mércores, 19 de agosto de 2015

O GALEGO NO BIERZO

A IDENTIDADE NO BIERZO
Se preguntamos a un berciano vello da zona galego falante pola súa identidade diríanos: "falamos galego, pero pertencemos a León". Se lle fixeramos a mesma pregunta a un rapaz máis novo diría "son berciano". A identidade berciana na actualidade é a manifestación dun claro sentido e desexo de diferenciación, de sentirse distinto especialmente de León e de Castela, e, anque o berciano de palabra tamén queira ser diferente a Galicia, o idioma galego asúmeo como propio. Son un cúmulo de contradicciois moi relacionables no fondo coa despreocupación polo seu, o chamado autoodio, un rasgo por outra parte moi peculiar do ser galego. A administración denomina ao berciano "castellano-leonés", nome que non identifica como seu e, en moitos casos, ao sentirse na fronteira e en terra de ninguén, alí onde a identidade perde forza, opta por mirarse ao embigo asegurando que é simplemente berciano. Isto non lle permite definir con claridade a súa semellanza con Galicia na súa historia máis recente onde medra ese espíritu de reafirmación berciana. Introduzámonos no problema.

 O berciano asume o galego como un idioma propio, aínda que di non falalo ben (se nos fiamos do que o galego falante da pé, de Galicia ou do Bierzo, dí da súa fala non se falaría galego ben en ningures). A presencia do galego sérvelle de elemento disuasivo e garante de que forma parte dunha entidade diferenciada. Outro síntoma do que dicimos son as diversassolicitudes de anexión a Galicia de determinados concellos de fala galega ao que sumaremos o peso da historia, da convivencia secular co castelán (tamén co leonés) nesta poza ou enorme val rodeado de montañas que configuran o chamado Bierzo, unha comarca pluricultural víctima da artificiosidade das divisiois provinciais.

¿Que é o Bierzo?, xeográficamente pode ser sinxelo de definir, máis complexo é concretar por boca dos bercianos que é o que consideran Bierzo. Por exemplo, para os habitantes das subcomarcas tradicionais como a Somoza, un dos lugares máis deprimidos da zona da montaña galego falante do que vulgarmente hoxe chamamos Bierzo, o Bierzo non comeza na Somoza, senón máis no val, máis aló... o que para algúis estudiosos é o Bierzo Baixo. O mesmo diría un habitante de Oencia. De Oencia e a identidade dicíase nun estudio no Simposio "Lindeiros da Galeguidade" organizado polo Consello da Cultura Galega no ano 1990: "A poboación de máis de cincuenta anos non ten moitas dúbidas. Non lles importa a onde pertencen legalmente: eles séntense galegos..." pero nese traballo faise referencia a consideración de Galicia como unha comunidade que é contemplada cunha lóxica dualidade: a Galicia próspera e lonxana da costa, coa que non se identifica o habitante de Oencia e a Galicia interior, á que rexeita non porque non a sinta próxima, senón porque é pobre e está en clara regresión.

Hai que ter en conta que a marxinalidade económica e a perda de poboación da Galicia interior, da Galicia administrativa que coñece o berciano pola obvia vecindade e coa que comparte feiras, romarías, etc... sen que a división administrativa do ano 1833 puxera couto ás súas relaciois colectivas, é a Galicia pobre de Ancares, Courel, en menor medida, a de Valdeorras contrastaba ata hai ben pouco coa bonanza económica do Bierzo mineiro dos anos 50-60. No Bierzo deprimido economicamente houbo un forte proceso migratorio que levou dentro da comarca a ese berciano galego falante cara a zonas máis prósperas tradicionalmente non galego falantes, cando non emigraba a Suiza ou Barcelona. Estas circunstancias situaron ao berciano de costas a esa Galicia pobre e deprimida, tan semellante por outra parte á casa que abandonaba no seu pobo natal buscando unha vida mellor.


Falar de identidade pode que sexa se cadra un tema complexo, xogamos con múltipples factores que distorsionan a visión certeira e a resposta clara á pregunta de que é o Bierzo. Pero hai feitos na historia que falan por si mesmos da cohesión que existe entre o mundo cultural galego e o berciano así Sarmiento é un ilustrado de Vilafranca, polo tanto berciano, e ninguén dubida da súa convicción e condición de galego, a pesar dos falsos e intrincados litixios que se establecen ás veces arredor da súa orixe e filiación. O mesmo Sarmiento tomou boa nota dos vínculos do Bierzo con Galicia. No cartulario de S. Pedro de Montes do século XIII, case toda a documentación está en galego como el nos deixou escrito e a múltiple documentación medieval escrita neste idioma non nos deixa lugar a dúbidas que o galego é unha lingua histórica e culturalmente falada no Bierzo dende o seu nacemento, e unha das manifestaciois tradicionais máis antigas e arraigadas dunha boa parte da súa poboación.

Por outro lado, a problemática do idioma une irremediablemente as terras galegas coas de alén do Cebreiro. Tamén no XIX viviamos o rexurdimento das letras galegas e hai autores como Antonio Fernández y Morales que antes de Rosalía confirman o que estamos a dicir. Diríamos máis, o proceso do Bierzo é do galego nas zonas Eo-Navia de Asturias, as Portelas de Zamora, é como a punta do iceberg dun problema que afecta por igual a toda a comunidade galego falante sexa ou non da Galicia administrativa. O futuro do galego pasa por que sexamos capaces de conservalo en territorios como o Bierzo, nese sentido o traballo conxunto de galegos e bercianos é, ademáis dunha necesidade, unha evidencia incuestionable da ligazón que existe e para quen a queira ver. De feito a ningún berciano lle estraña que a Dirección Xeral e Política Lingüística da Xunta subvencione actividades no Bierzo por máis que cause algunha reticencia ilóxica e ilexítima en León capital.

Se a lingua é o sustento dunha identidade, para López Mira no seu traballo A Galicia Irredenta hai muito máis que engadir : "Antropoloxía, idioma, literatura ou toponimia, arquitectura da paisaxe, estética, modus vivendi, sociedade en xeral aportan datos en aluvión para asentar unha identidade comunitaria do ser galego nos territorios do contorno...sen entrar a discutir sobre a marca de identidade que supón unha lingua propia para definir unha nacinalidade, si que nos parece evidente que o influxo do galego nestas áreas( refírese naturalmente ao Bierzo, Navia-Eo e as Portelas ) é por outra parte unha boa mostra pola súa mera pervivencia, contra tódalas circunstancias da historia, de a onde se deberían adscribir tamén administrativamente". Dun xeito natural a fronteira natural do galego chegou alomenos ata o río Cúa e o Sil, ata o que os máis vellos denominan propiamente como Bierzo. Os pobos do Bierzo Oeste eran, e son, vales galego falantes da montaña que lonxe de separar á poboación, a lingua uníaos coa Galicia incuestionada: o Courel, o Cebreiro e os Ancares. Tamén con Valdeorras sempre houbo unha innegable, constante e fluída comunicación que se sentía e se sente aínda hoxe como un mesmo e único mundo, non só para os denominados bercianos, senón tamén para os que son e eran galegos. Uxío Nononeyra, o poeta do Courel comentaba ao respecto de Vilafranca do Bierzo: "Cando nos anos anteriores ós corenta, do Courel se tiña que saír a unha vila grande, estaban a mesma distancia Sarria, Quiroga, O Barco e Vilafranca... estaba neso que chamamos a redonda. Era terra de un que logo se distanciou ó dirixírense as vías de comuicación para outro lado ó deixarse o cabalo... pero sen que caise nunca fóra do meu tempo nin fóra de Galicia. Logo, como unha superposición de tipo ideolóxico e dato oficial, soupen que senón na Galicia administrativa, Vilafranca era Lingua de Galicia, a que falaron os homes que a construiron. Os mesmos que fixeron a Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos cando se esqueza o noso nome i o noso rostro" (Palabras de Clausura da II Xornada da Cultura e Lingua galegas no Bierzo. 21-agosto 1994).

