venres, 21 de agosto de 2015

MEMORIAS DAS XORNADAS DE CULTURA E LINGUA GALEGAS NO BIERZO (1993-1994-1995-1996)

XORNADAS DA
CULTURA E LINGUA GALEGAS
NO BIERZO.
Son catro memorias editadas destas Xornadas que en catro anos consecutivos organizou a Asociación cultural ESCOLA DE GAITAS DE VILAFRANCA coa intención de manter vivo o debate e a reflexión sobre a situación presente, pasada e futura do ente cultural galego no Bierzo. Catro anos consolidando unha dinámica de actos que prestixian e promocionan o uso do galego en manifestaciois públicas, máis aló dos lugares habituais da fala familiar e interveciñal, camiñando na busca da normalización da nosa cultura en tanto que se estudan as nosas raíces, asentando así o traballo cultural de hoxe e para mañá.



Os aspectos tratados puxeron de manifesto o emprego da lingua oral, fundamentalmente do galego, nunha boa parte do Bierzo. A tradición oral e a lingua e o calendario tradicional foron, respectivamente, os centros de interese das dúas primeiras Xornadas, dos anos 93-94. A terceira, celebrada o ano 1995, planteouse homenaxear e popularizar a personalidade e a obra de Martín Sarmiento, un ilustrado galego de Vilafranca, cando se cumpría o tricentenario do seu nacemento, un 9 de marzo de 1695 na nosa vila, esa figura cuxa patria é a da cultura universal, como moi ben definíu o profesor X. Alonso Montero.


Na IV edición propuxémonos achegarmos dun xeito especial á realidade histórica, lingüística e literaria, é presencia documental do galego no Bierzo. Tres son os momentos cruciais polos que pasou o galego ao longo da súa conflictiva historia, tanto en Galicia como no Bierzo. Referímonos ao esplendor medieval, ao rexurdimento do XIX, e ao desenvolvemento e vicisitudes polas que pasa no século XX, vitais para o seu futuro. Personaxes importantes da Idade Media no Bierzo, e en Galicia, utilizaron o galego nos seus escritos, como o utilizou Martín Sarmiento no século XVIII, constituíndose en pai da Filoloxía Galega, como, entre outros autores que escriben en galego no XIX, Antonio Fernández Morales foi quen de realizar uns "Ensayos poéticos" nese mesmo idioma, ou pouco despois o empregou Fco. De Llano y Ovalle, así como tamén outras personalidades bercianas xa no presente século que colaboraron, e seguen contribuíndo ata os nosos días, á producción literaria galega desde o Bierzo (Ramón González Alegre, Aquilino Poncelas, Valentín Carrera...)


Pois ben coa axuda de escritores como X. L. Mendez Ferrín, historiadores como J. A. Balboa ou J. I. González Ramos e lingüistas como Antón Santamarina quixemos reconstruír nesta, polo de agora, nesa última Xornada unha panorámica de textos e contextos nos que se empregou no pasado e se emprega hoxe o galego no Bierzo, para propiciar un futuro máis fornecido a esta lingua que é nosa e de Galicia, pero que non está igual protexida alá que aquí.
Importantes sinaturas e estudosos como son: X. M.González Reboredo, Alfredo Rodríguez, Aquilino Poncelas, Alicia Fonteboa, Santiago Castelao, Victor Guerrero, Clodio González Pérez, Uxío Novoneyra e os xa citados anteriormente, entre outros, están presentes cos seus escritos nestas catro publicaciois das Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo ás que tamén aportaron diversos traballos de investigación distintos membros da nosa asociación.


EDITA: ASOCIACIÓN CULTURAL "ESCOLA DE GAITAS" de 
VILAFRANCA DO BIERZO,
Subvencionadas pola Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario