xoves, 30 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XIX): Baixo a atenta mirada de Beltane de Carolina Ovalle (2019)


BAIXO A ATENTA MIRADA DE BELTANE DE CAROLINA OVALLE (2019)

Non pode parecer estraño que este ano no cartel da Festa do Maio sexa unha adolescente primaveral a que nos demande con xustiza atención.  Se ben é certo que dalgún xeito cada ano que levantamos o Maio nos estamos poñendo en pé polo planeta, o mundo natural reclama cada vez con maior insistencia non só a nosa atención, senón tamén  a nosa resolución en cumprir coa nosa obriga de saber conservar os ciclos estacionais. As forzas da Natureza solicitan alto e forte respecto, á vez que seguen sorprendéndonos co esplendor de cada Primavera despois dun duro inverno, esa estación fría que tivo durmidas as plantas e nosoutros vemos como un burro que camiña lento para simbolizar, como fan as augas dos ríos, o paso ineludible do tempo no correr das estaciois.

 Ao noso entender, Carolina Ovalle, no cartel que deseñou con tanto agarimo,  xoga con tres claves que apuntan cara a ese espertar cíclico e necesario da Natureza que cada vez máis nos implica: en primeiro lugar a mestura mítico-natural de elementos que flúen na Festa de xeito ancestral, en segundo, a infancia-adolescencia como certeza e esperanza de futuro e, finalmente, o ineludible paso do tempo que simboliza o burro. Tres ingredentes que enchen o espazo en harmónica disposición baixo a atenta mirada de Beltane...

A deusa da fecundidade que para os lingüistas vén a significar “lume novo” (Bel-tain en céltico)  seica ten o seu encaixe coa celebración que na tarde anterior da súa chegada, nos festivais atlánticos á caída do derradeiro sol do inverno,  enchían os campos de fachos e lume propiciatorio de cultivos fecundos que aínda na costa galega celebran os labregos de hoxe baixo unha denominación que fala por si mesma do poderío que encerra. Dinlle pola Serra de Outes: Alumear o pan. Un lume e unhas cinzas que se esparcen polas leiras cargados de desexos e promesas de boas colleitas e esconxuros do mal.  Esa deusa é a que debuxa Carolina con suma delicadeza como protagonista primeira.

Unha adolescente figura feminina representa a Primavera, unha divindade, que parece invitarnos a presenciar a súa entrada. Adolescencia, Natureza e Primavera veñen da mao. Se cabe, Carolina fai máis presente que nunca, nun cartel de Maio, a estreita relación que garda este ciclo das plantas co mundo animal. Non só se destaca o reino vexetal, que se fai dono da festa a través da diversidade das flores, están tamén as fugaces bolboretas que, a pesar da súa fraxilidade,  contribúen á explosión da estación.  Máis atrás dúas figuras tamén femininas e ás de barbureta, montando como se dun dragón se tratase nun ave vén tocando a gaita e procurando a complicidade da outra compañeira que porta un bombo. A fusión do natural co humano no mito entra na composición voando sobre ese paxaro (un gaio, como lle chamamos por eiquí) que transporta unha curiosa metamorfose gaiteira, que, ademais da cor, trae consigo o son e a humanización;  ecos de gaitas ás que se suma a percusión na procura do ritmo e dunha necesaria sinestesia.
 Por outra banda, en primeiro plano preséntase o contraste entre o burro vello coroado de flores (que é o inverno) e un personaxe noviño mui particular que está a pé e xorde da mata de cañaveiras. El representa a infancia con características tanto míticas como humanas, é dicir, un elfo-nino, vestido de maio, que non é ningún dos ninos ou ninas veciños da vila, pero singulariza a todos á vez, é dicir, os centos, os miles de ninos que foron por un día ao longo de séculos e séculos a representación da deusa ou o deus, o espírito da fertilidade, da árbore viva que anda polas rúas traendo por tradición a Primavera ás xentes de Vilafranca do Bierzo no 1º de maio.



A PRIMAVERA CLIMÁTICA

Volvamos  Beltane, á deusa do Norte, moura e meiga de cabelos roxos coroada de edras e rosas,  adolescente á forza, pero sabedora da súa fértil e indiscutible autoridade. Obsérvanos, preséntase ante nós como disposta a falar sobre o ritmo dos meses e de algo de rabiosa actualidade, sobre a Primavera climática. Non pode ser outra, estamos en 2019 e fainos lembrar unha frase, unha consigna, pronunciada por Greta Thunberg, unha rapaza adolescente tamén,  e do norte de Europa, cargada de razón e de argumentos que nos conmove, á vez de comprometernos na luita contra a catástrofe climática que estamos causando os humanos. Debemos poñernos, di, en pé polo planeta!

Mergullados nunha alegoría dun mundo máxico e élfico, claramente feminino e coa sutil técnica da acuarela Carolina Ovalle, queréndose desprender de todo elemento humano, a conciencia ou sen ela, pode que simplemente por intuición,  interróganos sobre a nosa capacidade de ser sensibles, de empatizar coa Natureza. Humaniza, iso si, o discurso. Somos nós os que debemos falar, aos que se nos invita a saír a celebrar a entrada da Primavera, a que levantemos un ano máis o Maio, comamos as castañas e,  á vez de cumprir co rito, sumemos conciencias e activos para, cada día, saber estar e seguir nesa luita pola Primavera climática. Graciñas Carolina por traernos das túas maos a atenta mirada de Beltane.


NO 30 DE ABRIL 

Evocando o poder do lume purificador de Beltane, no arropar á Festa do Maio demos en crear "ex novo" hai xa cuatro anos, un evento para a noite anterior ao rito tradicional: A queima do burro do inverno, onde aunamos unha longa experiencia de rondas poético-festivas polas rúas levando ditos, cantigas e xestas en flor ás casas con humor e alegría para despedir abril. Con esta queima simbólica quixemos e queremos sumar, a todo isto que dixemos, o elemento reivindicativo de respecto co medio natural, un compromiso inaprazable e xusto.

Esta  noite non podemos prender lume a ese burro do inverno que representa todo o malo do que nos queremos desprender. Este ano por desgraza non habería pouco do que liberarnos, para empezar desfacernos deste maldito virus que nos atenaza. Pero,  aínda que sexa dun xeito virtual, non deixaremos hoxe de avivar a nosa conciencia e de aplaudir á xente máis nova que non está a durmir e se soubo levantar, como se dun maio se tratase, para poñerse en pé polo planeta.



Reportaxe Maio 2019 bierzotv.

Crónica da Festa do Maio 2019 

mércores, 29 de abril de 2020

LETRA E MÚSICA DO MAIO DE VILAFRANCA


Este ano 2020 faise máis importante que nunca insistir que sen canto non hai Festa do Maio en Vilafranca. Este ano ademais, obrigados polo confinamento, teremos que cantar o Maio desde os balcois e non polas rúas como sería de esperar. Vai ser importante adornalos con flores e mesmo quen poida con cañaveiras, pero o relmente transcendental será que saiamos todos os veciños e veciñas a cantar esas coplas tradicionais que ano a ano se repiten, esas que aprendimos sendo ninos e ninas como un dos nosos sinais de identidade. Por iso imos facer un repaso práctico da letra e da música que cantamos o día primeiro do mes,  despois de vestir ao Maio.

A LETRA DO MAIO DE VILAFRANCA
 Dividímolas polo seu contido e función en coplas de presentación, petitorias, de insulto e de despedida. Normalmente, como José Bardasco (Chinda) tenos dito, cada unha das coplas ao cantar se repite de novo, é dicir, facíase un bis. Usamos en coherencia co idioma orixinal da letra a grafía propia do galego oriental do Bierzo deixando os castelanismos presentes na fala da zona:

COPLAS DE PRESENTACIÓN:

Marzo airoso, abril chuviñoso

sacan o Maio florido i hermoso. (bis)


Entra mayo con sus flores,

sale abril con sus amores. (bis)


Este Maio, señora é,
 este Maio que andaba de pé.(bis)

Víche o Maio, miralle ben,
 tres caralliños tamén os ten. (bis)


COPLAS PETITORIAS:
Tire castañas, señora María,
tire castañas cas tein na cociña.(bis)

Tire castañas tía Manuela,
tire castañas cas tein na mantela.(bis)

Tire castañas tía Susana,
tire castañas cas tein na romana.(bis)

Tire castañas tía Narcisa,
tire castañas cas tein na camisa.(bis)


COPLAS DE AGRADECEMENTO:
  Estas portas son de ferro,
 onde vive un caballero. (bis)

Esta casa é de pedra,
onde vive unha doncella. (bis)

Esta casa é de cristal
onde vive un general. (bis)


COPLAS DE INSULTO:
Estas portas son de de estopa, 
onde vive un zampatortas.(bis)

Esta casa é de lousa
onde vive unha roñosa. (bis)

Esta casa é de palla 
onde vive a Cagalla. (bis)


COPLA FINAL OU DE DESPEDIDA:

Levántate maio bastante durmiche,

pasou un burro e non o sentiche.
                   
                                        

VARIACIOIS PROPIAS DAS COPLAS FILLAS DA TRADICIÓN ORAL

Como toda letra produto da tradición oral presenta distintas variantes que non cambian a esencia da mesma e que se reducen á pronunciación dunha palabra dun xeito un tanto diferente, ou ao cambio do tempo verbal. Poñemos por caso unha das coplas máis populares:

Levántate maio, bastante durmiche,
pasou un burro e non o sentiche.

Hai xente que cantará onde dicimos durmichedormiche.

Este maio, señora é,
este maio andaba de pé.

Haberá alguén que cante "anda" en lugar de "andaba".

Existen máis coplas e poden ser ampliadas puntualmentedentro do grupo das petitorias ou de agradecemento, mesmo de insulto, pero o resto son sempre iguais e fixas.



A MELODÍA MEDIEVAL DO MAIO DE VILAFRANCA

Como seguro xa sabedes a melodía que acompaña as coplas que tradicionalmente só se cantaban, non había instrumentos que acompañaran as voces dos ninos nas comitivas de Maio. Esta melodía polo que puidemos investigar atopámola  de xeito moi similar, case idéntica, entre as que se conservan dos cancioneiros medievais (séculos XIII-XIV) na actual Francia. É posible que entre a poboación franca que se afincou na nosa vila, como está documentado que ocorreu naquela época, circulase esta melodía e quedase eiquí para sempre ou mesmo que xa existira no Bierzo e que viaxase logo aos reinos francos. A través do Camiño Francés, en todo caso, viaxou esta cantiga que hoxe só conserva que nos saibamos Vilafranca.

 A Escuela de Música Municipal colgou as partituras para distintos instrumentos e unha proposta instrumental que tamén axuntamos nesta entrada:

  


A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XVIII): A Primavera enche as rúas de Raúl González Fernández (2018)

   
 A PRIMAVERA ENCHE AS RÚAS DE RAÚL GONZÁLEZ FERNÁNDEZ (2018)

Castañeiro de Pobladura, obra de Raúl González
para o cartel sobre as Jornadas sobre conservación de
los bosques y árboles monumentales del Bierzo.
A Morteira 2010
Hai unha porta naquel castañeiro no souto, ao pé do Mirandelo centenario, que nos invita a camiñar polas estaciois que o correr do tempo nos debuxan.  Atravesou Raúl González esa caroca dende Pobladura para baixar á vila pola de Hermosilla ata chegar á Portaxe e ao Socubo. Eilí atopou ao Maio que quería retratar.

Raúl invítanos a ver aos nosos maios desfilando polas rúas empedradas de Vilafranca.  A música da gaita e a inocencia dos ninos van diante á par, presidindo a comitiva. Lembran como a festa se mantivo grazas a elas, logo, ocupando todo ao ancho e o centro do cadro, acaparan a nosa atención os maios mozos anónimos,  vestixios do espertar da natureza que avanzan pola vila de rúas estreitas e antigas, entre altas casas de corredores e balcois abertos á cantiga alegre e ao rumor que medra, que se intúe e insinúa, tras da mata verde vigorosa dos maios humanos. Atrás vén xente.

 Sen querer está no cadro ese río de xente que se escoita como un rumor próximo baixo a ponte. Voces de pequenos e maiores que cantan á Primavera coplas sinceras de amor e agarimo, que formalizan o rito da tradición con palabras repetidas de pais a fillos, de avoas a netas, que soan a himno verdadeiro como as flores e a alegría que arrecenden,  mentres unhas mozas coroan con edras aos seus mozos entre risos amables.

Como un elemento que non comparte a marcha cara adiante deste discorrer da Primavera e do Burbia, un home a contracorrente na beirarrúa, ao pé  dun muro de cemento, non de pedra.  Amosa colgada ás costas unha simbólica bota de viño. É como o eixe da porta que nos lembra que agora se abre, pero pode estar pecha.  Ábrese para ofrecer, a quen mira a escena, unha idea certa e sutil do movemento e vigor do conxunto do cadro que confirma que a comitiva avanza.
Triunfa a cor verde da vida que contaxian os maios que combina tan ben coa cor das pedras do chao. Novas metáforas de algo tan vello como ese fluír do tempo verde que logo se volverá amarelo no outono e como o eterno vagar dos cantos do río que fixeron posible a construción desta vila e da súa historia.

Nas crónicas históricas hai cousas que se escriben con letras de molde e nos libros de pastas duras e hai outras que quedan para contarse e vivirse sen transcendencia e altivez e non se rexistran por escrito. A Festa do Maio entra dentro destas últimas porque, a pesar de formar parte do patrimonio inmaterial que nos identifica, é ante todo un feito do común, no que participa o pobo, sen rangos ou categorías, sen afán de personalismos e sinaturas. A Primavera enche as rúas da nosa vila para escribir unha historia diferente que parta do humilde e o sinxelo festexo dos veciños que hoxe cantan o Maio igual que onte sachaban na horta.  




   Raúl González cun estilo máis realista que máxico soubo retratar  maxistralmnete o encanto entrañable do evento á vez do sentir comunal da festa. Escolle unha instantánea que tanto pode ser real como soñada. O valor da pedra e das casas que arroupan o momento que se reproduce con vigor insinuante e irreparable. Graciñas sinceras Graciñas de corazón, Raúl.



Reportaxe  Maio 2018 bierzotv

Crónica da Festa do Maio 2018

martes, 28 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XVII): Un canto atemporal de árbores e humanos de Juan Carlos Mestre (2017)



UN CANTO ATEMPORAL DE ÁRBORES E HUMANOS  DE  JUAN CARLOS MESTRE (2017)

Na liña dos ilustradores sabedores do oficio e coa complicidade do coñecemento, Mestre aceptou gustoso o reto de crear un cartel onde deixar a pegada da súa vivencia do maio da súa vila natal. Como era de esperar desenvolve ao pé das montañas un universo soñado e da memoria, complexo e imaxinativo cheo de simbolismo onde o humano se entrecruza co natural e, nesa simbiose harmónica co mesmo medio, a utopía e os soños ondean a un tempo como as bandeiras ao vento da esperanza. 

 Emerxen así os amores posibles ou imposibles semellantes ás cuquelas amarelas de abril, ou as papoulas coloradas de maio, á beira da melancolía dos ríos e das fontes nas que atopou o poeta as humildes violetas. Son persoas anónimas ás que cada quen pon o seu nome e apelidos. Sempre acertan, porque xeración tras xeración, todos os ninos e ninas da vila, que logo son mozos ou mozas e que algún día serán vellos, descubriron as estaciois cantando o Maio nesta procesión ecolóxica e nutricia que chega a todas as casas pedindo castañas. Hai quen ve así ao seu amigo da infancia, a aquel primeiro amor que nunca se esquece, ao irmao que emigrou, ao seu pai ou a súa mai que en paz descansan xa na terra. Non faltará quen vexa entre as voces corais que cantan na nosa fala a Antonio Fernández Morales, que aquel ano 2017 estaba de bicentenario e, como home progresista que era, non quixo perderse esta manifestación do pobo.

 Faltan as pedras labradas e as casas de balcois e blasois, porque á intemperie se retrata o fráxil, débil e feble do sentir humano, das xentes que percorreron durante séculos as rúas coas súas angueiras e tristuras, coas súas confianzas e ilusiois, andaron a vila ata gastala e facela vella e sobria, pero aberta ao sorriso dos máis novos e da vida que foxe e se complica e aínda é quen de celebrar o costume e convocar a todos os veciños e veciñas a cantar versos eternos das estaciois, acompañados das papuxas das amoras, reiseñores e cochorros que tamén semellan eternos.
    
A sinxeleza desta tradición, non a exime de manter latentes dimensiois épicas, líricas ou mesmo dramáticas, unha transcendencia do cotián e popular coa que decidimos representar en Vilafranca, para propios e alleos, o reiterado paso do inverno á Primavera. Usamos, como non, os símbolos. Botamos as castañas maias que debemos comer no 1º de maio para que non nos dea o desmaio, enmarcando con todo rigor e simpleza os ciclos do tempo do frío ao da calor, dos maios aos magostos, das vendimas aos entroidos. Humanizamos a Natureza cos nosos maios, que como árbores sen rostro, andan a pé polas rúas, déitanse a durmir e logo se levantan tras o paso alegórico do burro invernal.


O ECO DA VOZ DOS POETAS NOS CANTOS DE MAIO

O eco da voz dos poetas está vivo permanentemente nas palabras e, ás veces tamén, nas ilustraciois. Ocorre neste caso na engaiolante evocación coa que nos agasalla xenerosamente Mestre. Á luz da alborada primeira do mes amósasenos unha Vilafranca singular baixo un ceo azul nun avisedo das Tres Campás ou do Malvís ou da Rapiña,  onde conflúen, como as augas de dous ríos un bosque de árbores e de persoas. Densa masa de homes, mulleres e floresta centenaria avanza nun movemento que por forza é estático e medra coma as plantas con vigor confundindo corpos e madeira, sangue e sabia. Rostros que nos falan da xente nova, de rapaces e rapazas en infinito movemento que cantan a mesma canción que as aves da liberdade e da esperanza nun primeiro de maio.

Cantar o maio é anunciar a Primavera e sentir o río ferido na procura da súa confluencia entre vales angostos, ecos de amor de vento e chuvia que serán semente de rosas de vermello intenso, peixes de escamas brillantes, truitas que corren polos montes da historia, que como os amantes nos soportais se dan bicos, e so cubo da ponte dialogan coa sabia que corre polas veas das árbores no tempo da calor. Espertan alegrías de antepasados ilusionados en canciois que se poden envolver nun pano de pombas coloradas, de amarelas primulas, entre as papoulas e violetas, de ondas que coma ríos de sangue ou cireixais en flor, paren primaveras.

Prevalece na ilustración de Mestre o Maio interior e fondo, un mes tinxido pola melacolía ao ser este mes de maio no que nos deixara Gilberto N. Ursinos. Tamén un día de primavera a Parca levounos a Antonio Pereira. Ambos están presentes e dialogan coa estación evocada polo poeta. Ademais o autor emula cos pinceis ao valente poeta que se atreveu a cantar na fala dos humildes do Bierzo botando mao dos cachois de palabras da dignidade dun pobo analfabeto capaz de exercer a cultura na vendima, nos magostos, nos fiandois, no entroido ou nun primeiro de maio.

 É forte a presenza da paisaxe e da natureza na flora de raíz que arrinca retortas árbores que miran ao ceo dende a terra, a súa substancia nunha lección interminable de historia e de grandeza. Non podían faltar os peixes da felicidade fuxidía que flotan nos ríos que flúen, coma augas entre os dedos das maos, como feridas desa terra natal á que alimentan co seu líquido elemento. O burro lírico da copla asómase tamén nesta evocación que quere sobre todo ser asento da memoria e das xentes humildes e analfabetas que saben dun xeito popular e entrañable da beleza da vida e,  con esa contundencia e esa conciencia persoal absolutamente fiel, manifestan con agarimo esa comuñón coa fertilidade da Terra. Unha manifestación popular porque a beleza non é un lugar onde vaian parar os cobardes.

Graciñas, Mestre, pola valentía de ampliar o horizonte do significado deste costume milenario, carteis que ano tras ano anuncian a tradicional Festa do Maio e permiten con esa moderna transgresión creativa da mao dos seus autores que vexamos con novos ollos esta tradición singular que conservamos. Neste 2017 descubrimos a túa mirada sobre unha Vilafranca remota e esperanzada cantando á Primavera, unha masa atemporal, arbórea e humana, que entre as nosas montañas recibe o vigor da estación coa certidume dos cantos.


Reportaxe do maio 2017 BierzotV

Crónica do maio 2017

luns, 27 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XVI): Outro xeito de vestir ao Maio de Luis Fernández Sanz(2016)


OUTRO XEITO DE VESTIR AO MAIO DE LUIS FERNÁNDEZ SANZ (2016)

Deixamos nas maos dun ilustrador profesional o cartel do Maio do ano 2016 por ver que pasaba e o resultado foi moi satisfactorio e positivo.  Agrandamos as miradas sobre a nosa Festa e logramos saber que este camiño aberto á creatividade era un camiño digno de experimentar. Luis Fernández Sanz  viviu o maio de pequeno, como veciño da vila e redescobre a súa forza agora xa adulto e na distancia. Xoga coa integración do lema sobre todo da palabra Maio na configuración do debuxo ocupando o terzo superior sobre un primeiro plano dun maio que deixa ver o seu rostro humano, o do nino que leva no seu interior. Mais a aparencia simple desborda forza e vigor. Como se logra? Analicemos.

Luis parece escoller o momento da transformación do home en árbore. Para un nino ser unha árbore é como sentirse xigante por un día, revivir, sen el o saber, o ritual atávico propio do chamán que colocado no mundo de hoxe perde todo o sentido, pero que sen ter por que responder a un sentir primitivo e inocente, pode achegarse máis a unha emoción espiritual cargada de certo afán por evitar a superstición sobre como o viviu o campesiño durante séculos e un pouco menos distante doutros medos modernos como a un contaxio dunha especie de peste. O certo é que ese nino vive o momento con intesidade máxica e transcendente.

 A transfiguración das cores é un dos trazos a subliñar nesta creación de Luis. A cor verde, inevitable, pasa a ser paradoxicamente a cor ambiental. Unha atmosfera que o volve todo con grandes, manchas e matices de brochazos bruscos, pero cómplices que se dilúen por veces, e que traen ao Maio unha carga de intervención urbana, imprevista e inusual.  De todos os xeitos as tonalidades de verdes superpostas, que actúan realmente como un fondo, conlevan unha sensibilidade doce e cálida que reconcilian a súa modernidade coa tradición. A innovación do estilo pictórico dialoga coa tradición que se evoca con fluidez nunha sintonía perfecta.  

Contemplemos de novo ese rostro hierático que nos leva ao ritual  e como se presenta ese corpo que para que se confunda coa ramaxe das cañaveiras e coas cordas que os atan aínda máis, toman ambos a  mesma cor negra de trazos grosos e sólidos. Volvemos á transfiguración das cores, o vexetal e o humano unificados cunha cor que non lles pertence. A cor negra cos que se debuxan a cara e as ramas, coas que se logra profundidade e un certo xogo tímido e mui medido de luces e sombras, a cor que tamén se usa para o texto no que unha soa palabra basta, MAIO, para pechar a composición con forza e rotundidade. Trátase doutro xeito de vestir ao Maio, o que xorde dos rotuladores e do lapis.

Comentemos un detalle transcendente que transmite esta poderosa imaxe. O hieratismo e a rixidez do corpo atado que simplemente na ilustración se plasma coa posición do semblante que mira ao infinito E coa mirada interroga ao interlocutor. É unha mirada da memoria, cara ao pasado e, á vez, ao futuro ou unha mirada ao presente ao que está hoxe na rúa?.  Hai esbozado nos beizos do rapaz un sorrir prácido e paciente de satisfacción por estar e por participar e sentirse ben e identificado co costume, formando parte dun longo percorrido de séculos de celebración que festexa a entrada da Primavera, da ancestral comitiva dos homes verdes.  

Outro detalle de estilo e estética novidosos a agradecer na cartelística do maio. Como se dun cómic se tratase os logos e lendas menores embutidos en bocadillos rectangulares que nos lembran a un cómic. Unha banda deseñada na que espera ser algún día convertida esta vivencia ancestral e básica do renacer da vida e da reconciliación co ciclo das estaciois que o distante home do XXI está a piques de perder.

Hai muito de señardade nesta pintura de Luis, créanme, morriña daquel nino que vía sorprendido da mao da avoa pesar as patacas e os cebolos na romana a aquel home de boina e as maos ásperas de andar coa terra que alegre e falagueiro, enchía coa súa voz altisonante a bodega e o lagar, un día cantando e outro sen cantar tamén o facía.  Lembranzas das rúas empedradas que soben e baixan do Castelo e dun río transparente que flúe ao lonxe entre as montañas. Esa vila pola que pasea en soños e na que vive sen vivir nela.   
  
Descubrimos así, con carteis como este e con todas estas miradas que incorporamos, como sorprender e introducir innovaciois nun terreo tan pouco amigo da creatividade máis absoluta e das transformaciois radicais como son os festexos tradicionais. Logramos desta maneira incorporar elementos estéticos de hoxe para representar e expresar símbolos, costumes e sentimentos de sempre. Graciñas, Luis por vir vestir este maio cos teus pinceis e contribuír así a esta chamada á innovación,  á novedá, á outra nova visión, unha visión transformadora do noso Maio de raíz.



domingo, 26 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XV): Pasou un burro de Carolina Nieto Martín (2013)


PASOU UN BURRO DE CAROLINA NIETO MARTÍN (2013)

Unha das coplas máis coñecidas das cantadas tradicionalmente, coplas que se veñen cantando dende hai centos de anos dá orixe á fotocomposición coa que Carolina Nieto agasallounos no 2013 baixo o rótulo habitual da Festa do Maio en letras verdes perfiladas de amarelo. Un rostro infantil reclama a nosa primeira mirada, a cara descuberta dun maio humano ocupa o centro sobre un fondo confuso de follas e flores doutros maios cubertos sen rostro que ocupan a modo de marco as zonas laterais.

Han de saber que existiron muitos maios como os de Vilafranca que foron esmorecendo e morrendo para sempre en vilas tan sinaladas como Santiago ou Lugo, como Viveiro (que foi quen de recuperala) ou Mondoñedo, como As Nogais ou Portomarín. Precisamente o traballo de fotocomposición de Carolina lembranos unha imaxe icónica unha das máis antigas que conservamos do que en etnografía se chama o maio vivinte ou maio humano, En 1873 un pintor asturiano Dionisio Fierros inmortalizou"O maio de Ribadeo". A foto que axuntamos é un pormenor dunha pintura extraviada da que se conserva tan só unha fotografía. Mais o rostro do maio vivinte que escolle Carolina é feminino. Non é unha maia (ninas coroadas de flores e outros adornos vexetais) outra modalidade de festexo distinta ao noso maio que se viste de vexetal. Logo estamos documentando para o futuro da tradición os primeiros maios que visten as nosas ninas, un cambio de roles que nos parece positivo que non rivaliza coa esencia da tradición, como xa temos dito, porque a persoa que vai vestida debe ser anónima, non recoñecible, aínda que a dificultade de adaptar as estruturas vexetais ao corpo humano faga que ao longo da mañá cos movementos os rostros e outras partes do corpo, sobre todo dos máis pequenos e inquietos, saian á luz.  

En  case todos estes lugares nos que se cantaron os maios humanos que se perderon a causa de prohibiciois e transformaciois sociais que levaron consigo á desruralización, conservan a pesar de todo en textos literarios e crónicas xornalísticas do XIX e comezos do XX, momento nos que aínda estaban vivos, anotaciois e outras testemuñas das letras daqueles maios mozos, que resulta curioso contrastar coa nosa letra. As semellanzas entre as coplas de calquera destes lugares cos outros son sorprendentes, hainas e son muitas- Esta claro que se trata dunha mesma tipoloxía que se reproduce con certas variaciois, pero que responde a mesma estrutura e funcionalidade.

Estas coplas tamén manteñen estritas relaciois co refraneiro cargado de consellas do mundo rural e referencias ao calendario tradicional e isto lévanos directamente á copla que escolle Carolina como motivo central deste cartel.

Levántate maio, bastante durmiche,
pasou un burro e non o sentiche.

 Efectivamente, pouco a pouco, os ollos nos levan ao terzo inferior onde o texto da copla en letras vermellas se acompaña a un lado e ao outro de dúas imaxes emblemáticas, a do burro adornada cunha coroa de flores e a dun par de mozos levantando un gran maio. Como a base dunha columna para o cartel, a autora complementa e focaliza a nosa atención á vez na figura máis enigmática enunciada na copla e na acción ritual máis expresiva e definitoria do costume. Ambas van unidas na cantiga e funcionan como un todo indisoluble. Carolina preséntaas con todo o seu potencial evocador que sen querer nos traslada a un misterio ancestral así sintetizado e cantado por xeraciois e xeraciois de vilafranquinos e vilafranquinas.


O BURRO, O DEMO OU O INVERNO

Non podemos deixar pasar a ocasión para desentrañar por que aparece un burro na nosa copla. Fáisenos misterioso e algo escuro o seu significado porque a visión do burro na cultura popular é diversa e porque pesa muito como sinónimo de persoa pouco intelixente, algo que non encaixa, en principio, co que nos di a letra do Maio. Temos que buscar neses outros lugares onde se cantaron os maios como o noso para procurar unha interpretación axeitada. Vexamos:

 En Ribadeo:
Levántate maio que tanto durmiche,
que pasou o burro e ti non o viche.

 O mesmo en Pontedeume:
 Levántate maio que tanto dormiches,
que pasou o burro e ti non o viches.

En Celanova:
Levántate maio que tanto dormiches,
que pasou o burro siquera o sentiches.

 Pero en Mondoñedo ou Monforte de Lemos:
Levántate maio que tanto durmiches,
que pasou o inverno e non o sentiches.

En Viana do Bolo en 1914: 
Levántate maio que tanto dormiches,
xa pasou o inverno e non o sentiches.

Neste feixe de maios distintos vemos que non é o único o de Vilafranca no que se fala do burro.
Observamos que noutros lugares se fala en lugar do burro do inverno, logo podería ser unha metáfora do inverno. Pero como se chega a esa identificación?  Temos que achegarnos ao Norte de Portugal ao refraneiro e aos costumes para ver ao burro identificalo coa figura do maligno, é dicir, do demo,  e como tal de calquera mal, entre eles, como non, o inverno. A connotación negativa e de mal agoiro que tiña o burro en Roma na Antigüidade, periviviu durante a Idade Media e mesturouse con certas asociaciois cristiás que o asocian ao mal.

Outra cuestión non menor.  Por tradición oral no norte de Portugal ao mes de abril coñécese como o mes dos burros, tempo no que remata o tempo malo. Parece claro que no Noroeste peninsular subsistía esta superstición asociada á data do 1º de maio de evitar os mordiscos do burro ou que che morra o burro, que chega de xeito distinto ás coplas dos maios humanos:
 Levántate maio que tanto dormiches, 
pasou unha besta e nona mordiches. (Verín)

Por último indicar que o verbo durmir está ademais ligado á idea de esmaiolarse, é dicir, non desmaiarse que se evita, como xa se comentou tantas veces, comendo as castañas maiolas no primeiro de maio. Un dito mui común a ambos lados das montañas orientais de Galicia que chega ata Dragonte ou Landoiro, como non.

 Existen coplas máis modernas nas que en lugar do burro ou do inverno, aparece abril, mesmo outro animal, o cuco, evocando claramente o paso das estaciois ou o cambio estacional que se asenta co mes de maio para o rural europeo desde tempos remotos como certifica a deusa céltica Beltane. Poden seguir afondando no tema algo máis temos escrito no 2013 no enlace: Por que un burro? 

Finalmente o feito de levantar o Maio non precisa unha explicación porque é tan potente e transparente o seu significado como teatral e simbólica a súa escenificación. Ao igual que a copla tamén se repitía como se dun eco se tratase en case todas as vilas e lugares onde houbo algún día un maio humano.  Mágoa que sexa só en Vilafranca onde se manteña vivo este costume antigo e singular, ademais de orgullo por conservar a nosa vila unha peza tan común do folclore relacionado co calendario rural. Este baleiro terrible que é a despoboación que experimentan hoxe os nosos pobos e aldeas amosa claramente a debilidade que o patrimonio inmaterial ten á vez da transcendencia da súa preservación.
Carolina e toda a súa familia é tamén unha desas familias intimamente vencellada coa experiencia de revitalizar as tradiciois da vila. Xa citamos a Isabel, a súa irmá, no seu traballo na imprenta ao que temos que engadir entre outros o da edición a Unidade Didáctica sobre os Maios. Poderíamos lembrar  a súa avoa, ao seu  pai, a súa nai, ao seu home ou ao seu fillo, todos activos participantes nas comitivas de maios. A Carolina esta familiaridade co costume, co patrimonio tradicional, sempre lle serviu de alento creativo, pero tamén o é a Natureza, de aí que non sexa estraño que se sumase a ofrecer a súa mirada sobre a Festa do Maio onde ambos camiñan da mao. Graciñas, Carolina.
  

sábado, 25 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XIV): Coidémonos, vén xente! de Javier Nespral Fernández (2012)


Préstame, chuvia, as túas palabras
e ti, vento, as ideas tan longas.
Déixame o teu rezo breve, río,
e o teu branco saúdo, neve.


COIDÉMONOS, VÉN XENTE! DE JAVI NESPRAL FERNÁNDEZ (2012)

Este cartel é como un gran poema que comeza en marzo ou abril cun canto da Natureza, da Terra que se estremece, coa dor dun parto. Esa negra Terra que cuspe, como sangue do peito, primaveras. E todos os montes son maios en flor, a negra Terra onde prende a raíz. 

A terra que se pisa.
A terra que se queima e que se crava.
Ese enorme lenzo onde o home debuxa o seu capricho.
Onde o home se perde e se revolve en sombras.

 Un parto que é, como cada Primavera, unha revelación do poder da Natureza indignada cos seres que habitan a Terra sen querela e respectala. E da Terra nace un Maio titán que xa non é humano, é simplemente a árbore que anda e vén co exército do bosque tras dela.  Soutos enteiros desde Corullón e Pobladura ou Vilar de Aceiro,  centos de fragas e matas de rebolos de Sobrado, Oencia e Os Currais, a Morteira fértil de Teixeira, unhas oitenta ou noventa bidueiras da Veiga e ata un faial de Busmaior dispostos a enchelo todo de salvaxe follaxe e non darlle tregua ao home cruel que ansía desertos e miserias. Porque todo agroma e reclama xa a fin do inverno, un ciclo que nin ela mesma sabe mui ben por que se repite cada ano. Mais resta pouco tempo para que o Planeta ferido ou ben recupere o seu equilibrio ou os seus danos sexan irreversibles e o futuro incerto para milleiros de especies entre a que está o ser humano.

     Xa está eiquí. Canta o cuco e ouvean os lobos nas montañas, os osos aparéanse e o titán Maio avanza . Vén para invítarnos á rebeldía da Terra despois de cada fría invernía que ela mesma dramatiza para nós.  A fin do cru inverno ao nacer a verde flor da primavera, o canto dos paxaros e o amor que brota imparable dos corazois dos homes e das mulleres, é capaz de rexeneralo todo para facer da Terra unha nova e fermosa esperanza que medre nun mundo mellor e de paz para as especies que comparten nicho ecolóxico sen abusos, pesticidas e incidenadoras...

Coidémonos, vén xente! 

Entra un home en escena achégase á fraga e di: "Así Deus me salve se non me parece que estivese animado o bosque enteiro".  

Efectivamente os habitantes do bosque aliáronse para enfrontarse aos problemas que alteran a súa prácida cotidianidade.  Este é o trasfondo deste cartel de Javi Nespral Fernández. Un poema da creación que está por concluír no que o bosque,  a Terra e o Planeta están en alerta,  á espera tras do parto. O Maio titán creado por Javi coas texturas rugosas de madeiras de castañeiro e bidueira clara, emerxe rotundo da Terra como entre montañas verdes. Ese ser vexetal que lembra por tantas cousas a unha árbore, cun rostro un tanto caprichoso e animal, porque ademais de boca escura, máis propia dos carocos dos castañeiros, presenta un ollo único ciclópeo, uns cornos leñosos e unha cerviz chea de polas e ramaxe densa. Apoia as súas raíces-maos nas fendas dos montes ladeiros para saír do interior, da negra terra . O nacemento natural prodúcese nunha luminosa alborada que ilumina a parte alta en azul e branco, un ceo insinuado e insinuante onde se coloca a lenda escura: Festa do Maio 2012.

A Javi Nespral, seu pai e súa nai, Toño e Pili, quixeron educalo no respecto á Natureza e ofrecerlle un mundo mellor, que pais non desexan iso aos seus. Pero axiña comprobaron con tristeza que a defensa da Natureza esixía un paso máis imprescindible para o futuro inmediato do Planeta, porque non pode ser sempre inverno. Esta é unha lección tremenda que os máis novos, como Javi, entenderon dun xeito global. 

Ademais da expresión da creación como un esforzo titánico, pero natural,  Javi  ilustra cunha tremenda intuición ese lema tan actual que berra: En pé polo planeta! Algo que hoxe se fai obvio, Javi transformouno neste ser cunha magnitude e unha fortaleza inusuais e poderosas.  Mais o perigo está ai,  o do home depredador de primaveras ao que se enfronta o máis atávico da Festa, o máis contundente e irracional da harmonía do poder de Natura.


O BERRO DA NATUREZA

 Cada ano a propia Terra, rememora o seu vigor vexetal e nas épocas de crise e seca, como a presente, vén a mostrar a forza, a resistencia e a rexeneración como ferramentas útiles, tamén para os humanos.  Somos xente da que coidarse para Natura e ela só pide de nós compostura e respecto. Tratamos á Terra indignamente e castigámola de seguido non co ir e vir dos arados, pero si coa industria tóxica, a incineración e os incendios, as talas masivas, a contaminación e o quecemento global.

 Mais a escena seguinte, o final feliz está tamén escrito na tradición, é o do respecto á harmonía coa Natureza e a economía sostible, no que o ser humano se atopa a si mesmo na xustiza climática. Eses humanos sensibles que non queren ver como sofre o Planeta,  son a esperanza. Se somos xentes amantes de algo tan sinxelo que o quecemento do noso mundo fai revolucionario, debemos festexar a entrada do tempo da flores, a calor e do amor procurando a raíz da revolta na que fagamos parte os humanos tamén da rebelión nas nosas vidas á que nos chama a sabia Natureza. Poderemos ventar, tamén nós, tempos de fértil progreso na república da felicidade.  O bosque e a Terra que nos crea e nos acolle, que nos ofrece e nos impón xenerosa cada Primavera, entrega neste parto, con cada parto, unha oportunidade para soñar coa revolta e un Maio verdadeiramente humano e integral.


Javi logrou co seu cartel botar un berro de dor que nace nas mesmas raíces da Terra. Lembren,  aí está!, erguéndose entre os verdes montes. Resoan polas montañas as forzas da vida vexetal e animal que tan frecuentemente estragamos coa nosa desidia depredadora dunha humanidade deshumanizada. A Primavera reclama, unha vez máis, compromiso coa defensa da Natureza a prol do Ben Común. Festexemos pois o noso maio cos corazois de flores cubertos e cantemos xuntos:

- Levántate maio, bastante dormiche!




Nota: Agradecemos a Javi este berro de Natureza, ao poeta Manuel Rivas os seus versos inspiradores do seu libro Mohicania e a Wenceslao Fernández Flores a súa xenial idea dun bosque animado. 

venres, 24 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XIII): O castañeiro, a castaña e o Maio de Andrea Fernández Silva.


O CASTAÑEIRO, A CASTAÑA E O MAIO DE ANDREA FDEZ SILVA (2011)

Cuando dicimos que a Festa de Maio é unha convocatoria aberta a festexar a Primavera en Vilafranca para os bercianos, non o dicimos de por dicir. Cremos sinceramente que é un sinal de identidade do Bierzo tradicional, do Bierzo rural, do Bierzo ecoloxista, do Bierzo galego falante e do Bierzo alternativo e mozo. Precisamente unha rapaza nova estudante no Instituto de Vilafranca,  Andrea  Fernández Silva,  cunha vocación artística enorme, presentouse antes nós motu propio, un deses días ventosos de marzo ou tal vez do abril chuviñoso do 2011. Dixo que tiña unha idea para o cartel do Maio. As súas maos novas despregaron logo unha visión novidosa e moi persoal da Festa ante os nosos ollos.  Representada tal vez unha lenda, ou quizáis un afán por descubrir un Bierzo diferente e  permeable aos seus soños de futuro.

  Este cartel introdúcenos efectivamnte nun Maio soñador e no mundo máxico animista e alegórico que rodea o espertar da Natureza. Chama a atención un gran castañeiro, o avó anfitrión que diría Pepo Nieto, que comeza a botar a folla, como querendo espertar do inverno. Ao pé da árbore centenaria un labrego que cremos representa a vella tradición oral está de xeonllos na Terra. Está rematando de vestir a un nino de Maio que ocupa o centro da composición. Fíxense que o vestiario dun e doutro son ben distintos. O home leva boina, chaleco, camisa branca e uns pantalois con remendos, pero o rapaz ao cal só lle vemos a cara leva uns tenis ben modernos. Seguindo o seu estilo e criterios propios do realismo máxico unha nina loira cunha coroa de flores, co seu mego cheo de castañas emerxe dunha rosa enorme amosando na súa mao unha castaña maia. Observando atenta a escena que acontece aos seus pés, unha figura élfica feminina alada voando cos cabelos ao aire propicio do tempo da calor tocando a gaita. No cartel non deixa de haber detalles como as letras amarelas que por veces están cheas de agromos verdes...

Vaiamos por partes para poder interpretar esta alegoría. A árbore é significativamente fundamental, o elemento máis impactante que ocupa coas súas raíces, o tronco co caroco e todo e as ramas un protagonismo destacable.  Por que? Porque está intimamente unido ao Maio. O ciclo do ano no Bierzo está marcado polo castañeiro que agroma ou bota folla en maio e que remata, despois do vrrau, perdendo a folla pouco despois de que aos ourizos cargadiños dun xeito riseiro lles dea por pingar enchendo os soutos de castañas e de xentes que acoden axiña a apañalas cos seus megos nas maos e poder festexar o magosto.

Curioso este ciclo que vai do magosto ao maio, ambos teñen como elemento común a castaña, verde unha , seca a outra. Coincide plenamente co calendario dos antigos celtas. Samaín e Beltane as deidades que eran obxecto de veneración nos días 1 de novembro e 1 de maio, marcando o tempo  do frío e fin das colleitas e o da calor e principio da fertilidade.

Por outra banda a árbore encerra en si mesma unha poderosa símboloxía que se pode aplicar a esta obra de Andrea perfectamente. As súas raíces afundidas na Terra fan da árbore garante da conexión  do pasado co presente que se sitúa á altura dos humanos, é dicir, no tronco. Precisamente ao pé do castañeiro  sobre as raíces que transmiten a esencia da tradición, un labrego vello identificado, coñecedor e con conciencia da terra, viste a un mozo de vexetal, de árbore andante, de maio humano ou de home verde, como desvelándolle o costume aos máis novos, ocupando a parte central da ilustración. E se miramos ao ceo, ás polas da árbore, vemos o futuro o ideal que se enreda entre verdes agromos das varas do castañeiro: A FESTA DOS MAIOS. Andrea quere, non o dubiden, nova como é, que vexamos que a raíz do futuro está no respecto o ciclo natural e a tradición, un territorio que está aínda por conquistar ou que tal vez non sexa máis que o presente soñado.


O SÍMBOLO DA CASTAÑA

Pero desviemos a mirada cara a esquerda porque emerxen ou flotan dúas personaxes que nos mergullan no mítico e máxico do rito. Dúas personaxes cargadas de significado que completan e complementan o conxunto equilibrando a composición.

A  nina loira coroada de flores que pode ser a mesma Primavera, ou o seu espírito, nace dunha rosa de grandes proporciois, propio dun soño como se dunha Venus de Boticcelli con máis candor e inocencia se tratase toma unha iniciativa. O novo mui presente. O labrego vello que está rematando o seu labor, parece mirar para ela atento porque ela é tamén a que aporta outra compoñente á tradición, amosa nunha mao a castaña que sacou do seu mego. Lémbranos o ciclo da castaña.  Unha simple e sinxela castaña pilonga ou, se se quere, castaña maia.



No tempo de María Castaña, antes de vir a pataca de América o ciclo da castaña era ben coñecido por Europa enteira, a Europa rural e agraria. Hoxe só territorios de castañeiros seculares, como o Bierzo, manteñen vivo na súa memoria o costume culinario, cada vez menos arraigado, do uso da castaña seca para o consumo diario como alimento básico  que conservado con sumo coidado duraba habitualmente ata o mes de maio no que a terra comezaba a producir outros alimentos frescos e comezaba outro ciclo. É por iso que a castaña está tan presente nas nosas coplas: Tire castañas tia Susana, tire castañas que as tein na romana"

Por non deixar cabos soltos, recordar que o símbolo da castaña tamén ten dous momentos relevantes no calendario nos que se botan arrefatiñas dende o alto. No día de Defuntos se botaban desde os campanario das igrexas, un costume xa perdido, simbolizando a alma dun morto pola que se rezaba para librala do Purgatorio e cun valor tamén positivo no primeiro de maio, hai que tomala para que non che dea o desmaio.  Esta práctica que estaba a piques de desaparecer transita segura polo século XXI na memoria dos bercianos grazas a revitalización soñada da Festa do Maio.


Aínda nos queda por comentar algo da personaxe alada que se eleva tocando a gaita. Seguindo o fio do xa dito está no alto e pode representar muitas cousas, pero case todas dirixen a nosa mirada cara ao ceo, ao futuro de novo. Pola gaita identificámola claramente coa melodía cantada, as coplas do Maio, que é etérea, soa poderosa e sobe cara as alturas. Cada nina ou cada nino que aprende a canción e a canta, cada xeración que entende e transmite a tradición é unha aposta segura e con futuro.
   
 A modo de consella. Muitos pensan que para labrar o futuro hai que afastarse e mesmo esquecer o pasado, e non é certo. Aquel pobo que non ten memoria do que foi e non ten presente o seu pasado será o que non teña futuro. O Bierzo novo está chamado a recoñecerse no seu pasado, saber da súa identidade e non perder as súas tradiciois para ter futuro. Andrea dun xeito magnífico quixo expresar isto mesmo. Graciñas pola túa iniciativa e por facernos partícipes a todos dos teus soños.


xoves, 23 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DO SEUS CARTEIS (XII): Unha fantástica comunidade participativa de Lucille Breaux Fernández (2010)


UNHA FANTÁSTICA COMUNIDADE PARTICIPATIVA DE LUCILLE BREAUX FDEZ(2010)

Esta cartel, queirámolo ou non, é un canto fantástico ao colectivo, ao plural, ás persoas que fan posible a Festa do Maio. Ata o de agora falamos da planta, dos símbolos, da transcendencia do anónimo da figura vexetal que sacamos ás rúas e prazas, pero faltaba reparar na tremenda funcionalidade social que provoca este festexo nos veciños e nas veciñas. De como esa veciñanza participa da Festa.

Lucille Breaux Fernández, se non foi a primeira, está entre as primeiras rapazas que se vestiu de Maio. Un síntoma de normalidade para a Festa do Maio este da incorporación da muller, anónima por tanto tempo na historia, a encarnar ela tamén, e con todo o sentido, a figura do maio humano. Esa experiencia de interiorización que supón sentirse un Maio, cremos que a trasladou de xeito irremediable a esta fotocomposición que ten, como non,  un algo de autorrretrato. A primeira vista representa a un Maio da pé cun rostro, o da propia Lissi.  Ela mesma vestida de Maio é o punto de partida, pero  a seguir a nosa mirada comeza a perderse nesta collage que ten muito de emocional e recoñecemento próximo a quen corta as cañaveiras, viste aos maios, fai coroas de flores, a quen se viste de Maio, canta as coplas, toca a gaita, tira castañas, toca o tambor, recolle as moedas nun mego, tumba ao Maios e os volve a levantar, corta coa navalla as cordas que te atan, os que liberan aos que foron vexetaias e aos que organizan a comida e bailan ata o final da Festa.

Efectivamente entre primeiros planos de flores mergullando nas cañaveiras deixa entrever rostros de rapaces e rapazas, de ninos e ninas, que se van vendo, detalles que se van concretando e que xorden dun sin fin de imaxes de distintas festas do maio dando idea de celebración colectiva que é. Unha funcionalidade social que a festa do maio cumpre e que, á vez, representa con rostros ben coñecidos para calquera habitante de Vilafranca.  

 Cuando os seres humanos vivimos unha festa detemos o ritmo habitual diario para marcar o noso existir. E paramos todo ou non funciona o evento. Estamos facendo posible esa sensación marabillosa da participación colectiva, común e conxunta dunha comunidade á que algo inusual lle ocorre. A dinámica do calendario é esa. As marcas ou días de festa que rachan a cotidianeidade e favorecen que unha sociedade se sinta unida arredor dun acontecemento. E o Maio en 2010 xa se vivía como unha festa plena na que se dilúen protagonismos e o eu convértese claramente nun nosoutros e logo nun nós.

 Lucille puxo así o punto sobre o i. Tivo unha idea xenial. Configurou un maio de maios, aos que sacou do seu anonimato colocándolle rostros como cuando xa se van desfacendo do traxe vexetal, para deixar ver as costuras que son as cordas coas que van atadas as cañaveiras, de tal xeito que cada vez asoma máis o rostro humano que as sostén. Non se podería plasmar mellor o feito de que unha festa popular non é filla de ninguén e de que sen as persoas que a arroupan, unha a unha, non sería nada.


COLECTIVO EN FESTA

Que une á xente? Interrógase Lucille. NO cartel é o Maio o que une a xente de forma literal. E aí temos a diversidade de tipos de vinculos inter persoais que afloran rodeados de flores e baixo unha lenda fosforescente que pon Festa do Maio. Están os afectos da pandilla de xogos, deses amigos/as da infancia que van distanciándose que cuando se atopan é como se non pasaran os anos, da amizade adolescente e os primeiros amores, do compañeirismo,  da  vecindade, do barrio e da parroquia e mesmo do pobo e do local fronte ao alleo, o resto do mundo. A personalidade vista como unha creación colectiva e dinámica.   A diversidade de relaciois que existen entre as persoas viaxa en paralelo coa pluralidade da sociedade.  Deféndese mui ben coa festa do indvidualismo.  De aí tamén que unha parte substancial das coplas invite a participar nela, e que, logo, con cortesía se agradeza a colaboración, a empatía. Non son logo innecesarias, son imprescindibles na canción do Maio as coplas malintencionadas e crueis coas persoas que non dan ou colaboran, porque este costume vive  dos lazos de unión e castiga o individualismo á quen non quere formar parte da Festa raiando o insulto. Por iso consérvse na memoria a pesar de que son raras as ocasiois nas que se cantan porque todo o interpelado responde positivamente.

No cartel están fotografados arredor de 60 rostros recoñecibles. Narra máis de 50 situaciois, miradas xestos, circunstancias e outras tantas imaxinables. Subliña que detrás da Festa afortunademente hai máis que un grupo pequeno, pero importante, de participantes e de colaboracois. Incluso faise visible no numeroso grupo de patrocinadores cos seus logos.

Outra das virtudes da composición é situar ao lado dos diversos momentos polos que pasa a celebración nas últimas décadas, dende o comezo ao final, os rostros coñecidos e concretos. Por que un colectivo para que o sexa implica a suma de personalidades diferentes.  Un carro tirado por Oswaldo acompañado de dous rapaces máis novos que veñen de cortar os mazandois. Se nos fixamos nos detalles vemos a Rocío tirando castañas dende o seu balcón, aos varios gaiteiros da Escola, a Cristina e Vellina, a súa filla, Blanca, a José Ángel, a Carmen, a Artur, a Miguel de Maio, e a Toni que o imaxinamos sorrindo e sentado enriba dun, as gaitas e outros instrumentos e a comida na que nos xuntamos para compartir tamén. E no centro, como dixemos a figura dun Maio, dun Maio de humanos. Ninos e ninas, maiores e familia, persoas amigas e coñecidos, iso é unha festa. O mellor de todo é que ese espírito común de vivencia da comunidade estaba aí dende o comezo primitivo da Festa do Maio, da que se facía se cuadra xa antes de seren Vilafranca unha vila.



Este cartel é, en definitiva, o retrato da maxia do local onde o colectivo ten un certo límite e á vez unha dimensión particular e concreta que suma individualidades. Aí entre o común e o propio está tamén a familia. E hai unha familia a que lle debemos muito neste proceso de revitalización do maio que erguemos entre todos. Esa familia é a familia de Lucille.  É desas familias que viven o Maio ao completo. Lola, súa mai e John seu pai fixeran dez anos antes, no ano 2000, unha fermosa exposición sobre o significado e transfondo da celebración da entrada da Primavera partindo da experiencia local. Quen non saboreou as tortillas ou un groliño dos licores da avoa de Lucille, Rocío, cuxo balcón sempre florido é dos máis xenerosos en castañas e noces. De Gonzalo e da súa tía Cristina, a gaiteira da Escola, autora de tantos carteis e cariños para a Festa, e do resto de tíos Toño, Nando, Blanca, Conchi ... É unha familia tan grande como espléndida, (desculpen que non os citemos a todos).  Pero de quen non nos podemos esquecer, é da súa filliña, Iria, que non por casualidade naceu un primeiro de maio e sempre celebra o seu cumpreanos cantando o Maio. Ela tamén aparece entre os rostros do cartel, como o do seu padrín que escribe este texto e tanto lle ten que agradecer.

Esa tremenda complexidade de caras, ese orixinal entramado de instantáneas que eiquí se xuntaron para crear un gran colaxe sobre o colectivo e o participativo que é hoxe o Maio de Vilafranca explica dun xeito moi orixinal que xa non é unha humilde festa de ninos de tempo atrás, aínda que sen eles esta celebración non sería a mesma. A vila entendeu que era realmente unha Festa de todos e de todas, tal e como se plasma á perfección neste cartel do ano 2010




mércores, 22 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XI): Cañaveiras cortadas de Isidro Canóniga (2009)



CAÑAVEIRAS CORTADAS DE ISIDRO CANÓNIGA  (2009)

Un fotógrafo especialista en capturar a natureza viva nas súas imaxes e un dos habituais participantes na Festa  á que asiste en calidade de berciano de Cacabelos, é o autor deste cartel. Para acceder ao código que utilizou para realizar o seu cartel hai que dicir deste amante da natureza e da tradición dicir que é quen de estar horas no bosque de Barantés ou nos montes Aquilanos coa cámara na mao á espera dunha raiola de sol para que ilumine unha determinada luz a árbore que enfoca co seu obxectivo.  Só un home con tanta paciencia e que patea os soutos, os montes e os ríos é capaz de fotografalos coa fidelidade de Isidro, pero só el chega máis aló, insistir en volver a mañá seguinte para ver se aquel carballo que naceu onte dunha landra entre as follas secas, xa tein a altura precisa en centímetros que el quere inmortalizar.   Non deixa cabos soltos nas súas composiciois e encuadres. Non é amigo de improvissaciois.  Autor dunha enorme colección de imaxes da natureza berciana  obsesionado, no bo sentido da palabra, coa luminosidade ata o punto de usar durante un período grande da súa faceta como fotógrafo, exclusivamente a diapositiva, no ano 2009 acababa de iniciarse noutros formatos e achegouse á Festa do Maio. A idea era experimentar co inmediato, introducindo na súa obra fotográfica un ritmo distinto ao incorporarse á imaxe dixital. 

Foi logo Vilafranca e o Maio do 2008 o seu campo de experimentación, ademais de ser unha festa da Natureza, o Maio é unha festa de imaxes, unha boa oportunidade por ambos motivos para probar fortuna.    O impacto que lle produciron as cañaveiras cortadas, unha das imaxes captadas á primeira hora da mañá desa xornada, é evidente. Un feixe amoreado momentos antes de cobrar significado ao pasar a formar parte do vestido do vestidos dos "homes verdes", centrou a súa atención. O golpe da folla fría das fouciñas ou das navallas afiadas estremecen a Isidro,  a acción humana atroz e cruel sobre a planta á que lle outorga, coa mentalidade dun reporteiro gráfico, toda a exclusiva.  Total protagonismo das cañaveiras cortadas para interrogarnos sobre o por que, un por que resolto co lema "Festa do Maio" de letras brancas, a única presenza aparente do ser humano no cartel.

 Relata pois o triste sacrificio,  pero alegre destino amargo da planta que finalmente será a que arroupe ao ser humano e o cubra por completo, como se dunha mascarada se tratase ata semellar mesmo unha árbore que anda.  Na foto conmovedora ata mesmo pundo de encoller o corazón dunha mirada sensible, non deixa de haber unha queixa pola morte, un morrer fecundo que vai significar paradoxicamente vida e fecundidade polas rúas da vila. É, aí está a protesta, son en definitiva unhas cañaveiras cortadas que xa nunca serán semente e ás que lles furtamos os humanos o seu ciclo  xusto cuando están máis vivas, floridas e fermosas.

A acción do ser humano sobre a planta, a agresión do home debe ser finalmente entendida como a metáfora da necesidade da morte para que haxa vida, xa o temos comentado noutras entradas. Tamén queremos sinalar que os cortadores de cañaveiras son instruídos pacientemente cada mañá do 1º de maio para que entendan que non se pode cortar a eito todas as plantas. Indícaselles con insistencia que hai que ir deixando sempre exemplares vivos sen cortar para que se reproduzan e que as súas sementes, ao ano seguinte, dean lugar a novas plantas que vexamos florecer.

 Castañeiro; Pobladoura de Somoza en El invierno
berciano en imágenes
de Isidro Canóniga na páxina
https://meprestaelbierzo.com
A planta cortada, a protagonista é o Smynium olosatrum,  a cañaveira, o apio cabalar ou os mazandois. Algún día foi usada na cociña como hoxe usamos os apios, de feito é unha apiacea da familia das umbelíferas e contan alguis que os romanos trouxéronna máis ao norte para usala como alimento. Se cuadra por iso era frecuente vela nos mosteiros medievais en terreos arxilosos.  Ao seu cheire forte e a súa máis que posible procedencia mediterránea, débelle o nome grego smurna que o relaciona co aroma da mirra, e olus atrum en latín “herba negra” non porque sexa escura a planta, senón que o é a súa semente .  O seu uso como mediciña queda constatado na época de Carlomagno que a cita entre as plantas medicinais a cultivar, aínda que na antigüidade clásica Teofastro e Plinio tamén a citan.

Hai quen di que para vestir ao maios usaba o sabugueiro. Con ser unha das árbores máis respectadas pola mediciña popular, non temos unha constancia fidedigna que o corrobore no caso da nosa vila.

Volvendo ao autor diremos que quen queira coñecer mellor a súa obra pode botarlle un ollo ao apartado gráfico do libro Un futuro para o castaño editado en 2010 pola Asociación A Morteira, unha asociación e un libro ben queridos e dignos de gabanza cos que a Escola de Gaitas gardamos tamén, como con Isidro, unha estreita e entrañable relación de colaboración, ademais de múltiples vivencias non só nos magostos ou na Festas do Maio. Graciñas Isidro.


A FESTA DO MAIO DECLARADA 
DE INTERESE TURÍSTICO PROVINCIAL NO 2009

Nun blog encomiable do compañeiro Oswaldo Pereira, miradas 3, facíase este comentario ao anunciar a Festa do Maio do 2009: 
"Este año el cartel elaborado por nuestro amigo Isidro Canóniga está limpio, no hay ningún patrocino ni apoyo de ninguna institución, tan solo se cuenta con la ilusión y la participación de todos los que cada año participan en los diversos cortejos de mayos que salen desde los distintos barrios de Villafranca."

 Pero os apoios institucionais silentes foron sorprendentemente inesperados e ben recibidos. Non podemos obviar un feito que se produciu naquel ano 2009 e que se nos confirmou despois  de editar o cartel polo que non deu tempo a incorporar a declaración da Festa do Maio como de Interese Turístico Provincial por parte da Deputación de León. Foi a primeira vez que Vilafranca do Bierzo conseguía un recoñecemento deste tipo nesta categoría de convocatorias. Todo un honor e unha responsabilidade, non nos cabe ningunha dúbida,  da que é xusta merecedora a nosa vila.  Foi fruito de muitos anos de empeño colectivo en revitalizar a Festa e dun traballo previo de documentación que viñamos elaborando desde o 2008 e que logo xestionou con acerto, está ben dicilo, o Concello de Vilafranca a través de Conchi López. 

De todos os xeitos hai que advertir que non queremos facer do costume un espectáculo que o separe da súa esencia tradicional. De sempre pretendemos que a nosa tradición máis ancestral non perda algo que lle é consubstancial: o carácter local, participativo e popular, evitando na medida do posible unha masificación esaxerada que impida o seu desenvolvemento natural, en gran medida espontáneo e auténtico.