AS CEN
VILAFRANCAS/ 10ªentrega
Os nosos xigantes rodeados de ninos a comezos dos anos 60 (Foto de Otto Karliczek)
Os “xigantes” que veñen e non invitamos. Desmemoria e identidade.
“Somos o que recordamos” comentábamo o
outro día unha persoa facendo unha sentida reflexión sobre un familiar seu con
Alzheimer. Sabía tamén que esta era unha teima do escritor Manuel Rivas que viña repetindo con frecuencia. O realmente perverso da desmemoria é a perda
de identidade que semellante mal xera nas persoas. A memoria precisa lembrar,
está feita de recordos, sen eles a personalidade dilúese ata desaparecer. Pois
ben, estes días anúncianse a bombo e platillo as Festas do Cristo
de Vilafranca cos seus xigantes, tan necesarias tras dous longos anos de
pandemia e nunca se viu na prensa berciana de todo tipo facerse eco con tanta
énfase da saída dos xigantes nas Festas da Encina de Ponferrada. Alégranos.
Gustaríanos botando mao das lembranzas e das lecturas pasadas traer a estas
páxinas algunha anécdota curiosa sobre estes personaxes grotescos e divertidos
que nos singularizan para cultivar o noso carácter. Pero existen outros “xigantes”, aos que nunca
invitamos, nada festeiros que nos perturban irremediablemente as evocaciois dos
xigantes de sempre. Con axilidade e sixilo pretenden visitarnos e vir para
quedar enlodando a nosa intelixencia. Destes outros xigantes a prensa, se os
nomea, é para anunciar marabillas no contexto crítico polo que pasamos e
vendelos como unha alternativa eficaz á crise enerxética que nos abafa. Por
iso, neste artigo louvaremos os beneficios da lectura de boa literatura como
remedio desta distorsión e non faremos outra cousa que lamentarnos da falta de
retentiva ben, por non ter lido, ou ben por non ter presente tan sequera aquela
lección elemental que asinaba un autor galés baixo o pseudónimo de Lewis
Carrol escrita na corrupta sociedade
vitoriana de finais do XIX. Este libro, baixo a aparencia dun conxunto de
aventuras infantís era por momentos (e ségueo sendo hoxe) unha verdadeira
chamada de atención para os adultos sobre a cordura fronte a sen razón dos
tolos un tanto quixotescos nese mundo “sen sentido” que se parodia no seu
fantástico relato dedicado a Alicia. Que débil é
a nosa memoria e que faltos de reflexión e cegos estamos por veces, estaremos
perdendo o xuízo?
Outramente,
non se confundan, son megaproxectos xigantes de grandes multinacionais os que
nos pretenden visitar sen estar invitados. O prazo de alegaciois para impedir
esta visita non grata, remata. O paradoxo do país das marabillas cos que nos
pintan estes xigantes de 200 metros e tremendos brazos faise cada vez máis
evidente. Disque son xigantes silenciosos, sen bombas de gran palenque, porque,
non se enganen, non veñen de festa; píntanse a si mesmos como camiño de
progreso e alegrías cuando deberían entenderse como unha impúdica agresión ao
medio, á paisaxe e ao patrimonio cultural e natural porque se pretenden
multiplicar a moreas polas nosas montañas sen contemplación e sen criterio.
Parece mentira que por parte dos gobernantes se estea disposto a asinar un
cheque en branco cos especuladores enerxéticos e, pola contra, rexeiten outras
ubicaciois propostas, máis racionais e menos incompatibles con esa xigantesca e
desproporcionada presenza. Esas
alternativas non lles valen e queren vir a ocupar os espazos do rural antes
baleirados para transformalos en lugares irrecuperables, sen personalidade e
sumidos nun triste silencio. Darlles entrada a estas “criaturas” sería pois
preferir o deserto en lugar das verdes morteiras, fragas e soutos, colocar un lastre lamentable para a desexada sostibilidade
e progreso futuro do Bierzo que se debería basear en todo o contrario, no vigor
sonoro e a aposta pola vida nos nosos pobos e as súas xentes: Ruralismo ou
barbarie.
Esas
xentes que faltan hoxe nos pobos silentes son as que enchían e daban pulo as
festas con xigantes e cabezudos que herdamos.
Certamente as festas xa non teñen aquel bulicio de antano, aínda que non
falten os seus sons característicos, unha marca de identidade da que custa desprenderse. Lembremos que
as persoas que por enfermidade perden a memoria resístense a esquecer canciois
e melodías que lles transmitiron algún tipo de emoción na vida, poñamos por
caso nas que se escuitan nas festas. Logo estas cantigas gardan unha relación
concreta coa nosa identidade. Mais traiamos dese pasado alguis exemplos
literarios breves, pero explícitos para argumentar o que dicimos. Reparen neles
a funcionalidade dos sons no evento festivo.
