venres, 21 de agosto de 2015

CONTOS DE MAIO (II) (1994)


CONTOS DE MAIO (II)
EDITA: Asociación Cultural "ESCOLA DE GAITAS DE VILAFRANCA DO BIERZO".
Edición subvencionada pola: Dirección Xeral de Política Lingüística, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da XUNTA DE GALICIA. Ano 1994.

DEDICATORIA:
AOS NINOS.
“Este caderniño que teis nas túas maos é unha ferramenta para que podas ler contos en galego, pero contos feitos por ti ou por algúis dos teus compañeiros máis maiores, pois como xa seguro que sabes son contos escritos para o "II- Concurso de Contos e Cómics en Galego" sobre o Maio que a Escola de Gaitas organizou para que tu podas utilizar esta lingua que seguro falan os teus aboiños e quizáis tamén os teus pais. Dilles que tu tamén queres coñecela, pois esta lingua fálase no Bierzo desde fai muito tempo e, como forma parte da nosa cultura, non debemos perdela. Nesta edición ademáis de composiciois propias de ninos e ninas este ano dous autores un de novelas, berciano e de Vilafranca, e outro de libros de contos e poesía, galego da beira mar, quixeron a solicitude nosa colaborar nesta publicación de fins didácticos ofrecendo os contos que a continuación reproducimos. Servan estas poucas letras de agradecemento pola súa preocupación e interese así como de recoñecemento da súa sensibilidade pola promoción do galego no Bierzo, especialmente entre as xeraciois máis novas. "Este conto, que terá que chegar ós lectores coa axuda dun traductor, adícollo aos nenos dos lugares do Bierzo que falan e entenden o galego. Cando eu andaba pola súa idade, resultábame familiar esta fala, na ferretería vilafranquina do meu pai, frecuentada por xentes sinxelas e recias. Pero ninguén me ensinou na escola con sistema e orde unha lingua entrañable que me gustaría usar na miña creación literaria, alternándoa co rico e case universal idioma de Castela. Pido que aos nosos rapaces de agora se lles aforre esta mutilación."
Antonio Pereira.



O ano pasado con motivo da primeira publicación dos Contos de Maio, dirixiamos unhas breves palabras de ánimo ós mestres pola alta participación, que nesta segunda edición repetíu as cotas do ano anterior coa suma dun novo centro: o Colexio Virgen de la Quinta Angustia de Cacabelos. Así os Colexios de Vilafranca, Corullón e Cacabelos están dando un paso importantísimo no proceso de normalizar a situación do galego nas escolas do Bierzo. Lembrar que o caderno de contos está pensado para que ese labor de introducción do galego sexa máis doado e levadeiro ao dispor de materiais motivadores para os mesmos rapaces e os mestres pola temática coñecida, por seren eles mesmos os protagonistas e autores dos traballos que nel aparecen. Este ano introducimos algún cómic e boa parte dos debuxos que viñan acompañando as composiciois, que lamentablemente temos que reproducir en branco e negro e non en cor como se debiera. Como novidade dous escritores colaboran na publicación de contos de Maio: un coñecido e galardonado (premio Merlín para literatura infantil na pasada edición) autor de contos para ninos en galego, ademáis de magnífico poeta, Bernardino Graña, que nos enviou un conto inédito das terras costeiras de Galicia; o outro é un novelista da casa, Antonio Pereira, que ten acadado o premio Torrente Ballester de novela neste mesmo ano; mandounos un relato que aparece traducido por nós ao galego. Pola súa sensibilidade hacia esta loita pola promoción do galego nestas terras debemos corresponder a estes dous escritores co noso recoñecemento público pola súa contribución sincera a esta causa.



É xusto agradecer tamén o interese da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia ao subvencionar esta publicación e, en xeral, o conxunto de actividades nas que se inclúe o concurso escolar de contos e cómics. A Asociación Cultural "Escola de Gaitas" de Vilafranca quixera, pois, con esta publicación preservar para o futuro dúas das nosas mellores tradiciois polas que vén apostando de sempre, que veñen xunguidas pola tradición oral dos nosos vellos: A Festa do Maio e a Lingua Galega. Elas dúas son parte do noso patrimonio cultural que debe permanecer a pesar de estar ameazado polas tendencias uniformizantes e deformadoras da cultura dos pobos que destrúe o noso carácter peculiar, as nosas formas de vivir e ver a vida.


NOTA: Preséntase esta publicación redactada nun galego propio dos ninos/as que concursaron é case sempre respeitada, mesmo castelanismos frecuentes na fala ou nas grafías empregadas. As correciois derivadas da transcripción feitas con intención pedagóxica aparecen en notas a pé do texto para que poidan ser comentadas polos mestres para os alumnos e apreciadas polos lectores pequenos e maiores. Hai que dicir que os ninos non teñen traballado coa gramática galega por iso son frecuentes os erros.




Ningún comentario:

Publicar un comentario