martes, 22 de marzo de 2016

CARTEL DA FESTA DO MAIO 2016

Autoría: Luis F. Sanz

AO COMEZAR A PRIMAVERA, A FESTA DO MAIO 2016 DE VILAFRANCA PRESENTA O SEU CARTEL

Facendo coincidir o comezo da estación da primavera a Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo presenta o  cartel da Festa do Maio 2016 facendo pública tamén a súa intención de organizar outro ano máis esta festa de carácter tradicional, “declarada de interés turístico provincial” no ano 2009. O cartel foi un encargo que  a asociación fixo ao  ilustrador vilafranquino afincado en Madrid Luis Fernández Sanz. Trátase dunha fórmula máis de colaboración e de difusión da propia festa que xa de por si ten unha grande carga patrimonial que pretendemos reforzar procurando a participación de personalidades bercianas de gran prestixio artístico como é o presente caso.

Luis Fdez. Sanz  naceu en Vilafranca do Bierzo en 1976, e estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca. Dedicado á ilustración colabora habitualmente dende o 2003 en diversos medios de comunicación, tanto nacionais (El País, Rolling Stone, Calle 20,…) como internacionais (Seattle Weekly, Courrier International,…), así como na ilustración de libros (Anaya Editorial, Onyx Path Publishing,…). F. Sanz tamén ten realizado publicidade para instituciois como Adidas, Obra Social Caja Madrid,… Das súas numerosas exposiciois destacamos por cercanía a itinerante organizada polo Instituto de Estudios Bercianos e a Universidade de León que estivo entre outros espazos na casa da Cultura de Vilafranca no mes de setembro do 2011, exposición que tamén pasou por León capital. Actualmente ten unha exposición  en Ávila e vén de crear o seu propio proxecto editorial. Invitámosvos a visitar o seu espazo web no que se atopa unha mostra mui diversa da súa obra que abarca varias disciplinas artísticas: Ilustración, cómic, fotografía, videocreación...  O seu traballo caracterízase por un recoñecible estilo figurativo, no que texturas, ton escuro e unha paleta característica son o soporte formal de imaxes cheas de simbolismo ao que se suma un peculiar sentido do humor. Estes trazos podémolos observar ben no cartel deseñado para a nosa Festa do Maio no que evoca a simbólica e infantil transformación do home en árbore e, á vez, o sostén da tradición representado no rostro dese neno que asume inocentemente o rol da transmisión dun costume ancestral. 

Temos que agradecer que dun xeito tan xeneroso Luis se sume a todo un elenco de artistas que vén colaborando dende hai anos na promoción e difusión desta singular manifestación do patrimonio da cultura inmaterial berciana.  En ediciois anteriores da Festa do Maio tanto fotógrafos locais de gran renome: Ramón Cela, Robés ou Luisma, como pintores recoñecidos: Beberide ou Alfonso Fdez. Manso, teñen contribuído desinteresadamente a arroupar esta tradición xenuína coa súa arte.  Do mesmo xeito outros anos foron alternándose estas colaboraciois con creaciois de persoas menos coñecidas como os membros da Escola  Cristina Álvarez ou Suso Nieto e outras persoas afíns á nosa asociación como Carolina Nieto, Lissi Breaux ou Javi Nespral.... Mesmo teñen participado pequenos artistas, ninos bercianos premiados nos concursos realizados nos centros educativos para a ocasión, como foi o caso do ano pasado que resultaron premiados  Paula Yinió Vidal e Luis Antonio López.


Respectando os tempos e o ritmo das datas do calendario que preceden a este ritual primaveral, despois da Semana Santa faremos público o programa de actos previstos, para os que contamos coa colaboración do Ayto. de Vilafranca do Bierzo, ademais dos xa tradicionais e ineludibles que forman parte esencial da nosa Festa do Maio.

no bierzodiario
en bierzotv

Ningún comentario:

Publicar un comentario