A MULLER, O PODER E A NECESIDADE DA TRADICIÓN.
Porque non todo van ser Las Edades del Hombre
Cremos que non é casualidade que
no ano de Las Edades del Hombre sexa
unha muller labrega a que represente, coa fouciña nunha mao e unha cañaveira na
outra, a tradición de cortar e levantar o maio de Vilafranca. É unha opción
oportuna e de progreso, tremendamente simbólica e maxistral que Raúl Ochoa
escolle para o cartel da Festa do Maio 2024 coa que non só nos invita
puntualmente a celebrar a Primavera, senón tamén a cavilar sobre o que
realmente importa. Unha proclama do festexo que se converte á vez nunha chamada
de atención a Vilafranca e, por extensión, ao Bierzo, cargada de contidos.
Insistimos, non é unha casualidade, pois cremos que calquera parecido coa
realidade non é pura coincidencia e toda obra creativa tein o seu contexto. É
cartel fermoso por si mesmo, pero que se o situamos no contexto actual e
contrastamos coa realidade énchese das flores en plenitude de lecturas posibles
e necesarias.
No ano no que se
espera como auga e maio a omnipresente exposición de Las Edades del Hombre, non parece casualidade que emerxa do maxín
intelixente de Raúl Ochoa, unha muller rural e humilde, cargada de forza que
como contrapunto nos anuncie nas súas maos manchadas de terra o poder e a
necesidade da tradición. Non é casual, é unha reivindicación que como aquela
polémica Santa de Francisco Asorey* que
escandalizara ao monarca Afonso XIII en 1926, vestida unicamente cun pano da
cabeza e tiraba dun xugo, e estoutra muller, a que sitúa no centro da imaxe
Raúl, armada cunha fouciña, son mulleres fortes e de fondas conviciois que
sintetizan, de modo óptimo e lexítimo, unha serie de simbolismos e provocan non
poucas interpretaciois, tan rotundas como certas e primixenias, á vista, claro
está, de quen as queira ver. Porque nestas cousas da arte e das súas lecturas
hai quen sabe e hai quen quere mirar máis aló.
A frase MAIO VAI en maiúsculas e as colores
verdes da tradición e da ecoloxía, degradadas sobre un fondo terroso e claro,
lévannos á estética cartelística do 1900. Si, unha mirada atrás, unha
provocación para facer memoria. Logo será a figura feminina que se sitúa
debaixo do lema a que absorba a nosa atención e a que centre a mensaxe
procurando unha chea de ecos patentes da historia e da arte que van abrindo
paso. Se se quere, dende as deusas nai da fertilidade ata as grecolatinas
Afrodita e Venus, deusas do amor, esas que logo o renacemento converte en
alegorías como o nacer da Primavera e das que se apropia o cristianismo na
figura da Virxe María. Mais a lectura máis próxima e real non nos quere
confundir ao vestir a muller de labrega, humilde, nacida da terra, si, pero non
tan deusa como si naturalmente humana, esa muller que dende a Prehistoria
estivo ligada á terra e ao traballo das súas maos, que coa fouciña simboliza.
Esa muller é parente da alegoría, sen facer muitos esforzos mentais, daquela
Liberdade que guiaba ao pobo e daquelas outras promotoras románticas das
revoltas que desde As Sabinas da Roma
arcaica ata a famosa portadora da bandeira da revolución francesa de Delacroix,
alentan co seu recordo a esta muller que vemos no cartel do Maio. Pero
efectivamente a estética escollida achéganos máis aos debuxos e ilustraciois,
alegóricas tamén, de revoluciois máis próximas, como a rusa, por exemplo, ou,
como non, da ansiada república española.
Esta invitación
implícita en todo cartel, lembra o autor, non esquece un ritual: Cortar a
cañaveira e levantar a planta do maio. A
composición de xeito mui certeiro e áxil resume todo o proceso tradicional (non
sempre se evidencia ese elemento de cortar os apios dos cabalos, ou mazandois,
como parte transcendental da festa) no que o factor humano é imprescindible e
central. O humano é o motor do costume que, sendo muller, reúne como xa
indicamos, por activa e por pasiva, unha poderosísima serie de connotaciois,
complexas e vivas, que van desde a evocación ás estaciois ata a ruralidade, desde o feminismo a todo un conxunto de
reivindicaciois aludidas sutilmente: antropolóxicas, sociais, culturais e ata
ecolóxicas que están detrás da filosofía do Fiandón Berciano do que o autor é
un dos seus responsables.
Agradecemos
enormemente a Raúl Ochoa que con ilusión e con pericia dea lugar ao debate, que
deste xeito tan positivo e interesante nos enriqueza. A vida, queirámolo ou
non, está chea de contradiciois. Este cartel efectivamente cobra maior peso se
o lemos no contexto no que estamos. Chegou para colocarse neste 2024 no Bierzo
e na vila do Burbia, cargada de
contrastes. Está a Vilafranca humilde e campesiña, a das tradiciois de futuro,
retratada na Festa do Maio e está a Villafranca ostentosa e pomposa, cargada de
promesas e que reza: Hospitalitas.
A
reflexión que demanda esta ilustración é sinxela e contundente, unha aposta
pola tradición e o seu futuro. As experiencias que promoven tanto a Asociación
Cultural da Escola de Gaitas, como O Fiandón Berciano parecen querernos indicar
que outra Vilafranca cos pés na terra é posible e necesaria, que máis aló dos
museos fríos e pétreos, de igrexas e monumentos, hai outra necesaria e posible
de proxectos vivos, de fondas raíces ligadas á identidade e ao patrimonio
cultural inmaterial, que teñen dereito e reivindican as súas inversiois e os
seus espazos de exposición. Porque tamén do pan vive o home e porque se cuadra
foi muller a que o segou e o coceu.
Lembremos simplemente, mentres pedimos que tiren castañas maiolas desde
os balcois, mentres que pasa o burro e levantamos os maios, que unha e outra,
ambas Vilafrancas, conforman ineludiblemente a personalidade complexa dunha
vila como a nosa, mal que nos pese.
* O cartel do maio é obra de Raúl Ochoa Martínez do Fiandón Berciano, á quen lle agradecemos a súa fermosa e xenerosa colaboración.
Texto: Héctor M. Silveiro Fernández / Foto: Bernardo López Santamarina .
PROGRAMA DE
ACTOS - FESTA DO MAIO 2024
ARROUPANDO
A TRADICIÓN
30 de abril
ADORNO DE BALCOIS: Na tarde do 30 de abril facemos un
chamamento a que os veciños e veciñas da vila adornen os seus balcois con xestas e carqueixas ou outros vexetais como
mostra colectiva de recibimento da primavera para logo á noitiña achegarse ao
xardín.
20,00
Saída do BURRO CRUCIS da Casa da Cultura.
22,00 QUEIMA
DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR A PRIMAVERA na Alameda.
La Púcara |
CONCERTO
DE PRIMAVERA: A seguir concerto na Alameda do Grupo folk LA PÚCARA, unha ocasión de cantar e bailar celebrando o
remate do inverno. Programamos este
Concerto de Primavera contando coa colaboración do Concello de Vilafranca que
vén apostando por fortalecer deste xeito cada ano esta festa tradicional, sinal
vivo da nosa riqueza patrimonial.
MAIO
TRADICIONAL, FESTA DE INTERESE PROVINCIAL
1 de maio
9,00
Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a
vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas,
Socubo e A Cábila.
11,00
Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos
peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das
coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.
14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior
para cantarmos : Levántate maio, bastante durmiche, pasou un burro e non o sentiche.
A continuación
comida campestre de todos os participantes no Campairo. Como xa vén sendo norma
co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.
CUATRO
CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA
1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO
DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara
de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar
para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as
para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder
montar logo o teu maio.
2º
VESTIR UN MAIO HUMANO, UNHA GRAN RESPONSABILIDADE:
- APRENDER
A VESTIR UN MAIO: Vestir un maio non é
fácil, pero tampouco é difícil. Pero non é doado manterse o máis quedo posible,
a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das
claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en
árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que
non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen
se viste.
-SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible, cos brazos e maos atadas ao corpo. Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.
3º/ CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN: Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente, cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dan algo ao maio, unha copla de agradecemento, e se non deron nada, botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.
4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS: Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios, parte substancial do ritual. Trátase de agradecer dalgunha maneira traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens á porta da casa.
E lembrade que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio”.