venres, 21 de agosto de 2015

CONTOS DE MAIO I (1993)




CONTOS DE MAIO I (1993)
DEDICADO Aos mestres dos colexios de Vilafranca e Corullón... Dicirvos que, en boa medida, este caderniño é obra vosa. Quen dubida que fostes vos os principais motivadores dos rapaces nas aulas, verdadeiros axitadores dun labor importantísimo, innovador e útil para aqueles ninos que nunca escribiran en galego. Manifestastes un profundo respecto pola lingua mai de muitos dos vosos alumnos/as contribuindo a dar un paso máis no recoñecemento desta realidade lingüística e cultural de sempre esquecida e coa que vos tedes atopado día a día nas aulas. Desde a Asociación Cultural "Escola de Gaitas" recibide o agradecimento sincero no nome de todos aqueles que sentimos a necesidade de normalizar a situación da lingua galega nas escolas . O caderno que tedes nas maos quere reflexar por escrito ese labor realizado á vez que coaxude ao traballo que queda por facer, tentando que, aportando materiais, sexa máis doado e levadeiro. ¡ Ánimo!


RESEÑA E COMENTARIO
Nestas breves liñas iniciais desta publicación de intenciois pedagóxicas queriamos clarexar a todos aqueles que vaian utilizar estes textos que foron escritos por nenos para o 1º Concurso de contos ou relatos curtos en galego con motivo da Festa do Maio do ano 1993, contando cunha subvención da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Estes contos de maio son editados para coaxudar ás dúas causas que nos moveron a levar a cabo todas estas actividades. A primeira é a nosa preocupación por preservar para o futuro as nosas millores tradiciois. Neste senso o noso compromiso no fortalecemento do costume dos maios-mozos de Vilafranca é un vello e relevante exemplo do noso labor cultural desde a nosa creación como Asociación Cultural. Unha segunda causa é unha necesidade que vimos experimentando de abrirlle ó galego vías de perpetuación no futuro entre nosoutros como lingua que secularmente foi soporte de tantos e tantos tesouros culturais, fruito da psicoloxía, dos xeitos de pensar e ver a vida dos nosos paisanos. Unha última causa poderiamos engadir que é a da estimular aos nenos/as que participaron para que en anos vindeiros segan a facelo, e, como non, a de reflectar o que deu de sí este concurso que tamén foi acompañado do de carteis que ilustran algunhas das páxinas deste Caderno de Contos de Maio.


Tampouco quereriamos deixar de advertir ós lectores dos textos que non se presentan éstes tal e como foron recollidos por razois lóxicas nuns rapaces que con nulas nociois gramaticais do galego escriben este idioma tal e como lles soa(tal vez sen ser falantes desa lingua, anque sí receptores pasivos por vía familiar ou coloquial dela). Diciamos que por razois tan obvias como que desexamos que teña este caderno unha utilización pedagóxica levounos a eliminar certos erros que non serían compatibles coa función que lle quixemos dar. Non entendemos esta publicación como un documento para estudios filolóxicos acerca do grao de pureza da lingua. Para iso xa conservamos os textos que en contadas ocasiois, todo hai que dicilo, chegaron a nos retocados, cousa que en absoluto valoramos negativamente. Para mellor entender os criterios de corrección aplicados diremos que correxidos na meirande parte os castelanismos existentes, faltas de ortografía, puntuación nalguis casos, tendimos a respetar as variantes dialectais que presentaban os textos (tendo en conta que ás veces foi utilizado un galego común non dialectal polo concursante, e non sempre dun xeito xeneralizado incluso nun mesmo texto). Certas palabras que se consideran castelanismos dun xeito aillado mantivéronse coa forma galega entre parentese ao seu lado para facilitar a distinción galego-castelán por mero contraste. Esta maneira de pór en evidencia as diferencias lingüísticas quizáis non sexa a máis acertada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario