venres, 14 de abril de 2017

CARTEL DA FESTA DO MAIO 2017



PRESENTACIÓN DO CARTEL DA FESTA DO MAIO 2017

O cartel da Festa do Maio do 2017 debémosllo á espléndida mao de JUAN CARLOS MESTRE. A Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo procura así unha nova visión da tradición e o costume a través dos ollos deste xenial poeta e recoñecido artista plástico.


A voz dos poetas está viva permanentemente nas palabras e ás veces tamén nas ilustraciois. Ocorre neste caso na engaiolante evocación coa que nos agasalla xenerosamente J.C. Mestre. Nesta  evocación da Festa do Maio, amósasenos unha Vilafranca singular baixo un ceo azul nun avisedo das Tres Campás ou do Malvís ou da Rapiña, emerxe coma un bosque de árbores e de persoas. 

Densa masa de homes, mulleres e foresta avanza nun movemento que por forza é estático e medra coma as plantas con vigor confundindo corpos e madeira. Rostros que nos falan dos mozos e mozas en infinito movemento que cantan a mesma canción que as aves da liberdade e da esperanza nun primeiro de maio.

Cantar o maio  é anunciar a primavera e sentir o río ferido na procura da súa confluencia entre vales angostos, ecos de amor e chuvia que serán semente de rosas de vermello intenso, peixes de escamas brillantes, truitas que corren polos montes da historia, que como os amantes nos soportais se dan bicos, e so cubo da ponte dialogan coa sabia que corre polas veas das árbores en primavera. Espertan alegrías de antepasados ilusionados en canciois que se poden envolver nun pano de pombas coloradas, de amarelas cuquelas, entre as papoulas e as violetas, de ondas que coma ríos de sangue ou cireixais en flor cuspen primaveras …

Prevalece na ilustración de Mestre o maio interior e fondo, un mes tinxido pola melacolía ao ser este mes de maio no que nos deixara Gilberto N. Ursinos. Tamén un día de primavera a Parca levounos a Antonio Pereira. Ambos están presentes e dialogan coa estación evocada polo poeta. Ademais o autor emula cos pinceis a valentía de Antonio Fernandez Morales neste ano do seu bicentenario, o valente poeta que se atreveu a cantar na fala dos humildes do Bierzo botando mao dos cachois de palabras da dignidade dun pobo analfabeto capaz de exercer a cultura na vendima, nos magostos, nos fiandois, no entroido ou nun primeiro de maio.

Forte presenza da paisaxe e da natureza na flora de raíz que arrinca retortas árbores que miran ao ceo dende a terra, a súa substancia. Non podían faltar os peixes que flotan nos ríos que flúen, coma augas entre os dedos das maos, como feridas desa terra natal á que alimentan co seu líquido elemento. O burro lírico da copla asómase tamén nesta evocación que quere sobre todo ser evocación da memoria e das xentes humildes e analfabetas que saben dun xeito popular e entrañable da beleza da vida e con esa contundencia e esa conciencia persoal absolutamente fiel manifestan con agarimo esa comuñón coa fertilidade da Terra un primeiro de maio. Unha manifestación popular porque a beleza non é un lugar onde vaian parar os cobardes.

Graciñas, Mestre, pola valentía de ampliar o horizonte do significativo desta tradición milenaria.

No nome da Escola de Gaitas, 14-04-2017 Héctor Silveiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario