mércores, 19 de agosto de 2015

O cangrexo de río

A LENDA DE…
“AUSTROPOTAMOBIUS PALLIPES”
         (O CANGREXO DE RÍO AUTÓCTONO)
REFLEXIOIS SOBRE O FUTURO INMEDIATO DA ESPECIE NA NOSA TERRA.
Este exemplar, que nos mira pedindo auxilio, sobrevive milagrosamente xunto con non máis de 80 conxéneres, nun pequeno tramo de río de 15 metros de longo, cunha media de caudal aproximada de 2 litros por segundo, aillado de calquera outra canle, nun recóndito lugar da provincia de León.



MOI FÁCIL DE IDENTIFICAR SE NOS FIXAMOS BEN…
-A base das pinzas é branca e de superficie moi rugosa por enriba.
-Suturas lonxitudinais do caparazón bastante separadas.
-Presenza de espiñas en ambas caras da zona apical do dorso do cefalotórax.
-Desprázase coas pinzas cara diante.
-Ten un comportamento muito menos agresivo que as especies americanas que viven aquí.


OS EFECTOS DA "AFANOMICOSE", SON LETAIS  EN TODAS AS ESPECIES DA FAMILIA DOS ASTÁCIDOS EUROPEA.

Pódese apreciar a anchura de cola desta preciosa femia de autóctono, que desenvolve para protexer as postas de ata 80 ovos, durante case 6 meses.



Todos os cangrexos  necesitan "mudar" para poder medrar, este exemplar autóctono, foi sorprendido recén rematada a delicada operación, que realizan se poden sempre ocultos, posto que é nestes momentos cando máis vulnerables se atopan ante os seus depredadores, mentres se endurece o nacente caparazón que os converterá de novo nos acoirazados do río.




ESTA FAMILIA DE MACRO INVERTEBRADOS DE AUGA DOCE EUROPEA CONSTA DE 4 ESPECIES:
-ASTACUS ASTACUS (CANGREXO NOBRE OU DE PATAS VERMELLAS)
A súa distribución orixinal asentábase no centro e norte de Europa e considérase a especie máis apreciada culinariamente.
-ASTACUS LEPTODACTYLUS, (CANGREXO TURCO, RUSO OU DE PATAS LONGAS)
Distribuido polo Este de Europa.
-AUSTROPOTAMOBIUS TORRENTIUM, (CANGREXO DOS TORRENTES)
Europa central e península Helénica.
AUSTROPOTAMOBIUS PALLIPES, ("O NOSO AUTÓCTONO" OU DE PATAS BRANCAS)
Cunha distribución histórica pertencente á Europa meridional occidental.



MILLOIS DE ANOS DE EVOLUCIÓN A PUNTO DE ESFUMARSE CON ESTA, A NOSA QUERIDA  ESPECIE DE CANGREXOS DE RÍO AUTÓCTONOS.

