O MAIO DOS ANOS 60 DE D. ALEJO SANDES CARNICER (1992)
No ano 1992
foi a primeira vez que usamos unha foto como imaxe central dun cartel. Xa levabamos máis de 12 anos organizando o Maio e poderíamos ter usado muitas das realizadas por nosoutros. Pero non escollemos calquera, foi unha foto
evocadora que nos describía daquela á perfección (ségueo facendo hoxe) o que era e onde estaba a Festa do Maio antes de chegar
este espertar que significou a revitalización da celebración emprendida pola Escola de Gaitas.
Trátase dunha foto na que se aprecia que o Maio era cousa de ninos (como tantas veces me dixo o meu padre á hora de explicarme como se vivía a tradición antes da guerra), é dicir, estaba e levaba, como mínimo, un cento de anos así nas maos da
infancia. De aparencia máis sinxela, cos cantos de sempre, coplas aprendidas de pais a fillos (tamén de avoas á netas) que
soaban máis a letanía ritual á sombra dun costume agrario de
fondas raíces, conservado celosamente nunha vila medieval e xacobea, esa Vilafranca cargada de
historia esculpida en pedra e de grandes contrastes sociais.
D. Alejo Sandes Carnicer, o autor, sempre tivo
bo ollo e era un home detallista e amante do tradicional. Ese amor e un fervor vocacional de fotógrafo
fixeron reter na retina de todos nós para sempre esta instantánea natural tan
ben atrapada, como resolta. Falamos con coñecemento de causa dos
gustos de D. Alejo porque nos fixo chegar outras fotos súas en cuanto soubo da
nosa intención por manter viva a Festa do Maio.
Na foto en rigoroso branco e negro que nos
transporta aproximadamente a comezos dos 60 (hai máis de 50 anos) aparecen cinco ninos que rodean a un maio
humano ante unha casa que non está na fotografía. Eiquí debemos deter por un momento a
descrición, porque a casa que non está,
para calquera veciño da vila dalgún xeito forma parte da fotografía. De feito o grupo de rapaces sitúase, polo fondo da instantánea, diante do adro protexido por un muro cun
fermoso enreixado de forxa en ferro fundido dun dos edificios máis monumentais
e impresionantes da antiga Rúa Maior da vila, coñecida popularmente pola “Calle
del Agua”. Están no medio da rúa empedrada, que, como seguramente adiviñan os
que a teñan andado, cuadra xusto enfronte dunha afamada fachada de ilustres balcois blasonada
con enormes e decorados escudos, unha das casas máis impresionantes de toda a
rúa, que D. Alejo obviou na foto deixando para a eternidade unha segunda
lectura por contraste, interpretación da
foto obvia para todos aqueles que coñecemos a ubicación da mesma. Prosigamos. O xogo de luces e sombras captado
ilumina dun xeito especial a figura central do maio florido e os rostros de cuatro dos rapaces, un deles cun mego nas maos, que detidos dirixen a súa mirada cara ao mesmo punto.
Están á expectativa do que lles boten desde os balcois desa casa aludida. É o mellor retrato e o máis fermoso que conservamos que trasloce a importancia ritual do donativo na tradición dos maios de Vilafranca, que cobra
maior relevancia porque, ademais, estes
donativos foron un dos garantes motores da subsistencia do costume en tempos
difíciles.
Este aspecto da transcendencia dos petitorios, do “Tire castañas señora María....” queda tamén
patente no volume de coplas que conservamos de halago agarimoso polo agasallo
recibido ou de desprezo malintencionado pola falta de xenerosidade dos veciños
e veciñas. Mostra como a tradición crea os seus propios mecanismos de perpetuación
sen necesitar de alicientes perniciosos coma os concursos promovidos polas
autoridades que estiveron a piques de facer desaparecer a tradición tras crear
unha vil dependencia da súa convocatoria. É dicir, se había concursos os maios
saían ás rúas a gañar os premios, no momento en que non houbo premios, os maios simplemente deixaron de saír. Isto vivímolo en Vilafranca nos anos 60-70 e este foi o motivo polo que aquel ano de 1980,
á última vez que o goberno municipal de Vilafranca organizou un concurso de
maios, saímos ás rúas sen intención de competir e, cuando entramos na Praza
Maior, renunciamos a participar no concurso. Ante a sorpresa da nosa renuncia por parte dalgún que outro grupo que saira atraído polo doce dos premios e do numeroso público
asistente, as autoridades déronos a oportunidade de explicar desde o balcón do consistorio as razois
que nos levaban a pensar que os concursos municipais non favorecían a
conservación do festexo dos maios. Efectivamente debilitan a súa celebración espontánea e
popular propiciando un afán competitivo. Argumentamos (como se demostrou co tempo) que os
costumes había que mantelos por amor ou compromiso coas tradiciois, non por
gañar máis cartos ou facer unha comitiva de maio máis ou menos
numerosa ca outra.
Pero volvamos á
foto. Precisamente descubrimos este magnífico retrato da tradición de D. Alejo
Sandes no medio do cartel dos concursos de maios do ano 1980. Aquela imaxe case era unha anécdota
cargada de señardade no medio de grandes, que digo grandes, enormes letras
vermellas. O goberno municipal da
Democracia recentemente proclamada, como queréndose reconciliar co popular e
humilde volvía, consciente ou inconscientemente ao pasado, sen percatarse que tamén para as tradiciois, como a da Festa
do Maio, corrían outros tempos. Tempos novos nos que era preciso sacala da marxinalidade para o que era prescindible a
restauración dos concursos de maios. Custáballes entender que aqueles premios
eran, máis ben, unha herdanza envelenada propia do Franquismo que había que superar.
Á esta imaxe
icónica tiñamos por forza que volver e rescatala como testemuña e recoñecemento
válidos, ambas cousas á vez, dun pasado difícil para o patrimonio inmaterial de
tradición oral. O ano 92 asumindo dalgún xeito a súa custodia, fixemos con ela o
cartel da Festa e a ela volvemos
reiteradamente para que ocupe un lugar
preferente da nosa memoria cultural nos distintos proxectos de difusión que
promocionan a nosa festa máis ancestral (véxase por exemplo no especial que colgamos recentemente sobre os maios na páxina do Consello Comarcal do Bierzo).
Así é como grazas a unha foto de hai 60 anos, somos capaces de contemplar a historia da Festa do Maio ao longo do século XX. Grazas a D. Alejo e, claro está, as testemuñas orais dos nosos maiores (avós e avoas, pais e nais), somos quen de coñecer mellor esta tradición centenaria. Facemos desde eiquí un chamamento a
recuperar a memoria fotográfica dos nosos maios. Hai muitas fotos dos anos 90 en diante, poucas
dos 80, e contamos cos dedos das maos as que se poden reunir dos anos
anteriores. Dúas recibímolas do propio D. Alejo. Daquela cuando se editou este cartel e, aínda vivía (deixounos no ano 2000) fixéramoslle chegar o noso sincero agradecemento por abrir coa súa instantánea unha fantástica mirada ao noso pasado, agradecemento que hoxe
redobramos e facemos público deste xeito virtual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario