OS XIGANTES E CABEZUDOS DE VILAFRANCA DO BIERZO
O que acontece nos días
13 e 14 de septembro en Vilafranca do Bierzo arredor das súas festas patronais
e dos seus tan populares xigantes e cabezudos, constitúe todo un exemplo do
forza e o atractivo que leva consigo unha tradición vistosa e ben coidada. Hoxe
en día os xigantes e cabezudos son algo esencial na festa, sen eles non se
conciben as festas do Cristo. Algo así ocorrería nun principio, cando se
introduciron por primeira vez, anque os xigantes non deixaban de ser daquela un
entre outros muitos espectáculos e atracciois que conformaban esta festa que se
vén celebrando desde o século pasado, pois anteriormente o patrón de Vilafranca
era San Sebastián. Pero debemos preguntarnos o por qué da introducción dos
xigantes nas festas, o seu sentido orixinario e a evolución que sufríu para
poder valorar a súa vez o que hoxe é este costume.
Aínda que os xigantes e
xigantiños estean relacionados inicialmente con festividades como a do Corpus,
arredor da cal esta tradición de acompañar os cortexos relixiosos precedidos de
xigantes que representan a sumisión do mal (con este carácter seguramente tamén
o fan os nosos xigantes na procesión do Cristo), se estende por Europa, o certo
é que a partires dos anos 70 do século pasado se popularizan saíndo un tanto da
órbita do sacro e facéndose máis profano o baile de xigantes coincidindo co
auxe dos movementos liberais e progresistas que se espallan polo xeografía
española.
Outramente foron un
xeito de amosar certa ostentación económica xa que este tipo de cortexos
representaban un custe gravoso para a comisión, confradía ou concello que os
sostiña (portadores, músicos, arranxos ou compras de novos xigantes e dos seus
aditamentos, etc.) Nestas datas á calor da Festa do Cristo nacerá pois esta
tradición en Vilafranca. Antes delas, se ben toda vila importante se facía
cunha parella de xigantois (home-muller) que actuaban dentro do ámbito dunha
procesión ou evento relixioso, polas referencias que temos non debeu existir
este costume na nosa vila. Ademáis desde o reinado de Carlos III se prohibira
mediante Real Cédula este tipo de pampónigas, pero isto non as fixo
desaparecer, en muitos lugares nunca se chegaron a perder. En Vilafranca os
xigantes máis vellos, o Cid e Doña Jimena, máis coñecida polos veciños polo
nome de Doña Inés, datan de mediados do século pasado, realizados por D.
Gonzalo Magdalena. Neles queda misturada a orixinalidade da feitura e unha
certa moda romántica, por unha banda, coa copia do esquema das parellas e o gusto
existente de vello nos xigantes de corte ben distinto, mesmo na longura, das
grandes cidades que aínda conservan estes personaxes medievais á hora de
confeccionar este tipo de comparsas.
Tardarían un tempo en
facer aparición outra nova parella, Don Quijote e Doña Dulcinea, de corte
popular, pero de confección industrial o que provoca a aparición de xigantes
semellantes ou idénticos noutras localidades (en Redondela, na provincia de
Pontevedra consérvase a tradición dos xigantes entre os que antigamente figuraba
unha cabeza como a da Dulcinea de Vilafranca, isto faise máis evidente nos
cabezudos que respostan en muitos casos a modas relativamente recentes : a
parella do Gordo e o Fraco existen como en Vilafranca na Póboa do Caramiñal no
litoral galego onde tiveron de sempre forte arraigo este tipo de
manifestaciois). Logo fixo aparición Sancho Panza. Aos dous cabezudos iniciais
engadiráselles pouco a pouco toda unha alegre familia que ía abrindo o cortexo
-costume hoxe xa perdido- coas súas varas e vexegas, que non dubidaban en
utilizar a diestro e siniestro como acicate para que os veciños e visitantes
soltasen os cartos que pedían para os portadores dos xigantes e o cortexo en
xeral. O volteo das campás de S. Nicolás na véspera do día grande, era o inicio
dunha ronda que xigantes e cabezudos realizaban por todos os barrios ao son
dunha danza, sempre a mesma, interpretada por un gaiteiro acompañado de tambor
e bombo. Esta peza que hoxe ten un ritmo de pasodobre, ritmo que fixo furor a
comezos do presente século, ou ben foi adaptada doutra melodía de ritmo
semellante máis vella, ou ben foi creada nesas datas e con este fin polo pai de
José Fernández (Pepe "Pincha"). O dos "Pinchas" foi o grupo
de gaiteiros que acompañou aos xigantes máis longo tempo. Nas últimas xeraciois
foi Isidro Álvarez o músico que os acompañaba e quen introducíu certas
variantes na melodía orixinaria que hoxe xa soan como tradicionais.
Tamén nas últimas
décadas se deron certas novidades como a creación do sexto xigante, o Mouro,
dun antigo cabezudo, e de adaptarlles un pequeno corpo e mesmo maos aos
cabezudos, convertidos en pequenos xigantiños, ademáis dunha coidada
restauración dos xigantes que levou a cabo o coñecido pintor Noberto Beberide,
unha das persoas que durante varias xeraciois coidou e impulsou esta tradición.
Por último o volteo das campás estivo durante unha parte da década do 80-90
perdido. Foi recuperado pola presión dos veciños que sentían que formaba parte
da vistosidade e harmonía da festa . Efectivamente o son do volteo co que dá
comezo a mesma mistúrase co estalido dos foguetes, coa gaita, co bombo e o
tambor, e cos xiros multicolores dos xigantes danzando entre o griterío e o
bulir de nenos e maiores. Hoxe sen xigantes non habería festa, e son xa o maior
atractivo da mesma. A súa popularidade e carácter tradicional fan que todo
vilafranquino teña como "himno"propio a súa música, que acompañan en
ocasiois coa seguinte copla cantada: "Pomporronponpón, palillos de madeira
baila don Quijote con doña Dulcinea."
HÉCTOR M. SILVEIRO
FERNÁNDEZ
Ningún comentario:
Publicar un comentario