Pero como xa apuntabamos antes, nos anos 50 vaise asentando unha moi falsa e cómoda forma de solucionar o tema da identidade berciana. A medida que medra a mineiría e Ponferrada desproporcionadamente, unha vila tradicionalmente fóra da zona galego falante do Bierzo, convértese nunha cidade capital económica do Bierzo Desde onde irradia con claridade un talante destructivo dun dos sinais de identidade e diferenciador da cultura leonesa. Moi sintomáticas son as seguintes palabras entresacadas do limiar do libro EL BIERZO, etnografía y folklore de las comarcas leonesas dos autores J. L. Alonso Ponga e Amador Diéguez Ayerbe: "¿Galleguismo Berciano? Hablando del Bierzo siempre sale a colación un tema ya tópico: el de su galleguismo. Mito éste siempre aducido y nunca demostrado. Siempre aducido por aquelos que han visto cómo en los últimos tiempos el Bierzo se ha ido castellanizando paulatinamente... El pueblo berciano ha tenido siempre mucho interés en manifestar que no es Galicia:

Por qué me llamas gallega
si me véis que soy berciana.
soy nacida cuatro leguas
unriba de Ponferrada.

Este sentir popular resiste un análisis más profundo. Es imposible hablar de una cultura popular gallega que se adentra en León, porque Galicia es una región lo suficientemente compleja como para que se pueda hablar de "una cultura popular galega".

O berciano Paco Macías no I Congreso da Cultura e Linguas Galegas de Asturias, León e Zamora, celebrado en 1989 respostaba indignado ante a concepción monolítica do Bierzo imperante: " eu que son de Lago de Carucedo, síntome como máis próximo a unha persoa de Covas, de administración galega, por cultura, pola lingua, por termo-los mesmos hábitos, idéntico sistema económico, os mesmos problemas...é dicir, un non atopo as diferencias, pero si con Bembibre, con Noceda, etc... ( pobos do Bierzo non galego falante)... O incríble é que é a un idioma propio, o galego, ó que lle é negada a súa propia existencia polo procedemento de ignoralo e deixalo languecer sen que ninguén entenda que esta lingua tamén é patrimonio do Bierzo. No fondo hai medo á diversidade, ó distinto, e ansíase unha uniformización necesaria por parte das " forzas vivas". Non hai democracia sen diversidade... nin sequera se menciona o galego no propio estatuto de autonomía...a curto prazo as demandas só as poden asumir, así o deben facer os concellos galego-falantes..." Aquel Bierzo monolítico era e segue sendo unha entelequia e así foi, poucos anos máis tarde as actitudes valentes como a do Concello da Veiga de Valcarce no ano 2001 son unha das reacciois máis contundentes a aquela tendencia uniformadora. E é curioso que o tema da anexión veña ás mentes dos bercianos de Oencia, Vilafranca ou a Veiga cando a contundencia dos problemas destas terras desatedidas por Castela e León reclama soluciois. Moi curioso tamén que sexan o galego xunto coa economía o centro da polémica en casos como os do Concello da Veiga. Creo que podemos dicir que aquela tendencia herdada do franquismo hoxe máis de 25 anos despois da implantación da democracia comeza a rachar. Instituciois culturais promotoras daquel bercianismo monolingüe e rancio como o Instituto de Estudios Bercianos transformouse nos anos 90, á calor das reivindicaciois de colectivos culturais máis humildes como a Mesa pola Defensa do Galego no Bierzo que organizou o II Congreso da Cultura e Lingua Galegas do Bierzo, Navia-Eo e as Portelas ou a Escola de Gaitas de Vilafranca que organizou varias Xornadas consecutivas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo ( anos 93, 94, 95 e 96) permitiron cambios sustanciais na institución que finalmente convoca un Simposium "Linguas na fronteira"(1996) un primeiro paso no replanteamento da cuestión.


Nos últimos anos a carón das reivindicaiois de novos colectivos como Fala Ceibe as instituciois comezan a reaccionar con máis ou menos acerto e improviosación seguen as chamadas de atención sobre o problema como a do Parlamento español (8 de abril de 1997) sobre o galego nas escolas do Bierzo e a conseguinte consideración do galego, por vez primeira, na reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León son sen lugar a dúbidas fitos a destacar. Por outra parte, o Consello Comarcal do Bierzo, único existente na Comunidade de Castela e León, anque impedido económicamente de grandes actuaciois, baleiro de contido nos seus primeiros anos de actuación, hoxe apoia tamén a implantación do galego nas escolas. É esta unha batalla transcendental pola normalización cultural do Bierzo que acaba de ter importantes novidades coa implantación oficial do galego optativo no presente curso escolar en Cacabelos, Corullón e, fai uns días, en Carucedo. Son poucos os centros que se acollen a esta importante iniciativa, seguramente pola escuridade e medo co que se plantea por parte das autoridades educativas de Castela e León, como así o denuncia o tamén recente informe do Procurador do Común das Cortes de Castela e León. Algo tarde, evidentemente, as instituciois no noso país tenden a reaccionar. Madura estaba a situación nas escolas do Bierzo galego falante nos anos 80 e 90 cando nos consellos escolares como o de Vilafranca estaban dispostos a introducir o galego, ou cando os seus propios mestres para impedir que os nenos enmudecesen ao se escolarizar crearan un obradoiro de galego que foi literalmente prohibido por Educación de León. Hoxe a baixa natalidade e o envellecemento da poboación reduciu ostensiblemente o problema lingüístico en canto ao número de nenos galego falantes. A reivindicación do galego hoxe nas escolas segue estando viva e asumida polo berciano agora tamén e especialmente pola recuperación e estudio do patrimonio cultural desta terra. Un feito inegable da nosa identidade vaise abrindo camiño con forza.

A maduración da conciencia a prol do galego aséntase curiosamente e paradoxicamente ao lado do sentirse distinto a León e a Galicia. O Bierzo parece asumir a súa diversidade lingüística sen traumas aparentes de identidade que o leven a solicitar novas fronteiras administrativas. As ameazas ou desexos de anexión a Galicia son en boa medida froito da desesperación non da convicción. ¿ Cómo se poden interpretar entón ditas reivindicaciois puntuais en relación coa identidade real do berciano?. Este debe ser un interrogante ao que polo de agora non hai unha resposta vertebrada.

A identidade da parte do Bierzo máis deprimida coa Galicia máis próxima de Lugo e o Ourense é tal que non admite diferencias singulares. Caso ben distinto é o do Bierzo de fala non galega que a historia pasada o liga ao Reino de León e que nunca se identificou con Galicia, anque guste de reivindicar o bercianismo como identidade e deba asumir para sentirse distinto a convivencia co Bierzo galego falante, xa que sen el non habería diferencia sustancial en el cremos reside a esencia da tan traída identidade berciana. Este é o Bierzo que no presente está liderando por razois de corte económico o proceso de evolución social do Bierzo, un Bierzo que maioritariamente non fala o galego e que coas súas contradicciois camiña coa súa bandeira oficializada polo seu Consello Comarcal nun proceso de comarcalización que vai abrindo as necesarias vías de comunicación con Galicia, as que sempre houbo e as que aínda están por explorar. Un Bierzo que admite con certa timidez aínda unha lingua que históricamente o uníu a esa comunidade que como Castelao dicía identificabase ante o mundo polo uso do seu idioma. Reivindicaciois para todos os gustos están sobre a mesa, unha, se cadra a máis vella e que o propio Sarmiento segundo parece citaba, é a da Provincia do Bierzo, que co nome de Provincia de Vilafranca e incluíndo o territorio hoxe galego de Valdeorras, chegou a ser realidade por un período moi curto no século pasado.

O certo é que a comezos do século XXI o Bierzo pricipia un proceso normalizador de gran importancia para súa identidade futura e constitúe todo un símblo o feito de que se celebre oficialmente en Vilafranca o Día das Letras Galegas, a primeira vez na historia que a Real Academia decide facelo fóra da Galicia administrativa. Aos bercianos e galegos corresponde que estes pasos se concreten nunha verdadeira política de planificación lingüística, de estudio e conservación dos lazos culturais que Galicia mantén , mantivo e manterá no Bierzo.

Héctor M. Silveiro Fdez, membro da Comisión Cultural Sarmiento 2002 de Vilafranca.




Ningún comentario:

Publicar un comentario