venres, 17 de agosto de 2018

PARA SABER MÁIS DOS NOSOS XIGANTES


Así retrataron aos nosos xigantes no ano 2015 os ninos Carolina Blanco Prieto (7 anos) e Manuel J. Blanco Amigo.
Despois da Romaría de Fombasallá e do celebración do San Roque, case esquecida no Fondo do Campo onde se festexaba, xa se vai achegando o mes de setembro e con el  volverán a bailar polas rúas da vila os nosos xigantes máis vellos, o Cid e doña Inés que cumpren este ano 157 anos, non está nada mal. Tamén vai pasando o tempo para a parella de xigantes máis popular, a de Don Quijote e esa peculiar Dulcinea que temos, cumpren aproximadamente 110 anos. Máis novo é Sancho Panza, un xigante tamén máis xenuíno porque sabemos que foron os propios vilafranquinos os seus creadores aló polo ano 1920.

Pero, sen dúbida, debemos a persoas tan sensibles como Beberide o feito de conservar estas cabezas tan antigas e preservalas para o futuro xunto coas outras de cabezudos ou ananos máis novos, aínda que hai algúas como a do Mouro ou do Requinto que, se cadra, son centenarias igualmente.


Os nosos xigantes, non nos cansamos de dicilo, son un soporte material de cartón e tea sobre unha estrutura de madeira (hoxe metálica para evitar a destrutiva acción da couza), soporte dun fermoso tesouro do noso patrimonio inmaterial, a nosa danza de xigantes e cabezudos, de cuxo conxunto debemos sentirnos orgullosos á vez de comprometidos na súa conservación.

 Para quen queira saber máis recomendamos que consulte o libro: Palillos de madeira: Os xigantes de Vilafranca do Bierzo, unha edición bilingüe do noso selo editorial: Bierzo tradicional. A Escola de Gaitas desde o seu nacemento está implicada nesta posta en valor, como ben sabedes, a través de varias iniciativas. Unha foi a celebración do 150 aniversario dos xigantes máis vellos coa publicación dun libro xa citado: Palillos de madeira, ademais da edición dun folleto, o correo especial nº34, para dar a coñecer a veciños e alleos a historia dos nosos xigantes. Eiquí deixamos un vídeo resumo daqueles eventos: