Os carteis que ano tras ano anuncian a tradicional Festa
do Maio permiten con esa moderna transgresión creativa da mao dos seus autores
que vexamos con novos ollos este costume singular que conservamos. Neste 2017
descubrimos a mirada de J.C.Mestre sobre unha Vilafranca secular cantando á
primavera representada por unha masa atemporal, arbórea e humana, que entre as
nosas montañas recibe o vigor da estación. Emerxen así os amores posibles ou
imposibles semellantes ás cuquelas amarelas de abril, ou as papoulas coloradas
de maio, á beira da melancolía dos ríos que atopou o poeta nas violetas. Son
persoas anónimas ás que cada quen pon o seu nome e apelidos. Sempre acertan,
porque xeración tras xeración, todos os ninos da vila, que logo son mozos ou
mozas e que algún día serán vellos, descubriron as estaciois cantando o maio
nesta procesión ecolóxica e nutricia que chega a todas as casas. Hai quen ve
así ao seu amigo da infancia, a aquel primeiro amor que nunca se esquece, ao
irmao que emigrou, ao seu pai ou a súa mai que en paz descansan xa na terra. Non
faltará quen vexa entre as voces corais que cantan na nosa fala a Antonio
Fernández Morales, que está de bicentenario e, como home progresista que era,
non quixo perderse a manifestación.
A
sinxeleza desta tradición, non a exime de manter latentes dimensiois épicas,
líricas ou mesmo dramáticas, unha transcendencia do cotián e popular coa que
decidimos representar en Vilafranca, para propios e alleos, o reiterado paso do
inverno á primavera. Usamos, como non, os símbolos. Botamos as castañas maias
que debemos comer no 1º de maio para que non nos dea o desmaio, enmarcando con todo
rigor e simpleza os ciclos estacionais do tempo do frío ao da calor, dos maios
aos magostos. Humanizamos á natureza cos nosos maios, que como árbores sen
rostro, andan a pé polas rúas, déitanse a durmir e logo se levantan tras o paso
alegórico do burro invernal.
H.S.
*Cartel: Unha
evocadora litografía realizada para a ocasión por Juan Carlos Mestre ao que agradecemos a súa colaboración así
como tamén a enmaquetación de J.A.
Róbés.
Ás 17.00:
COUSELIÑAS E CONTOS DE PRIMAVERA
Este acto destinado ao público infantil está inspirado en textos de ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, o cantor do galego no Bierzo, quere ser unha pequena homenaxe con motivo do seu Bicentenario (1817-2017). Ademais terá como obxectivo comezar co adorno das rúas por onde se fará o percorrido nocturno do día seguinte e a confección do Burro do Inverno.
Domingo 30 abril:
Contaremos, en primeiro lugar, coa presenza da compañía de teatro OS
QUINQUILLÁNS que porá en escena polas rúas históricas da vila a obra “Por que é salgada a auga do mar?”.
E remataremos coa música: OS FEROCES DA GALGUEIRA, que amenizarán tamén o
percorrido.
Luns 1º maio. O
MAIO TRADICIONAL
Ás 11 da mañá comezan os distintos percorridos polos barrios da
vila.
Ás 14 horas xúntanse todos os grupos na Praza Maior.
A continuación comida campestre de todos os participantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario