CONTOS DE MAIO I (1993)
DEDICADO Aos mestres dos colexios de Vilafranca e
Corullón... Dicirvos que, en boa medida, este caderniño é obra vosa. Quen
dubida que fostes vos os principais motivadores dos rapaces nas aulas,
verdadeiros axitadores dun labor importantísimo, innovador e útil para aqueles
ninos que nunca escribiran en galego. Manifestastes un profundo respecto pola
lingua mai de muitos dos vosos alumnos/as contribuindo a dar un paso máis no
recoñecemento desta realidade lingüística e cultural de sempre esquecida e coa
que vos tedes atopado día a día nas aulas. Desde a Asociación Cultural
"Escola de Gaitas" recibide o agradecimento sincero no nome de todos
aqueles que sentimos a necesidade de normalizar a situación da lingua galega
nas escolas . O caderno que tedes nas maos quere reflexar por escrito ese labor
realizado á vez que coaxude ao traballo que queda por facer, tentando que,
aportando materiais, sexa máis doado e levadeiro. ¡ Ánimo!
RESEÑA E COMENTARIO
Nestas breves liñas iniciais desta publicación de intenciois pedagóxicas
queriamos clarexar a todos aqueles que vaian utilizar estes textos que foron
escritos por nenos para o 1º Concurso de contos ou relatos curtos en galego con
motivo da Festa do Maio do ano 1993, contando cunha subvención da Dirección
Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Estes contos de maio son editados para coaxudar ás dúas causas que nos moveron
a levar a cabo todas estas actividades. A primeira é a nosa preocupación por
preservar para o futuro as nosas millores tradiciois. Neste senso o noso
compromiso no fortalecemento do costume dos maios-mozos de Vilafranca é un
vello e relevante exemplo do noso labor cultural desde a nosa creación como
Asociación Cultural. Unha segunda causa é unha necesidade que vimos
experimentando de abrirlle ó galego vías de perpetuación no futuro entre
nosoutros como lingua que secularmente foi soporte de tantos e tantos tesouros
culturais, fruito da psicoloxía, dos xeitos de pensar e ver a vida dos nosos
paisanos. Unha última causa poderiamos engadir que é a da estimular aos
nenos/as que participaron para que en anos vindeiros segan a facelo, e, como
non, a de reflectar o que deu de sí este concurso que tamén foi acompañado do
de carteis que ilustran algunhas das páxinas deste Caderno de Contos de Maio.
Tampouco quereriamos deixar de advertir ós lectores dos textos que non se
presentan éstes tal e como foron recollidos por razois lóxicas nuns rapaces que
con nulas nociois gramaticais do galego escriben este idioma tal e como lles
soa(tal vez sen ser falantes desa lingua, anque sí receptores pasivos por vía
familiar ou coloquial dela). Diciamos que por razois tan obvias como que
desexamos que teña este caderno unha utilización pedagóxica levounos a eliminar
certos erros que non serían compatibles coa función que lle quixemos dar. Non
entendemos esta publicación como un documento para estudios filolóxicos acerca
do grao de pureza da lingua. Para iso xa conservamos os textos que en contadas
ocasiois, todo hai que dicilo, chegaron a nos retocados, cousa que en absoluto
valoramos negativamente. Para mellor entender os criterios de corrección
aplicados diremos que correxidos na meirande parte os castelanismos existentes,
faltas de ortografía, puntuación nalguis casos, tendimos a respetar as
variantes dialectais que presentaban os textos (tendo en conta que ás veces foi
utilizado un galego común non dialectal polo concursante, e non sempre dun
xeito xeneralizado incluso nun mesmo texto). Certas palabras que se consideran
castelanismos dun xeito aillado mantivéronse coa forma galega entre parentese
ao seu lado para facilitar a distinción galego-castelán por mero contraste.
Esta maneira de pór en evidencia as diferencias lingüísticas quizáis non sexa a
máis acertada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario