ENCONTRO DE GAITEIROS
TRADICIONAIS
28 XII 1991
No décimo aniversario do
nacemento en Vilafranca da primeira Escola de Gaitas para a historia da gaita
no Bierzo abrindo unha etapa nova de melloras instrumentais e interpretativas
abordamos este Encontro na procura dun repertorio da gaita do país que ganranta
a súa pervivencia e que remate co descoñecemento que por varias razois veu
tendo esta importante e significativa faceta do noso folclore.28 XII 1991
Si de cultura tradicional falamos a pouco que nos movamos polos vales montañosos do occidente berciano, onde tein maior presencia a gaita de fol, comprenderemos que, lonxe de separar, as montañas unen. Caeremos na conta de que as manifestaciois culturais, en xeral, e mais a da gaita, en particular, dos Ancares, Cebreiro, Courel, tamén en Valdeorras e outros concellos vecíns coma o de Ibias en Asturies e as do Bierzo, en especial o galego-falante, deben ser asumidas como propias, deslindándose deste xeito a nosa identidade cultural da división administrativa recente que distorsiona tal harmonía tradicional.
Nestes lugares realizan un traballo de recollida e inventario de gaiteiros dun século a esta parte Héctor M. Silveiro e Gonzalo Bóveda coa axuda complementaria para o material gráfico e transcripción musical de Maite García e Marisa cela, respectivamente, todos eles membros da Escola de Gaitas. Este labor serviunos de base para a realización do Encontro no que tamén foi de agradecer a atenta disposición da unidade móbil de Tecnosaga e a calor do público presente no Teatro Vilafranquino que caldeu un día tan frío, o do 28 de decembro do 1991, día no que se efectuou esta gravación.
A estructura do encontro, que mantemos na gravación, tivo dúas partes. Unha primeira adicada aos gaiteiros tradicionais representativos de distintos concellos que, como xa dexemos, quere ser un DOCUMENTO SONORO que, sen pretender ser completo ou exhaustivo, permita a quen o escoite achegarse ao presente e representarse o pasado da gaita destes lugares. A todos estes gaiteiros (José Farelo de Hornixa, Emilio Díaz de Vilar de Aceiro, Francisco Terrado de Oencia, a Leonardo Gallego de Vilafranca e ao seu acompañante Agustín García, a Clemente de Ferreiras en Ibias e a Lisardo Bóveda) xunto aos seus acompañantes vaian estas palabras de agradecemento sincero pola súa valiosa colaboración.
A segunda parte seguindo a concepción do Encontro contén unha serie de pezas interpretadas pola Escola de Gaitas de dous gaiteiros estreitamente vencellados a nosoutros: Pepe Fernández, que finara pouco tempo antes, e Isidro Alvarez, que daquela non se atopaba ben de saúde e non poido estar con nós. Ademais incluimos unha mostra da participación de amigos ligados dalgún xeito a propia existencia e traxectoria da Escola de Gaitas (Os Tarafedas gaiteiros de Pedrafita, Cándido Meixide e LoLi Bravo de Pallamallada e Xaquín Xesteira de gaiteiros Treixadura).
* Editado por Tecnosaga en 1992. Podes ver un comentario no noso blog especializado no mundo da gaita Gaiteiros do Bierzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario