domingo, 11 de setembro de 2022

OS "XIGANTES" QUE VEÑEN E NON INVITAMOS. DESMEMORIA E IDENTIDADE.

 

AS CEN VILAFRANCAS/ 10ªentrega

Os nosos xigantes rodeados de ninos a comezos dos anos 60 (Foto de Otto Karliczek)

Os “xigantes” que veñen e non invitamos. Desmemoria e identidade.

Somos o que recordamos” comentábamo o outro día unha persoa facendo unha sentida reflexión sobre un familiar seu con Alzheimer. Sabía tamén que esta era unha teima do escritor Manuel Rivas  que viña repetindo con frecuencia.  O realmente perverso da desmemoria é a perda de identidade que semellante mal xera nas persoas. A memoria precisa lembrar, está feita de recordos, sen eles a personalidade dilúese ata desaparecer. Pois ben,  estes días anúncianse a bombo e platillo as Festas do Cristo de Vilafranca cos seus xigantes, tan necesarias tras dous longos anos de pandemia e nunca se viu na prensa berciana de todo tipo facerse eco con tanta énfase da saída dos xigantes nas Festas da Encina de Ponferrada. Alégranos. Gustaríanos botando mao das lembranzas e das lecturas pasadas traer a estas páxinas algunha anécdota curiosa sobre estes personaxes grotescos e divertidos que nos singularizan para cultivar o noso carácter.  Pero existen outros “xigantes”, aos que nunca invitamos, nada festeiros que nos perturban irremediablemente as evocaciois dos xigantes de sempre. Con axilidade e sixilo pretenden visitarnos e vir para quedar enlodando a nosa intelixencia. Destes outros xigantes a prensa, se os nomea, é para anunciar marabillas no contexto crítico polo que pasamos e vendelos como unha alternativa eficaz á crise enerxética que nos abafa. Por iso, neste artigo louvaremos os beneficios da lectura de boa literatura como remedio desta distorsión e non faremos outra cousa que lamentarnos da falta de retentiva ben, por non ter lido, ou ben por non ter presente tan sequera aquela lección elemental que asinaba un autor galés baixo o pseudónimo de Lewis Carrol  escrita na corrupta sociedade vitoriana de finais do XIX. Este libro, baixo a aparencia dun conxunto de aventuras infantís era por momentos (e ségueo sendo hoxe) unha verdadeira chamada de atención para os adultos sobre a cordura fronte a sen razón dos tolos un tanto quixotescos nese mundo “sen sentido” que se parodia no seu fantástico relato dedicado a Alicia. Que débil é a nosa memoria e que faltos de reflexión e cegos estamos por veces, estaremos perdendo o xuízo? 

Outramente, non se confundan, son megaproxectos xigantes de grandes multinacionais os que nos pretenden visitar sen estar invitados. O prazo de alegaciois para impedir esta visita non grata, remata. O paradoxo do país das marabillas cos que nos pintan estes xigantes de 200 metros e tremendos brazos faise cada vez máis evidente. Disque son xigantes silenciosos, sen bombas de gran palenque, porque, non se enganen, non veñen de festa; píntanse a si mesmos como camiño de progreso e alegrías cuando deberían entenderse como unha impúdica agresión ao medio, á paisaxe e ao patrimonio cultural e natural porque se pretenden multiplicar a moreas polas nosas montañas sen contemplación e sen criterio. Parece mentira que por parte dos gobernantes se estea disposto a asinar un cheque en branco cos especuladores enerxéticos e, pola contra, rexeiten outras ubicaciois propostas, máis racionais e menos incompatibles con esa xigantesca e desproporcionada presenza.  Esas alternativas non lles valen e queren vir a ocupar os espazos do rural antes baleirados para transformalos en lugares irrecuperables, sen personalidade e sumidos nun triste silencio. Darlles entrada a estas “criaturas” sería pois preferir o deserto en lugar das verdes morteiras, fragas e soutos,  colocar un lastre lamentable para a desexada sostibilidade e progreso futuro do Bierzo que se debería basear en todo o contrario, no vigor sonoro e a aposta pola vida nos nosos pobos e as súas xentes: Ruralismo ou barbarie.

Esas xentes que faltan hoxe nos pobos silentes son as que enchían e daban pulo as festas con xigantes e cabezudos que herdamos.  Certamente as festas xa non teñen aquel bulicio de antano, aínda que non falten os seus sons característicos, unha marca de identidade da que custa desprenderse.  Lembremos que as persoas que por enfermidade perden a memoria resístense a esquecer canciois e melodías que lles transmitiron algún tipo de emoción na vida, poñamos por caso nas que se escuitan nas festas. Logo estas cantigas gardan unha relación concreta coa nosa identidade. Mais traiamos dese pasado alguis exemplos literarios breves, pero explícitos para argumentar o que dicimos. Reparen neles a funcionalidade dos sons no evento festivo.

                Ramón Carnicer en Los árboles de oro (1962) repasa as súas vivencias festeiras dos anos vinte en Róbriga (o nome dado na ficción literaria a Vilafranca):

“Al final del verano vinieron las fiestas de Róbriga. Los gigantes, que tanto me divertían de pequeño, ya no me interesaban casi, aunque me alegraba verlos porque señalaban el comienzo de la fiesta. Eran cinco: el Cid y doña Jimena, muy viejos y repintados ya, Don Quijote, Dulcinea y Sancho, más nuevos; bailaban al son de una gaita, y a su alrededor se movía una legión de cabezudos pidiendo dinero a los mayores y dando vejigazos a los pequeños. A la vez, tronaban los cohetes y las bombas, resonando largamente en la profunda oquedad de los montes.

Noutro texto Elena Quiroga en 1952 describe, tras un longo paseo pola vila, o paso dos xigantes desde o Castelo:

“... cuando nos llega el sonido agudo e alborozado de la gaita. Hace un alto el corazón... Nos asomamos todos, porque es tradiconal en Villafranca que en la fiesta mayor, que hoy se celebra, acudan los cabezudos a bailar. Los cabezudos -Oh Villafranca del Bierzo! – representan a Don Quijote y al Cid, a Sancho y Doña Jimena. La danza es hierática y amuñecada. Don Quijote al Cid de poder a poder. A D. Quijote le resulta difícil moverse con su armadura de cartón gris y sus largos zancos. Sancho se aprovecha, pese a su enorme cabezota, y gira sobre sus alpargatas. Doña Jimena tiene dos trenzas rubias que le cuelgan hasta el busto erguido y se mueve con compostura. El roncón de la gaita advierte lo hondo de la ficción. El agudo es el bufón que ríe...”   

Nunha carta do ano 1981 dirixida a Norberto Beberide, creador plástico amante e reparador dos xigantes, escrita por Juan Carlos Mestre en forma de conto, os seus protagonistas Don Quixote e Sancho cabalgan xuntos cara a unha nova aventura que os leva ás terras do Bierzo sendo sorprendidos en Vilafranca:

No se había repuesto del susto el hidalgo cuando divisó la mojiganga que subía por la cuesta de Zamora... no pudiendo Don Quijote por menos que inquietarse al escuchar atónito la cancioncilla que al son de la gaita y el tamboril venían cantando aquellas gentes:

 “Trum purrúmpun trun, palillos de madeira,

baila Don Quijote con Doña Dulcinea...”

Montaxe do fotógrafo Robés cos rostros dos nosos xigantes

Que tempos aqueles nos que os únicos xigantes posibles eran estes xigantois literarios e amables feitos de cartón, as ananas, como tamén lles dicían os paisanos. Daquela resultaba impensable o acoso actual dos xigantes do vento que seguen sen ser invitados. Que soen as campás, como chamada á memoria e mais a cordura para afirmar con contundencia que tipo de xigantes queremos, que estes que danzan polas rúas símbolo do mal supeditado ao ben que representa o Cristo, os nosos xigantes de sempre, son os únicos que precisamos na nosa vila. Eses outros macro-proxectos que pretenden abusar da nosa debilidade, cuando non da desinformación ou mesmo da nosa inxenuidade, non son ben recibidos por máis que os pretendan camuflar como a única solución posible á difícil situación na que vivimos. Atentan contra a nosa identidade ao pór en perigo unha parte esencial do noso como é a paisaxe ecocultural que resiste.  Afortunadamente non somos todos uns desmemoriados, non perdemos a razón e aínda hai bos lectores. Xa nolo deixou dito Cervantes no seu querido Don Quixote por boca do humilde e sincero Sancho naquela pasaxe tan popular como transparente:

-           Mire meu señor, que aqueles que eilí semella non son xigantes, senón muíños de vento, e o que neles parecen brazos son as aspas! 

Desexariamos espertar e non ter que dicir nunca: O dinosauro segue aí!.  Queremos espertar, si, como Alicia ao outro lado do espello, dona do seu futuro, enriquecida cun espírito crítico e reflexivo ao finalizar as súas aventuras sabendo que todo foi un soño, seguramente un pesadelo, nun aparente mundo marabilloso que agocha realmente outro mundo absurdo e capitalista dominado pola hipocrisía e as manipulaciois.  Namentres iso non ocorra que siga soando, é importante, a melodía dos Palillos de madeira, a que rebautizou Amancio Prada co tan revelador nome de Bergidum, danza que nos identifica coa categoría propia dun himno.

 

Na edición en Bierzo Diario

 

xoves, 21 de xullo de 2022

AS XIV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO

 


As XIV Xornadas Martín Sarmiento celebradas o pasado mes de marzo foron unhas xornadas de transición á espera de recuperar para o próximo ano 2023 o seu habitual formato e actividades de encontro do alumnado do Programa de Promoción do Galego no Bierzo.  Tiveron polo tanto un deselvolvemento diferente ao curso pasado no que non houbera ningún tipo de acto presencial. Este ano o 9 de marzo houbo unha sesión de traballo presencial que se realizou no Salón de Plenos do Concello de Vilafranca entre asocicaiois e autoridades convocadas, unha posta ao día e unha serie de propostas tanto no eido educativo de cara ao curso que vén no que se vai implantar a reforma nos centros de ensino, como no terreo do patrimonio inmaterial en pleno proceso de compilación de datos para un inventario no Bierzo Oeste e o da propia naturalización da presenza da lingua galega como elemento da riqueza cultural da nosa comarca.

Como novidades hobo dúas. A presentación da serie documental Fálame sempre de Umberto Corral Prieto que foi a primeira e a segunda neste curso dirixido aos centros educativos puxemos en marcha unha serie de programas radiofónicos realizados nos propios colexios e institutos que coa colaboración de dúas emisoras de radio profesionais foron emitíndose dende o 9 de marzo, Día do Galego no Bierzo ata o 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha experiencia magnífica que seguramente chegou para quedarse e repetirse nas próximas ediciois das Xornadas Martín Sarmiento.

Podedes consultar máis detalles do evento no blog O MEGO DA ESCOLA:

-   DAS XIV  XORNADAS MARTÍN SARMIENTO 

-   PROGRAMAS DE RADIO DO DÍA DO GALEGO NO BIERZO

luns, 2 de maio de 2022

CRÓNICA VISUAL DA FESTA DO MAIO 2022

 
 ARROUPANDO Á TRADICIÓN: A QUEIMA DO BURRO DO INVERNO

 Na noite do 30 de abril realizamos a benvida da Primavera coa cuarta Queima do Burro do Inverno.

 Comezou a actividade coa representación da Alegoría da loita do Inverno e a Primavera sobre Vilafranca.  Actuaron: 

Inverno: Eduardo Nieto e Jóse González.

Primaveras: Violeta Núñez, Carla Álvarez e Lola Méndez, Mar Núñez e Catalina Méndez.

Maio-mozo: Álvaro Pájaro  

Música: Escola de Gaitas

Preparando o burro do inverno



Pódese ver unha crónica visual da representación no facebook da Escola de Gaitas.


ACTUACIOIS MUSICAIS NA PRAZOLETA DE D. PÍO

EMBRUXO GAITEIROS de Ordes. 




OS MELIDAOS de Melide



 Un anaco da actuación dos Melidaos no Facebook da Escola de Gaitas por deferencia de Vicente Cela 

A cousa como ben sabedes prolongouse ata altas horas da madrugada en distintos locais da vida que acolleron a música alegre e contaxiosa das gaitas.

 
FESTA DO MAIO 2022

 Os nosos maios deben chegar a cada barrio da vila.  Colgamos unha pequena selección de fotos dos cuatro grupos de maios que armamos tradicionalmente:

O SOCUBO

Un dos maios do Socubo





AS VEIGAS ALTAS




A CÁBILA



O CASTELO






 CRÓNICAS NOS MEDIOS

Bierzo TV como de costume unha completa reportaxe en vídeo:



Infobierzo  magnífica reportaxe fotografíca e algún vídeo de Lucía Suárez e César Sánchez 
El Bierzo digital outra reportaxe especial de Quinito.

Tamén boísimas as reportaxes de particulares como, por exemplo, do noso Javí López Álvarez


Unha nota de interese, Jato  montado no seu carro-maio sacou por segunda vez ao seu burro para percorrer as rúas de Vilafranca cantando:
 Levántate maio, bastante durmiche
pasou un burro e non o sentiche.




 
Rematamos, como de costume, cunha comida campestre no Campairo de todos os participantes nos cortexos de maios.



 




Un par de bos artigos como epílogo:
                                                     De Anxo Angueira en Nós diario.

domingo, 24 de abril de 2022

FESTA DO MAIO 2022



A INOCENTE MIRADA DUN  MAIO-NINO  

A fortaleza da tradición entre os humanos contrasta coa inocente e profunda mirada dun nino que por vez primeira vive a experiencia de se converter na representación poderosa da entrada da primavera que pide paso e todo o enche. Non é un ano calquera, acabamos de pasar a factura da pandemia, o noso maio vai respirar por fin sen máscara. Constancia queda como unha marca para o futuro do tempo pasado. Así o quixo Luis Rodríguez Pérez, autor do cartel deste ano ao que agradecemos sinceramente que lle puxera rostro, que buscase a cara da Festa do Maio do 2022.

 Hai que construír a tradición cada ano, coa inocencia propia dun pequeno que se achega a esencia, coas peculiaridades que esixe cada ciclo e desde cero, porque a oralidade e o patrimonio cultural inmaterial seguen sendo débiles, como os ninos, e precisan seguir botando raíces entre os máis novos sempre, cada primavera, para se asentar.  Luis quixo retratar en primeiro plano. Para achegarmos ao máis íntimo da persoa, do nino que levamos dentro, xusto nese proceso ritual de vestir ao maio que é humano, pero xoga a ser vexetal ou futura árbore. Convértenos nese maio-mozo, home verde que percorre as rúas, un xesto infantil e sublime á vez, porque nos lembra a todos algo tan transcendental e irremediable como que a primavera reclama o seu espazo entre nosoutros, as persoas adultas que damos todo por sabido. Coa inxenuidade e a sinxeleza espontánea das ninas e ninos que cantan os maios, lamentablemente contrasta a torpeza do mundo dos razoables adultos que seguimos de xeito incomprensible a inercia das esixencias do frío inverno do ruín capitalismo. Vivimos sen esa capacidade de pararse a reflexionar, metidos na guerra cruel e atados ás esixencias dun mercado, capaz de negociar co vento e coa paisaxe para beneficio duns poucos, incapaces de frear, polo ben común, as agresiois á natureza. Ela reclama nada inocente, a cara descuberta e con urxencia un cambio de rumbo que respecte o planeta, que remate coa especulación enerxética e procure alternativas acordes co ritmo das estaciois e os intereses dos máis, da xente humilde que quere seguir celebrando a entrada da primavera con candor, sen máscaras e indolencias.    

Por iso a Escola consecuentemente pronúnciase. Desde os balcois os maiores botan as castañas con saudades porque saben, eles si que son conscientes, dos perigos e ameazas, dos ataques ao equilibrio natural e ao patrimonio, ao mundo rural e agrario coherente cos ciclos e as estaciois e aos que tanto lle debe a humanidade.  Debemos falar da batalla que se cerne coma un pesadelo sen sentido sobre o Bierzo Oeste, rico en tradiciois e costumes coma esta do 1º de maio no que volvemos verse vestir aos ninos para celebrar a festa da primavera, fermosa e ancestral. Ancestral porque se perde e dilúe o seu nacemento nas brumas dos séculos pasados nos que fomos alleos á ambición transnacional de muíños de vento obsoletos.  Cos seus 200 soberbios metros de altura culpable preténdense colocar nos nosos montes para enriquecerse sen importarlles nada a destrución do noso e sen os necesarios estudos de implantación que certifiquen e garantan as limitaciois lóxicas ante semellante acoso.

 Esa mirada fonda dun nino, sempre naif que pinta Luis, evidencia a pureza do non querer ter certeza, de non saber de ameazas e perigos que nos asexan.  Fala de amores e de flores transformadas, sen malicia ningúa, nunha manifestación contraria a toda esa ilóxica globalización que nos abafa. Inocente o maio camiñará e cantará esta primavera esperanzado en poder repetirse, unha e mil veces máis entre montañas ceibes da especulación, porque hai razois xustas polas que soñar cun futuro mellor. 


PROGRAMA DE ACTOS

30 de abril     ARROUPANDO A TRADICIÓN :

21,30 na Alameda  QUEIMA DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR  A PRIMAVERA   

22,00 na Prazoleta de D. Pío Actuación de OS MELIDAOS de Melide e de EMBRUXO GAITEIROS de Ordes.

Embruxo gaiteiros
Os Melidaos


1 de maio     MAIO TRADICIONAL

9,00  Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila.

11,00  Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.

14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior para cantarmos :

           Levántate maio, bastante durmiche,

                pasou un burro e non o sentiche.

 

A continuación comida campestre de todos os participantes no Campairo. Este ano co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.

Nota:  O cartel do maio é obra de Luis Rodríguez Pérez á quen lle agradecemos a súa fermosa e xenerosa colaboración.  

No caso de que a chuvia nos visite os actos do sábado se realizarán na bodega "La Torre" no Campairo e a comida do día 1 no patio do Colexio da Divina Pastora.


CUATRO CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA

1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.

  VESTIR UN MAIO UNHA GRAN RESPONSABILIDADE

- APRENDER A VESTIR UN MAIO:  Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. O que non é doado manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.

 -SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible cos brazos e maos atadas ao corpo.  Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.

3º/  CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN:  Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente,  cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dá algo ao maio, unha copla de agradecemento,  e se non dá nada,  botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.

4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS:  Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios. Unha fórmula de agradecemento por traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens.  Lembrade  que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio” 

 Os medios fanse eco da próxima celebración da Festa do Maio 2022:


luns, 18 de abril de 2022

CHARLA SOBRE OS MACRO PARQUES EÓLICOS NO BIERZO OESTE


 O sábado pasado organizamos e realizamos xunto con Rural Sostenible unha charla informativa sobre os macroparques eólicos proxectados para o Bierzo Oeste que esperamos sirva para ampliar a conciencia veciñal sobre o que significará de levarse a cabo esta agresiva iniciativa das empresas privadas sobre os nosos montes, que parece formar parte da denominada Transición Enerxética Xusta e que moi pouco ten que ver cunha verdadeira transformación acorde ás necesidades enerxéticas dos cidadáns e dos territorios afectados, para nada resulta equilibrada e beneficiosa para o conxunto da poboación e si para determinadas multinacionais. Esperamos que con este acto se poidan dar pasos na resposta a esta desfeita que se prevee para o Bierzo Oeste, pero tamén par aoutras zonas veciñas como A Cabreira e O Courel. Trátase dunha ameaza moi real que precisa dunha resposta conxunta e contundente. 

Colocamos a continuación unha pequena reportaxe gráfica dalgunhas das distintas intervenciois que esperamos ir subindo ás redes en pequenos vídeos nos próximos días. 
















Deixamos a seguir a repercusíón en prensa da charla. 

Bierzodiario

Infbierzo

Diario de León

Bierzo tv  

ILeón

Diario de León

SERBIERZO

BIERZO8 Noticias (a partir do minuto 9,20)