Marisa Cela cantando unha peza tradicional de mazar o leite no Teatro 29 de outubro do 2006 |
A ESCOLA DE GAITAS E O SEU TRABALLO NA DEFENSA DO PATRIMONIO
Dende o momento que nos constituímos como Asociación Cultural, a Escola de Gaitas de Vilafranca tivo claro que era algo máis que un grupo de gaiteiros do país. Iso de ser gaiteiros no Bierzo non o consideramos pouca cousa, quede claro, mais sabíamos que como asociación nacíamos co compromiso de intervir na defensa dos nosos costumes e do noso Patrimonio cuxa riqueza esixía de nós algo máis que ser músicos tradicionais.
Os anos 90 foron especialmente significativos neste sentido porque organizamos durante varios anos as Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo que, como consta nas memorias editadas, tiñan por meta o estudo e a posta en valor do noso Patrimonio. Logo no cambio de milenio impulsamos a creación da Comisión Cultural Martín Sarmiento coa idea de ampliar a nosa incidencia e reunir arredor desta figura, pero tamén do seu modus operandi, a outros grupos e ás administraciois local, comarcal e mesmo autonómicas (Castela e León e Galicia) neste labor a prol do patrimonio berciano. De feito o noso labor deulle forma ás denominadas Xornadas Martín Sarmiento que, se ben teñen un interese especial en iniciativas didácticas de corte lingüístico pensadas para os centros escolares, tamén abordan de xeito continuado a cuestión do Patrimonio Cultural.
A participación na Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO no 2005 abriu definitivamente a porta a un proceso que foi avanzando paseniño ano a ano, en muitos casos da mao da Comisión Cultural Martín Sarmiento na procura do futuro para o Patrimonio Cultural Inmaterial de Vilafranca e do Bierzo. Na presente entrada facemos memoria dalgunhas destas humildes, pero importantes aportaciois.
Exposición de oficios tradicinais pro candidatura do Patrimonio Inmaterial á Unesco no ano 2005 |
OS PASOS DADOS DA MAO DA COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO.
Un dos primeiros proxectos da Comisión Cultural Martín Sarmiento, cuando aínda o goberno municipal de Vilafranca facía oídos xordos a muitas das propostas que se poñían enriba da mesa, foi a da creación dunha Aula da Natureza "Martín Sarmiento" unha iniciativa que tentaba á vez recuperar o Museo de Ciencias Naturais dos Padres Paúis promovendo un convenio co concello para, entre outras cousas realizar unha catalogación do Patrimonio material e inmaterial do municipio.
Pallozas de Campo da Auga |
I XORNADAS MARTÍN SARMIENTO presentando as comunicaciois da arqueóloga Ana Filgueira e da etnobotánica Lola Fernández de Breaux 2005 |
I XORNADAS MARTÍN SARMIENTO presentando a intervención de Pepo Nieto sobre o Bierzo Natural. |
I XORNADAS MARTÍN SARMIENTO comunicación sobre Toponimia e preservación do Patrimonio polo profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza, membro da Comisión Toponímica de Galicia. |
Nunha primeira etapa destas Xornadas (2005-2006-2007) xa no propio lema das mesmas podemos apreciar como o Patrimonio Cultural e, tamén, o Natural foron obxecto de atención específica a través das distintas comunicaciois, muitas delas fruito dun estudo en variados campos buscando a colaboración con entes diversos que ían dende colectivos preocupados pola Natureza como A Morteira ou instituciois como a Universidade de Vigo ou a Real Academia Galega:
- Toponimia e Mitoloxía e o Bierzo Natural abordadas nas I Xornadas baixo o lema: Toponimia, natureza e lingua.
- Tradición oral, Arqueoloxía e Herpetofauna do Bierzo nas II Xornadas tituladas: Memoria, patrimonio e lingua.
II XORNADAS MARTÍN SARMIENTO: Comunicación sobre a Tradición Oral na Somoza |
II- XORNADAS MARTÍN SARMIENTO: Comunicación sobre Herpetofauna |
Sinatura da cesión do Museo de Ciencias Naturais dos Padres Paúis ao Concello de Vilafranca (11-V-2007) |
- As III Xornadas baixo o título: Patrimonio, museos e saber foron unha firma aposta pola consolidación dunha infraestrutura museística na Casa Natal de Sarmiento e o Museo de Ciencias Naturais dos Paúis. Se ben a nosa insistencia ante as autoridades para a creación dun Centro Cultural na Casa Natal de Sarmiento, un compromiso asinado no 2002 polas administraciois autonómicas de Galicia e Castela e León, non prosperou, a outra das iniciativas orixinais deste proxecto tivo mellor fortuna.
Unha clara consecuencia destas Xornadas celebradas o mes de marzo aconteceu ese mesmo ano 2007 concretamente o 11 de maio: A sinatura do convenio de cesión por 30 anos ao Concello de Vilafranca do Museo de Ciencias por parte do Padres Paúis asinado con Vicente Cela, como Alcalde e Conchi López, como Concelleira de Cultura. Este feito puxo as bases para a futura infraestrutura museística que precisa Vilafranca como un dos centros patrimoniais de referencia para toda a comarca.
Materias didácticos do blog: O mego da escola |
OUTROS PASOS DECISIVOS NO NOSO COMPROMISO CO PATRIMONIO
Por outra banda, antes de dar comezo unha segunda etapa, a nosa asociación daba pasos decisivos no seu compromiso coas tradiciois. No 2008 nacía o blog o Mego da Escola, a nosa páxina web BIERZO CULTURA coa intención de difundir o noso labor sobre o Patrimonio e tamén o noso selo editorial BIERZO TRADICIONAL que foi publicando en diversos formatos estudos sobre a tradición máis ancestral e unha das tradiciois máis moderna da vila: Un DVD sobre A Festa do Maio de Vilafranca (2008) e un libro titulado Palillos de madeira sobre Os Xigantes e Cabezudos (2010). Naqueles anos tamén se fragua como consecuencia de toda unha longa experiencia de anos de revitalización a Declaración de Interese Provincial para Festa do Maio (2009).
Temos que valorar como un par de feitos mui desacables tanto a nosa estreita colaboración co A Morteira neste período e o nacemento no ano 2011 da Asociación Burval, unha asociación amiga coa que colaboramos asiduamente e que se centraría no labor da recuperación do Museo de Ciencias e na organización dos seus propios encontros de Patrimonio Natural e Cultural, o que nos permitiu volcar os nosos esforzos cara ao terreo da Educación e a Lingua.
Colaboración coa Asociación A Morteira |
UN DOS EIXES PERMANENTES DAS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO.
A incorporación da figura de Sarmiento ao Museo de Ciencias Naturais de Vilafranca |
Fagamos un repaso rápido polos distintas aportaciois realizadas:
- Intercambios escolares Martín Sarmiento.
- Creación do Itinerario Sarmiento para Vilafranca nas IV Xornadas.
- Encontro aberto sobre a dinamización Cultural en Vilafranca nas V Xornadas.
Materiais de colaboración coa Asociación Burval para o Museo de Ciencias Naturais dos Paúis. |
Na procura de compromisos das administraciois locais, comarcais e autonómicas sobre o Patrimonio |
Grupo de traballo para a redacción do Decálogo Novos Espazos para o galego no Bierzo (2016) |
- Exposición Fernández Morales. Aprobación por unanimidade do Decálogo Novos espazos para o galego no Bierzo polo Consello Comarcal nas IX Xornadas.
- Nas X Xornadas realizouse a Convocatoria dos Premios Morales dedicados a distintos aspectos do noso calendario tradicional comezando polo magosto.
- Novos traballos didácticos sobre a vila natal de Sarmiento para os Intercambios Escolares.
O ano pasado comezou unha terceira etapa na que de novo o Patrimonio Cultural e Natural volvan a ter unha presenza maior ao dedicar cada edición a un concello galego-falante da comarca da que se espera recuperar a publicación de novos materais e contribuír a desenvolver un proxecto máis ambicioso de transmisión e dinamización co Patrimonio Lingüístico e da Cultural Inmaterial como de interese. As XI Xornadas co lema Corullón: Un castelo, viñas, soutos, cireixais e zoupeiros, desprazáronse a este concello no que tamén se ten previsto realizar a entrega dos II Premios Morales no próximo mes de novembro que focalizará os seus contidos no costume dos Fiandois.
Ningún comentario:
Publicar un comentario