mércores, 23 de abril de 2025

O PROGRAMA DA FESTA DO MAIO 2025

 Co encanto do maio

Trátase dun encanto, dun feitizo feito cartel. Parte dunha mirada dobre, dúas miradas unha, a inocente e tímida da nina, e outra, a fecunda e brillante da Primavera. A primeira está a pé de rúa, co mego nas maos, que lembra os petitorios dunha meniña cándida que nos invita a ver máis aló, esoutra mirada, a do rostro espléndido e rabiosamente actual que é a da deusa Flora, da Maia, da Beltane celta, da Natura.

Unha mirada inxenua e nova, dunha beleza tenra,  fronte a outra do fulgor radiante da deusa de mirada madura e florida. Ambas miradas fixas, ambas envoltas na maxia atávica convidan ao espectador, apostrofan a un tu que as mira no cartel sen esperar resposta, todo parece estar claro: Clara J. Aira, a autora, invítanos naturalmente á Festa do Maio 2025.

Sempre dixemos que os carteis da Festa do Maio buscan novas miradas e este cartel traballado con técnica dixital, sen dúbida, é unha mirada radical e abertamente moderna, que se agarra de todos os xeitos a un elemento que representa e é, á vez,  unha das conexiois máis poderosa da autora coa festa. Falamos do mego que leva nas maos unha nina. Unha nina vestida cun estampado de flores que parece disposta a cantar o tire castañas, señora María... Esa nina é a Clara que cantou o maio de pequena, é a memoria da infancia na que, da mao da súa avoa Cándida se incorporou, xa para sempre, á tradición. Marabilla!  Mais detrás daquela nina desborda o potencial voluptuoso e recargado da Natureza en flor, da Mai Terra xenerosa, florida e fermosa, que frutifica á par de mirarte a ti e mais a min con eses ollos de deusa que se amosa, a pesar de estar próxima, divina, distante e altiva, sabedora do seu poder fecundante. 

Ademais das miradas debemos reparar nas maos, nas da meniña, en primeiro lugar, coa forza que suxeita o mego do costume e, máis atrás, os dedos delicados acariñando o seu vestir de follas e mazandois da Primavera. Finalmente, detrás do letreiro da Festa do Maio, dous instrumentos, a pandeireta e a gaita, que evocan a harmonía, a alegría e a sonoridade toda da celebración cantada.

Graciñas, Clara,  por esta agarimosa, fresca e doce actualización da Festa do Maio a través dos teus ollos novos abertos a ver como un feitizo a tradición. 

PROGRAMA DE ACTOS - FESTA DO MAIO 2025

ARROUPANDO A TRADICIÓN

30 de abril ADORNO DE BALCOIS: Na tarde do 30 de abril facemos un chamamento a que os veciños e veciñas da vila adornen os seus balcois con xestas e carqueixas ou outros vexetais como mostra colectiva de recibimento da primavera para logo á noitiña achegarse ao xardín.

20,00  Saída do BURRO CRUCIS da Casa da Cultura.

21,30  QUEIMA DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR A PRIMAVERA na Alameda.  

22,30 CONCERTO DE PRIMAVERA:  A seguir concerto da FANFARRIA TAQUIKARDIA  un concerto  alternativo para celebrar o remate do inverno.  Programamos este Concerto de Primavera contando coa colaboración do Concello de Vilafranca que vén apostando por fortalecer deste xeito cada ano esta festa tradicional, sinal vivo da nosa riqueza patrimonial. O concerto comezará na propia Alameda desprazándose logo cara á Fonte das Vacas.

                MAIO TRADICIONALFESTA DE INTERESE PROVINCIAL

1 de maio    

9,00  Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila.

11,00  Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.

14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior para cantarmos :  Levántate maio, bastante durmiche,  pasou un burro e non o sentiche.

A continuación comida campestre de todos os participantes no Campairo. Como xa vén sendo norma co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.

Nota:   No caso de que a chuvia nos visite o concerto e a comida do día 1 serán na Divina Pastora.

              CUATRO CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA

1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.

2º  VESTIR UN MAIO HUMANO, UNHA GRAN RESPONSABILIDADE:

-  APRENDER A VESTIR UN MAIO:  Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. Pero non é doado manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.

-SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible, cos brazos e maos atadas ao corpo.  Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.

3º/  CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN:  Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente,  cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dan algo ao maio, unha copla de agradecemento,  e se non  deron nada,  botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.

4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS:  Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios, parte substancial do ritual. Trátase de agradecer dalgunha maneira  traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens á porta da casa. E lembrade que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio”.

Tamén podes aprender a cantiga e a vestir un maio seguido os pasos que che indicamos na rede: 

domingo, 20 de abril de 2025

O CARTEL DA FESTA DO MAIO 2025: CO ENCANTO DO MAIO de Clara J. Aira