O ano vello despedíase cunha nova impactante e esperanzadora, unha iniciativa do Alcalde de Corullón para que ao longo do ano que entra, o 2016, se leve a cabo unha plantación de mil árbores novas no seu concello. As árbores escollidas non son calquera, son un dos produtos de tempada máis destacados como son as cireixas. A proposta que se presenta baixo unha apariencia de campaña publicitaria que acompaña á medida é realmente sorprendente e busca poñer en valor un produto polo que Corullón xa destaca, pero que agora se redimensiona.
O lema da campaña é outra das cousas que nos sorprenden gratamente pois a utilización do galego da zona prestixia e ofrece outras lecturas simbólicas e literarias moi axeitadas como é o evocador número cuxo valor vai máis aló da propia cifra e adquire connotaciois literarias como as que recordan as palabras de Cunqueiro "mil primaveras máis" coas que se lle engaden á campaña compoñentes de carácter cultural e lingüístico coherentes cos obxectivos que se marcan. Como ben indica Luis Alberto Arias, ademais de aumentar a produción de cireixas de Corullón, "tamén se quixo facer uso da nosa lingua materna, o galego" como podedes comprobar na nota de prensa que recollen os distintos medios de comunicación: Bierzo diario, infobierzo, cadea ser Diario de León.
Parécenos unha idea loable e necesaria para mellorar a economía de Corullón e entender dun xeito integral o progreso para un dos referentes tradicionais da agricultura berciana que goza dun futuro prometedor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario