venres, 21 de abril de 2017

PROGRAMA DA FESTA DO MAIO 2017



Os carteis que ano tras ano anuncian a tradicional Festa do Maio permiten con esa moderna transgresión creativa da mao dos seus autores que vexamos con novos ollos este costume singular que conservamos. Neste 2017 descubrimos a mirada de J.C.Mestre sobre unha Vilafranca secular cantando á primavera representada por unha masa atemporal, arbórea e humana, que entre as nosas montañas recibe o vigor da estación. Emerxen así os amores posibles ou imposibles semellantes ás cuquelas amarelas de abril, ou as papoulas coloradas de maio, á beira da melancolía dos ríos que atopou o poeta nas violetas. Son persoas anónimas ás que cada quen pon o seu nome e apelidos. Sempre acertan, porque xeración tras xeración, todos os ninos da vila, que logo son mozos ou mozas e que algún día serán vellos, descubriron as estaciois cantando o maio nesta procesión ecolóxica e nutricia que chega a todas as casas. Hai quen ve así ao seu amigo da infancia, a aquel primeiro amor que nunca se esquece, ao irmao que emigrou, ao seu pai ou a súa mai que en paz descansan xa na terra. Non faltará quen vexa entre as voces corais que cantan na nosa fala a Antonio Fernández Morales, que está de bicentenario e, como home progresista que era, non quixo perderse a manifestación.
A sinxeleza desta tradición, non a exime de manter latentes dimensiois épicas, líricas ou mesmo dramáticas, unha transcendencia do cotián e popular coa que decidimos representar en Vilafranca, para propios e alleos, o reiterado paso do inverno á primavera. Usamos, como non, os símbolos. Botamos as castañas maias que debemos comer no 1º de maio para que non nos dea o desmaio, enmarcando con todo rigor e simpleza os ciclos estacionais do tempo do frío ao da calor, dos maios aos magostos. Humanizamos á natureza cos nosos maios, que como árbores sen rostro, andan a pé polas rúas, déitanse a durmir e logo se levantan tras o paso alegórico do burro invernal. 
                       H.S.



*Cartel: Unha evocadora litografía realizada para a ocasión por Juan Carlos Mestre  ao que agradecemos a súa colaboración así como tamén a enmaquetación de  J.A. Róbés.



PROGRAMA DE ACTOS.   FESTA DO MAIO 2017

Caricatura de Siro López
Sábado 29 abril: ARROUPANDO Á TRADICIÓN         
Ás 17.00:  COUSELIÑAS E CONTOS DE PRIMAVERA


Este acto destinado ao público infantil está inspirado en textos de ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, o cantor do galego no Bierzo,  quere ser unha pequena homenaxe con motivo do seu Bicentenario (1817-2017). Ademais terá como obxectivo comezar co adorno das rúas por onde se fará o percorrido nocturno do día seguinte e a confección do Burro do Inverno.






Domingo 30 abril: 

Ás 9 da noite: Na Praza da Campairo dará comezo o espectáculo músico teatral de recibimento do maio LEVÁNTATE MAIO!  que este ano  estará dividido en tres partes:
Contaremos, en primeiro lugar, coa presenza da compañía de teatro OS QUINQUILLÁNS que porá en escena polas rúas históricas da vila a obra “Por que é salgada a auga do mar?”.


Na segunda parte realizaremos a QUEIMA BURRO DO INVERNO, un espectáculo que invita á participación activa e espontánea, facilitando a comprensión do simbolismo da celebración da nosa Festa do Maio.



E remataremos coa música: OS FEROCES DA GALGUEIRA, que amenizarán tamén o percorrido.





Luns 1º maio. O MAIO TRADICIONAL

Ás 9 da mañá saída a cortar as cañabeiras polos arredores da vila. Acto seguido comezan a vestirse os maios: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e a Cábila.
Ás 11 da mañá comezan os distintos percorridos polos barrios da vila.
Ás 14 horas xúntanse todos os grupos na Praza Maior.
A continuación comida campestre de todos os participantes.
             

Ningún comentario:

Publicar un comentario