A nefasta política da maioría de Comunidades Autónomas no tocante a súa conservación, está acabando de forma tremendamente efectiva coas últimas e xa minimizadas poboaciois desta especie aínda existentes, a maioría  na metade norte da península, que se atopan relegadas a hábitats, que pouco teñen que ver cos da súa distribución orixinal.  Trátase de pequenos tramos algúns medios e a maior parte de cabeceira,  en ríos de augas moi frías e alto contido en carbonato cálcico onde debido á baixa temperatura, están menos activos ao longo do ano. Reprodúcense con dificultade, dispoñen de escaso alimento e hai un alto índice de mortandade. Ademais, debido á escasa ou nula vixianza, son frecuentemente obxecto de expolio por parte de muitos desaprensivos, que non se dan conta do dano que con estas acciois se lle ocasiona ao mantemento da biodiversidade na nosa terra.
A introducción indiscriminada de especies alóctonas, tanto por parte das autoridades competentes, como por parte de muitos furtivos, para que se poda volver a “pescar cangrexos” nos nosos ríos, está contaminando imparablemente os últimos reductos para a especie autóctona coa peste que acabou masivamente coas poboaciois, daquela abundantísimas aquí, a finais dos 70.
Nesa ocasión tratábase do cangrexo vermello(Procambarus Clarkii), procedente de Louisiana (EE.UU.), e portador dun fungo endémico de Norteamérica, que necesita cangrexos de río para vivir (aphanomyces astaci), e que produce a AFANOMICOSE, causa do exterminio case total da nosa única especie de cangrexos de río. O caso é que en muitos países de Europa xa sucedera o mesmo 20 anos antes.
¿Por que non se impedíu que ocorrera aquí?, quizás por ignorancia ou deixadez. Mais o desastre xa se consumara. A raíz do ocorrido parece que se comezou a investigar.
En Granada e Guadalajara existen sendos programas de cría (astacifactorias), con intenciois de levar a cabo repoblaciois en tramos de ríos sempre moi ben estudados, e que  haxa ausencia total de especies americanas en muitos quilómetros á redonda. Na Comunidade Foral de Navarra onde parece que aínda se conservan algunhas poblaciois, existe un programa de xestión pioneiro en España, que ten por obxecto protexer e restaurar directamente as poblaciois e hábitats do cangrexo autóctono, e outras medidas relacionadas  coa xestión da pesca, transporte e comercialización das especies introducidas.


A agresividade e capacidade colonizadora do cangrejo vermello queda patente nesta instantánea. Atopábase paseando tranquilamente pola beira dun camín, a máis de 300 metros da lagúa onde viven, aproveitando a humidade dunha tormenta de vrao,  e cando me acheguei para fotografalo…


A empresa ten muito mérito e é un exemplo do que podería tomar nota o resto do país, pero non só non é así senon que Comunidades como a nosa, "Castilla y León", está levando a cabo introducciois masivas doutra especie americana, tamén portadora do fungo que produce a peste, xa desde fai varios anos. Trátase do cangrexo sinal,(Pacifastacus Leniusculus), que xa se estendeu por amplos tramos de muitos dos nosos ríos, e que, a diferencia do cangrexo vermello de augas estancadas e quentes, este ocupa tamén tramos de ríos e regueiros de augas frías, xusto os mesmos hábitats que a nosa especie autóctona. Ademais o cangrexo siñal tamén é portador do fungo que produce a AFANOMICOSE, polo tanto, nos tramos fluviais onde se introduza esta especie, morirá ata o último exemplar de autóctono que puidera quedar no prazo de 15 días.
Isto significa o exterminio absoluto das últimas e reducidísimas poblaciois da nosa terra a curtísimo prazo e afectará irremediablemente ás Comunidades veciñas, posto que a Natureza non entende de fronteiras políticas.


QUE CADA QUEN SAQUE AS SÚAS CONCLUSIOIS:


Cando ocorreu o desastre a finais dos 70, e tendo en conta que o cangrexo vermello se atopaba só en zonas moi puntuais, ¿por que non se comezaron programas de erradicación desta especie tan danosa para os nosos hábitats?  e ¿por que non principiou entón coa conservación prioritaria das poblaciois autóctonas que se salvaron do desastre, (muito máis abundantes que agora) para poder continuar logo con programas de repoboación a nivel peninsular? ¡É incríble, pero certo! ¿como se  puede entender que no presente non exista un criterio global a este respeito entre todas as Comunidades Autónomas e os países veciños (Portugal e Francia)?
¿Imos conformarnos con que por culpa da política, do furtivismo e, en definitiva, da ignorancia, desapareza irremediablemente unha especie tan apreciada e con tanta cultura en España o resto de Europa xa desde tempos moi antigos e que necesitou millois de anos de evolución para se converter no que hoxe queda deles?


O cangrexo sinal, alcanza tallas superiores ao autóctono sobre todo apreciables nas pinzas, que ademáis contan con esa mancha branca que fai inconfundible á especie.  




No baixo Síl, existen zonas onde conviven ambas especies americanas, sen que o sinal faga de barreira ou desprace ao vermello, como se dicía nun principio. (Foto tomada nun tramo do Sil, entre Requeixo e a Valiña).





Cría de cangrexo sinal procedente da xa irreversiblemente asentada población do río Burbia. Recordemos que o último exemplar autóctono deste río se extinguíu fai nada menos que 26 anos.

Entre exemplares novos de ambas especies (autóctono e sinal) pode existir un asombroso parecido que muitas veces dá lugar a que algunha xente os confunda, chegando a crer que en algúns tramos de ríos bercianos onde existen poboaciois de sinal ben asentadas, dígase que tamén hai exemplares autóctonos convivindo xuntos ou mesmo híbridos de ambas especies.
Sinxelamente é imposible.


AS EXTINCIOIS MÁIS RECENTES NO BIERZO E ARREDORES
(DATOS PROPIOS)
SON 2, AS POBOACIOIS DESAPARECIDAS MÁIS RECENTEMENTE.
A PRIMEIRA, pertencente a un pequeno treito do río Selmo, no Bierzo, que contaba nos seus últimos anos de existencia con escasísimos efectivos, debido aos continuados expolios aos que estivo sometida, sobrevivíu ata 2001. Atopadas 2 femias mortas de autóctono por última vez, no vrao dese mesmo ano.
No vrao de 2002, observáronse exemplares novos de cangrexo sinal nese tramo, provenientes seguramente do achegado Sil, onde existe unha enorme poboación desta especie. Parece que está claro o motivo da súa extinción.
A SEGUNDA, na provincia de Ourense, pero moi próxima á anterior, nun pequeno río, que ademáis era o único exemplo de introducción exitosa coñecida nas nosas inmediaciois, posto que se levaran uns poucos exemplares autóctonos 16 anos antes de extinguirse, en agosto de 2002, por un vecín da zona e extraídos da población anterior no Bierzo. Parece ser que historicamente non existiran nunca neste río.

Debido ás condiciois de aillamento por medio dun salto na confluenza co Sil, e ao alto contido en carbonato cálcico das súas auguas, esta poboación se atopaba en plena expansión, con numerosísimos efectivos, para o que permitía o volume de caudal, achándose presentes todas as tallas, ao longo de varios quilómetros, e comprobándose tamén, que os lugareños non os coñecían nin consumían, posto que lles chamaban: “Alacrais dauga”, proba clara, de que non existíu anteriormente a especie nestas auguas, tan só eran obxecto de pesca por parte dalgúns veraneantes.
Ata que un fatídico día dese seco mes de agosto, e co rego baixo mínimos, alguén cortou a auga río arriba, para regar uns chopos. Ao quedarse sen auga amontonaronse en pequenos pozos. Muitos morreron por estrés e, parte dos que sobreviviron, foron trasladados por funcionarios da Xunta, a un lugar descoñecido, mentres se restablecía o rego, para ser devoltos ao mesmo posteriormente. 20 días despois puiden comprobar, que a mortandade fora do 100 por 100, porcentaxe que dá muito que pensar ao respeito de que se foi  por Afanomicose.
Esta poboación que tan só tardara 16 anos en asentarse exitosamente nun hábitat favorable, demostra o fácil que sería, levar a cabo plans de repoboación da especie autóctona, na nosa zona, onde a pesar da crecente expansión do sinal, aínda quedan lugares viables para darlle unha oportunidade a nosa especie. 


Escaneados de fotografías realizadas en 1999 neste río de Ourense, dun macho adulto, "os  últimos da conca del Sil".

EN MEMORIA DE JAVIER AJENJO RODRIGUEZ.



FOTOS E TEXTO:  Pepo Nieto Santín.
Colaborador nos traballos de campo: Nicanor Nieto Fernández, 
Realizador tarefas informáticas:  Nicanor Nieto López.








Ningún comentario:

Publicar un comentario