Ramón
Carnicer en Los árboles de oro (1962)
repasa as súas vivencias festeiras dos anos vinte en Róbriga (o nome dado na
ficción literaria a Vilafranca):
“Al final del verano vinieron
las fiestas de Róbriga. Los gigantes, que tanto me divertían de pequeño, ya no
me interesaban casi, aunque me alegraba verlos porque señalaban el comienzo de
la fiesta. Eran cinco: el Cid y doña Jimena, muy viejos y repintados ya, Don
Quijote, Dulcinea y Sancho, más nuevos; bailaban al son de una gaita, y a su
alrededor se movía una legión de cabezudos pidiendo dinero a los mayores y
dando vejigazos a los pequeños. A la vez, tronaban los cohetes y las bombas,
resonando largamente en la profunda oquedad de los montes.”
Noutro
texto Elena Quiroga en 1952 describe, tras un longo paseo pola vila, o paso dos
xigantes desde o Castelo:
“...
cuando nos llega el sonido agudo e
alborozado de la gaita. Hace un alto el corazón... Nos asomamos todos, porque
es tradiconal en Villafranca que en la fiesta mayor, que hoy se celebra, acudan
los cabezudos a bailar. Los cabezudos -Oh Villafranca del Bierzo! – representan
a Don Quijote y al Cid, a Sancho y Doña Jimena. La danza es hierática y amuñecada.
Don Quijote al Cid de poder a poder. A D. Quijote le resulta difícil moverse
con su armadura de cartón gris y sus largos zancos. Sancho se aprovecha, pese a
su enorme cabezota, y gira sobre sus alpargatas. Doña Jimena tiene dos trenzas
rubias que le cuelgan hasta el busto erguido y se mueve con compostura. El
roncón de la gaita advierte lo hondo de la ficción. El agudo es el bufón que
ríe...”
Nunha
carta do ano 1981 dirixida a Norberto Beberide, creador plástico amante e
reparador dos xigantes, escrita por Juan Carlos Mestre en forma de conto, os
seus protagonistas Don Quixote e Sancho cabalgan xuntos cara a unha nova
aventura que os leva ás terras do Bierzo sendo sorprendidos en Vilafranca:
“No se había repuesto del susto el hidalgo
cuando divisó la mojiganga que subía por la cuesta de Zamora... no pudiendo Don
Quijote por menos que inquietarse al escuchar atónito la cancioncilla que al
son de la gaita y el tamboril venían cantando aquellas gentes:
“Trum purrúmpun
trun, palillos de madeira,
baila Don Quijote con Doña Dulcinea...”
Montaxe do fotógrafo Robés cos rostros dos nosos xigantes |
Que
tempos aqueles nos que os únicos xigantes posibles eran estes xigantois
literarios e amables feitos de cartón, as ananas, como tamén lles dicían os
paisanos. Daquela resultaba impensable o acoso actual dos xigantes do vento que
seguen sen ser invitados. Que soen as campás, como chamada á memoria e mais a
cordura para afirmar con contundencia que tipo de xigantes queremos, que estes
que danzan polas rúas símbolo do mal supeditado ao ben que representa o Cristo,
os nosos xigantes de sempre, son os únicos que precisamos na nosa vila. Eses
outros macro-proxectos que pretenden abusar da nosa debilidade, cuando non da
desinformación ou mesmo da nosa inxenuidade, non son ben recibidos por máis que
os pretendan camuflar como a única solución posible á difícil situación na que
vivimos. Atentan contra a nosa identidade ao pór en perigo unha parte esencial
do noso como é a paisaxe ecocultural que resiste. Afortunadamente non somos todos uns
desmemoriados, non perdemos a razón e aínda hai bos lectores. Xa nolo deixou
dito Cervantes no seu querido Don Quixote por boca do humilde e sincero Sancho
naquela pasaxe tan popular como transparente:
-
Mire meu señor, que aqueles que
eilí semella non son xigantes, senón muíños de vento, e o que neles parecen
brazos son as aspas!
Desexariamos
espertar e non ter que dicir nunca: O
dinosauro segue aí!. Queremos
espertar, si, como Alicia ao outro lado do espello, dona do seu futuro,
enriquecida cun espírito crítico e reflexivo ao finalizar as súas aventuras
sabendo que todo foi un soño, seguramente un pesadelo, nun aparente mundo
marabilloso que agocha realmente outro mundo absurdo e capitalista dominado
pola hipocrisía e as manipulaciois.
Namentres iso non ocorra que siga soando, é importante, a melodía dos Palillos de madeira, a que rebautizou Amancio
Prada co tan revelador nome de Bergidum,
danza que nos identifica coa categoría propia dun himno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario