Un
9 de marzo de fai 307 anos nacía en Vilafranca Frei Martín Sarmiento.
Achegámonos a súa traxectoria vital a través deste traballo que foi elaborado
coas propias manifestacións autobiográficas deste berciano universal e os datos
recollidos en diversos traballos que recentemente se editaron seguindo a
autores como Pensado ou Filgueira Valverde, acreditados estudiosos da tan
sorprendente como descoñecida figura de Sarmiento.
"Nacín
a noite dun 9 de marzo de 1695 en Vilafranca do Bierzo, facendo alí mansión meus
pais por algún tempo" así foi, pois o pai de Sarmiento, Alonso García
Gosende de Ceraxe, que vira a luz cara o ano 1650 en Cerdedo preto de
Pontevedra, era mestre de obras. Formárase en Santiago a carón de grandes
arquitectos e veu dar en Samos onde dirixíu as obras do mosteiro que neste
lugar se realizaron no ano 1680. Dende alí foi chamado polo Marqués de
Vilafranca onde tivo ao seu cargo as obras de remodelación da Colexiata de Sta.
María da vila berciana e, máis tarde, o propio pazo dos Marqueses. Nesta vila o
12 de novembro de 1682 casara con Clara Balboa Sarmiento que procedía de Samos,
aínda que descoñecemos se foi alí onde se coñeceron. Antes de nacer Sarmiento,
o matrimonio tivo en Vilafranca aos seus irmaos maiores Joseph Antonio, Alonso
Antonio e María Bernarda.
"Bautizáronme
o 19 de marzo na parroquia de Sta. Catalina de dita vila co nome de Pedro Joséph García Balboa". Curiosamente colocouse unha placa no ano 1968 facéndose eco do bautismo de
Sarmiento na igrexa de Santiago, enclave significativo do Camiño a Compostela,
lugar un tanto apartado da parroquia na que lle correspondería loxicamente
bautizarse, a de Sta. Catalina, se temos en conta a situación da súa casa natal, quizás sexa esta
unha anécdota premonitoria do gusto polas viaxes e a súa vista posta na terra
galega que vai facer de Perucho, así o chamou sempre a súa mai, o padre dos
Estudios Galegos.
Ao recibir seu pai, meses despois, unha nova oferta de traballo como
Correo maior na vila de Pontevedra, trasládase alí toda a familia e
na "Boa Vila", como sempre a chamará Sarmiento, vai transcorrer a
súa nenez que ao longo da súa vida terá sempre moi presente.
"Podo dicir que o primeiro obxecto que se imprimíu na miña
memoria foron os xigantóns que vín na procesión do Corpus".
En Pontevedra naceron os seus irmáns menores Rosa e Francisco Xabier, co cal manterá unha relación moi estreita na súa madurez. Do seu paso pola escola da Compañía de Xesús onde aprende a ler e a gramática, gardaba na súa excelente memoria, moitos recordos, uns ingratos debidos as experiencias desagradables que lle servirán, máis tarde, como punto de partida as súas reflexións sobre pedagoxía: "É bárbara crueldade" e "ignorancia inaudita" "que ensinen aos nenos galegos mediante a lingua castelá, que non saben, unha lingua antiga (o latín) que non deben saber, castigándoos se se lles escapa algunha voz ou frase galega"... Teñamos en conta que se o feito de pegar aos nenos parece ser xa unha práctica desterrada das escolas, non o é o feito de que moitos nenos galego-falantes, son educados aínda hoxe en todas as materias en castelán, desoíndo as recomendacións pedagóxicas máis elementais. Daquela practicábase o ultraxante método da letra co sangue entra e Sarmiento lembraba: "Acórdome de que estando na escola porque o leigo xesuíta, mestre de ler, me fixo unha pesada burla, chameille a berros fillo dunha puta, sen saber o significado e porque llo escoitaba aos que se irritaban". Outras curiosidades máis divertidas tamén lle víñan a memoria ao lembrar a escola e asoman nos seus escritos con esa gracia que o caracterizaba: "Recordo un compañeiro meu, feo e desdentado, alcumado "a Morte" do cal souben que paradoxicamente acabaría exercendo a mediciña". Tres dos catro irmáns da familia foron homes relixiosos. O seu irmán maior ingresaba na Compañía de Xesús en 1704, e Alonso tamén seguía os estudios eclesiásticos para converterse en presbítero, el escolleu a Orde dos bieitos e cursou Artes no Mosteiro de Lérez (Pontevedra) onde, senón coñeceu persoalmente ao que vai ser o seu mestre e amigo, soubo seguramente xa da sona que como home ilustrado gozaba o tamén galego Pai Feixoo.
OS
ESTUDOS
"Aos
15 anos, a 3 de maio saín de Pontevedra para Madrid a vestir o santo hábito no
Convento de S. Martín". Así deixou escrito e tamén nos descobre unha das
grandes paixóns perdurables de por vida: a de ser un ávido lector:
"afeccioneime en ler unha Biblia e chegou a tanto que quixen estudiar de
memoria e á letra toda a Biblia. Anque tan nobre intento non pasara dunha
pueril tentativa, sempre proba a miña grande afección que eu tiña a ler a
Biblia e que aínda hoxe conservo".
Sarmiento
foi un home relixioso, pero poderíamos dicir que lía coa mesma paixón de todo,
el mesmo o confesa: "Gusto moito de ler as verdades diviñas e humanas nas
súas fontes orixinais e puras". Os primeiros estudios lévano ao terreo da
Xeografía, da Cronoloxía e a Mitoloxía e xa no curso seguinte en Hylache
(Navarra) atopámolo estudiando durante tres anos Artes e Filosofía, seguindo os
pasos habituais dos estudios na orde bieita. En 1714 regresa ao Convento en
Madrid para entreterse en revisar a biblioteca do mosteiro que posuía máis de dez
mil volumes. Sarmiento dende pequeno sempre manifestara interese polas cousas
da lingua cando estaba aprendendo a ler a coñecida inscripción da igrexa
"Fides, Spes, Caritas" el interpretáraa como: "Feas son estas
caritas". Pero foi nos períodos entre curso e curso cando, outra das súas
grandes paixóns emerxe con forza: os estudios de filoloxía. Á vez de ser
copista polígrafo duns 150 alfabetos de documentos antigos, irá aprendendo
idiomas latín, grego, francés, italiano, caldeo, hebreo, árabe, etc... "enton
aínda non tiña eu barbas cando tentei facer un vocabulario etimolóxico das
linguas latina, galega e castelá" posiblemente para facer fronte as súas
dúbidas lingüísticas que tiña como galego falante e polo que confesa recibira
algunha burla dos seus compañeiros no convento como moi ben relata na biografía
de recente edición do tamén recente e lamentablemente falecido, presidente do
Consello da Cultura Galega, Carlos Casares. "A principios de outubro saín
de Madrid para o colexio de San Vicente de Salamanca a estudiar
Theoloxía".
Na
época salmantina aparecerá matriculado co nome de Frei Martín Sarmiento que xa
utilizará permanentemente. O nome de Martín adoptouno en honor do padrón do
convento no que profesou, o de Sarmiento, segundo apelido materno, escolleuno
ao ter que descartar o de García, pois había varios así matriculados, cousa que
tamén se víu obrigado a facer co de Balboa, por haber outro con dito apelido.
Entre curso e curso dos tres anos que cursou en Salamanca volve a Madrid e
adícase a diversos estudios entre eles os de Aritmética, "entón formei un
taboleiro con 48 pezas, convidei a algúns amigos para que xogasemos á
aritmo-maquia" un xogo semellante ao xadrez que sería moi útil segundo
Sarmiento confesa para que os nenos aprendan doadamnete as fracciois.
De
Salamanca pasou a Eslonza, preto de León, a recibir as obrigadas clases de
Pasantía ata que en 1720 sae para Asturias a ensinar Teoloxía, etapa na que por
un período de cinco anos mantén un estreito contacto con Frei Bieito Xerónimo
Feixoo, do que dicía Sarmiento "préciome de ser o seu discípulo, son o seu
paisano, amigo e corresponsal."
Efectivamente,
en 1725 Feixoo comeza a escribir o seu Teatro Universal do que Sarmiento se
convertirá en axente literario na Corte madrileña cara onde se desprazaría nese
mesmo ano para instalarse alí de xeito definitivo, non sen antes realizar unha
viaxe de volta moi especial: "Por xuño saín de Oviedo para Madrid rodeando
por Galicia Rivadeo, Mondoñedo, Betanzos, Coruña, Santiago, Pontevedra, ...",
o obxectivo era despedirse da súa mai, xa dunha idade avanzada: "-Adeus ,
Perucho, que nunca me deche que sentir", serían as derradeiras palabras
que recordaba Sarmiento que a súa nai lle dixo ao separarse definitivamente del
(súa nai morrería no ano 1737 á idade de oitenta e sete anos)... Tui, Ourense,
León e cheguei a Madrid a 27 de outubro de 1725...
A
VIDA NA CELA
Sarmiento
vai permanecer no convento en Madrid vinte anos consecutivos, non sendo
pequenas visitas e viaxes como o desprazamento que realiza por encargo a Toledo
para traballar quince meses no Arquivo da Catedral, outra afección, a da
consulta de documentos manuscritos, gracias a cal, uns anos máis tarde,
acometería un traballo sobre a "Historia de la Poesía y poetas
españoles". "Rara manía a dos españois, en imprimir e reimprimir
libros falsos e malvados e deixar perder libros casteláns selectos" O
lugar onde pasou a meirande parte da súa vida, o seu habitáculo de estudio e
experimentación máis preciado era a súa cela. Unha cela de dimensiois maiores
das que un monxe habitualmente usaba e que a mesma Orde lle ofrecera, como
facía coa súa alta xerarquía, coa finalidade de rendabilizar a adicación deste
home sabio aos intereses da mesma.
Visitémola
seguindo a descripción dos asiduos contertulios do noso monxe: Adornaban as
súas paredes un crucifixo e varios cadros de santos, entre eles un San Bieito.
Hai nela varios mobles nobres, destacando dous escritorios, varios baúis e
arcas, catro mesas e doce cadeiras nas que acomoda ás visitas. Hai unha arquiña
con botes de china para o tabaco, porque Sarmiento é bo fumador e válese dun
fusique de prata para sorber rapé e despexar así a cabeza. Tamén é un gran
afeccionado ao chocolate, para o que conta cunha chocolateira. Dos aparatos
científicos conta cun astrolabio, un estuche matemático, un telescopio inglés e
un microscopio de cinco lentes, regalo de Feixoo que eran de gran valor para
el. Para un amante da Natureza estes aparatos científicos permitíanlle
descubrir "outro mundo de cousas naturais, que antes nos eran case
invisibles e outro novo ceo de astros e planetas, que antes nos eran
inaccesibles". Alí come e cea, alí recibe a cada vez máis amigos poderosos
que lle regalan curiosidades exóticas (caixiñas de ouro ou panos de seda dos
que ten máis de trinta novos, pois non os usa).
A súa sona de erudito polígrafo
vaise espallando pola Corte, especialmente por ser coñecido como o corrector do
xa consagrado Padre Feixoo. "Quixo o Reverendísimo Feixoo que eu correxise
os seus tomos, así o fixen ata a súa morte". E aínda vai ser máis coñecido
e un home público porque "a primeiros de marzo de 1732 xa presentei todo o
material dos meus dous tomos da Demostración Crítico-Apoloxética do Teatro
Crítico de Feixoo." É o único libro que publica en vida Martín Sarmiento
fronte a reacción ao ideario ilustrado que defendían tanto o Padre Feixoo como
Sarmiento. Concepcións tan modernas e inauditas na súa época como a de que a
diferencia entre homes e mulleres non provén da natureza, como pensaban os seus
coetáneos, senón da educación. Todo un alegato da igualdade entre os dous sexos
en pleno século XVIII.
Por
ese tempo desfilarán pola súa cela tanto paisanos emigrados cos que intercambia
información e gustaba de falar dos costumes, nomes de plantas, contos e lendas
da súa terra, como personaxes ilustres da Corte, amigos do monxe: o Duque de
Medina Sidonia, Pedro de Campomanes, o marqués de Aranda, mesmo os fillos do
Embaixador de Suecia, chegando a asesorar ao propio monarca Felipe V e, máis
adiante ao seu sucesor. As visitas destes personaxes e, cando non, as cartas
eran motivo de encargos que solicitanban del diversas investigaciois e
estudios. Tamén para a súa Orde será "cronista" e auditor contable
para a presentación dos libros aos "capítulos" da mesma. A
abundantísisma correspondencia que mantiña servíalle de intercambio e compra de
libros e revistas científicas de Europa enteira, ás que tamén estaba suscrito,
entre as que non podía faltar unha das obras máis representativas da
Ilustración: a Enciplopedia Francesa.
Entre
os traballos que leva a cabo destacan os encargos reais (Reflexiones literarias
para unha Biblioteca Real 1743 ou o Sistema de Adornos de escultura para o Novo
Palacio Real) solicitados por FelipeV que a súa morte ratificará o novo rei,
Fernando VI. O monxe descansa na súa cela cantando e tocando a viola cítara e
tamén ten un oboe. Nas estanterías o seu máis preciado tesouro: máis de 7500
libros nos que metera cantos cartos amañara en traballos literarios e
artísticos como o xa citado da Catedral de Toledo ou gracias "á fortuna de
venderse con facilidade os meus dous tomos da Demostración, pois doutra forma
non puidera pasar de 30 ou 40 libros por falta de medios".
Sarmiento
era reprendido por Feixoo, seu amigo, cando aos seus corenta e tantos anos non
saía da súa cela e non publicaba nada e escríbelle: "Eu confondome e
aturullome cando comtemplo que a Vosa Paternidade non pensa senón en meterse no
seu currucho e pecharse na súa cela, achándose en idade flamante, con boa
saúde, que podía servir moito a Deus e ao mundo". Pero Sarmiento teno
claro: "Isto da censura chegou aquí a tan deporable estado que é máis
fácil escribir seis tomos que conseguir licencia para imprimir media dúcia de
pregos... a min non me collerán pois alisteime na confradía dos mortos..."
AS VIAXES A GALICIA
FONTE DOS SEUS
TRABALLOS
En 1745 asistíu ao
Capítulo Xeral da Congregación en Valladolid e a causa do Santo Xubileo Compostelán
comeza unha viaxe a Galicia. Segundo parece as súas saídas estaban limitadas
pola orde onde profesaba, pero estas saídas supoñen para él todo un revulsivo
como confesa nunha carta desde Galicia ao Duque Medina Sidonia "eu non
nacín para vivir no retiro de catro paredes. .. dáme noxo acordarme de Madrid e
das súas conveniencias. Eu non boto de menos a miña cela nin os meus libros
pois aquí divírtome contemplando as cousas que Deus creou: Peixes, Aves,
Animais, Plantas, Herbas, Cunchas..."
Vexamos, agora, un pequeno exemplo das referencias
que nos dá no diario da súa curta estadía en Vilafranca á que chegara a noite
anterior "Hoxe vinte nove de maio detívenme e descansei en Vilafranca,
vila que ten dous ríos, o que baixa de Valcarcel e o Burbia, que creo que vén
de Burbia". Logo citará un dos lugares que seguro lle traía á memoria ao
seu pai, o mestre de obras da Colexiata, sempre preocupado pola orixe das
palabras comenta: "A Colexiata chámase Cruñiego, que vén de Cluniaco ou
Cluny por ter sido mosteiro cluniacense... De Vilafranca saín o domingo 30 de
maio".
Xa na viaxe de volta cita os lugares de Vilela e Curullón ou monte
dos Mouriños contando a anécdota de que unha ponte sobre o río Burbia está
caída e súplea outra de madeira. Pero máis que anécdotas temos que entender que
as viaxes e os apuntamentos que realiza Sarmiento nas mesmas constitúen un
complemento ao seu saber libresco, consecuencia lóxica do seu encerro na cela
madrileña. O estudio directo de plantas, topónimos e de inscripcións, mesmo das
conversas espontáneas deste home falador que en cada pobo procura e provoca,
serán parte fundamental dos seus traballos posteriores de Filoloxía e Botánica.
Pero un ilustrado apegado, como el o estaba, ao estudio de códices e
manuscritos non deixa pasar a oportunidade de recoller información nas
bibliotecas e arquivos dos mosteiros polos que pasaba, como é o caso de Samos
onde leu todo o becerro que alí se gardaba ou en S. Pedro de Montes do que di:
"contén moitas escrituras en lingua vulgar, case todo en galego do século
XIII".
Estas consultas permitiránlle establecer unha concepción certeira
acerca das orixes e evolución do galego que o consagragan para a posteridade
como pai da Filoloxía Galega. Sarmiento confesa que aínda que vira en Toledo en
1727 os códices en galego das Cantigas de Sta. María de Afonso X o sabio
"apenas sabía que houbese monumentos escritos nese idioma ata dito ano de
1745 que vi infinitos pergamiños e papeis".
Esta viaxe, en palabras de
Franscisco Carballo na súa magnífica biografía recentemente editada,
"rexuvenece ao monxe" que "recupera a lingua da infancia"
medrando nel "un proxecto vital para contribuír á educación da mocidade.
Proxecto que significaba dotar cientificamente a Galiza de Xeografía, Historia
Natural, Antigüidade e Lingua. Con tal motivo conviña residir na Boa Vila ou
ben perto. Mais a norma monástica obrígalle a voltar... con el leva proxectos,
cadernos cheos de anotacións, sacos de sementes e herbas medicinais e algo máis
importante: a decisión de optar pola actividade científica. Antes traballaba
sen finalidade, sen norte...volta repleto de saberes lingüísticos e botánicos e
decidido a dar toda a súa actividade a prol do seu povo".
Así no mes de
febreiro de 1746, de novo en Madrid, tras da fructífera viaxe a Galicia comeza
a relaborar o material recollido de voces galegas e con motivo da morte do rei
Felipe V compuxo mil duascentas coplas en galego de metro pueril e claro co
pretexto da exaltación de Fernando VI, manuscrito que nestes días acaba de ser
localizado na Biblioteca Nacional de Madrid polo filólogo Henrique Monteagudo.
Trátase dunha das primeiras obras escritas en galego despois do decaimento
desta lingua ao rematar a Idade Media. O "Coloquio de Perucho e Maruxa ou
de vinte catro galegos rústicos" virá acompañado dun glosario que vai
comentando o significado de cada unha das palabras utilizadas nas coplas, glosario
que foi recompoñendo ata 1770, pouco anos da súa morte. Neste período aséntase
a influencia de Sarmiento na Corte. En 1748 foi nomeado abade no Convento de S.
Martín e no 1750 é nomeado polo mesmo Rei "Cronista das Indias" para
o que confecciona un "Plano para formar una General Descripción de
América".
Pero ese gran interese polo seu, que nacera aos seus cincuenta
anos e arraigaba día a día con forza nel, impúlsao no ano 1754, a punto de
cumprir os 60 anos de idade, a idear unha nova viaxe a súa terra. Xa desde Galicia
en resposta a unha carta ao duque de Medina Sidonia, quen estando en Madrid
pasaba horas na súa compaña na cela do convento e botaba ao monxe de menos para
despachar e consultar con el, Sarmiento declara: "Hai xa máis de 44 anos
que me transplantaron desde a vila ao mosteiro de San Martín desa Corte, onde
gastei a miña xuventude sen case saír dun recuncho, arrimado a unha parede,
como ostra, e sen exercicio da miña potencia locomotiva. Así non debe vostede
estrañar que tomara un bon anaco de tempo para empregalo en respirar este aire
patrio e volver repasar os sitios que foron o teatro da miña nenez".
Esta
nova e derradeira viaxe a Galicia, é a máis longa de todas, do 1754-55, e
consolida os seus traballos de Botánica, Xeografía e Filoloxía. Nace o "Catálogo
de voces e frases galegas en especial de diferentes vexetables". Ademáis
estando en Pontevedra realizará, en resposta a unha carta do Padre Terreros, un
acertadísimo traballo de investigación "Sobre a orixe da lingua
galega" que tanta relevancia adquire para estudios filolóxicos
posteriores. Pero as viaxes pola costa galega acompañado do seu irmán menor
Francisco Xabier son a súa principal ocupación: "Andaba eu peregrinando
polos portos máis septentrionais de Galicia, tan distante de pensamento como en
corpo de Madrid... cando recibe a nova da... exorbitante gracia que o rei se
dignou facerme ao nominarme para a Abadía de Ripoll." Nova que el acolle
con resignación: "o meu xenio totalmente alleo a ese xénero de dignidades
e empregos", pero debe voltar a Madrid, anque renuncia a abadía meses
despois, e do mesmo xeito cesaría neste ano como Cronista de Indias. Sarmiento,
quizás sumido nunha depresión, cunha fonda tristura pola lonxanía definitiva da
terra, xa de novo na Corte confesa ao seu amigo Pedro Alcántara Guzmán, duque
de Medina-Sidonia: "É notorio que eu vivo e quero vivir sempre retirado e
como recluso entre as catro paredes da miña cela, fuxindo todo comercio fóra
dela." A pesar da súa idade avanzada, ten xa 60 anos, é a época de maior
fecundidade.
De todos os copiosos escritos máis das dúas terceiras partes son producto das consultas feitas por altos personaxes da Corte, traballos variopintos que nunca pensou en editar. Do seu crecente interese pola Historia Natural nacen nestas datas tratados sobre a seixebra, o bidueiro e outras moitas plantas que observara e trouxera de Galicia, mesmo coa semente e a terra para plantar na cela, chea de testos. Pero de todos eles o seu coñecido tratado sobre a carqueixa, tras do éxito crecente da curativa planta na Corte, provoca múltiples visitas ao convento: "Xa se vende a carqueixa nas boticas de Madrid. A duquesa do infantado fixo traer 10 arrobas e o Marqués de Vilafranca 4 e non hai cachibache que non faga vir carqueixa e hai mil copias do meu papel en Madrid" Realiza tamén investigacións sobre aves como o Flamenco, animais exóticos como a cebra e curiosos como o rinoceronte do que conservaba un corno que lle deran. Á vez segue realizando encargos de carácter moi diverso como o relativo aos Camiños Reais de España. Como xa dixemos co tempo pechouse máis ao mundo exterior á vez que medraba no monxe bieito unha moi singular e calada dedicación a Galicia, e así en 1757 nunha carta ao seu irmán Francisco Xabier di: "Nada vexo, nada palpo, nada escribo, nada observo que non teña á vista Galicia e a Boa Vila."
É neste ano cando comeza unha das súas grandes aportacións á filoloxía galega o "Onomástico etimolóxico da lingua galega" que non concluirá ata o 1768 e no que aparece deseñado un completo plan de estudios para Galicia, proxecto que el bautiza co nome de "alethophilo", é dicir, o "amante da verdade" que debería desenvolver un "un sacerdote sen cura de almas alleas, sen coidados de familia e sen emprego que lle estorbe o estudio... que en Galicia haxa unha dúcia de Alethophilos espallados ou que unidos como Academia traballen sobre uns mesmos principios e ao mesmo fin" Cre que un lugar axeitado para reunilos, por haber librerías e arquivos, sería Santiago e deixa descrito con todo detalle como se podería levar a cabo un traballo de recompilación e de creación dos "Cadernos" de Lingua e Etimoloxías, Xeografía e Toponimias, Historia Natural, Inscripcións,moedas, pesos, medidas, datas e épocas, Folclore,etc... Este era o gran soño de Sarmiento para Galicia, o que el mesmo desexaría levar a cabo de poder residir en Galicia :"Xa me fago cargo das dificultades que me opondrán a todo o dito, pero eu non me espanto de razóns. A maior dificultade é un "non querer" e a pápara cantinela de Galicia "non señores, acá non facemos iso". Nada propoño aquí que non executase eu, e anque non con tanta extensión, coa bastante respecto do curto tempo que andaba por Galicia, e moi de paso. Con seis anos que eu estivese en Galicia, e con medios e libertade para viaxar de aquí para alí, recollería todo o dito e moito máis ¿E que non podería recoller Alethophilo empregando vinte anos?"
É realmente chocante que, en pleno auxe da lingua académica cortesán e do centralismo borbónico, Martín Sarmiento repare nos fenómenos dialectais peninsulares, estudie e escriba en galego, constituíndose nun precursor do Rexurdimento desta lingua a máis desprestixiada dos seus tempos "tiven especial gusto acordándome da lingua galega que mamara, en recoller todas cantas voces galegas puiden para formar algunha idea do idioma galego, tan descoñecido de todos e tan despreciado".
Galicia sempre estivo presente na súa obra, preocupado por remediar a súa miseria e os despropósitos que en nome do ben público se cometían nela sen deixar de criticar os defectos aos seus paisanos pechados no inmobilismo do "sempre se fixo así... que oí mil veces cando propuña se fixese algunha cousa fácil e evidentemente útil, está pechada aporta en Galicia a todo progreso da historia natural, botánica, agricultura e a todo xénero de manufacturas novas".
Moi criticado foi el por non editar o moito que escribía:"apestado de moscones que me censuraban por que non saía da casa e porque non imprimía escribín o título "Porque si e porque non do P. Sarmiento": no que nos dí: "Non sei falar senón como penso. Non sei escribir, senón como falo... eu quero falar todo e sen tropezar en barras, falarei con libertade cristiá, relixiosa, filosófica, literaria e mesmo política".
Pero as propostas do novo rei Carlos III, que non lle ía ser tan próximo como Fernando VI e o seu antecesor, iniciativas incapaces de erradicar os graves vicios da administración colocan a Sarmiento nunha contundente opinión contraria a moitas das inútiles reformas borbónicas: "Xustiza , servicio do Rei, Relixión e Ben Público son as catro maldades de España. Que vendo papel selado digo para min", "mentira". Non é de estrañar que Sarmiento non publicase as súas obras cargadas de denuncias dos abusos da administración Real ou mesmo contra cargos do Goberno e as Ordes relixiosas corresponsables da pobreza do país. Sarmiento tiña uns intereses científicos nada correntes na súa época, e seguramente non quixo perder o tempo en defendelos, xa gastara bastante defendendo a Feixóo: "A moitos dixen que por razón do meu total retiro, de que eu non me podía acomodar á linguaxe política nin ao cerimonial do gran mundo" Preferirá polo tanto "unha conversación familiar tida sen saír da cela con amigos verdadeiramente dotos e prudentes".
Son moi chamativas, polo diferentes ás dos seus contemporáneos, as súas concepcións pedagóxicas reflexadas en Educación da Xuventude (1768) aos seus 74 anos de idade. Propugna un ensino basado na experiencia e utilidade, o anti-memorismo e contra a fórmula dos castigos: "así son os nenos como papagaios, estudian de memoria e a letra con textos que non entenden". Avoga pola apertura de bibliotecas e escolas públicas e pola introducción das linguas como o galego na educación cousa que tamén reclamaba para a igrexia e a xustiza. Chamáballe a atención que na catedral de Santiago houbese confesores de moitas linguas, pero, pola contra, non houbese confesor en galego. Nos últimos anos de vida comeza a redacción da Obra dos 660 pregos, unha obra complexa con Galicia como protagonista que principia en 1762 co tema dos foros e que conten constantes corecciois e significativas digresións tan chamativas como na que rexeita de plano "a privación da vida do reo é bárbara, inútil e contrapoducente", un dos primeiros alegatos que en Europa se fixeron contra a pena de morte. A situación socioeconómica e a denuncia da política de impostos "a guerra, a fame, a peste e o título de pontes e camiños son catro pestes que arruínan moitos e fan felices poucos" pero nestes 660 pregos vai constantemente matizando: " atribúen o atraso aos moitos tributos reais con que están cargados os labregos. Algo así crin eu diso antes que quixese averigualo. Ao presenteestou no fixo dictame de que esa causa é moi débil. Non están gravados do Rei, senón dos infinitos intermediarios e sacaliñas, sacamantas, sacatrapos e sacabocado que queren ser reis".
Así permanecería o noso monxe na cela perfeccionando os seus escritos constante e tenaz no seu labor: "cada dí saio dalgún erro e mudo de dictame". Daquela compartía as súas longas horas na cela co seu gato Mizaldini e co seu bon amigo, o pai Balboa (hai quen o considera tamén familiar seu) "O rvdo. P. Balboa está ben, pero inmobil coma min e os dous quedamos á obediencia de vostede" escribíalle ao Duque de Medina Sidonia quen á súa vez lle procurara un mozo para atender a un Sarmiento, xa moi desmellorado: "Despois de 75 anos e medio cumpridos, fai dous anos que me reduzo a unha imponderable debilidade dos meus sentidos exteriores e interiores, privándome de todo movemento locomotivo para saír aínda da miña cela, só poderei servir de trasto inútil para todo e para todos e só debo pensar na mortalla".
A pesar dos problemas de saúde no treito final dos seus días nunca deixou de escribir e mantiña un ritmo frenético de traballo, sendo un infatigable lector que nunca usara anteollos, dinos finalmente: "Xa non vexo, nin oio, nin me podo mover dunha cadeira, xa perdín o uso de escribir como consta nos garabatos e borróns desta carta"
Frei Martín Sarmiento faleceu aos 77 anos de só enfermedade natural de vellez e caducidade, que principiara tres anos antes corría o ano 1772, sen que se suxetara a médicos nin boticarios. Foi soterrado na capela do Sto. Cristo no Convento de San Martín onde morrera, hoxe están sen localizar as súas cinzas, extraviadas tras da demolición en 1809 do edificio. Tampouco foi realizado nunca o monumento funerario previsto e no que aparecía un epitafio latino con esta lenda:
AQUÍ XACE O REVERENDO PAI MESTRE FREI MARTÍN SARMIENTO, SGALEGO POLA SÚA ORIXE DE VILAFRANCA DO VIERZO, NADO NO 9 DE MARZO DE 1695. MORREU EN MADRID O 7 DE DECEMBRO de 1772.
Esperamos que neste ano sexa realmente máis coñecida a vida e obra deste home ilustre galego berciano e que o seu labor a prol do patrimonio cultural e lingüístico da súa terra serva para que tamén nós nos preocupemos, como Sarmiento o fixo, pola súa conservación e o seu futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario