luns, 24 de agosto de 2015

ANO SARMIENTO 2002: COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO

COMISIÓN CULTURAL "SARMIENTO 2002"

ACTIVIDADES EN VILAFRANCA 

NO ANO SARMIENTO 2002

COMISIÓN CULTURAL "SARMIENTO 2002" DE VILAFRANCA DO BIERZO
Quen é a Comisión:
A COMISIÓN CULTURAL "SARMIENTO 2002" formouse a iniciativa dos distintos colectivos culturais convocados pola Asociación Pro-Museo a finais do ano 2001 e está composta inicialmente por todas as entidades culturais, educativas de Vilafranca e outras de diversa índole afincadas na nosa vila e interesadas na posta en marcha do Proxecto Cultural SARMIENTO 2002.

As entidades locais convocadas son:
-Asociación Pro Museo de Vilafranca
-Asociación Cultural " Escola de Gaitas"
-Asociación Amigos de Villafranca.
-Asociación ÁGORA -Fundación D.Pedro de Toledo.
-Instituto Ensino Secundario "Padre Sarmiento".
-Colexio de Ensino Infantil e Primaria " San Lorenzo de Brindis"
-Congregación de Pais Paúis de Vilafranca.
-Concellería de Cultura e Alcalde de Vilafranca.

A Comisión Cultural "SARMIENTO 2002" buscará posteriormente a colaboración de entidades bercianas de todo tipo ou que se pensen poden estar interesadas, anque non estean ubicadas na nosa comarca, como:
- Instituto de Estudios Bercianos
- Consello Comarcal do Bierzo
- Instituto Padre Sarmiento de Santiago de Compostela.
- Instituto Leonés de Cultura, etc...

Que obxectivos persegue: 
· Renderlle unha nova homenaxe a Sarmiento, natural de Vilafranca do Bierzo, manifestando a nosa intención de sumarnos a celebración no ano 2002 das LETRAS GALEGAS ano no que vai ser homenaxeado en toda Galicia.
· Solicitar da Real Academia Galega a nosa intención de albergar os actos do 17 de maio.
· Solicitar da Xunta de Galicia e a Junta de Castela y León a sinatura dun convenio para a reconstrucción da Casa Natal de Martín Sarmiento en Vilafranca como centro das Artes e a Cultura no Camiño a Compostela e Centro de Divulgación da obra do erudito.
· Pór en marcha iniciativas que permitan colocar o noso patrimonio histórico-artístico, cultural e natural en relación directa coa polifacética obra de Martín Sarmiento para asentar unha oferta cultural atractiva incorporando de forma efectiva a vida, obra e pensamento do ilustrado como baluarte do noso conxunto patrimonial.

Estas actividades non só se pensan desenvolver durante o ano 2002, senon tamén estarán pensadas para garantir a súa continuidade en anos vindeiros.

Sobre os actos previstos para o ANO SARMIENTO 2002: 
A Comisión Cultural Sarmiento 2002 proxecta un paquete de actividades ao redor da figura de Sarmiento de moi diversa índole que, lonxe de pretender a realización dun acto puntual ou simbólico, supoñen un decidido pulo á difusión da vida e obra do noso ilustre veciño e a promoción activa do galego e a súa cultura. A obra e pensamento sarmentianos forma un conxunto polifacético, complexo e compacto ao que nos quixemos achegarnos escollendo as facetas máis chamativas e que teñen neste momento maior rendabilidade cultural, didáctica e atractivo entre os compoñentes da Comisión. De aí parten as nosas actividades que atenden a máxima do ilustrado "sapere aude"(atrévete a aprender) e fan fincapé en catro facetas importantísimas da obra de Frei Martín Sarmiento:

-SARMIENTO NA ESCOLA.
-SARMIENTO E A NATUREZA.
-SARMIENTO E A LINGUA.
-SARMIENTO NO CAMIÑO.

Todas elas están unidas entre si de tal xeito que aída que apareza en cada actividade en primeiro plano un dos títulos en todas elas están presente as outras. Nos catro apartados é permanente o interese pola función didáctica e divulgativa , como tamén é unha constante a promoción lingüística do galego.

A Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo forma parte parte constituínte da denominada COMISIÓN CULTURAL SARMIENTO 2002, para a cal presentamos os dous proxectos relacionados directamente e dun xeito moi práctico coa promoción e fomento do uso do galego no Bierzo e que fundamentalmente teñen e presentan esta dimensión comarcal, anque terán algúns deles importantes repercusións máis aló dos lindes bercianos.

Os Proxectos son:
-SARMIENTO E A LINGUA NO BIERZO.
-SARMIENTO: ESCOLA, NATUREZA E LINGUA.

Dous proxectos presentados pola Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo ( unha asociación destacada no seu traballo a prol da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo, como no presente ano a fundación Pedrón de Ouro recoñeceu o Pergamiño de Honra)nos que se pretende desenvolver en tres etapas ao longo do presente ano unha serie de actividades de promoción lingüística da mao da figura de Sarmiento homenaxeada con motivo da celebración das Letras Galegas. Estas actividades centradas no fomento do uso da lingua serán ademais un complemento axeitado as actividades de carácter institucional que se desenvolverán fundamentalmente no mes de maio en Vilafranca do Bierzo.

SARMIENTO E A LINGUA NO BIERZO: Actividades pensadas para achegarse tanto á figura de Sarmiento e a súa querencia polo galego como a problemática lingüística desta lingua no Bierzo. Ambos temas aparecen unidos ineludiblemente na celebración das Letras Galegas que este ano se realizará no Bierzo, fóra da Galicia Administrativa. Esta celebración necesita unha esmerada e precisa presentación que debe ser propiciada polos propios bercianos. Coñecer a Sarmiento implica ter moi presentes aspectos da nosa vida cultural, tantas veces esquecidos, como é o lingüístico. Este ano debe permitir dar un gran paso adiante na divulgación popular da obra de Sarmiento e no proceso de promoción, dignificación e presencia do galego no Bierzo ao que as actividades previstas contribuirán tanto no ámbito público en xeral (tendo presentes de forma especial aos medios de comunicación, administración local e comarcal) como tamén outros ámbitos específicos como pode ser o escolar que requiren un tratamento singular. A transcendencia máis alá da comarca virá marcada pola plasmación do proxecto en internet e ante os milleiros de visitantes e pelegríns camiño a Compostela que descubrirán o Bierzo da man de Sarmiento e seguindo os pasos que deu nas súas viaxes a Galicia, reparando nesas peculiaridades do noso Patrimonio natural, cultural e lingüístico que chamaron a atención do ilustrado galego nacido en Vilafranca. A filosofía que move dito proxecto procura a consolidación deste tipo de iniciativas cara o futuro no sentido de facer medrar o uso do galego no Bierzo, tamén naqueles lugares onde é menos frecuente, anque non menos necesario. De aí que unha das actividades sexa a realización dunha publicación Memoria das actividades do ano Sarmiento en Vilafranca e no Bierzo.

Calendario inicial do Proxecto SARMIENTO E A LINGUA NO BIERZO: 

9 de Marzo, data do nacemento de Sarmiento
- ENCONTRO "MARTÍN SARMIENTO" .

17 maio, día das letras galegas e 18 e 19 de Maio 
- PRESENTACIÓN DA PÁXINA WEB E DO DIAPORAMA: " SARMIENTO E O GALEGO DO BIERZO ".

Xuño-Setembro
- "SARMIENTO NO CAMIÑO" .
Setembro-Outubro:
- PROXECTO "SARMIENTO E A LINGUA" EXPOSICIÓN DIDÁCTICA: "SARMIENTO E O GALEGO NO BIERZO" PUBLICACIÓN MEMORIA DO ANO SARMIENTO.

SARMIENTO: ESCOLA, NATUREXA E LINGUA.
Trátase dun proxecto de carácter máis específico que o anterior, pero de gran transcendencia para á divulgación eficaz da obra de Sarmiento e do fomento do galego no Bierzo. Está deseñado pensando nas necesidades e propostas que os mesmos mestres e profesores nos trasladaron. A necesidade de realizar un achegamento á figura de Sarmiento e máis en concreto, e dun xeito práctico a súa obra, son a razón fundamental de que ao longo do Ano Sarmiento se leven a cabo actividades distribuídas en distintos momentos. As ideas pedagóxicas de Sarmiento o seu modus operendi e a ineludible ligazón da lingua coa aprendizaxe son elementos vertebradores do presente proxecto. O primeiro contacto sería unha xornada ligada a costumes que de xeito natural ligan o uso da lingua a etnobotánica moi do gusto de Sarmiento, actividades que tradicionalmnete se veñen desenvolvendo en Vilafranca relacionadas cos maios. A continuación facilitamos que os traballos sobre Sarmiento nos centros de Primaria e Secundaria, que aprobaron nos seus Consellos Escolares, teñan unha proxección pública para que toda a Comunidade Escolar se sinta partícipe da iniciativa coincidindo coa data das Letras Galegas. A seguinte etapa procurará asentar o carácter cíclico das actividades realizadas arredor de Sarmiento e a lingua e a súa proxección cara o futuro. A proposta de creación dunha Aula Activa da Natureza que levaría o nome de Martín Sarmiento que se está elaborando no centros educativos de Vilafranca e que se instalaría nos locais na antiga "Escuela Hogar" pretendemos que dentro do Ano Sarmiento realice xa unha experiencia piloto, que denominamos " Sarmiento e o nome dos seres vivos" que se presentaría o día das Letras Galegas e que se desenvolvería posteriomente a partir dunha 2ª Xornada Escolar "Martín Sarmiento" a comezo do curso que vén.

Calendario inicial do Proxecto:

SARMIENTO: ESCOLA, NATUREZA E LINGUA

30 abril -1 de maio: 
- 1ª XORNADA ESCOLAR " MARTÍN SARMIENTO"
curso 2001-

2002
- FESTA DOS MAIOS: ACTIVIDADES DIDÁCTICAS NAS AULAS E NAS RÚAS VIVINDO A TRADICIÓN.

17 maio, día das letras galegas e 18-19 de Maio:
- PRESENTACIÓN DO DIAPORAMA do PROGRAMA: SARMIENTO: NATUREZA E LINGUA: " SARMIENTO E O NOME DOS SERES VIVOS ".
-EXPOSICIÓN NOS CENTROS EDUCATIVOS DAS ACTIVIDADES: "SARMIENTO NA ESCOLA".


Setembro-Outubro:
-2ª XORNADA ESCOLAR "MARTÍN SARMIENTO". Magosto de experiencias escolares. (curso 2002-2003) -"SARMIENTO: NATUREZA E LINGUA" EXPOSICIÓN "SARMIENTO E O NOME DOS SERES VIVOS" Proposta piloto para a Aula Activa da Natureza "Martín Sarmiento".


Lembrade que con anterioridade se solicitara esta celebración das Letras en Vilafranca ante a RAG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario