luns, 28 de decembro de 2020

12 FEITOS QUE NOS FIXERON MEDRAR NOS PRIMEIROS ANOS DA ESCOLA (ANOS 80)

Se Vilafranca é a mai que xestou e pariu a primeira Escola de Gaitas do Bierzo, hoxe queremos contextualizar algunhas circunstancias que deron pé, ao longo dos anos 80, a que se consolidase a nosa agrupación musical nun proceso de experimentación e aprendizaxe mui intenso.  A Escola, naceu pois nunha vila, como un produto cultural asociado a un núcleo de poboación algo maior que un lugar ou unha aldea máis pequenos, trátase dun fenómeno vilego. O pai foi, sen dúbida, un conxunto complexo de costumes tradicionais existentes tanto na vila como na contorna que provocou e alimentou esa sensibilidade dun grupo de entusiastas da tradición que antes de ser Escola fomos quen de dar sinais de que algo novo se estaba xestando. No día en que celebramos o noso 39 aniversario,  imos detallar a seguir unha ducia de vivencias que definen dalgún xeito a nosa existencia seguindo unha certa orde cronolóxica.

1-A RUPTURA COS CONCURSOS DE MAIOS NO ANO 1980

Festa do Maio 1980, na Praza Maior baixo o balcón do consistorio.

Falamos dun grupo de persoas que por amor á tradición iniciamos o longo proceso de recuperación da Festa do Maio no momento en que esta celebración do noso calendario tradicional pasaba por un momento crítico marcado por dúas ameazas: A da desaparición (saía un só grupo de ninos cun maio) e a da dexeneración (co intento de asentar o concurso de maios por parte do Concello, unha fórmula xa probada anteriormente que lonxe de contribuír á conservación creaba unha competitividade allea ao espírito do costume e que ademais non garantía a súa continuidade. De feito non era a primeira vez que ao non convocarse o concurso ao longo dos anos 70 o número de grupos de maios nas rúas descendera ata case desaparecer). 

Foi no ano 1980 cuando un grupo autodenominado "Nós", despois da experiencia do ano anterior de saír á rúa un bon grupo de rapaces e rapazas co maio, decidimos manter o compromiso anunciándoo cunha ducia de carteis como fixeramos timidamente o ano anterior (no que tamén colgaramos un par de carteis feitos a mao). A nosa sorpresa  foi ver  nos escaparates dos establecementos da vila outro cartel coa convocatoria por parte do goberno municipal do Concurso de Maios. A coherencia que alimentaba aquel grupo de persoas axiña derivaría no nacemento da Escola, dalgún xeito xa estaba viva e manifestouse con forza. O concurso convocara na Praza Maior, como era de esperar, a varios grupos de participantes, a expectación creada mesmo trouxera a cubrir unha crónica a diversos medios e ata á televisión. O noso grupo como manda a tradición percorreu unha chea de barrios cantando os maios e axiña viñeron emisarios a insistir en que nos achegáramos ao consistorio municipal onde se realizaba o concurso, a nosa posición era firme. Non nos presentariamos ao concurso e, por suposto, pasariamos pola Praza  Maior antes de rematar o noso percorrido. As invitaciois e a insistencia coa que muitos veciños nos animaban a presentarnos, incrementáronse cuando entramos na praza cunha comitiva de maios ben florida e fermosa, estaban en pleno concurso. Os nosos cantos acompañados ao son da gaita (penso que por vez primeira na festa) abriron paso á comitiva, pero non nos detivemos ante o balcón do Concello. Produciuse entón un pequeno caos ao interromper sen o pretender nós o transcurso da competición. Quero lembrar que ante a presenza da TV que quería gravar ao noso maio e que nos insistíamos en que non queríamos participar, alguén da corporación ofreceunos explicar ante o público asistente a nosa postura. Aceptamos ofrecer a nosa visión sobre o nefasto dos concursos de maios e despois de recibir os aplausos pertinentes e cantar baixo o balcón concluímos o noso percorrido. Ao ano seguinte xa non houbo convocatoria de concurso de maios pero pola contra os maios seguiron e seguen saíndo por tradición.      

2- ANO 1981:  O NACEMENTO  E O NOSO PRIMEIRO COLO, O DA NOSA AGARIMOSA AMA DE CRÍA,  O INSTITUTO DE CULTURA POPULAR “GILBERTO NÚÑEZ URSINOS”

Naquel inverno do 81, ademais da Escola de Gaitas nacería tamén unha entidade que funcionaría como ama de cría da propia Escola. Representaba un intento por facer cultura diferente para unha nova Vilafranca, de feito houbo un Festival de presentación no Teatro de Vilafranca, nos primeiros días de xaneiro do 82. Presentábase o Instituto de Cultura Popular  "Gilberto Núñez Ursinos" ao qu enos sumaríamos cmo Aula de Música. No acto participaron varios dos directivos como Pepe Nieto e Manolo Mauriz,  houbo unha representación teatral e varias actuaciois musicais entre as que podemos dicir que soou, por vez primeira en público, o son da Escola de Gaitas, só un par de pezas,  como anunciando o noso parto. 

Este Instituto de Cultura Popular acolleunos no seu colo e agarimounos ata que fomos medrando e soubemos camiñar por nós mesmos. O seu foi un apoio vital para poder dar pasos definitivos.  Lembramos con especial cariño aquela longa viaxe a Ortigueira. Conducía Pepe Nieto que colleu o seu coche para ir buscar tres gaitas en si bemol ao Obradoiro de Francisco Garrote.  Esta institución deu cobertura ao noso traballo e á vez foi propoñéndonos participar en novos eventos que organizaba.  Aquel mesmo ano participamos no Entroido polas rúas cunha comparsa de ”máscaras” acompañadas da gaita, por exemplo. A partir daquela data as nosas gaitas soarían con frecuencia na vila.  

Actividade de Entroido do Instituto de Cultura Popular " Gilberto Núñez Ursinos" (1982)

3-A ROMARÍA DE FOMBASALLÁ DO ANO 82

Como xa temos indicado a romaría de Fombasallá funcionou como unha escola da tradición para a propia Escola, outro conxunto de manifestaciois da cultura tradicional especialmente ligado ao mundo da gaita que nos permitiu saír reforzados daquela experiencia que se repetiu dende o ano 82 ininterrumpidamente ao longo daquela enriquecedora década. Xa comentamos que foi como o noso bautismo, unha referencia emocional vivindo a tradición á vez de axudar a construír o futuro, os primeiros recursos, mercar novos instrumentos, pero sobre todo procurar a empatía coa xente nova dispostos a abrir unha nova xeración para a gaita.

Na Romaría de Fombasallá 1982


4-DO ANO 82 E O ANO 83 CONSOLIDANDO A PRIMEIRA XERACIÓN DE GAITEIROS E GAITEIRAS DA ESCOLA  

 Tras as nosas primeiras actuaciois e o chamamento a filas dun dos nosos gaiteiros, Francisco Núñez, pensamos seriamente na necesidade de medrar. Naquel vrao naceron o noso logo e novos proxectos. De Fombasallá convertidas en gaiteiras Marisa Cela e Cristina Fernández sumáronse aos ensaios e  así tamén o fixo Pablo Marote, que non tardou en ocupar o baleiro de Fran, pero tamén comezaron a tocar Gonzalo Díaz, Lolo Pájaro e mesmo Toño Pitillo. Daquela entrara como novo percusionista Pepo Nieto. 

Non tardaría muito en achegarse tamén Marisol Poncelas, que se converteu na nosa primeira fotógrafa oficial, e unha xeración de rapazolos máis novos que cambiou axiña o panorama dos nosos ensaios  Suso Nieto, Moncho Díaz, que xa tiñan aos seus irmaos na Escola e estes turraron dos seus amigos Jesus Núñez e de Javi Robés. Pola parte das rapazas a irmá de Marisol, Mónica Poncelas tamén se uniría ao grupo de gaitas que ensaiaba na bodega da casa da miña avoa, no barrio do Castelo.e logo Esther Rodríguez Villamil, irmá de Luis. Logo virían Fernando Rodríguez e Óscar Cela.  

De xeito espontáneo fóisenos achegando ao longo daqueles primeiros anos outros muitos.  Especialmente  significativa foi o achegamento de Gonzalo Bóveda, que con frecuencia viña acompañado do seu pai Lisardo Bóveda. Algo que soubemos consolidar á par dun grupo de gaiteiros/as de ensaio en ensaio e de actuación en actuación, foi unha sólida amizade.  

Festival organizado pola Escola no ano 1984

5-ACTIVIDADE CULTURAL ARREDOR DA ESCOLA OUTRA EXPERIENCIA INSUSTITUIBLE

Como un pequeno motor comezamos unha serie de actividades de recuperación de xogos tradicionais, como a Billarda, de magostos ou de queimadas con música de gaitas nas festas locais que foron o precedente dos primeiros festivais celtas de Vilafranca que terían lugar ben coincidindo coa Festa do Maio ou ben coas Festas do Turista (agosto) ou do Cristo que organizamos tamén nesta primeira década de vida.

Logramos un contacto e empatía maior con amplos sectores da xente da vila, pero logo xurdiu, unha nova dimensión daqueles eventos que nos daría a oportunidade de iniciar unha relación moi rica con gaiteiros galegos como o Colectivo Paseniño de Vigo ou logo Pallamallada e Revenidas de Vilaxoán que se fixeron asiduos a partir de magostos e doutros actos aos que os invitabamos rematando todos nunha longa noite de gaitas na que eles exercían como verdadeiros mestres nunha cordial e feraz fórmula de aprendizaxe como explicaremos en detalle noutra próxima entrada.

6- ANO 84: COA AMT EN  RIAÑO

Lograramos captar á atención da nosa presenza no Bierzo comezaban as saídas fóra da vila e mesmo a nosa incorporación ao debate sobre a música tradicional na comarca a través da denominada Asociación de Músicos Tradicionais do Bierzo (AMT) unha iniciativa  de Jesús López Témez que se presentaría en Ponferrada cun concerto no que participamos e que sería o precedente doutros, algúis deles fóra da comarca e representando ao Bierzo como é o caso do Encontro das Comarcas Leonesas en Riaño (agosto do 1984) pouco antes do seu asolagamento baixo as augas do Esla. As nosas visitas aos Festivais Celtas de Ortigueira serviron de alento e contraste entre as diversas formas de achegarse á musica de raíz.

7-ANO 85, NO FESTIVAL CELTA CON MILLADOIRO NAS FESTAS DE ASTORGA

Un dos puntos álxidos daquela década foi, sen dúbida, o feito de compartir palco e concerto cun dos grupos máis emblemáticos e máis representativos da música folk, o grupo Milladoiro no Festival Celta das Festas de Astorga ao que nos desprazamos cun bus de vilafranquinos e que supuxo un dos fitos da nosa consolidación como referente do mundo da gaita no Bierzo.

Aquela noite memorable permitía mirar cara adiante con outros ollos e axudou a afrontar un pequeno obstáculo que se presentara inesperadamente daquela na nosa casa.

Actuación da Escola de Gaitas no Festival Celta de Astorga (1985)


8-O VETO Á ESCOLA DA COMISIÓN DE FESTAS DE VILAFRANCA 84-85

Curiosamente o ter máis actuaciois fóra da nosa vila veu acompañado dunha actitude incomprensible por parte da Comisión de Festexos de Vilafranca que nos tivo un ano e medio marxinados das Festas locais e que provocou o noso inicial desconcerto, logo o descontento e finalmente a nosa protesta.  Todo sen resultados efectivos ata que lle puxemos fin polas bravas no ano 1986.


9-UN ANO DA ESCOLA CON MAIÚSCULAS: O ANO 86

Estivemos traballando arreo para mercar unhas novas gaitas e comezar a vestir cunha indumentaria máis tradicional.  Ademais  no mes de maio do 86 demos un paso realmente transcendente na nosa traxectoria como foi a aposta por realzar e impulsar con forza o noso proxecto de recuperación da Festa do Maio coa edición de carteis nunha imprenta así como de dípticos que foran arroupando e difundindo a esencia da tradición.  

Coas Festas do Cristo chegou a ocasión de superar por fin o conflito coa Comisión de Festas con resolución e destreza, coas novas gaitas con traxes novos e co máis importante, o apoio incondicional dun bon número de vilafranquinos como explicamos no seu día con detalle no libro Palillos de madeira sobre os xigantes de Vilafranca, que aplaudiu a nosa decisión e nos acompañou á hora de colocarnos detrás dos xigantes e cabezudos, a pesar de non aparecer, claro está, no programa de actos. 

A Escola de Gaitas colocándose tras dos xigantes nas Festas do Cristo do ano 86 

10- A NOSA Iª NOITE CELTA, ANO 87 

Na Festa do Maio do ano 87 tivemos uns invitados especiais o grupo de baile Revenidas de Vilaxoán e o grupo de música tradicional Pallamallada de Vilagarcía de Arousa, dúas referencias claves que nos amosaron como abordar a nosa actividade de recollida do folclore no Bierzo. Estas actuaciois foron o preámbulo dun festival de música Folk para o Cristo.

 A nosa relación coa Comisión trocou e asumimos para as Festas Patronais a organización dun festival de música folk. Non era a primeira vez que a Escola asumía un reto semellante, pero naquela ocasión, o acontecemento tivo un resultado doce e amargo á vez, e deu fin por un longo espazo de tempo á nosa xa complicada relación co goberno municipal de Vilafranca. Denominamos ao evento 1ª Noite Celta na que interviría ademais dun colectivo de músicos que coñecimos como Paseniño e os grupos Muxicas e NaLúa.  Os problemas foron consecuencia de que a potencia de luz contratada polo Concello non se axustaba á que solicitara este grupo invitado. O concerto realizouse con claros problemas e aquilo quitounos as ganas de realizar novas ediciois ante a falta de seriedade que demostrara o Concello naquela ocasión.


 11- A HOMENAXE AOS NOSOS MESTRES GAITEIROS

O 4 de xaneiro de 1988 celebramos unha homenaxe aos tres gaiteiros maiores que residían en Vilfranca, certificación, a finais do século XX, da nosa vila como a capital da cultura da gaita no Bierzo. Dalgún xeito os vellos mestres gaiteiros cedían o relevo aos máis novos. Foron aqueles primeiros anos de existencia distinta se diversas ocasiois nas que falaramos con eles orientando a nosa aprendizaxe e ofrecéndonos o seu saber. Pepe Fernández, Isidro Álvarez e Leonardo Gallego cearon aquel día con familiares e amigos no Restaurante Ponte de Rei e recibiron un agasallo da Escola de Gaitas como recoñecemento público e posta en valor do seu bon facer como músicos tradicionais, defensores do mantemento da cultura da gaita na comarca. Sentados coas súas donas na mesa de cabeceira, coma se fose unha voda, aquela noite foi inesquecible para os que a vivimos. Eles e os seus achegados estaban ben emocionados e agradecidos.  Aos postres tocaron os tres. Ademais daquela xornada memorable, dos tres recibimos diferentes agasallos que falan por si sós do cariño que nos tomaron. Pepe xa octoxenario sairía  a tocar ese mesmo ano un ratiño con nosoutros nas festas patronais. O gaiteiro que transmitiu a melodía da Danza, fillo do seu creador, interpetrouna de novo para facer bailar polas rúas aos centenarios xigantes da vila. Sería a derradeira vez que o faría na súa vida e foi unha experiencia que non esqueceremos nunca. Tamén gardamos nos  nosos corazois as lembranzas dos últimos ensaios nos que estivo Isidro durante este mesmo ano e o seguinte, antes de que deixara de tocar polos seus problemas de saúde. No ano 1989 Pepe finou e lamentablemente Leonardo foi o único dos tres que puido tocar na celebración do noso X Aniversario no ano 91.

Pepe Fernández tocando, Isidro Álvarez coa gaita nas maos e ao fondo Leo Gallego no día da súa homenaxe (4 xaneiro 1988)

12-    A CREACIÓN DA ASOCIACIÓN CULTURAL "ESCOLA DE GAITAS" DE VILAFRANCA

Foi o ano 1989 no que decidimos legalizar o noso colectivo no que ao redor dos gaiteiros e gaiteiras se xuntaban numerosos compañeiros e compañeiras de activistas culturais, interesados nos mesmos fins polos que estabamos traballando, colaboradosres asiduos na organización de unha chea de eventos que nos empurraron a constituír unha asociación cultural á que lle puxemos o mesmo nome que tiñamos como músicos. Muitas veces logo pensaramos que non era un nome moi orixinal, pero convertéranos nun humilde referente para a cultura local. Aquilo foi logo un trámite, pero nos convertía en maiores de idade, independizándonos da tutela do Instituto de Cultura Popular que nos acollera con agarimo dende o nacemento da Escola, co que mantivemos sempre cordiais e fraterna relaciois namentres seguiu en activo.    Aquel ano as nosas gaitas arrouparon tamén polas rúas de Oviedo unha reclamación histórica da nosa vila: Burbia vive, era un 9 de decembro de 1989-


 

CONTINUARÁ