NOVE FITOS DA DÉCADA DO 90
Actuación da Escola de Gaitas (Vilafranca 1993) |
Ao achegarse o XL aniversario da nosa agrupación non está demais volver a vista atrás por ver que se ten andado e o que resta por facer. A Escola de Gaitas na década dos 90 podemos dicir que coa súa maioría de idade puido impulsar unha serie de iniciativas que a colocaron na vangarda da cultura e a lingua galegas no Bierzo, un valor referencial gañado a pulso que non foi nin doado, nin gratuíto. Tivo os seus custes, conlevou superar os seus obstáculos e os seus debilidades, á par de alcanzar satisfactoriamente varios logros.
Esta claro que a Asociación Escola de Gaitas entrou nesta década dos 90 xogando ese papel contracultural relacionable co denominado "boom" da " Música Celta", que evidentemente nos beneficiara xa nos anos 80 (Norberto Magín Prieto nun estudo recente indica que fomos un dos grupos bercianos que participou en máis Festivais desta década) aínda que non respondiamos ao cen por cen ao modelo dos músicos do folk actual que define mui ben Javier Campos no seu traballo sobre a gaita titulado Fiesta, identidad y contracultura. Era debido a que procuramos non afastarnos nin da festa nin da identidade, é dicir, de consevar no posible a funcionalidade da esencia do transmitido polos nosos vellos gaiteiros, sabendo abrir un camiño para sermos algo máis que uns gaiteiros, sen perder a personalidade e isto produciuse fundamentalmente nos anos 90.
Efectivamente á altura do ano 1990 converteramonos xa nuns gaiteiros novos con certa presenza, herdeiros dunha chea de costumes arraigadas que reclamaban futuro, dispostos a comezar unha viaxe longa e rica en experiencias como tal, pero deramos tamén un cambio de rumbo de importancia ao colocar nunha das nosas metas algo mais que a recuperación e revitalización da música tradicional da gaita para o Bierzo, sumámonos decididamente á defensa da conservación dunha das tradiciois máis vellas da comarca como é a fala, a lingua galega.
De 1989 ata 2001 vai máis dunha década, pero cómpre que falemos desta etapa baixo nove epígrafes que abarcarán cada un deles este período tomando como referencia un aspecto concreto da nosa actividade.
1- A DEFENSA DO GALEGO COMO LINGUA PROPIA DO BIERZO (1990)
A nosa actividade a prol do galego foi máis explícita a partir de eventos aos que se nos invitou a participar como os Encontros do Galego Exterior (Facultade de Filoloxía Santiago de Compostela en novembro de 1989) e, especialmente, do I Congreso da Lingua e Cultura Galegas en Asturias, León e Zamora (Celanova, 22 de decembro do 1989). O compromiso adquirido levounos a propoñer unha nova xuntanza de características semellantes no Bierzo. Celebraríase así o II Congreso en Vilafranca do Bierzo no ano 1990, participando xa na organización e na elaboración das conclusións como membros da recén creada Mesa pola Defensa do Galego no Bierzo. E tamén colaboramos no Simposio nos Lindeiros da Galeguidade que organizou o Consello da Cultura Galega aquel mesmo ano. Era o paso previo a colocarnos á vangarda das reivindicaciois tanto da cultura como da lingua galegas no Bierzo.Detalle do artigo de prensa na Crónica de León 1996 |
2- O NOSO X ANIVERSARIO: ENCONTRO DE GAITEIROS TRADICIONAIS (1991)
Conmemoramos ao ano seguinte (28 de decembro de 1991) o noso X aniversario cun Encontro de Gaiteiros Tradicionais que preparamos con detalle para poder gravar o evento e editar con posterioridade unha cassette para difundir esta primeira parte do noso traballo de recuperación da música da gaita no Bierzo. O obxectivo era visualizar non só o noso labor, senón, e sobre todo, a transcendencia da música da gaita para o folclore berciano entendéndoa como un continuum onde as fronteiras administrativas non tiñan a consistencia cultural da que se viña insistindo dende as instituciois aínda dependentes do discurso do Franquismo. A filosofía da nosa asociación e do noso grupo de gaitas quedou así mesmo plasmada na clausura en Ponferrada do Congreso de Etnografía y Folklore (1991) organizado polo Instituto de Estudios Bercianos e rexistrada en papel na edición que esta mesma entidade publicou en galego e castelán na súa revista ( nº 16 do ano 1992). O artigo de Gonzalo Bóveda e Héctor Silveiro titulado: "Un século de gaiteiros nos lindeiros culturais galegos" co que nos situabamos, despois de crear a primeira Escola de Gaitas do Bierzo, na vangarda dos estudos sobre o instrumento na comarca. O ano 92 foi logo un ano de presentaciois tras editar Tecnosaga a gravación do noso décimo aniversario.
Na clausura do Congreso de Etnografía y Folklore (Ponferrada 1991) |
Caratula do vídeo documental de Benxamín Vázquez gravado no 91 e editado no 93 |
En 1993 editamos a nosa Unidade Didáctica sobre a Festa do Maio de Vilafranca que chegaría aos centros escolares da vila e arredores. Foi fruito do primeiro traballo etnográfico de entidade realizado sobre esta vella tradición. Está editada en galego ao igual que os relatos gañadores escritos polos ninos e ninas destes centros de ensinanza como resultado dos concursos de Contos de Maio (convocados os naos 93 e 94).
Ademais editamos un vídeo documental iniciativa de Benxamín Vázquez sobre Os Maios Mozos de Vilafranca que fora gravado no ano 91. Outro instrumento divulgador de primeira orde para a posta en valor do noso patrimonio inmaterial. Estabamos contribuíndo á recuperación da Festa do Maio asentándoa no calendario festivo da nosa vila, á vez de consolidar un referente ecocultural de gran relevancia non só para a comarca, un fito único no Noroeste peninsular.
4- Á VANGARDA DA DEFENSA DO GALEGO NO BIERZO (1993-94-95-96)
Sesión matinal das I Xornadas da Cultura e da Lingua Galegas no Bierzo (Vilafranca 1993) |
1º Nos institutos de Ponferrada, pouco despois, comezaba unha recollida de sinaturas solicitando a introdución do galego nos centros de ensino.
2º No Congreso en Madrid dáse o visto bon á introdución do galego nos centros escolares da comarca.
Logo a partir do 96 o noso papel foi distinto, se ben o compromiso e traballo de noso non cesaron. Podemos concluír que foi un éxito ao cal a Escola contribuíu humildemente.
Finalmente as circunstancias fixeron mudar ás autoridades autonómicas que se viron forzadas á inclusión no Estatuto de Autonomía de Castilla y León (1999) dunha tímida referencia á promoción do galego en territorios como o Bierzo e que permitiría asinar o acordo posterior de Promoción do Galego entre a Xunta de Galicia e a Junta no ano 2001.
Sesión matinal das II Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo (Vilafranca 1994) |
Acto de clausura das IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo (Vilafranca 1996) |
5- A CONSOLIDACIÓN DA ACTIVIDADE EDITORIAL DA ESCOLA.
Acto de entrega de premios II Concurso de Contos de Maio (1994) |
Queremos destacar esta faceta porque supuxo un reto e hoxe é unha liña de traballo sólida, aínda que non amplamente desenvolta como desexaríamos. As raíces deste labor están tamén relacionadas cos primeiros carteis e trípticos sobre a Festa do Maio, pero nesta década ademais de continuar coa súa publicidade, demos á luz unha gravación musical, como xa dixemos, unha unidade didáctica e dous recopilatorios de contos realizados polos escolares, ademais da edición dun documental en formato vídeo tamén sobre o Maio e centos de páxinas das Memorias das Xornadas de Cultura e Lingua Galegas no Bierzo, ás que se sumaría de xeito menos riguroso o Correo da Escola que comeza a editarse en 1996 (un folleto de poucas páxinas que se fotocopia para cada socio ou amigo da Escola e ve á luz a razón de tres ou catro números por ano).
Esta faceta converteuse pois nunha liña de traballo máis para a Escola de Gaitas que non só confirmou daquela a nosa capacidade para estar na vangarda, senon tamén reforzou en todo caso o papel de referencia para o futuro ao cumprir co noso obxectivo de divulgar e promover algo tan importante como o arraigo da tradición e a defensa da lingua.
Contraportada da Unidade Didáctica sobre os Maios (1993) |
6- A DIFUSIÓN DO NOSO FÓRA DO BIERZO E ACHEGAMENTO AO FEITO MUSICAL EN GALICIA
Recollendo as gaitas no Obradoiro de Xosé Seivane (Ribeira de Piquín 1990) |
A nosa relación coa Música Tradicional Galega medra nos anos 90. Nos festivais organizados nos 80 tivemos oportunidade de establecer un vínculo especial co Colectivo Paseniño, ademais de invitar a participar a grupos tan prestixiosos como Pallamallada, Leixaprén, Na Lúa, Muxicas. Pero nos 90 da mao da Asociación de Gaiteiros Galegos comeza unha etapa de difusión do noso labor por Galicia. Precisamente no Boletín nº 0 da Asociación de Gaiteiros Galegos aparece un traballo sobre a gaita no Bierzo da Escola de Gaitas de Vilafranca. Despois de pasar a Pedrafita no ano 90, viaxamos durante esta década co noso proxecto a Vilagarcía de Arousa e a Lugo no ano 92, a Ourense no 93, a Vigo e a Taramundi no 94 e a Narón no 95, tamén fomos tocar Á Rúa no 96 e acompañando aos Xigantes da vila no 97 no programa da TVG "Luar".
Actuación en Narón 1995 |
Á vez, a Escola foi procurando funcionar de catalizador para que se coñecesen certas propostas do que se estaba a facer en Música Tradicional Galega no Bierzo e mesmo grupos do Folk bercianos como Abraxas ou Aira da Pedra..... No 93 trouxemos a Pallamallada e logo tamén no 93 Treixadura fixo a presentación do grupo na comarca no Teatro de Vilafranca acompañado da Escola. O ano 94 volveu o Grupo de Baile Tradicional Revenidas e Leixaprén e o 95 outro prestixioso grupo de baile, Brincadeira de Santiago. Os Faíscas do Xiabre estiveron no 96. Por outra banda, manifestamos a nosa opinión en repetidas ocasiois sobre o despropósito que supuña a iniciativa de X.L Foxo para o mundo do folclore en Galicia e como comezaba a afectar, e muito, no Bierzo.
Presentación de Treixadura en Vilafranca (1993) |
7-A DOCENCIA DA GAITA NA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA E NO BIERZO (1998)
Marisa Cela incorpórase como profesora de gaita á Escuela Municipal de Música Pedro Halffter, un labor fundamental para asentar a presenza da gaita e unha visión acorde coa tradición deste instrumento no Bierzo fronte a propostas ben distintas de grandes Bandas de Gaitas seguidoras de modelos alleos á tradición que van tomando corpo desgraciadamente, tanto no Bierzo como en Galicia e mesmo en Asturias. Do mesmo xeito xa antes Gonzalo Bóveda comezara un labor esencial en Toral dos Vados e logo Pepo Nieto na Rúa en Valdeorras. Trátase dun labor esencial pensando no futuro da gaita no Bierzo, pensando na proxección do noso traballo no século XXI.
8- A NECESIDADE DE DEBATE E PROPOSTAS DE NOVAS INICIATIVAS.
Portada do nº 13 do Correo da Escola (abril 1999) |
A partir do ano 1996 e durante esta década para facilitar o debate interno e a comunicación, axudar á concreción de proxectos e difusión das distintas actividades e ideas a poñer sobre a mesa, naceu unha especie de boletín interno da Asociación (tres ou cuatro números ao ano) denominado O Correo da Escola. Digamos que os anos de vangarda requerían un proceso de asentamento do noso proxecto que se seguía cocendo e que precisaba concederse un tempo para corrixir erros, para seguir camiñando e soññando, ao que debe sumarse facer fronte a unha forte corrente contraria, inercias e incompensiois por parte do goberno municipal, entre outras limitaciois existentes que imposibilitaron que propostas de gran interese e apoio popular, como foi a Asociación Pro-Museo (ano 2000) non fosen lamentablemente desenvoltas.
9- O NOSO XX ANIVERSARIO, A PORTA ABERTA CARA A UN NOVO SÉCULO (2001).
Portada da edición especial do Correo da Escola para o noso XX Aniversario |
O XX aniversario coincidiu co cambio de século e serviu de momento de reflexión co propósito de abordar novas dinámicas continuadoras das que levabamos a cabo daquela, pero que precisaban tanto un tempo máis para madurar, como tamén unhas circunstancias máis propicias para afrontalas con éxito. A falta de sintonía co goberno municipal, xa non digamos con outras administraciois ralentizaron a resolución propia, impedían en gran medida que se fraguaran as ideas e o potencial que o noso proxecto ten. Unha multitudinaria cea de aniversario e a edición dun Correo da Escola especial cunha tirada de 100 exemplares, poría unha meta a cinco anos vista para o XXV aniversario da Escola.
CONTINUARÁ