xoves, 11 de outubro de 2018

OS XIGANTES CENTENARIOS DE VILAFRANCA

O Cid e Doña Inés (ca.1861), Don Quijote e Doña Dulcinea (ca.1910), Sancho Panza (1920) e O Mouro (ca.1910).
Os nosos xigantes teñen unha fermosa historia e, aínda que existen documentos que certifican a súa idade, faltan datos que permitan catalogar con total precisión o tempo que levan bailando con nós nas festas patronais de Vilafranca do Bierzo.

Sabemos que son centenarios, en case que todos os casos, mesmo que hai dúas cabezas, as máis antigas que levan saíndo ás rúas algo máis de 150 anos, uns 157 segundo os meus cálculos. Tampouco fomos capaces de precisar, polo de agora, a data na que chegaron Don Quijote e a nosa peculiar Doña Dulcinea a Vilafranca, cuxas cabezas supoñemos foron mercadas arredor do 1910. Posiblemente daquela xa saía polas rúas como cabezudo O Mouro. Este último non foi convertido en xigante ata o ano 1972, grazas ao bon facer de Beberide. Norberto Beberide foi tamén o responsable de que todas estas cabezas de cartón, tanto as feitas na vila (probablemente as do Cid e as de Ximena ou Doña Inés, as máis antigas, e logo a de Sancho Panza, feita por un padre paúl arredor do ano 1920), como as restantes que foron compradas na primeira década do século XX, non fosen cambiadas por outras novas, senón que fosen restauradas para pasar a ser unhas das poucas que resistiron os bailes e trafegos destes xigantois pola vila, unha fortuna ben distinta á da maioría dos lugares onde existían estes cabezudos que hoxe están desaparecidas.

Xigantes e cabezudos de Vigo . Foto de Aurélio da Paz Dos Reis realizada en 1901 onde recoñecemos, entre os cabezudos, varias das cabezas dos nosos xigantes actuais.

Así pasou, por exemplo, con esas cabezas en Vigo, que como puidemos comprobar hoxe xa non existen, pero temos constancia da súa existencia pola foto de Aurélio da Paz dos Reis, fotógrafo portugués que retratou aos xigantes da cidade olívica en 1901 no transcurso dunha excursión a dita cidade da que realizou unha curiosa reportaxe. Esta reportaxe foi á súa vez rescatada polo historiador José Luis Mateo no Centro de Fotografía de Porto e atopase nestes días formando parte dunha fermosa exposición no Centro Camoens de Vigo.

O cabezudo D. Quijote realizado pola Casa Ribalta de Madrid (ca.1900)
Foto conservada no Arquivo municipal de Guadalajara.
É posible que a cabeza de D. Quijote de Vilafranca do Bierzo sexa  un exemplar único na península porque o molde antigo, que debe ser aproximadamente do 1900, realizado na Casa Ribalta de Madrid non cremos que se conserve.

A Confraría do Sto. Cristo ou talvez o propio goberno municipal de Vulafranca (falta localizar, se existe, este documento, como xa dixemos máis arriba) compraron probablemente as tres cabezas citadas (D. Quijote, Dulcinea e o Mouro) a estes fabricantes. Esta referencia puidémola deducir grazas á foto que nos fixo chegar Robés sobre o cabezudo D.Quijote. Trátase dunha foto do 1901 remitida ao alcalde de Guadalajara pola Casa Ribalta como ben explica nun artigo ao respecto David Recio Gil nun artigo dixitalizado do Arquivo Municipal de Guadalajara.
 Polo que logramos indagar tampouco se conserva a antiga cabeza de D. Quijote da comparsa de xigantes de Guadalajara actual que foi restaurada hai pouco tempo.

luns, 8 de outubro de 2018

A Escola colabora coa WEB en galego do CONSELLO COMARCAL

Como recentemente anunciou o propio Consello Comarcal a Asociación Cultural Escola de Gaitas ofreceu a súa colaboración para contribuír a enriquecer os contidos da nova páxina web da institución da comarca cunha breve reseña sobre a Festa do Maio de Vilafranca, declarada no ano 2009 de Interese Turístico Provincial, dado que ata o de agora esta tradición emblemática da nosa identidade non contaba cunha referencia específica. Está incluída na sección do Galego no Bierzo, ao ser este costume unha das manifestaciois máis peculiares que se expresan nesta lingua.

xoves, 13 de setembro de 2018

Reflexiois para despois do pregón do Cristo 2018


Foto de El Bierzo digital
Quixeramos comezar agradecendo sinceramente o feito de pensar en nós para dar o pregón das festas patronais da nosa vila. Graciñas polo recoñecemento que isto significa e mesmo pola valentía de invitar a subir ao balcón do concello a uns simples gaiteiros. Non se sabe, talvez nunca, uns gaiteiros foran invitados a facer o pregón das festas patronais do seu pobo natal. Sen afán de bater un record, sen interese por estar no balcón, temos que agradecer semellante ousadía, graciñas... aínda que si sabemos e sabedes, desde hai tempo, que a Escola somos algo máis que uns gaiteiros, somos os gaiteiros de Vilafranca do Bierzo.

 Enténdase ben iso de que somos algo máis que uns gaiteiros, porque ser gaiteiros/as non é pouco.  Estamos, como non, ben orgullosos de seren o que somos. Mais cuando dicimos que somos algo máis que gaiteiros, queremos sinalar que facemos muitas cousas que non fan outros muitos gaiteiros, tanto os que senten de corazón as nosas tradiciois e costumes, como aqueles que perden o cu por ser gaiteiros doutro planeta e tocan gaitas que semellan máis ás de Escocia ou utilizan percusión idéntica á doutras culturas namentres uniformados desfilan para facer as alboradas, en lugar de parar a tomar unhas galletas e un viño na bodega dun vecín. Mais como dixemos sentímonos gaiteiros dun lugar, e esta vila e o Bierzo son a nosa marca.

Pero iso que significa para nosoutros?  Sempre quixemos e queremos marcar pautas e dar pasos na conservacion ou na recuperación dos nosos costumes con rigor, marcando obxectivos que abranguen todo conxunto do feito de seren gaiteiros, referímonos a cousas como o patrimonio  natural, o patrimonio cultural e a lingua, mirando ao futuro como unha fórmula de labrar o progreso. Non se trata de conservar por conservar, trátase de entender e saber amar a nosa cultura de xeito integral, sen ambigüidades, sen medo a parecer vellos ou estar fóra da moda.  Isto non é un invento, aprendémolo de Pepe ou de Isidro, os nosos vellos gaiteiros.  Tampouco é ser vellos realizar 10 publicaciois en diversos formatos e sobre diversos aspectos do noso patrimonio inmaterial, varias xornadas sobre a cultura e a lingua galegas no Bierzo, un traballo continuado sobre a Festa do Maio ata lograr que fose declarada de Interese Turístico Provincial,grandes festivais de música ou humildes magostos e, como non, ensinar a tocar a ninos e maiores os nosos instrumentos tradicionais.

Foto del Diario de León

 Si, somos algo máis que uns gaiteiros, gaiteiros de oficio, pero somos vilafranquinos de corazón. Por iso agradecimos a invitación que se nos fixo, como un recoñecemento aos valores que defendemos e que sentimos co corazón, porque tocar tras dos xigantes, subir a Fombasallá, vestirse ou cantar os maios, luitar pola conservación do noso rico e diverso patrimonio cultural e natural, protestar contra o trasvase do río Burbia ou a despoboación dos nosos pobos, reivindicar a recuperación da nosa fala ou se fai de corazón, ou non se fai.   Estamos tremendamente agradecidos por este recoñecemento que non esperabamos, porque estamos afeitos a ver o pregón ao pé do balcón.

Robés evocaba no cartel das festas a liberdade por boca de Don Quijote, que baila e baila a pesar de ser unha foto fixa, rachando ou indo á contra da rixidez intrínseca a toda fotografía. Quen se move non sae, pois si, quen se move sae... e que poderosa mensaxe ofrece! Recollamos logo ese espírito festeiro e provocador, dun xigante que lidera ás tropas da verdadeira festa ou se, se prefire, da festa verdadeira e participativa. Son eles, os xigantes, os que levan a cada barrio coa súa danza centenaria a festa dos corazois.  Como diría D. Quijote: Amigo, Sancho, sen música non podemos bailar.  Ese compromiso coa festa convértenos en gaiteiros, mais o corazón de vilafranquinos fíxonos, á vez, portadores da tradición. Con ilusión traemos e levamos con nosoutros unha parte esencial da festa, pero sabendo que sen a vosa calor, sen o voso arroupe, sen os voso latexar, os nosos sons non teñen sentido. A felicidade, igual que a liberdade, está nos corazois e esa sensación comeza co redobre do tamboril, co chío das gaitas e co rouco e o grave son do bombo que non serve de nada se non se comparte e se transmite. Levamos anos, décadas luitando para que non deixen de soar as gaitas na vila e no Bierzo, os sons dos nosos maiores que nos acompañan dende a infancia, para que cada ano haxa xente nova aprendendo o noso himno, o trumpurrumpuntrum, palillos e madeira e para que siga a festa, a nosa festa,  polo menos outros cen, douscentos ou trescentos anos máis... Hoxe estamos felices, como gaiteiros, de facer posible a festa, pero tamén e sobre todo como vilafranquinos e amantes das tradiciois, porque sentimos compartido ese querer por todos vós!

Foto de BierzoTV
Para ver  vídeo en BierzoTV
Noutos medios: El Bierzo digital
  Nueva Crónica, Diario de León
O PREGÓN DAS FESTAS DO CRISTO 2018
Na TV Bierzo8

martes, 4 de setembro de 2018

A ESCOLA FARÁ O PREGÓN DO CRISTO 2018



Palabras finais do saúda do Alcalde no Programa das Festas
Como se vén de anunciar, xunto co magnífico cartel de Robés e o programa das Festas do Cristo 2018, a Escola de Gaitas foi invitada a realizar o pregón das festas o próximo día 13 de setembro.
Podedes ver o programa de Festas na páxina oficial do concello de Vilafranca do Bierzo.




venres, 17 de agosto de 2018

PARA SABER MÁIS DOS NOSOS XIGANTES


Así retrataron aos nosos xigantes no ano 2015 os ninos Carolina Blanco Prieto (7 anos) e Manuel J. Blanco Amigo.
Despois da Romaría de Fombasallá e do celebración do San Roque, case esquecida no Fondo do Campo onde se festexaba, xa se vai achegando o mes de setembro e con el  volverán a bailar polas rúas da vila os nosos xigantes máis vellos, o Cid e doña Inés que cumpren este ano 157 anos, non está nada mal. Tamén vai pasando o tempo para a parella de xigantes máis popular, a de Don Quijote e esa peculiar Dulcinea que temos, cumpren aproximadamente 110 anos. Máis novo é Sancho Panza, un xigante tamén máis xenuíno porque sabemos que foron os propios vilafranquinos os seus creadores aló polo ano 1920.

Pero, sen dúbida, debemos a persoas tan sensibles como Beberide o feito de conservar estas cabezas tan antigas e preservalas para o futuro xunto coas outras de cabezudos ou ananos máis novos, aínda que hai algúas como a do Mouro ou do Requinto que, se cadra, son centenarias igualmente.


Os nosos xigantes, non nos cansamos de dicilo, son un soporte material de cartón e tea sobre unha estrutura de madeira (hoxe metálica para evitar a destrutiva acción da couza), soporte dun fermoso tesouro do noso patrimonio inmaterial, a nosa danza de xigantes e cabezudos, de cuxo conxunto debemos sentirnos orgullosos á vez de comprometidos na súa conservación.

 Para quen queira saber máis recomendamos que consulte o libro: Palillos de madeira: Os xigantes de Vilafranca do Bierzo, unha edición bilingüe do noso selo editorial: Bierzo tradicional. A Escola de Gaitas desde o seu nacemento está implicada nesta posta en valor, como ben sabedes, a través de varias iniciativas. Unha foi a celebración do 150 aniversario dos xigantes máis vellos coa publicación dun libro xa citado: Palillos de madeira, ademais da edición dun folleto, o correo especial nº34, para dar a coñecer a veciños e alleos a historia dos nosos xigantes. Eiquí deixamos un vídeo resumo daqueles eventos: 




xoves, 3 de maio de 2018

CRÓNICA DA FESTA DO MAIO 2018


ARROUPAR A FESTA DO MAIO
Comezamos a festa a ritmo de muliñeira ao igual que a rematamos.


Obradoiro de baile tradicional do sábado 28 de abril. Graciñas a Marisa Cela pasamos unha marabillosa tarde divertida e didáctica. Aprendemos a estrutura do baile tradicional con puntos da zona.

O día 29 de abril no Teatropresentamos o libro Viaje a una provincia invisible do amigo Alfonso Fernández Manso que tras explicar a estrutura da obra e as principais intenciois, deu pé a unha lectura dunha selección de textos incluídos na edición, entre os que destacamos a homenaxe a Lola e Jonh Breaux.  Un pórtico fermosísimo, emotivo e cargado de contido ecocultural como prólogo de luxo á Festa. Leron os textos seleccionados dous membros do Conde Gatón, José Luis Gutiérrez

"Guti" e Javier Vecino, que se acompañaron da música deste último composta para a ocasión, outra beleza difícil de esquecer.






Chegou a derradeira noite de abril na que o Drama dos amores de Primavera e o Dragón do Inverno  foi o paso previo á queima do Burro.  Unha simbiose singular entre a profesionalidade de Os Quinquilláns e a intervención de actores espontáneos que procuraron a participación constante dun público realmente entregado. 
























O MAIO TRADICIONAL
Comezamos o día cortando as cañabeiras, acompañados dun fotógrafo dunha prestisiosa revista inglesa sobre os usos das plantas.

























Vestimos os maios nos lugares habituais no Instituto, no Cruce, no Socubo e no Campo da Galiña.


E saíron as comitivas de maios dende os cuatro barrios cantando: 
Marzo airoso, abril chuvisnoso, 
sacan ao maio florido e fermoso


Este maio, señora, é, 
este maio andaba de pé.

Pedindo castañas en todas as casas que atopamos no percorrido:
Tire castañas, señora María,
tire castañas que as ten na cociña.


 Estas portas son de ferro,
onde vive un caballero.

Esta casa é de pedra, 
onde vive unha doncella.



Ata chegar á praza e deitar os maios por última vez e cantar a derradeira copla:
Levántate maio bastante dormiche
pasou  un burro e non o sentiche.




E tras se liberar da forma arbórea ...


Comemos xuntos no Campairo e rematamos a festa bailando.


Fotos de Carme García, Maite García e da reportaxe gráfica de Mario de la Torre que circula pola rede. Recomendamos visualizar reportaxes como Bierzotv e outros enlaces que invitamos a ver no noso facebook con vídeos como os que seguen: 



venres, 13 de abril de 2018

PROGRAMA FESTA DO MAIO 2018




Hai unha porta naquel castañeiro no souto ao pé do Mirandelo centenario que nos invita a camiñar polas estaciois que o correr do tempo nos debuxan.  Atravesou Raúl González esa porta dende Pobladura para baixar á vila pola de Hermosilla ata chegar á Portaxe e ao Socubo.


Raúl invítanos a abrir a porta aos nosos maios nesta primavera para velos desfilar polas rúas empedradas de Vilafranca.  A música da gaita e a inocencia dos ninos van diante á par, lembran como a festa se mantivo grazas a elas, logo, ocupando todo ao ancho e o centro do cadro, acaparan a nosa atención os maios mozos anónimos,  vestixios do espertar da natureza que avanzan pola vila de rúas estreitas e antigas, entre altas casas de corredores e balcois abertos á cantiga alegre e ao rumor que medra, que se intúe e insinúa tras da mata verde vigorosa dos maios humanos. Atrás vén xente. 
 
 Sen querer está no cadro ese río de xente que se escoita como un rumor próximo baixo a ponte. Voces de pequenos e maiores que cantan á primavera coplas sinceras de amor e agarimo, que formalizan o rito da tradición con palabras repetidas de pais a fillos, de avoas a netas, que soan a himno verdadeiro como as flores e a alegría que arrecenden  mentres unhas mozas coroan con edras  aos seus mozos entre risos amables.

Como un elemento que non comparte a marcha cara adiante deste discorrer da primavera e do Burbia, un home a contracorrente na beirarrúa e un muro que son de cemento, non de pedra,   amosa colgada ás costas unha simbólica bota de viño. É como o eixe da porta que nos lembra que agora se abre, pero pode estar pecha,  ábrese para ofrecer, a quen mira a escena, unha idea certa e sutil do movemento e vigor do conxunto do cadro.  

Triunfa a cor verde da vida que tan ben combina coa cor das pedras, novas metáforas de algo tan vello como o fluír verde do tempo que logo se volverá amarelo no outono e o eterno vagar dos cantos do río que fixeron posible a construción desta vila.

 Graciñas de corazón, Raúl.
                                                                                         H.S.




PROGRAMACIÓN DA FESTA DO MAIO 2018

ARROUPANDO A TRADICIÓN

Sábado 28 de abril: Na Casa da Cultura, de 18,00 ás 20,00 h. 
Obradoiro de baile tradicional da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo. Ademais levarase  a cabo a confección do Burro do Inverno.
                                                   
                                                          

Domingo 29 de abril: 20,00 hNo Teatro Vilafranquino: “Enrique Gil y Carrasco”
Presentación do libro VIAJE A UNA PROVINCIA INVISIBLE de Alfonso Fernández- Manso.






Luns 30 de abril: Ás 21,30 h. na Praza do Campairo:


Representación polas rúas históricas da vila do DRAMA DA PRIMAVERA E O BURRO DO INVERNO a cargo do grupo OS QUINQUILLÁNS.

A continuación, tras da QUEIMA DO BURRO DO INVERNO, actuación do grupo de música tradicional EMBRUXO GAITEIROS na Torre do Campairo.
       




*No caso de chuvia a representación sería no Teatro e a actuación musical no interior da Torre da Praza do Campairo.


O MAIO TRADICIONAL

Martes 1 de maio: 
Ás 9 da mañá saída a cortar as cañabeiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e a Cábila.

Ás 11 da mañá percorren os distintos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios a son da tradicional e antiga melodía polas rúas nun ritual que se repite cada ano, como as coplas que se cantan.

Ás 14 horas reúnense todos os grupos na Praza Maior para cantarmos todos xuntos: 
                   Levántate maio, bastante durmiche,
                pasou un burro e non o sentiche.



A continuación comida campestre de todos os participantes no lugar de costume.