xoves, 14 de marzo de 2024

BREVE CRÓNICA DAS XVI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO


9 de marzo 2024, ás 19,30. Teatro Enrique Gil 

en Vilafranca do Bierzo

PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO

Tras recordar que un 9 de marzo de hai 329 anos nacía na nosa vila O Pai das Letras Galegas e unhas breves palabras de benvida a Sara Rodríguez Fernández e a súa publicación, o alcalde de Vilafranca, celebrou esta novidade facendo uso na parte final da súa alocución da lingua galega. 

Acompañaban a autora Marisa Cela da Asociación Escola de Gaitas e Raúl Ochoa do Fiandón berciano, ademais de Héctor Silveiro como coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento que organizaba este acto coa colaboración das xa citadas asociaciois. Entre o numeroso público asistente concelleiros do Concello de Corullón e Vilafranca. Ao longo do acto proxectáronse varios audiovisuais con textos de Juan Carlos Mestre realizados por Robés.  

As distintas intervenciois fixeron fincapé na importancia da recolleita das palabras que este dicionario reúne como referente substancial da identidade berciana, palabras que viviron na oralidade ata que Sarmiento dalgún xeito iniciara ao seu paso polo Bierzo no ano 1745 a súa recolleita consciente.  Palabras que serviron para que Morales escribira os seus Ensayos en dialecto berciano en 1861 cuxos Premios escolares se entregan na propias Xornadas e que autores máis recentes como González -Alegre, Aquilino Poncelas e J.C. Mestre seguen usando.  Falouse da tradición oral, das dificultades que se van vencendo para que a xente nova faga uso desta parte da nosa cultura que este dicionario contribúe a afortalar como garante do futuro para o galego do Bierzo.

Sara Rodríguez, a autora explicou a xénese do seu traballo, a importancia da súa familia na súa toma de conciencia e relación coa lingua, do seu paso polas aulas do Programa de Promoción do Galego en Cacabelos, da asistencia ás Xornadas Sarmiento como alumna e, finalmente, como se concretou o proxecto para o seu traballo de fin de grao en Vigo (TFG) coa colaboración de Alberto Lugrís e de X.H. Costas do Departamento de Galego da Universidade de Vigo que editou o Dicionario cun total de 15.000. Sara rematou anunciando unha iniciativa para seguir ampliando o Dicionario. Trátase do Mego das palabras do galego do Bierzo, unha metáfora da recolleita que se pretende realizar coa colaboración tanto do alumnado e docentes do Programa de Galego como das entidades e persoas que queiran achegar as palabras a través de distintos soportes: un correo electrónico e unha páxina web. Ademais Sara abriu  unha conta de instagram  para dinamizar este proceso. 






12 de marzo 2024 ás 9,30  Cine Faba

en Cacabelos

PRESENTACIÓN DAS PROPOSTAS DIDÁCTICAS

                                                                 PARA O DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO. 



A Comisión Cultural Martín Sarmiento e Sara Rodríguez presentaron a proposta-reto da recolleita de 1000 palabras máis para o Galego do Bierzo no Mego das Palabras, unha ampliación do Dicionario que, como comentou a autora,  se pretende realizar ao longo deste ano 2024 coa idea de que na celebración das próximas Xornadas se supere ese número de mil novas entradas para fornecer unha segunda edición do mesmo. Tras da presentación do Dicionario e da iniciativa estableceuse un diálogo cos docentes e alumnos/as de Secundaria presentes  para estabecer unhas primeiras estratexias de como abordar esta empresa. 


  Instagram:dicionariodogalegodobierzo.


IV PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÖN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO 2024

Ante o alumnado de Primaria procedente de 11 centros de distintos puntos do Bierzo, todos eles alumnos/as que cursan o Programa de Galego do Bierzo,  as autoridades presentes puxeron en valor a presenza da lingua galega na comunidade educativa berciana e deron os parabéns aos gañadores antes de facer entrega dos IV Premios Morales.  

Interviñeron os tres concellos colaboradores: Cacabelos, Corullón e Vilafranca, as entidades culturais do Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto Leonés de Cultura, ademais de Francisco Javier López Inspector de Educación Provincial de Léon do Programa de Promoción do Galego, Olegario Ramón, Presidente do Consello Comarcal e Valentín Garcia,  Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.




ACTUACIÓN DE PACO NOGUEIRAS: C@NTO CONTIGO



A seguir o Cine Faba encheuse cos sons e as cancióis de Paco Nogueiras co seu espectáculo Canto contigo que bailaron e cantaron os centos de rapaces e rapazas eilí reunidos para celebrar o Día do Galego do Bierzo. 

MESA DE TRABALLO 

No MARCA de Cacabelos realizouse unha reunión de traballo a iniciativa da Comisión Cultural Martín Sarmiento coa idea de abordar unha serie de propostas tanto en materia cultural como educativa.

   

Repercusión en prensa:

Bierzodiario

O portal da lingua Xunta de Galicia 

Consello Comarcal do Bierzo

O reto das XVI Xornadas Martín Sarmiento 

O Dicionario e os Premios Morales 





domingo, 3 de marzo de 2024

AS XVI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO


 

AS XVI XORNADAS SARMIENTO EN VILAFRANCA

PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO

O próximo sábado 9 de marzo en Vilafranca do Bierzo celebramos o inicio da décimo sexta edición das Xornadas Martín Sarmiento cunha actividade moi especial: A PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO NO BIERZO de Sara Rodríguez Fernández,  o primeiro dicionario que seguindo os pasos do pai das Letras Galegas, resulta ser todo un fito para a historia desta lingua na nosa comarca. A edición foi realizada pola Universidade  de Vigo. O acto terá lugar no Teatro  “Enrique Gil” ás 19,30 horas para o que contaremos coa presenza da propia autora deste traballo lexicográfico que rexistra 15.000 entradas. Ademais este dicionario, memoria viva da lingua galega do Bierzo, será o centro de interese das actividades escolares de Secundaria nestas Xornadas.

  

ENTREGA E NOVA CONVOCATORIA DOS

PREMIOS MORALES EN CACABELOS 

O martes 12 de marzo en Cacabelos celebraremos o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo. Este edición os alumnos/as reunidos desenvolverán unha actividade ao redor do Dicionario do Galego do Bierzo, como ferramenta didáctica e garantía de futuro da lingua na comarca. Ademais de promocionar o PREMIO MORALES que teñen como lema este curso O San Roque en Paradela”.  Antonio Fernández Morales, autor ligado a esta vila berciana onde viviu e está soterrado, é o cantor por excelencia do galego do Bierzo.  Os intercambios didácticos e lúdicos das Xornadas para alumnos/as do Programa de Galego vidos de distintos centros de ensino de todo o Bierzo presumen de cultura e identidade. Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que vai sendo hora de mellorar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 22 anos aplicándose e reclama maior atención e un novo pulo.

Os actos levaranse a cabo no Cine Faba no que se realizará a entrega de premios, presentación de novas secciois da web: OGALEGONOBIERZO.ORG e a convocatoria da Vª edición dos Premio Morales 2025.

A Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, os centros docentes do Programa do Galego na comarca, a Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O Fiandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal manterán un encontro de traballo de cara a programar outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.

 

Sábado 9 de marzo 2024, ás 19,30 horas

no Teatro “Enrique Gil” de Vilafranca


PRESENTACIÓN DO 

DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO

Coa presenza da autora, a berciana Sara Rodríguez Fernández,

acompañada de Marisa Cela da Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca, Raúl Ochoa do Filandón berciano e Héctor Silveiro da Comisión Cultural Martín Sarmiento.

 


Martes 12 de marzo, a partir das 9,30  no Cine Faba en Cacabelos

 1.ª SESIÓN MATINAL :  

9,30   APERTURA DO INTERCAMBIO DE SECUNDARIA:  O DICONARIO DO GALEGO DO BIERZO MEMORIA VIVA E GARANTÍA DE FUTURO DA LINGUA GALEGA NA COMARCA. Baixo a dirección da súa autora Sara Rodríguez e a proposta da Comisión Cultural Martín Sarmiento porase en marcha unha proposta didáctica dirixida aos docentes e alumnado do galego do Bierzo de Secundaria coa idea de difundir os contidos deste Dicionario e ampliar nun futuro próximo o número de entradas desta primeira edición. Participarán tamén nesta experiencia outras entidades bercianas interesadas.  Asistirán os alumnos/as do Programa de Galego de SECUNDARIA dos centros:  

IES Padre Sarmiento (Vilafranca)        

IES Bergidum Flavium (Cacabelos)

IES Europa (Ponferrada)

          IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)

          Alumnos/a de Galego da EOI de Ponferrada.

 

2.ª SESIÓN MATINAL : CINE FABA

11,30         APERTURA DA SESIÓN DE PRIMARIA:



  ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DA IV EDICIÓN DOS PREMIOS ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES

 Intervirán as entidades e autoridades organizadoras desta IV Edición que ademais de facer entrega dos premios  presentarán as novas secciois da WEB: OGALEGONOBIERZO.ORG e anunciarán a convocatoria da V edición dos Premios Morales.

 A CONVOCATORIA DA Vª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES  PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO E SANABRIA, impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.

 

12,00: ACTUACIÓN PARA O ALUMNADO DE PRIMARIA:

Actuación musical de PACO NOGUEIRAS co espectáculo C@nto contigo subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Asisten alumnos/as dos centros de PRIMARIA de:

CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,

CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,

CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,

CEIP Compostilla de Ponferrada,

CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,

CEIP San Ildefonso  de Camponaraia,

CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,

CEIP Toral de Meraio,

CEIP M.L.Ucieda de Toural dos Vados,

CRA Carucedo,      

CRA Cubillos do Sil,

CRA Ximena Muñiz de Corullón,

CRA Ponte de Domingo Flórez

 

 MESA DE TRABALLO

16,30 h.  MARCA de  CACABELOS 

1º CONVOCATORIA DA Vª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES  PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO E SANABRIA. Impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.

 

2º PROPOSTAS DA COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO. Trátase dun encontro de docentes, autoridades educativas, Real Academia Galega, administraciois e asociaciois culturais bercianas para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo, entre outros a elaboración do borrador dun convenio de colaboración entre a Real Academia Galega e o Consello Comarcal  e outras entidades culturais do Bierzo.

Entidades que organizan e colaboran: