venres, 23 de agosto de 2019

DE CUANDO A FESTA DO MAIO DE VILAFRANCA VIAXOU A PORTUGAL


NA POSTA EN MARCHA DA CANDIDATURA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS Á UNESCO (2005)

Esta é a crónica dun feito singular que non quixeramos deixar esquecido. Está relacionada coa nosa Festa do Maio e con certo retraso (dito sexa con toda a ironía do mundo) publicámola agora pouco antes de se cumpriren os 15 anos do acontecido. Falamos do primeiro fin de semana de xuño de 2005 do día no que unha delegación da Escola de Gaitas de Vilafranca se desprazou a Melgaço, unha localidade do Norte de Portugal coa finalidade de participar nun dos primeiros encontros que se realizaron para presentar a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galaico-Portugués á UNESCO.

Como en muitas outras ocasiois encabezaba a delegación Marisa Cela que foi acompañada por un dos experimentados mestres á hora de vestir un maio o popularmente coñecido como Toño Vellina. O día anterior, á tardiña, cortaron unha mata de cañaveiras  nun lugar avisedo do Campo da Galiña. Os mazandois ( outro nome co que se coñece ás cañaveiras) aínda conservaban un aspecto semellante ao que acostuman lucir un primeiro de maio, data na que saen tradicionalmente os maios polas rúas da vila. Durmiron nun barreñon metidos en auga toda a noite ata que ao mencer foron transportados nun coche conducido por Darío, o home de Marisa, ata a fermosa vila de Melgaço. 


Pensaran en levar a un rapaz para vestilo como corresponde, pero as cousas se torceron a última hora, o que non permitiu que a nosa presenza eilí fose tan lucida como debería. A Exposición estaba pensada por parte dos promotores cun carácter estático polo que se considerou máis axeitado botar mao dun maniquí ao que vestir de maio. A primeira hora da mañá, á par que outros tipos de maios galegos se comezaban a armar, a nosa delegación dispúxose pois a vestir a un boneco de tamaño natural. Vellina, mestres ataba as cañaveiras lembraba como, en certa ocasión,  Tito Rada fixera algo parecido na Festa do Maio para adornar o corredor da súa casa na histórica Rúa da Auga.



Unha vez vestido colocaron o panel explicativo ao seu carón, e, á hora prevista, inaugurouse a Mostra de apoio á Candidatura da tradición oral galaico-portuguesa para a súa declaración como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, unha candidatura que foi impulsada por un nutrido número de organismos e asociaciois do Norte de Portugal e de Galicia, coordinados polo  Colectivo "Ponte nas Ondas" aos que se sumaron tamén dos territorios galegofalantes de Asturias, León e Zamora, entre os que estaban a nosa Escola de Gaitas e a Comisión Cultural Martín Sarmiento. Tamén contaba dita candidatura cun apoio institucional importante, o goberno luso e o español, ademais do executivo autonómico da Xunta de Galicia.

Participou na apertura, realizando unha visita protocolaria, pero mui interesada a Ministra de Cultura Isabel Pires, á que Marisa tivo ocasión de explicar en detalle o carácter singular do noso maio humano e mesmo cantarlle aquilo de:
                                               " Levántate maio, basteante durmiche,
                                                  pasou un burro e non o sentiche".

Marisa Cela explicándolle a singularidade do maio de Vilafranca á Ministra de Cultura Portuguesa, Isabel Pires
(Melgaço- xuño 2005)

Aquela foi a primeira das nosas intervenciois de apoio á Candidatura que tivo logo, uns meses despois un 17 de setembro de 2005 un acto específico para o Bierzo e As Portelas Mostra de oficios, xogos e tradiciois do Patrimonio Inmaterial da nosa comarca que se desenvolveu en distintos espazos de Vilafranca do Bierzo (na Alameda, na Praza Maior e no Teatro) coordinado por nós e polo Colectivo Xente Nova das Portelas de Zamora, que podedes ver na entrada Patrimonio para o futuro.

Daquela tamén se fixeron eco da saída do noso Maio a Portugal os medios de comunicación na comarca: Diario de León

Ningún comentario:

Publicar un comentario