. Porque tamén do pan vive o home e porque se cuadra foi muller a que o segou e o coceu.  Lembremos simplemente, mentres pedimos que tiren castañas maiolas desde os balcois, mentres que pasa o burro e levantamos os maios, que unha e outra, ambas Vilafrancas, conforman ineludiblemente a personalidade complexa dunha vila como a nosa, mal que nos pese.                                                 


   * O cartel do maio é obra de Raúl Ochoa Martínez do Fiandón Berciano, á quen lle agradecemos a súa fermosa e xenerosa colaboración.                                                                                        

Texto:  Héctor M. Silveiro Fernández / Foto:  Bernardo López Santamarina .                                                      

PROGRAMA DE ACTOS - FESTA DO MAIO 2024

ARROUPANDO A TRADICIÓN

30 de abril ADORNO DE BALCOIS: Na tarde do 30 de abril facemos un chamamento a que os veciños e veciñas da vila adornen os seus balcois con  xestas e carqueixas ou outros vexetais como mostra colectiva de recibimento da primavera para logo á noitiña achegarse ao xardín.

20,00  Saída do BURRO CRUCIS da Casa da Cultura.

22,00  QUEIMA DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR A PRIMAVERA na Alameda.   

La Púcara


CONCERTO DE PRIMAVERA:  A seguir concerto na Alameda do Grupo folk LA PÚCARA,  unha ocasión de cantar e bailar celebrando o remate do inverno.  Programamos este Concerto de Primavera contando coa colaboración do Concello de Vilafranca que vén apostando por fortalecer deste xeito cada ano esta festa tradicional, sinal vivo da nosa riqueza patrimonial. 





MAIO TRADICIONALFESTA DE INTERESE PROVINCIAL

1 de maio    

9,00  Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila.

11,00  Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.

14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior para cantarmos :  Levántate maio, bastante durmiche,  pasou un burro e non o sentiche.

A continuación comida campestre de todos os participantes no Campairo. Como xa vén sendo norma co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.


 

CUATRO CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA

1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.

  VESTIR UN MAIO HUMANO, UNHA GRAN RESPONSABILIDADE:

-  APRENDER A VESTIR UN MAIO:  Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. Pero non é doado manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.

-SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible, cos brazos e maos atadas ao corpo.  Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.

3º/  CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN:  Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente,  cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dan algo ao maio, unha copla de agradecemento,  e se non  deron nada,  botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.

4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS:  Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios, parte substancial do ritual. Trátase de agradecer dalgunha maneira  traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens á porta da casa. 

E lembrade que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio”.



BIERZO DIARIO

xoves, 4 de abril de 2024

CARTEL DA FESTA DO MAIO 2024

 


Eiquí está, xa vein, Maio, vai! Este é o cartel da Festa do Maio deste ano 2024. Asínao o autor, Raúl Ochoa, da tan querida como próxima asociación, a do Fiandón Berciano. Raúl e as mozas e mozos do Fiandón son persoas de fortes e fondas conviciois, de profundas raíces rurais que respiran un vento poderoso como o que corre entre as viñas no mes de marzo cuando a poda da xarmenta hai que apurala e xa hai froliñas ventureiras polos carreiros.  Escuitan tamén o son da vida dese xeito que se facía ao pé das lareiras e o seu latexo continuo emerxe entón, unha e outra vez, en cada unha das estaciois que o ano anda. E por que escolle a mao traballadora na fouciña que nun acto simbólico trae na outra co puño ergueito a primavera?  É altamente poderosa a imaxe. A humildade da mae segura, da muller fecunda e da labrega da terra, esa que levanta o maio lembroume primeiramente a Santa de Asorey pola raigame rural que evidencia. Non hai dubida que é humana aínda que se lle poidan dar alentos de deusa do Amor. Ecoa tantas outras alegorías fermosas da historia da Arte, esas que nos falan do nacer da propia primavera, pero tamén da Liberdade que guía ao pobo e evoca tempos revolucionarios de soviets e república.  Marabillosa esta chamada á revolta natural da estación verde,  da ecoloxía e o respecto escrupuloso pola Nai Terra. 

Hai tamén unha invitación simple e sinxela a cortar a cañaveira, como parte dese ritual inicial da festa e finalmente o lema que reza: MAIO VAI! como as augas dos ríos que encherán as chuivas do mes de abril, sonoras como os cantos que reclaman  maiolas, repetidamente, so os balcois coa eterna permanecia do éfemero de cada colleita, porque o Maio vai, o Maio vai como secaron as castañas que agora son pilongas e no outono próximo serán bullós ou mamucas, namentres ferve nas bodegas a esperanza e o futuro tras das vendimas. Maio vai como o sorrir da vida que este rostro serio e solemne que nos mira desde o centro do cartel nos invita a vivir unha vez máis. Maio vai! 

Graciñas e benzón Raúl por este agasallo temperá e rotundo. 

                                                                                                        H.S.