mércores, 19 de agosto de 2015

SOBRE OS MAIOS E A FESTA DO MAIO DE VILAFRANCA



Reproducimos á continuación o texto e fotografías da Introdución da Unidade didáctica sobre a Festa do Maio, editada no ano 1993  coa idea de difundir e poñer en valor esta ancestral tradición nos centros de educación do Bierzo, especialmente de Vilafranca e arredores.



INTRODUCIÓN
Desde que o home é home está constantemente preguntándose cousas cada vez máis complicadas de respostar. Muitos dos coñecementos acadados son unha adición de pequenas reflexiois sobre experiencias seculares transmitidas dun xeito anónimo, pero á vez efectivo, de xeneración en xeneración. E son certas respostas psicolóxicas as que, determinadas pola evolución socio-cultural e histórica do ser humano, se transforman en costumes que logo no devir dos tempos consolidan culturas distintas produto dunha longa andaina.

DE ONTE A HOXE

A Festa dos Maios naceu na prehistoria cando os primeiros homes se preguntaban cal era esa forza renovadora que cada ano, tras da época das chuvias e o frío, por un non sei que medio máxico, facía abrotar a semente e revestía os campos de variadas cores. Nunha sociedade neolítica a dependencia do ciclo regular das estaciois, da forza da Natureza provocan o nacemento do culto a "deidades" do mundo vexetal coma ás árbores. Debíalles sorprender a aqueles homes a coincidencia da estación primaveral coa fecundidade animal que non tardaron en relacionar, tamén, coa fertilidade da especie humana; de aí nacerá o culto a fecundidade e os amuletos máxicos que representan corpos grosos cos rasgos femininos manifestos, que nos dan conta de ditas crenzas. 


Os gregos, unha das máis avanzadas culturas mediterráneas, foron máis inxeniosos creando un mito para explicar o cambio estacional: "Perséfone, filla da deusa da fertilidade da terra (Deméter para os gregos, Ceres para os romanos) que foi raptada polo señor do escuro e friorento mundo subterráneo. Cando, como todos os anos, volta á terra despois do inverno que pasa co seu esposo Hades, a súa nai recibea cunha explosión de ledos verdes e frores multicores".

  Esta eclosión primaveral celebrábana as mulleres da Atenas clásica coas festas mistéricas de carácter secreto e prohibidas ós homes, dedicadas á deusa dos cereais.
Os cidadáns romanos, pola súa parte, xa antes de ter escravos que lles traballaran as terras, festexaban á Maia, mai do nome do mes (que desde os romanos está no calendario dos pobos conquistados por eles) durante a que se purificaban os campos coa realización de sacrificios de animais. Os cristiáns adaptarán, en grande medida, estas festividades no seu santoral transformando o nome, pero non os contidos. Mais chegará a Idade Media na que as novas técnicas agrícolas fan medrar tanto a produción coma a poboación. Nestas sociedades xerarquizadas estaban os que guerreaban (reis e nobres), os que oraban (monxes e bispos) e os que laboraban para eles, os labregos. Estes sufrían, ademais de guerras e pestes, as malas colleitas e ,do mesmo xeito, bricáballes o corazón no peito co bo tempo, doado para as mellores colleitas. Por iso, pódese asegurar que na etapa medieval a celebración de rituais propiciatorios do espertar da Natureza, expresión cultural dunha sociedade agraria na que xogan un papel fundamental os cambios estacionais para o seu traballo e para a súa existencia, experimentou, sen dúbida, un notable desenvolvemento. 


Dos festexos transmitidos polos vellos labregos aos seus fillos e netos estarían os do mes de maio (tras da sementeira) e os do tempo da colleita, preferentemente a do pan. Como exemplo do vencellamento do mes de maio coas colleitas,  sirva a cita do Libro de Alexandre: 

"Sedie el mes de Maio coronado de flores
 afeitando los campos de diversas colores,
 organeando las Maias e cantando d' amores
 espigando las mieses que siembran labradores "...

 Precisamente as colleitas, é dicir, a fecundidade dos campos, víronse interrelacionadas inevitablemente coa fertilidade do gando, e, cómo non,  perto dos fruitos propios dos amores entre homes e mulleres. Este tópico da literatura popular e culta sitúa con nítida claridade ao mes das frores como "locus amoenus" (lugar e momento ideais) para froreceren os amores humanos. Acéndese o amor na voz dos goliardos, poetas errantes que entretiñan as súas inquedas idas e vidas de taberna en taberna con cantos como: 

"No tempo das brumas
 o varón está alelado,
coa mente primaveral
vólvese lascivo.

Oh,oh , por enteiro florezo,
  polo amor dunha doncella 
 por enteiro ardo, novo, 
 novo amor teño, polo que perezo." 
                                    "Tempus est iocumdum" Carmina Burana 179 

Non nos pode estrañar que a Igrexia tentara combater semellantes arrebatos, aínda que ás terras do Noroeste peninsular chegará desde mui cedo a prohibición, por contrarias ao Cristianismo, de variadas manifestaciois pagás. Para os estudosos do tema, como Xosé Filgueira Valverde, o substrato preromano, de certa tradición celta, perviviu nas prácticas heterodoxas de Prisciliano e os seus seguidores (século IV d.n.e.), herexía que atopou un gran número de seguidores no que é hoxe Galicia, norte de Portugal e terras próximas. 

Sabemos, por outra banda, que o culto ás árbores estaba, entre os Suevos (poboadores da Provincia Gallaecia romana), estreitamente emparellado co deus Thor ou Donnar, a quen consagraban árbores grosos e vellos. Da catequización do reino Suevo de Galicia, tentando de paso eliminar as prácticas naturísticas dos priscilianistas, encargárase a San Martiño de Dumio no século VI d.n.e., grazas ao que dispoñemos das primeiras referencias escritas da celebración destes ceremoniais nestas terras pola súa obra De correctione rusticorumMais é tamén no século VI cando o Papa Gregorio Magno, segundo nos comenta Clodio González Pérez no seu libro sobre os maios en Galicia, recomendaba: 

"Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses; transladalos ó día das festas dos santos mártires, coa fin de que, conservando algunhas groserias, alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gostar das ledicias espirituais da fe cristiá ." 

Aínda que non remataron as prohibiciois dos maios e das xuntanzas campestres, foise impoñendo esta tendencia de sacralizar as festas estacionais. Clodio González Pérez danos unha relación altamente clarificadora dos días do Santoral vencellados coas plantas e que aparecen arredor do 1º de Maio:

ABRIL
Domingo seguinte ó 23......................................San Xurxo.
día 25...............................................................San Marcos.
día 29...............................................................San Pedro Mártir.
último domingo.................................................San Alberte.


MAIO
día 1..................................................................San Felipe e Santiago, o Menor, apóstolos                                                                                                               ("Santiago o Verde").
día 3..................................................................Invención da Santa Cruz, Santa Helena.
día 9..................................................................San Gregorio, San Martiño.

A todos estes deberemos engadir o día 15 dedicado a San Isidro labrador, e datas coma Ascensión ou
, xa propia dos primeiros días de Xuño, o Corpus Christi, que sendo variables, de sempre conlevan variopintas manifestaciois florais. Non podemos esquecer tampouco nesta relación a advocación que se lle dá a todo o mes de maio como mes da Virxe. Este carácter mariano enmarca unha das composiciois máis antergas do galego-portugués, as Cantigas de Santa María do rei Afonso X, o Sabio: 

" Ben veñas, Maios, et con alegría,
 poren roguemos a Santa María..." 

O certo é que todas estas condenas quedaron reducidas na práctica á aparición das coñecidas cruces de maio , que hoxe seguen vivas, por exemplo, nun bo número de vilas galegas. 

Parecía maioritario e mui ben asentado un certo sentimento de licencia sexual nestes primeiros días de calor da primavera como deixa entrever o libro de Alexandre :

 "Andan moças a vicias cobiertas en amores, 
van coger por las siestas a los prados las flores, 
dicen unas a otras: bonos son los amores. " 

Curiosísima é a testemuña de Phillip Stubbes, membro destacado da secta puritana de Inglaterra, que en 1.583 describe as festas de Maio en Anatomía das Ofensas do seguinte xeito: 

"En Maio, todo os mozos e mozas, vellos e casados, corretean pola noite nos bosques, lomas e montañas, onde pasan toda a velada en alegres pasatempos; e pola mañá voltan traendo ramas de bidueiro e outras árbores para adornar as súas xuntanzas ...E non hai que asombrarse ... que estea presente entre eles, como superintendente de todo os xogos e pasatempos, Satán, príncipe dos Infernos...." 

 "Homes de reputación e gran seriedade declaran que do centenar de doncellas que van ao bosque esa noite, menos da terceira parte volve inmaculada a súa casa."

 Esta licencia recriminada por alguis sectores da sociedade parece ser a clave das repulsas dos máis conservadores durante unha longa etapa incidindo, máis adiante, nas molestias causadas pola intención petitoria de muitas destas manifestaciois. 

Mais as prohibiciois tamén tiveron carácter civil en Portugal. Nos séculos XIV e XV son frecuentes na lexislación a advertencia de que non se canten "nem Janeiras , nem Mayas...". Máis pola contra nas cortes reais foron estes festexos de fonda raigaña e ata a chegada da Ilustración non xurdirán estas prohibiciois civís. As razois esgrimidas son as que xa denunciaba con graza no entremés titulado La Maya Luis Quiñones de Benavente no século XVII:

" No sé por dónde vaya que no me tope una maya y otra maya Maya aquí, maya allí ¡donoso talle! mayando está en Madrid cualquiera calle."

O conde de Aranda recrimina o carácter petitorio das que "con el nombre de mayas se ponen en las calles causando irrisión y fastidio a las gentes". Estas e outras Reais Cédulas de Carlos III reiteradas en anos consecutivos, tampouco lograron erradicalas. 



Será a finais do século XIX cando como consecuencia dunha nova sociedade baseada cada vez en menor medida no sector primario da economía, fenómenos como a caída do Antergo Réxime, o éxodo campo-cidade, os propios avanzes tecnolóxicos, centíficos e ideolóxicos da sociedade, comeza a decadencia do mundo rural e, paseniñamente con ela perderán forza estas manifestaciois estacionais. Tan só se manteran naqueles núcleos de poboación onde aínda haxa un continxente de mozos dispostos a conservar o costume. Tamén nas vilas prodúcese o fenómeno de quedar reducido a festas de rapaces, quizás polo carácter petitorio que proporcionaba a mocidade alguis cartos, cousa nada desdeñable, e, como non, pola dimensión lúdica e de sátira social na que se foran especializando estes maios vilegos (Pontevedra, por exemplo). Veremos nacer concursos que premian as coplas máis audaces e graciosas. Pero, tamén por iso, son reprimidas novamente en tempos das ditaduras, como a do Xeneral Franco, nos que non se toleran críticas polo que van esmorecendo obxecto da censura e da prohibición. Chegan, pois, tremendamente esgotadas estas tradiciois aos nosos días produto dunha nova sociedade que ten mecanismos mui potentes de uniformización da cultura, causando o desarraigo das expresiois culturais seculares propias, específicas de cada pobo.


 Mais recentemente vívese un espertar esperanzador destes festexos, adaptados ás novas realidades. Colectivos semellantes ao noso, conscientes da necesidade de pasar o relevo deste legado cultural ás xeneraciois que veñen detrás, seguros de que a variedade cultural é un signo distintivo da humanidade.



OS DISTINTOS TIPOS DE FESTEXOS DE MAIO
Abordemos agora a clasificación das distintas modalidades existentes en Europa e na península para poder así catalogar  mellor o noso maio. Servíndonos dos datos que o etnógrafo J. Frazer ofrece no seu coñecido libro A rama dourada veremos como os distintos tipos de manifestaciois primaverais citados polo autor tamén se dan no Estado español. O caso das "enramadas " sobre portas das cortes, preferentemente, están tan extendidas en Irlanda como en Galicia, buscando a protección do gando de calquera mal vencellado co inverno e propiciando a fecundidade. 
Cucaña en Vilafranca que celebramos en distintas festas.  

Está documentado desde o século XIII nas rexiois de Saxonia, Burdeos, Provenza, Baviera... o costume de ir buscar o maio (majum quaerere). Trátase dunha "árbore de maio", das máis esbeltas dos arredores, que encarna toda a simboloxía da festa e que colocan nun lugar céntrico adornándoa de mui variados xeitos (cintas de cores, flores, etc...) . Este tipo de celebración é o máis usual polas terras de Castela para realizar eilí, entorno á árbore, bailes e xogos. Un destes xogos son as cucañas, ou desputas por acadaren un premio posto no máis alto da árbore que se instalou no medio do pobo, para que os máis decididos trepen por ela acadando o recoñecimento dos convecíns, ás veces denominados co título de "rei de maio" en Francia e Inglaterra. Quen sube o primeiro pola árbore ensebada ou gana noutro xogo semellante pode escoller á "raiña de maio" (en Suecia e Noruega as rapazas elixen entre elas á raíña a quen lle toca nomear ao rei de maio entre os mozos). 


Con frecuencia mestúranse nestas rexiois centroeuropeas as enramadas nas alcobas das noivas que poden emparentarse coas canciois de " ronda de maio " mui extendidas, tamén, polo Sur e outros lugares da nosa península. O "maio-mozo", ou maio vivinte, personificación da fecundidade vexetal, propio de Galici , verémolo o día 23 de Abril baixo o nome de "Xurxo o Verde" en Rumania e entre os eslavos rusos. En Inglaterra chámaselle "Xoaniño o Verde". Do mesmo xeito, en terras catalás "les maiets" englóbanse neste tipo de maios. 

As coñecidas co nome de "maias" tanto en Galicia coma Castela, rapaciñas vestidas de branco e ataviadas con guirnaldas de flores, aparecen en Lituania e tamén na Alsacia francesa. Tomando como modelo un esquema ideado por Julio Caro Baroja no seu libro La estación del Amor: Fiestas populares de Mayo a San Juan faremos unha clasificación válida para todas as manifestaciois existentes en Europa: 

1- Baixo dunha forma humana: > maio-mozo ou rei maio
                                                   > maias ou raiña de maio 
                                                   > boneco ou maio figurado 

2- Baixo dunha forma vexetal: > árbore 
                                                  > rama da árbore 
                                                  > flor 

3- Baixo dunha forma humana combinada coa vexetal :
                                                             > árbore, máis rei de maio 
                                                             > rama ou flor máis persoa ou boneco.



OS MAIOS EN GALICIA
Nos estudos galegossobre estes festexos atoparemos unha gran de diversidade de rituais primaverais coexistentes en Galicia : 

a) Manifestaciois agrarias ou propiciatorias: Cando se quere unha abundante colleita. Propias de persoas maiores polo xeral. Destacamos entre estas o "alumea-lo pan ou danzas do pan" consistentes no percorrido dos campos sementados con fachucos de palla prendidos (o lume coma elemento purificador ) e recitando invocaciois, tamén acendendo fogueiras nesta última noite de abril, noite, por outra banda, vencellada ás meigas en Centroeuropa. 
O "poñe-lo ramo" nas leiras, cortes, animais e incluso os apeiros coa fin de afastar o mal xunto coa "bendición dos campos" con auga (outro elemento purificador ) bendita ou de fontes de recoñecida valía son cerimonias propiciatorias de boa colleita. 

b) Manifestaciois lúdicas ou festivas: Festexo da chegada do bo tempo, a floración e fruitificación vexetal. Propias de nenos ou mozos. De entre estas citaremos, en primeiro lugar, a entrega de "ramos de flores" cantando algunha copla no día ún do mes de maio á noiva, ás mozas ou aos viandantes. Os "arcos de flores " estaban feitos nos camiños con polas, bimbias adobiadas con cintas e flores tanto no día 1, no Corpus Christi ou na da Sta. Cruz (neste día constrúense "cruces de flores" que tamén se chaman maios ).  A "árbore de maio" é mui rara en Galicia, parece ser que a tradición mandaba roubala antes de chantala nunha praza para queimala ou pendurar dela un boneco. Tratamento específico merecen "os maios-mozos " dos que temos un magnífico exemplo en Vilafranca do Bierzo, un mozo véstese con plantas e atavíase con flores. As coplas consérvanse sempre iguais. Na actualidade na Galicia administrativa que nós teñamos coñecemento xa non sae ningún maio-mozo ás rúas, cando fai cen anos eran muitas as vilas que os mantiñan vivos. Doutro xeito, sendo maios humanos como os precedentes, definimos "as maias" como grupiños de nenas vestidas de branco e con coroas de flores ou arcos que se dedican a pedir para un santo ou a Sta.Cruz polas rúas, ou ben, instalando altares nun lugar céntrico. Dentro do que se denominan "maios figurativos" o máis común é unha figura cónica ou piramidal con estrutura de paus e recuberta de follas, flores e outros adobíos (ovos, laranxas, etc...) transportable grazas ás andas que lle son acopladas polos mozos, que a acompañan cantando coplas que varían de ano en ano. Estas coplas, as máis das veces, conteñen críticas sociais contra alcaldes, gobernadores, caciques; outras ridiculizan a personaxes famosos, modas, feitos chocantes. Pero todas elas na súa meirande parte parecen seguir un esquema tradicional onde sempre afloran alusiois ao mes de maio. O canto é acompañado con golpes de palitroques que levan nas maos. Por último, están os "barcos de maio" que se tratan dunha reprodución dun barco ao que se lle colocan unhas rodiñas para movelo polas rúas. Como é de supoñer son tradicionais nas vilas como Marín, vilas mariñeiras . Tendo en conta que muitas delas xa teñen desaparecido namentres que outras aínda seguen vivas,  situamos no seguinte resumo os lugares onde tiveron ou teñen presenza estes costumes: 

a) Manifestaciois propiciatorias:
      > Alumea-lo pan ou danzas do pan: Noia e Arousa(PO)
      > Poñe-lo ramo. 
      > Bendici-los campos. 

b) Manifestaciois lúdicas ou festivas: 
     > Ramo de flores: Cambados(PO), Queiroga (Lu),Brión (C),Os Riòs(Our.)
     > Arcos de flores: Tiobre-Betanzos(C). 
     > Cruces de flores: Ourense, Pontevedra, A Coruña, Noia, Ferrol,... 
     > Árbore de Maio: Laza (Our.), Entrimo(Our.) 
     > Maio-mozo: Santiago,Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Portomarín, Lugo, Ribadavia, O Carballiño, Vilalba, A Coruña, As Nogais, Viana do Bolo, Celanova, Verín, Noia,  Porto do Son, Castro Caldelas, Monforte de Lemos, Carnota, Queiroga, Pontedeume, etc.... e Vilafranca do Bierzo. 
      > Maias: Pontevedra, Muros, A Coruña... 
      > Maios figurativos: Pontevedra, Ourense, Marín,Vilagarcía de Arousa,                   Redondela, Caldas de Reis, Allariz, O Barco (no caso do Barco, como o de Santiago           e tantos outros, anteriormente eran maios humanos), etc...

Foto de Marisol Poncelas dos maios de Vilafranca de 1987

A FESTA DO MAIO DE VILAFRANCA DO BIERZO:


ÚNICO EXEMPLAR VIVO DOS MAIO-MOZO GALEGOS.
Atendendo, pois, ás clasificaciois de maios existentes, o noso estaría entre os maios humanos ou maio-mozo polas seguintes razois:
- Véstese un rapaz coas cañabeiras ou mazandois.
- As coplas son sempre as mesmas.


Considerámolo un maio adscrito ós maios galegos porque:
- A meirande parte das coplas están no galego da zona.
- É un maio que estaba mui xeneralizado e existía dun xeito mui parecido noutras vilas galegas.
- Vilafranca atópase desde fai séculos parte integrante da área do galego oriental, feito que conforma a súa psicoloxía, o seu carácter, e, polo tanto, a súa expresión cultural.


 No Bierzo existen polo menos dous campos culturais distintos: o galego e o leonés. Vilafranca desde fai séculos, poderíamolo dicir sen temor a equívocos, desde que naceu está integrada nunha área lingüística chamada polos filólogos do galego oriental. Tamén desde a Idade Media toda unha serie de factores socio-económicos vencellan a súa existencia con Galicia, mesmo pola cuestión xeográfica. Un feito histórico desafortunado para esta vila, a división provincial do 1833, determinou a súa pertenza á Provincia de León condicionando así o futuro inmediato, ou sexa, a realidade actual de incertidume para unha cultura eiquí presente desde sempre e que agora agoniza lentamente con escasas posibilidades de sobrevivir. Mais este legado do pasado, este tesouro cultural que temos entre maos, como a raíz profunda, volta xermolar unha e mil veces con tremenda forza, resistese a desaparecer. 

A Festa do Maio é un bó exemplo do que queremos dicir. Este costume, a pesares de sobrevivir nun contexto hostil, en muitos outros lugares máis doados quizais para perpetuarse, ten desaparecido fai máis de cen anos. Nesta vila desde que naceu non deixou de pasar de xeneración en xeneración ata chegar a nós.


