A
Festa do Maio é unha festa agraria, revelación do poder da Natureza
indignada cos seres que habitan a Terra sen querela, pola contra será propicia
para quen a respecta e ama.
Como festa que nace
ritualmente cada ano da propia terra, rememora o seu vigor vexetal e nas épocas
de crise e seca, como a presente, vén a mostrar a forza e a resistencia como
ferramentas útiles, tamén para os humanos. Invítanos á rebeldía que ela mesma
dramatiza para nós despois de cada fría invernía. A fin do cru inverno ao nacer
a verde flor da primavera, o canto dos paxaros e o amor que brota imparable dos
corazois dos homes e das mulleres, é capaz de rexeneralo todo para facer da
Terra unha nova e fermosa esperanza que medre nun mundo mellor e de paz para as
especies que comparten nicho ecolóxico con nós.
Se somos xentes amantes de algo
tan sinxelo, revolucionario e tradicional como festexar a entrada do tempo da
calor e do amor, da… rebelión nas nosas vidas á que nos chama a sabia natureza…
poderemos ventar, tamén nós, tempos de fértil progreso na república da
felicidade. Resistímonos, pois, a pensar nun ser masculino para representar
esta terra tan feminina que nos crea e nos acolle, que nos ofrece e nos impón
xenerosa cada primavera unha oportunidade para soñar coa revolta. Pero aí
está!, erguéndose entre os verdes montes. Resoan polas montañas as forzas da
vida vexetal e animal que tan frecuentemente estragamos coa nosa desidia. A
primavera reclama, unha vez máis, compromiso coa súa defensa a prol do Ben
Común. Festexemos pois o noso maio cos corazois de flores cubertos. Levántate maio, bastante dormiche!
Ningún comentario:
Publicar un comentario