BAIXO A ATENTA MIRADA DE BELTANE DE CAROLINA OVALLE (2019)
Non pode parecer
estraño que este ano no cartel da Festa do Maio sexa unha adolescente
primaveral a que nos demande con xustiza atención. Se ben é certo que dalgún xeito cada ano que
levantamos o Maio nos estamos poñendo en pé polo planeta, o mundo natural
reclama cada vez con maior insistencia non só a nosa atención, senón tamén a nosa resolución en cumprir coa nosa obriga
de saber conservar os ciclos estacionais. As forzas da Natureza solicitan alto
e forte respecto, á vez que seguen sorprendéndonos co esplendor de cada
Primavera despois dun duro inverno, esa estación fría que tivo durmidas as
plantas e nosoutros vemos como un burro que camiña lento para simbolizar, como
fan as augas dos ríos, o paso ineludible do tempo no correr das estaciois.
Ao noso entender, Carolina Ovalle, no cartel
que deseñou con tanto agarimo, xoga con
tres claves que apuntan cara a ese espertar cíclico e necesario da Natureza que
cada vez máis nos implica: en primeiro lugar a mestura mítico-natural de elementos que flúen na Festa de xeito ancestral, en segundo, a infancia-adolescencia como certeza e esperanza de
futuro e, finalmente, o ineludible paso do tempo que simboliza o burro. Tres ingredentes que
enchen o espazo en harmónica disposición baixo a atenta mirada de Beltane...
A deusa da
fecundidade que para os lingüistas vén a significar “lume novo” (Bel-tain en céltico) seica ten o seu
encaixe coa celebración que na tarde
anterior da súa chegada, nos festivais atlánticos á caída do derradeiro sol do
inverno, enchían os campos de fachos e
lume propiciatorio de cultivos fecundos que aínda na costa galega celebran os
labregos de hoxe baixo unha denominación que fala por si mesma do poderío que
encerra. Dinlle pola Serra de Outes: Alumear o pan. Un lume e unhas cinzas que se esparcen polas
leiras cargados de desexos e promesas de boas colleitas e esconxuros do mal. Esa deusa é a que debuxa Carolina con suma delicadeza como
protagonista primeira.
Unha adolescente
figura feminina representa a Primavera, unha divindade, que parece invitarnos a
presenciar a súa entrada. Adolescencia, Natureza e Primavera veñen da mao. Se cabe, Carolina
fai máis presente que nunca, nun cartel de Maio, a estreita relación que garda
este ciclo das plantas co mundo animal. Non só se destaca o reino vexetal, que
se fai dono da festa a través da diversidade das flores, están tamén as fugaces
bolboretas que, a pesar da súa fraxilidade, contribúen á explosión da estación. Máis atrás dúas figuras tamén femininas e ás de barbureta, montando como se dun dragón se tratase nun ave vén tocando a gaita e procurando a complicidade da outra compañeira que porta un bombo. A fusión
do natural co humano no mito entra na
composición voando sobre ese paxaro (un gaio, como lle chamamos por eiquí) que
transporta unha curiosa metamorfose gaiteira, que, ademais da cor,
trae consigo o son e a humanización; ecos de gaitas ás que se suma a percusión na
procura do ritmo e dunha necesaria sinestesia.
Por outra banda, en primeiro plano preséntase
o contraste entre o burro vello coroado de flores (que é o inverno) e un
personaxe noviño mui particular que está a pé e xorde da mata de cañaveiras. El
representa a infancia con características tanto míticas como humanas, é dicir,
un elfo-nino, vestido de maio, que non é ningún dos ninos ou ninas veciños da
vila, pero singulariza a todos á vez, é dicir, os centos, os miles de ninos que
foron por un día ao longo de séculos e séculos a representación da deusa ou o
deus, o espírito da fertilidade, da árbore viva que anda polas rúas traendo por
tradición a Primavera ás xentes de Vilafranca do Bierzo no 1º de maio.
A PRIMAVERA CLIMÁTICA
Volvamos Beltane, á deusa do Norte, moura e meiga de cabelos roxos coroada de edras e rosas, adolescente á forza, pero sabedora da súa fértil e indiscutible autoridade. Obsérvanos, preséntase ante nós como disposta a falar sobre o ritmo dos meses e de algo de rabiosa actualidade, sobre a Primavera climática. Non pode ser outra, estamos en 2019 e fainos lembrar unha frase, unha consigna,
pronunciada por Greta Thunberg, unha rapaza adolescente tamén, e do norte de Europa, cargada de razón e de argumentos que
nos conmove, á vez de comprometernos na luita contra a catástrofe climática que
estamos causando os humanos. Debemos poñernos, di, en pé polo planeta!
Mergullados nunha alegoría dun mundo máxico e élfico, claramente feminino e coa sutil técnica da acuarela Carolina Ovalle, queréndose desprender de todo elemento humano, a conciencia ou sen ela, pode que simplemente por intuición, interróganos sobre a nosa capacidade de ser sensibles, de empatizar coa Natureza. Humaniza, iso si, o discurso. Somos nós os que debemos falar, aos que se nos invita a saír a
celebrar a entrada da Primavera, a que levantemos un ano máis o Maio, comamos as
castañas e, á vez de cumprir co
rito, sumemos conciencias e activos para, cada día, saber estar e seguir nesa luita pola Primavera climática. Graciñas Carolina por traernos das túas maos a atenta mirada de Beltane.
NO 30 DE ABRIL
Evocando o poder do lume purificador de Beltane, no arropar á Festa do Maio demos en crear "ex novo" hai xa cuatro anos, un evento para a noite anterior ao rito tradicional: A queima do burro do inverno, onde aunamos unha longa experiencia de rondas poético-festivas polas rúas levando ditos, cantigas e xestas en flor ás casas con humor e alegría para despedir abril. Con esta queima simbólica quixemos e queremos sumar, a todo isto que dixemos, o elemento reivindicativo de respecto co medio natural, un compromiso inaprazable e xusto.
Esta noite non podemos prender lume a ese burro do inverno que representa todo o malo do que nos queremos desprender. Este ano por desgraza non habería pouco do que liberarnos, para empezar desfacernos deste maldito virus que nos atenaza. Pero, aínda que sexa dun xeito virtual, non deixaremos hoxe de avivar a nosa conciencia e de aplaudir á xente máis nova que non está a durmir e se soubo levantar, como se dun maio se tratase, para poñerse en pé polo planeta.
Reportaxe Maio 2019 bierzotv.
Crónica da Festa do Maio 2019
Esta noite non podemos prender lume a ese burro do inverno que representa todo o malo do que nos queremos desprender. Este ano por desgraza non habería pouco do que liberarnos, para empezar desfacernos deste maldito virus que nos atenaza. Pero, aínda que sexa dun xeito virtual, non deixaremos hoxe de avivar a nosa conciencia e de aplaudir á xente máis nova que non está a durmir e se soubo levantar, como se dun maio se tratase, para poñerse en pé polo planeta.
Reportaxe Maio 2019 bierzotv.
Crónica da Festa do Maio 2019