venres, 13 de abril de 2018

PROGRAMA FESTA DO MAIO 2018




Hai unha porta naquel castañeiro no souto ao pé do Mirandelo centenario que nos invita a camiñar polas estaciois que o correr do tempo nos debuxan.  Atravesou Raúl González esa porta dende Pobladura para baixar á vila pola de Hermosilla ata chegar á Portaxe e ao Socubo.


Raúl invítanos a abrir a porta aos nosos maios nesta primavera para velos desfilar polas rúas empedradas de Vilafranca.  A música da gaita e a inocencia dos ninos van diante á par, lembran como a festa se mantivo grazas a elas, logo, ocupando todo ao ancho e o centro do cadro, acaparan a nosa atención os maios mozos anónimos,  vestixios do espertar da natureza que avanzan pola vila de rúas estreitas e antigas, entre altas casas de corredores e balcois abertos á cantiga alegre e ao rumor que medra, que se intúe e insinúa tras da mata verde vigorosa dos maios humanos. Atrás vén xente. 
 
 Sen querer está no cadro ese río de xente que se escoita como un rumor próximo baixo a ponte. Voces de pequenos e maiores que cantan á primavera coplas sinceras de amor e agarimo, que formalizan o rito da tradición con palabras repetidas de pais a fillos, de avoas a netas, que soan a himno verdadeiro como as flores e a alegría que arrecenden  mentres unhas mozas coroan con edras  aos seus mozos entre risos amables.

Como un elemento que non comparte a marcha cara adiante deste discorrer da primavera e do Burbia, un home a contracorrente na beirarrúa e un muro que son de cemento, non de pedra,   amosa colgada ás costas unha simbólica bota de viño. É como o eixe da porta que nos lembra que agora se abre, pero pode estar pecha,  ábrese para ofrecer, a quen mira a escena, unha idea certa e sutil do movemento e vigor do conxunto do cadro.  

Triunfa a cor verde da vida que tan ben combina coa cor das pedras, novas metáforas de algo tan vello como o fluír verde do tempo que logo se volverá amarelo no outono e o eterno vagar dos cantos do río que fixeron posible a construción desta vila.

 Graciñas de corazón, Raúl.
                                                                                         H.S.




PROGRAMACIÓN DA FESTA DO MAIO 2018

ARROUPANDO A TRADICIÓN

Sábado 28 de abril: Na Casa da Cultura, de 18,00 ás 20,00 h. 
Obradoiro de baile tradicional da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo. Ademais levarase  a cabo a confección do Burro do Inverno.
                                                   
                                                          

Domingo 29 de abril: 20,00 hNo Teatro Vilafranquino: “Enrique Gil y Carrasco”
Presentación do libro VIAJE A UNA PROVINCIA INVISIBLE de Alfonso Fernández- Manso.






Luns 30 de abril: Ás 21,30 h. na Praza do Campairo:


Representación polas rúas históricas da vila do DRAMA DA PRIMAVERA E O BURRO DO INVERNO a cargo do grupo OS QUINQUILLÁNS.

A continuación, tras da QUEIMA DO BURRO DO INVERNO, actuación do grupo de música tradicional EMBRUXO GAITEIROS na Torre do Campairo.
       




*No caso de chuvia a representación sería no Teatro e a actuación musical no interior da Torre da Praza do Campairo.


O MAIO TRADICIONAL

Martes 1 de maio: 
Ás 9 da mañá saída a cortar as cañabeiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e a Cábila.

Ás 11 da mañá percorren os distintos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios a son da tradicional e antiga melodía polas rúas nun ritual que se repite cada ano, como as coplas que se cantan.

Ás 14 horas reúnense todos os grupos na Praza Maior para cantarmos todos xuntos: 
                   Levántate maio, bastante durmiche,
                pasou un burro e non o sentiche.



A continuación comida campestre de todos os participantes no lugar de costume.

Ningún comentario:

Publicar un comentario