sábado, 31 de agosto de 2019

ALGÚAS APORTACIOIS Á POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL DO BIERZO

Marisa Cela cantando unha peza tradicional de mazar o leite no Teatro 29 de outubro do 2006

A ESCOLA DE GAITAS E O SEU TRABALLO NA DEFENSA DO PATRIMONIO

Dende o momento que nos constituímos como Asociación Cultural, a Escola de Gaitas de Vilafranca tivo claro que era algo máis que un grupo de gaiteiros do país. Iso de ser gaiteiros no Bierzo non o consideramos pouca cousa, quede claro, mais sabíamos que como asociación nacíamos co compromiso de intervir na defensa dos nosos costumes e do noso Patrimonio cuxa riqueza esixía de nós algo máis que ser músicos tradicionais.

Os anos 90 foron especialmente significativos neste sentido porque organizamos durante varios anos as Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo que, como consta nas memorias editadas, tiñan por meta o estudo e a posta en valor do noso Patrimonio. Logo no cambio de milenio impulsamos a creación da Comisión Cultural Martín Sarmiento coa idea de ampliar a nosa incidencia e reunir arredor desta figura, pero tamén do seu modus operandi, a outros grupos e ás administraciois local, comarcal e mesmo autonómicas (Castela e León e Galicia)  neste labor a prol do patrimonio berciano.  De feito o noso labor deulle forma ás denominadas Xornadas Martín Sarmiento que, se ben teñen un interese especial en iniciativas didácticas de corte lingüístico pensadas para os centros escolares, tamén abordan de xeito continuado a cuestión do Patrimonio Cultural.

 A participación na Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO no 2005 abriu  definitivamente a porta a un  proceso que foi avanzando paseniño ano a ano, en muitos casos da mao da Comisión Cultural Martín Sarmiento na procura do futuro para o Patrimonio Cultural Inmaterial de Vilafranca e do Bierzo.  Na presente entrada facemos memoria dalgunhas destas humildes, pero importantes aportaciois.

Exposición de oficios tradicinais pro candidatura do Patrimonio Inmaterial á Unesco no ano 2005

 OS PASOS DADOS DA MAO DA COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO.

Un dos primeiros proxectos da Comisión Cultural Martín Sarmiento, cuando aínda o goberno municipal de Vilafranca facía oídos xordos a muitas das propostas que se poñían enriba da mesa, foi a da creación dunha Aula da Natureza "Martín Sarmiento" unha iniciativa que tentaba á vez recuperar o Museo de Ciencias Naturais dos Padres Paúis promovendo un convenio co concello para, entre outras cousas realizar unha catalogación do Patrimonio material e inmaterial do municipio.
  Pallozas de Campo da Auga
 Ao poñer en marcha, pouco despois, as Xornadas Martín Sarmiento asumíronse tres retos de gran transcendencia para o traballo co Patrimonio que a día de hoxe continúan estando vixentes:  Incorporar a figura e seguir os pasos do ilustrado na defensa da lingua galega no Bierzo,  seguir estudando a Cultura da comarca intimamente ligada ao anterior obxectivo e implicar a un maior número de entes culturais e ás administraciois no proceso de posta en valor do noso Patrimonio Cultural e Natural.

I XORNADAS MARTÍN SARMIENTO presentando as comunicaciois da arqueóloga Ana Filgueira e
da etnobotánica Lola Fernández de Breaux 2005
I XORNADAS MARTÍN SARMIENTO presentando a intervención de Pepo Nieto sobre o Bierzo Natural.

I XORNADAS MARTÍN SARMIENTO comunicación sobre Toponimia e preservación do Patrimonio polo profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza, membro da Comisión Toponímica de Galicia.  

Nunha primeira etapa destas Xornadas (2005-2006-2007)  xa no propio lema das mesmas podemos apreciar como o Patrimonio Cultural e, tamén, o Natural foron obxecto de atención específica a través das distintas comunicaciois, muitas delas fruito dun estudo en variados campos buscando a colaboración con entes diversos que ían dende colectivos preocupados pola Natureza como A Morteira ou instituciois como a Universidade de Vigo ou a Real Academia Galega:
- Toponimia e Mitoloxía e o Bierzo Natural abordadas nas I Xornadas baixo o lema: Toponimia, natureza e lingua.
- Tradición oral, Arqueoloxía e Herpetofauna do Bierzo nas II Xornadas tituladas: Memoria, patrimonio e lingua.
II XORNADAS MARTÍN SARMIENTO: Comunicación sobre a Tradición Oral na Somoza



II- XORNADAS MARTÍN SARMIENTO: Comunicación sobre Herpetofauna

Sinatura da cesión do Museo de Ciencias Naturais dos Padres Paúis
 ao Concello de Vilafranca (11-V-2007)


-  As III Xornadas baixo o título: Patrimonio, museos e saber foron unha firma aposta pola consolidación dunha infraestrutura museística na Casa Natal de Sarmiento e o Museo de Ciencias Naturais dos Paúis.  Se ben a nosa insistencia ante as autoridades para a creación dun Centro Cultural na Casa Natal de Sarmiento, un compromiso asinado no 2002 polas administraciois autonómicas de Galicia e Castela e León, non prosperou, a outra das iniciativas orixinais deste proxecto tivo mellor fortuna.

Unha clara consecuencia destas Xornadas celebradas o mes de marzo aconteceu ese mesmo ano 2007 concretamente o 11 de maio:  A sinatura do convenio de cesión por 30 anos ao Concello de Vilafranca do Museo de Ciencias por parte do Padres Paúis  asinado con Vicente Cela, como Alcalde e Conchi López, como Concelleira de Cultura. Este feito puxo as bases para a futura infraestrutura museística que precisa Vilafranca como un dos centros patrimoniais de referencia para toda a comarca.

Materias didácticos do blog: O mego da escola

OUTROS PASOS DECISIVOS NO NOSO COMPROMISO CO PATRIMONIO
 Por outra banda, antes de dar comezo unha segunda etapa, a nosa asociación daba pasos decisivos no seu compromiso coas tradiciois. No 2008 nacía o blog o Mego da Escola, a nosa páxina web BIERZO CULTURA coa intención de difundir o noso labor sobre o Patrimonio e tamén o noso selo editorial BIERZO TRADICIONAL que foi publicando en diversos formatos estudos sobre a tradición máis ancestral e unha das tradiciois máis moderna da vila:  Un DVD sobre A Festa do Maio de Vilafranca (2008) e un libro titulado Palillos de madeira sobre Os Xigantes e Cabezudos (2010).  Naqueles anos tamén se fragua como consecuencia de toda unha longa experiencia de anos de revitalización a  Declaración de Interese Provincial para Festa do Maio (2009).

 Temos que valorar como un par de feitos mui desacables tanto a nosa estreita colaboración co A Morteira neste período e o nacemento no ano 2011 da Asociación Burval, unha asociación amiga coa que colaboramos asiduamente e que se centraría no labor da recuperación do Museo de Ciencias e na organización dos seus propios encontros de Patrimonio Natural e Cultural, o que nos permitiu volcar os nosos esforzos cara ao terreo da Educación e a Lingua. 

Colaboración coa Asociación A Morteira
O NOSO PATRIMONIO,
 UN DOS EIXES PERMANENTES DAS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO.
A incorporación da figura de Sarmiento ao Museo de Ciencias Naturais de Vilafranca
 Logo, nunha segunda etapa das Xornadas Martín Sarmiento  (2012- 2013-2014- 2015- 2016- 2017- 2018)  houbo unha maior preocupación por asentar a introdución do galego nos centros docentes da comarca, institucionalizando o denominado Día do Galego nos centros docentes do Bierzo no 9 de marzo para a realización dos intercambios escolares. Isto non impediu que se procurase nestes anos con cada edición unha maior participación de novos colectivos (como a xa citada Asociación Burval ou  A Morteira,  colectivos veteráns como o Instituto de Estudos Bercianos ou de creación máis recente como o Grupo As Médulas para a defensa da lingua e da cultura galegas no Bierzo que comeza a súa andaina no 2015)  relacionados coa recuperación do Patrimonio e avanzar coa implicación das administraciois locais e co Consello Comarcal e Autonómicas de galicia e Castela e León ata lograr a aprobación do Decálogo sobre novos espazos para o Galego no Bierzo (2- III- 2017)

Fagamos un repaso rápido polos distintas aportaciois realizadas:
- Intercambios escolares Martín Sarmiento.
- Creación do Itinerario Sarmiento para Vilafranca nas IV Xornadas.
- Encontro aberto sobre a dinamización Cultural en Vilafranca nas V Xornadas.
Materiais de colaboración coa Asociación Burval
para o Museo de Ciencias Naturais dos Paúis.
- Colaboración específica coa Asociación Burval para o Museo de Ciencias Naturais dos Paúis nas VI Xornadas.
Na procura de compromisos das administraciois locais, comarcais e autonómicas sobre o Patrimonio
- Na procura da implicación de alcaldes do Bierzo.nas VII Xornadas.-  Elaboración do borrador do Decálogo dos Novos espazos para o galego no Bierzo nas VIII Xornadas.
Grupo de traballo para a redacción do Decálogo Novos Espazos para o galego no Bierzo (2016)

Exposición Fernández Morales. Aprobación por unanimidade do Decálogo Novos espazos para o galego no Bierzo polo Consello Comarcal nas IX Xornadas.

-  Nas X Xornadas realizouse a Convocatoria dos Premios Morales dedicados a distintos aspectos do noso calendario tradicional comezando polo magosto.
 - Novos traballos didácticos sobre a vila natal de Sarmiento para os Intercambios Escolares.

O ano pasado comezou unha terceira etapa na que de novo o Patrimonio Cultural e Natural volvan a ter unha presenza maior ao dedicar cada edición a un concello galego-falante da comarca da que se espera recuperar a publicación de novos materais e  contribuír a desenvolver un proxecto máis ambicioso de transmisión e dinamización co Patrimonio Lingüístico e da Cultural Inmaterial como de interese.   As XI Xornadas co lema Corullón: Un castelo, viñas, soutos, cireixais e zoupeirosdesprazáronse a este concello no que tamén se ten previsto realizar a entrega dos II Premios Morales no próximo mes de novembro que focalizará os seus contidos no costume dos Fiandois.

venres, 23 de agosto de 2019

DE CUANDO A FESTA DO MAIO DE VILAFRANCA VIAXOU A PORTUGAL


NA POSTA EN MARCHA DA CANDIDATURA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS Á UNESCO (2005)

Esta é a crónica dun feito singular que non quixeramos deixar esquecido. Está relacionada coa nosa Festa do Maio e con certo retraso (dito sexa con toda a ironía do mundo) publicámola agora pouco antes de se cumpriren os 15 anos do acontecido. Falamos do primeiro fin de semana de xuño de 2005 do día no que unha delegación da Escola de Gaitas de Vilafranca se desprazou a Melgaço, unha localidade do Norte de Portugal coa finalidade de participar nun dos primeiros encontros que se realizaron para presentar a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galaico-Portugués á UNESCO.

Como en muitas outras ocasiois encabezaba a delegación Marisa Cela que foi acompañada por un dos experimentados mestres á hora de vestir un maio o popularmente coñecido como Toño Vellina. O día anterior, á tardiña, cortaron unha mata de cañaveiras  nun lugar avisedo do Campo da Galiña. Os mazandois ( outro nome co que se coñece ás cañaveiras) aínda conservaban un aspecto semellante ao que acostuman lucir un primeiro de maio, data na que saen tradicionalmente os maios polas rúas da vila. Durmiron nun barreñon metidos en auga toda a noite ata que ao mencer foron transportados nun coche conducido por Darío, o home de Marisa, ata a fermosa vila de Melgaço. 


Pensaran en levar a un rapaz para vestilo como corresponde, pero as cousas se torceron a última hora, o que non permitiu que a nosa presenza eilí fose tan lucida como debería. A Exposición estaba pensada por parte dos promotores cun carácter estático polo que se considerou máis axeitado botar mao dun maniquí ao que vestir de maio. A primeira hora da mañá, á par que outros tipos de maios galegos se comezaban a armar, a nosa delegación dispúxose pois a vestir a un boneco de tamaño natural. Vellina, mestres ataba as cañaveiras lembraba como, en certa ocasión,  Tito Rada fixera algo parecido na Festa do Maio para adornar o corredor da súa casa na histórica Rúa da Auga.



Unha vez vestido colocaron o panel explicativo ao seu carón, e, á hora prevista, inaugurouse a Mostra de apoio á Candidatura da tradición oral galaico-portuguesa para a súa declaración como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, unha candidatura que foi impulsada por un nutrido número de organismos e asociaciois do Norte de Portugal e de Galicia, coordinados polo  Colectivo "Ponte nas Ondas" aos que se sumaron tamén dos territorios galegofalantes de Asturias, León e Zamora, entre os que estaban a nosa Escola de Gaitas e a Comisión Cultural Martín Sarmiento. Tamén contaba dita candidatura cun apoio institucional importante, o goberno luso e o español, ademais do executivo autonómico da Xunta de Galicia.

Participou na apertura, realizando unha visita protocolaria, pero mui interesada a Ministra de Cultura Isabel Pires, á que Marisa tivo ocasión de explicar en detalle o carácter singular do noso maio humano e mesmo cantarlle aquilo de:
                                               " Levántate maio, basteante durmiche,
                                                  pasou un burro e non o sentiche".

Marisa Cela explicándolle a singularidade do maio de Vilafranca á Ministra de Cultura Portuguesa, Isabel Pires
(Melgaço- xuño 2005)

Aquela foi a primeira das nosas intervenciois de apoio á Candidatura que tivo logo, uns meses despois un 17 de setembro de 2005 un acto específico para o Bierzo e As Portelas Mostra de oficios, xogos e tradiciois do Patrimonio Inmaterial da nosa comarca que se desenvolveu en distintos espazos de Vilafranca do Bierzo (na Alameda, na Praza Maior e no Teatro) coordinado por nós e polo Colectivo Xente Nova das Portelas de Zamora, que podedes ver na entrada Patrimonio para o futuro.

Daquela tamén se fixeron eco da saída do noso Maio a Portugal os medios de comunicación na comarca: Diario de León