Lembrémonos del: Na mañá do primeiro de maio vanse cortar as cañabeiras ou mazandois, que popularmente son coñecidos por "maios " pola súa utilización para vestir aos maio-mozos de Vilafranca. Esta planta da familia dos apios é coñecida como Apio cabalar ("Smyrnium olusatrum"). O grupo de rapaces que van cantar o maio serán dun mesmo barrio e escollerán a un, ou dous, para vestilos. Unha vez escollido o máis forte e máis alto do grupo, para que soporte o peso e resulte un maio grandioso co que se espera percorrer cantos máis barrios mellor, comézase a cubrir ao mozo completamente ata que non sexa recoñecido. Isto é importante pois debe simbolizar unha deidade vexetal. Para que o maio, xa de por si florido, estea máis adornado se lle poden colocar algunhas flores. Os acompañantes, a comitiva, irá vestida rusticamente coa intención de provocar certa compaixón nos espectadores que, por outra parte, son veciños e non se terían que deixar condicionar polo aspecto da comitiva na que non pode faltar un mego ou cestas para ir gardando os cartos, castañas maias e outros fruitos secos conqueridos. Cabería, neste momento, preguntarse o por qué da ousadía e a tenacidade coa que un grupo de rapaces e rapazas se arma, o por qué dese "descaro" consentido, desexado e aplaudido pola comunidade dese requerimento, desa insitente petición. Analicemos a letra para unha maior comprensión do profundo carácter ritual desta Festa do Maio.

A LETRA DO MAIO DE VILAFRANCA. 
Disntinguimos catro grupos de coplas na letra deste maio que, como xa dixemos, foron transmitidas de xeneración en xeneración, aínda que son a suma de distintos momentos na evolución da tradición, podendo intuir ese proceso de adición de coplas, inevitable, por outro lado, e sendo conscentes de que hai algunhas coplas que de sempre foron e sempre deben ser cantadas. 

O grupo 1º ou referencial: Describe o espertar da Natureza, facendo referencia o cambio estacional. Identifícase ao Maio co mes. A súa orixe ten muito que ver co refraneiro. Sitúanos no camiño dunha casa ou dun barrio da vila. Do mesmo modo comezan romances tan coñecidos como "Por mayo era, por mayo cuando hace la calor..." e outras muitas cantigas populares medievais :

"Marzo airoso, abril chuviñoso,
 sacan o Maio florido i hermoso. "

" Entra Mayo con sus flores,
 sale Abril con sus amores. "

 Podería parecernos chocante que a segunda estrofa estea en castelán. En concreto, naceu da fragmentación dun estribiño que aparece no Cancioneiro musical dos séculos XV e XVI ("Entra mayo y sale abril, tan garridico le ví venir...") amplamente versionado no chamado Século de Ouro da Literatura española. Polo tanto sería unha adición á copla inicial tamén de tipo referencial; adición á que non lle costaría muito insertarse dada a súa popularidade. 

Este grupo de estrofas referenciais dáse tamén noutros tipos de maios. Citemos unha ao azar dun maio figurativo pontevedrés do ano 1840:
 " Este mes de maio é o mes das flores, 
cando os paxariños ven ós seus amores".

 O grupo 2º nuclear ou armazón básico tradicional: Este grupo de coplas dividirémolo á súa vez en dúas. Principiamos coas estrofas de presentación ou humanizadoras (lembremos que o noso maio é un maio humano) pois a comitiva chega ao pé dun balcón ou a unha praciña onde queren cantar o maio, e primeiramente, deben presentalo. O mes de maio personifícase ou toma aspecto antropomorfo. O maio-mozo, eilí presente, simboliza nese momento as cualidades positivas de protección e fecundidade atribuídas ao mes. Pode ser tumbado no chao fronte da casa ou no medio da praza. Cremos que coplas de filiación mui próxima introducidas a raíz dos concursos habidos nos anos 70 como a que dí: "Acuestate mayo a descansar, cuando descanses vuelve a cantar" non deben incluírse na letra tradicional do maio de Vilafranca, entre outras razois, por non seren tracicionais, ademais de que a copla que incita a deitar o maio xa existe na copla tradicional.

 Iremos colocando xunto coas estrofas do noso maio, polo efecto de conxunto que poidan producir nos lectores, outras de maios galegos (alguis xa fai máis de cen anos desaparecidos). 

"Este maio, señora é, 
este maio que andaba de pé." (Vilafranca). 

"Éste é o maio, maiño é,
 este é o maio que anda de pé." (Lugo). 

A inventiva popular creou outra estrofa que humaniza ao maio e preséntao cunha pícara connotación sexual propiciada pola estación primaveral das que o etnógrafo J. Frazer nos fala no libro anteriormene citado no capítulo titulado A influencia dos sexos na vexetación. Esta estrofa atoparémola mui semellante noutros maios galegos: 

"Víche o maio, miralle ben,
 tres caralliños tamén volos ten" (Vilafranca). 

"Víste o maio , vístelo ben , 
si non o viste, vélo eiquí vén." (O Carballiño). 

As estrofas petitorias son tamén un elemento nuclear dos maios, pois a comitiva tras presentar o maio-mozo como personificación das virtudes do mes, tras tumbar ao maio , esixen dos veciños a súa aportación por colocar ás portas da casa eses bens favorecedores. Mais, que é o que se reclama? Pídense insistentemente no noso e noutros maios galegos ou asturiáns castañas secas ou maiolas, símbolo clarísimo do rirual propiciatorio que estes costumes gardan no seu transfondo desde tempos mui, pero que mui remotos. 

Coméntannos González Palencia e Eugenio Mele no seu libro La Maya que na Beira-Alta portuguesa existe a superstición segundo a cal é preciso comer castañas o 1º de Maio se non queres que te rouben o burro ou morra o teu gando. En Alsacia piden ovos ameazando con que se non se entregan as galiñas non porán en todo o ano ou levaránchas as raposas

Fórmulas petitorias idénticas ou semellantes ás nosas, como non, son mui frecuentes nos maios de Santiago, As Nogais, Portomarín, etc... Especialmente significativa é a copla recollida no libro de J.L. Alonso Ponga e A. Diéguez Ayerbe recollida do maio de Santalavilla no Bierzo: 

"Este é o maio, señora é, 
este é o maio que anda de pé, 
que de pé, que de sentadas,
 señora tire as castañas." (Santalavilla)

A presente copla xunta nunha soa o núcleo esencial ou armazón tradicional sobre o que se estruturan os maio-mozos galegos. Pero voltemos as coplas de petición do noso:

"Tire castañas, señora María,
 tire castañas que as ten na cociña" (Vilafranca). 

"Tire castañas, señora María, 
tire castañas que as trae na barrila" (As Nogais). 

"Tire castañas, señora Manuela, 
tire castañas que as ten na mantela" (Vilafranca). 

"Déano-las maias, señora María, 
déano-las maias que están bailando na criba." (Santiago). 

"Tire castañas, tía Susana, 
tire castañas que as ten na romana." 

"Tire castañas, tía Narcisa, 
tire castañas que as ten na camisa." (Landoiro). 



Estas estrofas petitorias deron pé á inserción de coplas novas improvisadas ou espontáneas e que, por ser recoñecido o vecín citado, por exemplo, sexa doado lembrala en anos posteriores. Tamén provocaron o acople doutras estrofas que as consideramos un grupo aparte.

 O grupo 3º de coplas de halago ou insulto: Cántanse unha vez que a comitiva é premiada con diñeiro ou castañas. Son cantigas da comitiva agradecendo ou, no seu caso, denunciando a tacañería con maior ou menor sutileza, tentando en todo momento que na celebración do rito primaveral participen por activa ou por pasiva todo os veciños. Estas coplas comuis a outras manifestaciois culturais como os aguinaldos de Nadal, manueles, reis, etc... trunfarán, acadando a súa pervivencia nos anos vindeiros, dependendo da graza ou ,quizais, do personaxe criticado, da popularidade que sexa capaz de conquerir, establecéndose, deste xeito, unha criba de autoselección e depuración da letra tradicional. Vexamos alguis exemplos: 

"Estas portas son de ferro, 
onde vive un caballero." 

"Estas portas son de de estopa,
 onde vive un lapasoupas (ou zampatortas)."

 "Esta casa é de cristal,
 onde vive un general." 

"Esta casa é de pedra,
 onde vive unha doncella."

 "Esta casa é de palla, 
onde vive a cagalla." 

"Esta casa é de losa,
 onde vive unha roñosa." (Vilafranca). 

Nestas coplas, por unha banda, escóllese a casa ou as portas como unha metonimia daquela pola significación non tan só de lugar dedicado á vivenda, se non coma unidade de carácter antropolóxica ou socio-cultural. Esta pasa a ser calificada por materiais nobres e indicadores da riqueza xunto cun reforzo de tinte social (caballero, general, doncella) que contrastan con materiais pobres e adxectivos pexorativos (ferro-palla, pedra-losa). 

O grupo de peche: Cántase para erguer o maio, que durante as peticiois estivo tumbado, despedíndose, deste xeito sinxelo, ata outro ano. É unha copla das máis frecuentes en maios galegos. Nalguis casos aparece o seu significado profundo máis ás claras noutros maios,  como o de Viana do Bolo onde cantaban: 

"Levántate maio, que tanto dormiches,
 xa pasou o inverno e nono sentiches. "(Viana do Bolo)

 Este verbo : "levantar" volve a identificar ao maio co mes, ou máis ben, a referirse de novo aos cambios estacionais cos que abríamos a letra do noso maio, conferíndolle esta estrofa unha estrutura pechada e cíclica. Ese inverno (e todo os males que se asocian a el) remata coa renovación primaveral que dá entrada ás boas colleitas, permite a prosperidade do gando e felices partos. Co canto ritual é vencido e alonxado de cada casa cando o maio-mozo se levanta para dirixirse a outra veciña. Outro sentido, o burlón, derivado do maio preguiceiro que non esperta aínda que pase unha cabaleiría ou un camión (nas versiois máis modernas), conflue coa interpretación anterior, pois urxe ao maio a que esperte e dea paso á primavera. A nosa copla de peche dí o seguinte:

"Levántate maio, bastante dormiches, 
pasou un burro e non o sentiches." 


Fagamos un esquema da división e o concepto de cadanseu grupo coas súas estrofas: 

1º Grupo referencial: Describe o espertar da Natureza en maio. 

2º Grupo nuclear: Armazón básico tradicional > Estrofas de presentación humanizadoras.                                                                             > Estrofas petitorias. 
3º Grupo de coplas de halago ou insulto. 

4º Peche: Para levantar ao maio.


CONCLUSIOIS
Neste rápido repaso sobre os maios, sabemos que aínda é muito o que se podería dicir acerca de aspectos apenas tocados, como por exemplo, a orixe e a antigüedade da música do Maio de Vilafranca, a súa relación co Camiño de Santiago, como un engadido que lle outorga maior valor desde o punto de vista musicolóxico. Mais imos esbozar unha serie de ideas clave, a modo de resumo esquemático do xa dito. 

Os contidos culturais deste maio terán unha aplicación directa na comprensión do ciclo estacional así como da importancia de marcar o tempo da entrada do espertar da Natureza,  da calor, a xerminación das plantas e tamén unha serie de consecuencias na fertilidade dos campos, gando e mesmo nos seres humanos.  Marcamos a harmonía dos ciclos naturais que se deixan ver na economía dunha sociedade agraria fundamentalmente medieval, ou do Antigo Réxime, pero evocadora de substratos anteriores da nosa sociedade, que parece querer ignorar todo aquel pasado, onde calquera feito rural é marxinado pexorativamente. Mais este costume terá hoxe unha función concenciadora do respecto secular pola harmonía da Natureza que está a sufrir profundos e mui graves trastornos nos seus ecosistemas. O saber popular de transmisión oral, o folclore é capaz de propiciar usos lingüísticos marxinados, por regra xeral, entre as xeneraciois máis novas co que isto ten de positivo para socializar aos xoves achegándoos ao seu entorno. Non podemos esquecer que lingua e as tradiciois conforman un apartado importante da definición da psicoloxía dun pobo, ou sexa, da súa cultura. Precisamente unha das cualidades esenciais da humanidade, a variedade cultural, atacada hoxe pola aplastante uniformización cultural difundida desde os grandes medios de comunicación co conseguinte desarraigo. é combatido coa consolidación de elementos culturais propios para avantar nunha sociedade máis comprensiva e educada na pluralidade e a variedade

As actividades propostas a continuación nesta Unidade Didáctica procuran a participación e o traballo en grupo e propician a solidariedade e as boas relaciois dos nenos e mozos entre sí, pero tamén ten lecturas positivas á hora de valorar a integración deles no entorno social que lles rodea, cos veciños, co pobo

Por último, destacaremos como peculariedades do Maio de Vilafranca as seguintes:
- Son unha manifestación cultural Galega fóra da Galicia administrativa.
- É o único exemplar vivo dos maio-mozo, unha xa de por si mui ancestral expresión de ritos atávicos relacionados co culto á árbore e o ciclo de maio, tan abundantes en toda Galicia ata fai unhas décadas.
- As coplas, ademais de conservaren o galego da zona, perduran desde fai séculos e nalgúis casos sen alteración.
- A música de características arcaicas ten unha especial relación cos fenómenos culturais producidos desde o medievo polo Camiño de Santiago.


Ningún comentario:

Publicar un comentario