xoves, 20 de agosto de 2015

A FESTA DO MAIO PASO A PASO

30 de abril

RECIBIMOS AO MAIO




Invitamos aos veciños/as a adornar os balcois e ventás para recibir ao día seguinte aos maios coa vila florida e fermosa.
A organización, a Asociación cultural Escola de Gaitas, proporcionará vexetación silvestre e corda durante esa tarde na Praza do Campairo.

1 de maio ás 9.00
 CORTAR AS CAÑAVEIRAS.
            Varios grupos de rapaces e rapazas madrugadores partirán da Casa da Cultura a esta hora para cumprir cun dos máis fermosos ritos da tradición: cortar as cañaveiras. Os que van cortar os maios vein nacer o día, escuitan o canto dos cochorros, das rulas e os reiseñores, e tein o pracer de vivir este día máxico desde esas primeiras horas namentras muitos vecíns aínda dormen.
Se cadra deberíamos chamar “canabeiras” aos maios, pero como lle sabemos outros nomes populares da nosa fala a esta especie de apio dos cabalos denominado en latín, o idioma da ciencia, “smirnum olosatrum” non queremos perder esta ocasión na que ti, que estás a ler estas liñas, saibas que no Bierzo á planta coa que vestimos os maios chamámola tamén “mazandois”.


1 de maio ás 11.00
VESTIR  OS MAIOS
            A este acto íntimo da tradición podedes asistir sempre que entendades que este momento da festa tradicional estaba reservado para os seus protagonistas.
Habitualmente vestía o maio un pequeno grupo de rapaces e rapazas que ían converter a un dos máis altos do barrio en maio, ese ser vexetal que simbolizaría para todos a chegada da primavera andando polas rúas e deitándose nas prazas. É por iso que son lugares apartados do tránsito da xente: O Campo da galiña (ao pé do Castelo), o Socubo (non mui lonxe da Portaxe e do solar da casa natal de Sarmiento) ou do Instituto de Secundaria. Ultimamente son tres os barrios que sacan ao seu maio, aínda que hai anos que tamén sae o maio da Cávila.
Vestir un maio non é cousa doada. Éche cousa complexa e para a que se precisa experiencia, se non queres que se desfaga a maxia no medio do longo e pesado percorrido que queda por facer. Tampouco é mui cómodo para quen se viste, pero a tradición é a tradición, e non deixa de ter o seu aquel ser da vila, ou ser berciano, e ter sido por un día o espírito da Natureza.




1 de maio ás 12.00    OS MAIOS PERCORREN AS RÚAS
            Saen os maios pola vila e percorren entre todos os grupos practicamente todos os barrios. É unha festa popular que procura o diálogo entre a comitiva do maio e os seus convecíns que, deste xeito, participan tamén do rito. Deben polo tanto responder ás peticiois dos rapaces e rapazas que cantan. Poden pedir que se deite o maio e eles tiran castañas, noces, doces ou diñeiro. Acto seguido o maio levántase agradecendo con distintas coplas os donativos. Deste xeito recíbese a benzón do maio, o vigor da fecunda primavera que traerá boas colleitas,  o ben para os homes e os animais das casas polas que pasa, porque a natureza sempre é xenerosa con quen a respecta e a defende.  
            Por se a comitiva dá con alguén roñoso, cousa que cada ano é máis difícil  de atopar,  a tradición tein preparadas  certas coplas dirixidas a esas persoas ruíns. Houbo anos (non hai muito disto)  que aos únicos aos que se lles dirixían estas estrofas eran aos políticos locais que non cumprían “ao esquecerse” de colaborar con esta festa tradicional.  O seu carácter único e singular no conxunto das manifestaciois do PATRIMONIO CULTURAL BERCIANO motivou  recentemente a súa distinción como FESTA de INTERESE TURÍSTICO PROVINCIAL.
            Os percorridos das distintas comitivas conflúen na Praza maior cara as 14 horas. 
Por esta razón a tradición manda que: "o que vaia de maio non deber ser recoñcido polos seus veciños" Cuando estea listo pra saír, o seu rostro debe estar oculto por completo debaixo das cañabeiras. Só poderá deixar un oco ben pequeno para respirar e poder ver por onde camiña.







1 de maio ás 14.00
COMIDA CAMPESTRE.
Desde que a asociación cultural “Escola de Gaitas” organiza os actos que arroupan esta tradición, tradicionalmente tamén sen grandes apoios económicos por parte das administraciois, procuramos manter viva sempre a esencia da festividade, os seus valores patrimoniais e promovemos a súa difusión  para garantir a súa conservación por riba de todo. Os maios de Vilafranca son os únicos maios humanos do Noroeste peninsular que nunca deixaron de saír desde tempos remotos, tempos que nos levan seguramente aos primeiros poboadores destas terras. Unha manifestación común en Galicia, única en Castilla y León, constitúe un elemento da nosa identidade que non podemos deixar perder.
Os valores tradicionais do festexo da entrada da primavera  tein ademais unha lectura mui moderna de respecto á Natureza e á cultura rural e ao seu patrimonio inmaterial dos que Vilafranca é tamén referente. Non só son importantes os monumentos de pedra, hai monumentos máis febles, como as tradiciois que dependen dos cantos sinxelos e humildes dos rapaces que logo serán maiores dispostos a transmitilas aos seus fillos.

Por iso rematamos xuntos este ritual dun xeito tradicional, lonxe de concursos ou outras alteraciois semellantes. Unha comida campestre de todos os que cada ano nos comprometemos a seguir facendo posible a tradición.  
  

Ningún comentario:

Publicar un comentario