Pasou un burro e non o sentiche… Por que un burro?
Todo ten a súa razón de ser. Cuando celebramos a “festa
do maio” estamos no mes que leva este nome, pero ineludiblemente no noso
camiñar ao longo do calendario, ano tras ano, vimos sempre do mes de
abril, que resulta que tamén tein de
vello, xunto co mes de maio, unha
relación mui especial co burro.
"O 1 de
abril van os burros onde non deben de ir”. Así reza un
refrán que os vellos da vella Galicia gardan na memoria. Era costume nesa data
do primeiro do mes realizar todo tipo de bromas, algo así como o “día das
trampas”. Esta tradición, equivalente ás inocentadas do mes de decembro ou da
noite de fin de ano, vein da antiga celebración precristiá que perviviu en
distintos lugares de fonda raigame agraria de Europa onde o comezo do ano
celebrábase coa primavera, é dicir, a finais de marzo. Pero sinceramente cremos
que a copla do noso maio debe facer referencia ao burro por outros motivos para
os que de novo debemos indagar noutros territorios
veciños, poñamos por caso o norte de Portugal.
“Maio, mes dos burros”. Así é como por varios lugares de Portugal se coñece a este mes. Imos na
procura de respostas. Hai quen asegura que no mes de maio “empreñan as burras”
e como as burras permanecen 12 meses grávidas, os burriños nacen precisamente
no mes de maio. Esta podería ser unha razón para cantar así a nosa canción, se
ademais temos en conta que tanto para os nosos veciños como tamén para os
bercianos, o mes de maio é o mes no que proliferan as feiras de burros e
cabalos, xa non é preciso lembrar a popular feira de maio de Cacabelos.
“Para o Maio ou o Burro non entrarem”. Mais se seguimos tirando do fío atoparemos como o burro
pasou de ser un simple animal doméstico inofensivo á personificación,
deberíamos dicir mellor transmutación, nun animal cargado de superstición,
próximo ao mal, entendido ben como un ser que pode traer un mal concreto, ben
como símbolo dun mal máis abstracto e impreciso, en todo caso relacionado, iso
si, coa estación primaveral e/ou a fertilidade. O mal que se teme é
precisamente a falta da fecundidade, algo semellante á permanencia do inverno.
O motivo polo
que no Norte de Portugal, en diversos lugares, se realizan distintos ritos coa
entrada do mes (como colocar nas casas e ventás xestas floridas) está
intimamente asociado a outro ritual que tamén atopamos no Bierzo: “o primeiro de maio comer castañas maias, é
dicir, secas, para que non che dea o desmaio”. Ese “desmaio” que podemos
considerar un mal propio da época, curiosamente foi na mentalidade das
poboaciois rurais personalizado, dándolle varios nomes: “Maio”, como o nome do mes vital para colleitas e rabaños no mundo
agrario, ou tamén “Burro”,
seguramente por ser maio, o mes dos burros. Para que o mal non entrase, baixo a
denominación de Maio ou Burro, (con maiúscula e chamado por veces “Carrapato”), debíase cumprir coa tradición.
Son varios os
ditos e refráns que confirman estas crenzas ancestrais, orixe seguramente das
celebraciois dos maios para espertar a primavera. En Tras os Montes “no 1º de maio débense comer castañas. Caso
contrario, ao atoparse cun burro, este tírase à persoa e mórdeo”. Outros
ditos advirten que “se non comes as maias, váiseche morrer o burro ou o gando”. Hai quen aventura que o uso de comer castañas
secas en maio, viría da tradición mui antiga de que, nese día 1º do mes, o
pater familias ía á fonte e esconxuraba ou afastaba con fabas pretas aos
espíritos malignos (é dicir, o «Burro») da súa casa. De aí a expresión “vai à
feira e tráeme as maias”.
Héctor M. Silveiro Fdez, maio
2013
Ningún comentario:
Publicar un comentario